María Barbeito

escritora galega

María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño, nada na Coruña o 2 de marzo de 1880 e finada na mesma cidade o 20 de novembro de 1970, foi unha pedagoga[1], escritora, tradutora, lingüista,[2] publicista, conferenciante e profesora galega.

Modelo:BiografíaMaría Barbeito
Nome orixinalMaría Nicolasa Paula Barbeito Cerviño
Biografía
Nacemento2 de marzo de 1880 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de novembro de 1970 Editar o valor en Wikidata (90 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora, pedagoga Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
FillosCarlos Martínez-Barbeito, Isabel Martínez-Barbeito Editar o valor en Wikidata
PaiAvelino Barbeito Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1098809 BUSC: barbeito-y-cervino-maria-1880-1970
Tumba de María Barbeito no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Traxectoria

editar
 
Escolas da Guarda

María Barbeito era filla do escritor Avelino Barbeito Hermosilla e de María Cerviño Vázquez, e foi educada nun ambiente liberal e culto.

En 1896 aprobou a reválida na Escola Normal como profesora de primeiro ensino superior, gañando praza nas oposicións de 1902 como mestra co número un da súa promoción con vinte e un anos. Escolleu como destino a Escola Graduada Pública de Párvulos "Da Guarda", na súa cidade local. Dende 1911 exerceu como directora da escola, que converteu nun colexio modelo, sendo pioneira na renovación pedagóxica. Introduciu en Galicia os principios de Maria Montessori[3] e o seu método, baseado en fundamentos psicopedagóxicos de liberdade e autoactividade dos nenos nun ambiente que favoreza o seu desenvolvemento. Así mesmo, introduciu o método dos centros de interese desenvolvidos polo belga Ovide Decroly, consistente en desenvolver un plan de estudo conforme cos intereses dos nenos en cada idade. Na memoria de actividades que redactou en 1932 recolleu o seu proxecto curricular e a súa metodoloxía educativa coa dotación de material do método Montessori que importou de Italia en 1915, coleccións de láminas didácticas, unha gramola para audicións musicais, unha biblioteca escolar e unha Biblioteca Popular Circulante, á que doou parte da súa colección bibliográfica.[4]

En 1933, obtivo por concurso de méritos o cargo de Inspectora Mestra dende o que creou un Plan de Lectura Global (1934) para as escolas da súa zona de inspección. En 1935 obtivo unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios grazas a cal emprendeu unha viaxe por Europa xunto con outros dez docentes españois. Visitou institucións educativas de Francia, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Italia nos que tomou contacto cos métodos pedagóxicos que se impartían en Europa.[5] Tralo regreso escribiu como resumo da viaxe e das visitas realizadas Países y Escuelas ("Países e escolas"), no que realiza unha crítica das prácticas pedagóxicas observadas aprobando aspectos como a gratuidade e a obrigatoriedade das escolas públicas de Bélxica, ou o espírito democrático das escolas alemás baixo os plans da pedagoxía Waldorf de Rudolf Steiner, ou o ambiente de escola activa de Milán impulsado por Giuseppina Pizzigoni.

En 1936, co triunfo do golpe militar, foi afastada do seu posto de mestra das escolas "Da Guarda"[6]. O proceso de depuración iniciouse no mes de setembro, e foi sinalada con falsas acusacións por unha compañeira de carreira que pretendía o seu posto: Rosa Buján, unha das instigadoras da "morte civil" da eminente pedagoga.[7] En 1941, con sesenta anos, foi destituída dos seus cargos académicos e forzada a xubilarse por razóns políticas.[8] Iniciou unha nova etapa retirada dos centros escolares dedicándose á escritura e á tradución de libros escritos en francés.

