Franquismo

réxime político vixente en España entre 1939 e 1975, baseado no liderado do xeneral Francisco Franco
(Redirección desde «Réxime franquista»)

O franquismo foi o réxime político vixente en España entre 1939 e 1975, baseado no liderado do xeneral Francisco Franco Bahamonde. Tamén se chama franquismo á ditadura e ideoloxía pola que se rexeu España nesta época, tamén coñecida como nacionalcatolicismo, con elementos do fascismo.

Aguia franquista, parte da simboloxía do franquismo.

A orixe do franquismo foi a sublevación dunha parte do exército español contra o goberno da II República xustificándoo como un movemento contrarrevolucionario para impedir outro de inspiración comunista[1] para substituílo por unha ditadura militar de forma provisoria ou definitiva[2] pero que se converteu nun réxime autoritario[3] no que Franco exercía a xefatura vitalicia en concepto de Caudillo.

Historia

editar
 
Parte Oficial de Guerra asinado polo xeneral Franco.

Acabada a guerra civil española coa vitoria dos autodenominados nacionais, Franco pasou a ser a cabeza do Estado, proclamándose Caudillo de España pola graza de Deus. Nos primeiros anos, o réxime franquista levou a cabo unha forte represión contra os adversarios, a súa función era fundamental para paralizar o inimigo polo terror e estaba alentada polos máximos dirixentes[4], deu apoio a Hitler e a Mussolini (quen o apoiaran na guerra civil) e practicou unha política económica autárquica. Máis adiante, máis dunha década despois, o réxime estableceu contactos cos Estados Unidos e cambiou a política económica. Nos anos 60 produciuse un incremento notable en comparanza cos niveis mínimos da última época do nivel de vida da poboación en xeral (propiciado polo desenvolventismo económico), se ben o nivel de liberdade persoal e política non aumentou consecuentemente.

O franquismo como réxime político oficial rematou coa morte de Franco, que foi sucedido por decisión propia do xeneral polo rei Xoán Carlos I como Xefe de Estado, tras xurar os Principios do Movemento Nacional, o máis parecido a unha "Constitución franquista". A transición cara a un sistema político baseado nunha democracia parlamentaria foi relativamente moderada, tirantes as continuas ameazas de revoltas militares e a forte mobilización das masas traballadoras e estudantís.

Ideoloxía

editar

O franquismo comezou baseándose na doutrina do nacionalcatolicismo, executada pola Falange e a Comunión Tradicionalista, monárquica e carlista. Ao principio, tamén se aliaron outros sectores de dereitas: conservadores e algúns monárquicos lexitimistas. As bases do réxime foron a unidade nacional española, o catolicismo e o anticomunismo. O réxime foi unha ditadura militar e foi un réxime totalitario, con especial vehemencia e represión ao longo do que se coñece como primeira etapa. Isto non impediu que o réxime se autodefinise dende o principio como unha democracia orgánica que endexamais se homologou cunha democracia parlamentaria.

A partir das derrotas das potencias do Eixe na segunda guerra mundial, o réxime foi desbotando o seu carácter marcadamente profascista, aínda que seguiu utilizando a súa simboloxía. O franquismo tivo daquela que buscar novas alianzas internacionais, e foi diminuíndo o papel da Falange en favor doutros grupos. Na década dos anos 60 apareceu unha xeración de políticos tecnócratas que até certo punto rompeu o illamento internacional no que se atopaba o Estado.

Fundamentos

editar
  • Fascismo. Incorporado polo falanxismo, do que tomou os símbolos exteriores (camisa azul, saúdo brazo en alto, xugo e frechas etc.), o anticomunismo e o rexeitamento do liberalismo e da democracia parlamentaria.
  • Tradicionalismo. Corrente do pensamento español do século XIX, do que recolleu a idea do centralismo castelán e as glorias da España imperial dos Reis Católicos e dos Habsburgo.
  • Militarismo. Común en España dende o século XIX, atribuía ao exército o papel de defensor da unidade do Estado, o que se viu fortalecido pola súa sublevación militar de 1936 que rematou na guerra civil.
  • Catolicismo. A Igrexa católica deu o seu apoio ao golpe de Estado de 1936 e lexitimou o réxime implantado por Franco, a cambio da supremacía que lle outorgou a ditadura como referente moral da sociedade.[5][6] O nacionalcatolicismo é un termo referido tanto ao compoñente ideolóxico mestura de nacionalismo español e catolicismo de Estado, como ao réxime político do franquismo.[6] Noutros países de Europa houbo réximes nacionalcatólicos similares.

Galería de imaxes

editar
  1. Fontana 1986, p. 11
  2. Ismael Saz Fascismo y franquismo. Universitat de València, 2004, páxina 129
  3. J. Linz, “An Authoritarian Regime: Spain,” en Allardt e Rokkan, eds., Mass Politics: Studies in Political Sociology, 1964, pp. 251-283.
  4. Fontana 1986, p. 18
  5. Fernández Bulete, Virgilio (2013). Ciencias sociais: Historia. SM Xerme. ISBN 978-84-9854-281-3. 
  6. 6,0 6,1 García-Fernández, Mónica (2022-02). "From National Catholicism to Romantic Love: The Politics of Love and Divorce in Franco's Spain". Contemporary European History (en inglés) 31 (1): 2–14. ISSN 0960-7773. doi:10.1017/S0960777321000515. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar