Bases constitucionais
As Bases Constitucionais ou Bases constitucionais pra participación da Nación Galega nun Pacto Federal, e de Governo Provisiorio, é un documento político de 1977 propugnado polo Consello de Forzas Políticas de Galicia integrado pola UPG, o PSG, o Partido Galego Social Demócrata (PGSD), o Movemento Comunista de Galicia (MCG) e o Partido Carlista de Galicia. Tratou de ser a proposta de ruptura democrática fronte ao modelo de transición política ao que se foron acollendo as principais forzas de ámbito estatal en Galicia. Participaron na súa redacción Xosé Vilas Nogueira, Ramón López Suevos e Camilo Nogueira Román. Cando se iniciou a preautonomía, constituíu a alternativa do nacionalismo rupturista fronte ao reformista que decidiu participar na redacción do Estatuto dos dezaseis.
Contido
[editar | editar a fonte]Consonte o principio de autodeterminación nacional, a soberanía política en Galicia corresponde ao pobo galego. Deberá constituírse un Goberno Galego provisorio coas forzas democráticas alleas á ditadura. A Nación Galega participará en pé de igualdade nun pacto federal cos lexítimos representantes dos pobos das diversas nacións integradas naquel intre no Estado Español. Os órganos federais, tanto lexislativos, executivos e xudiciais integraranse sobor da base da representación por nacións, en igualdade numérica, independentemente da poboación e territorio de cada unha delas.
Serán competencias federais, entre outras: as Forzas Armadas, a representación exterior, a declaración de guerra, política arancelaria e monetaria, a coordinación das políticas económica e fiscal das nacións federadas. Calquera competencia non mencionada corresponde ás nacións incluída a plena autonomía fiscal e financeira.
O idioma oficial da nación galega será o galego. O castelán utilizarase nas relacións coa Federación ou coas outras nacións. Prevese a creación de escolas en castelán para os nenos das familias castelán falantes. Asúmense os dereitos humanos recoñecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
O Programa económico contemplaba unha economía mixta de sentido basicamente socialdemócrata aínda que contemplaba a nacionalización da banca e dos recursos enerxéticos e mineiros e o fomento das cooperativas de produción.
Evolución
[editar | editar a fonte]O acordo sobre as Bases Constitucionais non evitou o fraccionamento do nacionalismo de esquerdas. Da plataforma ANPG (Asemblea Nacional Popular Galega), creada pola UPG, e na que se pensaba para exercer o poder constituínte, saíran persoas da importancia de César Portela, Xan López Facal ou Carlos Vázquez que constituíron APG, a Asemblea Popular Galega. Así mesmo, entrementres o PSG estaba disposto a reunirse coas forzas da oposición ao réxime para, coa súa presenza, defender as Bases, a UPG era contraria a colaborar coas alternativas que non recoñeceran de entrada os dereitos nacionais do pobo galego. Ademais, a UPG esixía ao PSG que non dialogara no seo da Federación de Partidos Socialistas existente no ámbito estatal e requiría do PSG e tamén do MCG que nutrise ao sindicalismo nacionalista cos seus efectivos.
A propia UPG sufriu unha crise interna que supuxo a destitución do seu secretario xeral Xosé González Martínez acusado de populismo pequeno-burgués. Unha escisión da UPG abertamente independentista fundou UPG-Liña Proletaria nunha senda seguida por forzas como o Partido Galego do Proletariado e a súa derivación Galicia Ceibe-OLN. Mentres, outro sector encabezado por Camilo Nogueira acabaría fundando o Partido Obreiro Galego (POG) disposto a pular nos resortes da democracia formal que estaba nacendo. Todas estas tensións remataron co Consello de Forzas Políticas de Galicia. Cada partido seguiu pola súa conta fiel á defensa das Bases, pero dun xeito descoordinado incapaz de facer fronte ás forzas que de vagar foron aceptando o proceso de transición aberto coa Lei da Reforma Política de Adolfo Suárez avalado polo 95% dos votos galegos vía referendo.
Nas primeiras eleccións democráticas o PSG de Xosé Manuel Beiras acadou 27 197 votos e unha porcentaxe do 2,41%; a UPG a través da agrupación de electores denominada Bloque Nacional Popular Galego acadaba 22 771 cunha porcentaxe do 2,02% . Pola súa parte, o Partido Galego Social Demócrata (PGSD) cunha dirección máis posibilista (Xosé Manteiga Pedrares, Alfonso Zulueta de Haz e Avelino Pousa Antelo) presentouse en coalición cun partido nacionalista demócratacristiano o Partido Popular Galego (PPG), apoiado por notables como Xaime Isla Couto, Xerardo Fernández Albor ou Fernando García Agudín e xuntos acadaban 23 014 votos e o 2,04% dos votos. As Bases Constitucionais non acababan de conectar cun electorado recentemente saído do franquismo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beramendi, J. De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais, 2007.
- Fernán Vello M.A. e Pillado mayor F. A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1986.
- Suso de Toro. Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista, Vigo, Edicións Xerais, 1991
- Beramendi, J. e Núñez Seixas. O Nacionalismo Galego, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 1995