Gatafornela
A gatafornela[2] (Circus cyaneus) é unha ave de rapina que cría na parte setentrional do hemisferio norte, incluíndo Canadá e parte dos Estados Unidos e o norte de Eurasia
Gatafornela | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Femia adulta | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Circus cyaneus' (Linnaeus, 1766) | |||||||||||||||
Distribución de C. cyaneus
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Circus hudsonius |
Descrición
editarSon rapaces de ás longas, dunha envergadura de ata 105 cm, que manteñen formando un V cando voan baixo. Os machos miden uns 43 cm de lonxitude fronte ós aproximadamente 51 cm das femias. Os machos pesan entre 300 e 400 g; as femias, claramente máis pesadas, de 410 a 710 g. Os dous sexos teñen plumaxes ben diferenciadas: as femias, moi semellantes ás doutras especies da familia, son castañas por riba, coas plumas cobertoiras da cola brancas e manchas castañas na parte inferior do corpo. Os machos adultos teñen o lombo gris cinza, a cabeza e o peito son cincentos, as puntas das ás son negras. Diferéncianse doutras especies do xénero Circus pola falta da faixa alar negra. Os exemplares novos son semellantes á femia, castaños coa parte inferior raiada. Son aves barulleiras, doadas de escoitar nos arredores do niño.
Hábitat e distribución
editarSon aves en xeral de paisaxes abertas: uzais, pantanos e zonas acuáticas con áreas de canaval. Estivo espallada case por toda Europa, coa excepción de Islandia, o norte de África e o oeste de Asia, pero hoxe desapareceu de moitas zonas. En Galicia é unha especie catalogada como vulnerable[3], estimándose que había en 2006 entre 68 e 119 parellas.[4]
Taxonomía
editarComprende dúas subespecies, só unha segundo algúns autores:
- Circus cyaneus cyaneus: que cría en Eurasia.
- Circus cyaneus hudsonius: norteaméricana, de exemplares con plumaxe máis escura e considerada por algúns ornitólogos unha especie separada co nome científico. C. hudsonius
Alimentación
editarCapturan as presas voando baixo coas ás formando un V e aproveitando os obstáculos do terreo para agacharse e caer sobre delas por sorpresa. O seu alimento principal son mamíferos pequenos e paxaros, aínda que capturan e comen tamén lagartos, ras e insectos. Os exemplares máis grandes poden atrapar crías de coello e perdices.
Reprodución
editarA partir dos meses de marzo ou abril comezan os seus voos de exhibición, moi vistosos. A parella voa xunta formando curvas, interrompidas por ascensos verticais do macho seguidos de caídas en picado. En ocasións un macho experimentado aparéllase con varias femias e ten que fornecer tódolos niños con alimentos.
Fan niños relativamente pequenos, construídos con herbas, follas e pauciños no chan, en zonas de vexetación mesta, preferentemente de terreos abertos. Poñen, cuns dous días de separación entre ovo e ovo, de 4 e 6 ovos con coloracións que varían do branco ó azul claro. Chocan entre 28 e 31 días, e os polos fican no niño 6 ou 7 semanas. Coma en case tódalas aves que crían no chan, as perdas de ovos e polos son moi elevadas: só chegan a voar de media 1,2 polos por niño, dos que o 60% morren no primeiro ano de vida.
Migracións
editarNa Europa occidental son aves sedentarias, mentres que os exemplares rusos e escandinavos pasan o inverno máis ó sur, no sur e centro de Europa e Turquía.
Nomes vulgares noutras linguas
editar- Alemán: Kornweihe
- Español: Aguilucho pálido
- Francés: Busard Saint-Martin
- Inglés: Hen Harrier
- Neerlandés: Blauwe kiekendief
- Polaco: Błotniak zbożowy
- Portugués: Tartaranhão-azulado
- Sueco: Blå kärrhök
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2013). "Circus cyaneus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Ficha no Catálogo de Fauna Vulnerable. Dirección Xeral de Conservación da Natureza
- ↑ Vázquez Pumariño, Xabier "Bioloxía e conservación do xénero Circus en Galicia" en Curso de aves rapaces: bioloxia e conservación, Grupo de Estudo de Animais Salvaxes, p. 22
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gatafornela |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Benny Génsbol, Walther Thiede; Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung, BLV Verlag München, 1997, ISBN 3-405-14386-1
Ligazóns externas
editar- A to Z of UK Birds(inglés)
- RSPB Conservación da Gatafornela no Reino Unido (inglés)