Entre os temas de interese dentro da área de pedagoxía figura o bilingüismo na escola galega sobre o que publicou un artigo no Boletín da Academia Galega en agosto de 1931,[9], en que recoñecendo o seu "rexionalismo puro" formula a necesidade do uso da lingua materna entre mestre e discípulos así como revindica:

Dedicar un día á semana para a lectura, escritura e conversa na lingua vernácula para todos os alumnos sen distinción. Lecturas e recitacións ese mesmo día, dos nosos poetas e prosistas máis destacados.[10]

No seu desexo de ofrecer aos nenos e nenas unha boa educación, embarcouse nunha serie de actividades que cubran as necesidades básicas dos mesmos buscando o seu benestar social como base dun desenvolvemento mental. Por iso, realizou unha intesa labor asistencial a través de diversos proxectos como "Gota de Leche", "Casa Cuna", "Comedor y ropero Da Guarda", "Colonias Escolares para Niños pretuberculosos", e foi presidenta da Asociación Concepción Arenal para protección e rehabilitación do Preso.

"El niño descalzo" foi un organismo que fundou en colaboración co director de La Voz de Galicia coa fin de repartir calzado entre os escolares pobres da cidade; tamén participou na "Xunta de protección á infancia" e promoveu a "Festa da Flor", celebrada por primeira vez na Coruña o 11 de agosto de 1912 para auxilio de organismos benéficos dedicados á infancia. A "Festa da Flor" propúxoa o 2 de marzo de 1912 nunha conferencia que impartiu na Escola Normal de Mestras seguindo o modelo de recadación que se realizaba noutros países de Europa. Apoiada por autoridades e personalidades, mentres se celebraban as festas da cidade numerosas postulantes entregaban flores a cambio dunha doazón que se repartiría entre as distintas institucións de beneficencia infantil. Debido ao seu éxito, a partir do ano 1913 a Festa da Flor celebrouse noutras cidades españolas e dende 1914, por orde do Goberno, a súa recadación sería destinada á loita contra a tuberculose.[11]

Pertenceu ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e obtivo diversos premios literarios e distincións como a Medalla de Mutualidades, a Cruz de Beneficencia e a Medalla de Ouro da Cruz Vermella. Como muller declarou "son feminista, aínda que non revolucionaria" insistindo na importancia da educación das mulleres e sendo firme defensora dos dereitos da muller.[4]

Achegas pedagóxicas

editar

María Barbeito mostrouse sempre contraria á ensinanza baseada na memorización e opta por unha metodoloxía que aproveite os recursos da comunidade e fomente a observación.[12] Para ela, educar non significaba transmitir coñecementos, senón formar aos nenos e ás nenas para que poidan adquirilos por si mesmos, defendendo unha educación renovadora, libre e creativa. Por esa razón eliminou os sistemas memorísticos e incluíu as referencias didácticas e pedagóxicas que viñan das reflexións do filósofo americano John Dewey, así como tamén as do médico e psicopedagogo belga Decroly, coa súa pedagoxía baseada na metodoloxía dos centros de interese.[13]

Cuestionaba que a aprendizaxe da gramática se apoiase nun conxunto de regras e definicións. Na súa opinión, o importante era conseguir o dominio da linguaxe, e para atinxilo propuxo que se favorecesen as conversas.[12] Tampouco cría que se debía basear o estudo da historia na memorización de datos, senón que era preciso darlle un sentido vivo e humano, o que implicaba estudar os feitos históricos pola influencia que exerceron sobre a humanidade.[12]

Defendía a instalación de escolas públicas (“escolas de todos”) fronte ás clasistas. Introduciu a música e a ximnasia rítmica na escola, ao igual que abriu comedores, roupeiros e colonias escolares. Nas Escolas da Guarda engadiu a observación antropolóxica e o uso de fichas para o estudo psíquico individualizado de cada alumno e alumna.[13] Tamén foi unha gran promotora da coeducación [13] de ambos xéneros e do emprego da lingua galega nas aulas.

Como proba das prácticas pedagóxicas observadas nas escolas europeas, propuxo a través dun escrito certas innovacións ás escolas, entre elas a relación epistolar entre alumnado, diarios escolares, arquivos de traballos dos nenos e nenas, xardín escolar, sesións de cine, creación dun xornal escolar, museos da escola e representacións teatrais infantís.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega[14] e formou parte da sección pedagóxica do Instituto de Estudos Galegos.[15]

Vida persoal

editar

En 1909 contraeu matrimonio con Juan Martínez Morás, fillo de Andrés Martínez Salazar,[16] con quen tivo tres fillos: Juan María, Carlos e Isabel.

Escribiu numerosos artigos e libros entre os que destacan:

  • Niños y educadores (1913), conferencia pronunciada na Reunión de Artesáns da Coruña o 4 de maio de 1913.[17]
  • La mujer, antes, ahora y después (1934), conferencia pronunciada o 19 de maio de 1934 ante a Agrupación Republicana Feminina.[18]
  • Concepción Arenal. Breviario humano (1949, 1974), antoloxía de pensamentos que realizou e prologou María Barbeito en homenaxe a Concepción Arenal.[19]
  • Países y escuelas (1975).
  1. Marín Eced, T.: Innovadores de la educación en España: becarios de la junta para ampliación de estudios. Volumen 7 de Monografías. Cuenca, 1991. Ed. ilustrada Universidad de Castilla La Mancha. 439 pp. ISBN 84-7729-107-1
  2. Fernández Salgado, B.: Os rudimentos da lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX, 1913-1936. Volumen 47 de Verba: Anexo. Ed. Univ. Santiago de Compostela, 2000. 353 pp. ISBN 84-8121-859-6
  3. Josefina Aldecoa, Aurora Marco, Consuelo Flecha: Treinta retratos de maestras. De la Segunda república a nuestros días. Ed. WK Educación, 2005. 207 pp. ISBN 84-7197-831-8
  4. 4,0 4,1 Romero Masiá, p. 296
  5. Josefina Aldecoa, Aurora Marco, consuelo Flecha. 2005. Treinta retratos de maestras. De la Segunda república a nuestros días. Ed. WK Educación. páx. 44. ISBN 84-7197-831-8 en liña.
  6. Dopico, Montse (22-06-2015). "“A María Barbeito non a fusilaron, pero afastala da escola foi como matala en vida”". praza.gal. 
  7. coruña, a (2018-03-04). "Rosa Buján contra María Barbeito". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2023-02-14. 
  8. Aurora Marco, Anxo Serafín Porto Ucha: A Escola Normal de Santiago de Compostela: de Escola Normal Superior a Escola Universitaria, 1849-1996. Volume 6 de Textos históricos Fonseca. Universidade de Santiago de Compostela, 2000. 378 pp. ISBN 84-8121-854-5
  9. Barbieto y Cerviño, María (agosto de 1931). "El bilinguismo en la escuela". Boletín de la Academia Gallega. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2017. Consultado o 14 de outubro de 2017. 
  10. En castelán, "Dedicar un día a la semana para la lectura, escritura y conversación en la lengua vernácula para todos los alumnos sin distinción. Lecturas y recitaciones ese mismo día, de nuestros poetas y prosistas más destacados."
  11. María Barbeito crea la Fiesta de la Flor
  12. 12,0 12,1 12,2 Borrajo, Genara Borrajo (2010). "María Barbeito y Cerviño, grande impulsora da escola de párvulos". Eduga: revista galega do ensino (58): 4. ISSN 2171-6595. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Costa Rico, Antón (2019). María Barbeito no Album de Galicia. Consello da Cultura Galega. 
  14. "Membros correspondentes". Real Academia Galega. 
  15. "María Barbeito y Cerviño". dbe.rah.es. Consultado o 2021-01-04. 
  16. Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito
  17. "Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia". biblioteca.galiciana.gal. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e. 6 de xuño de 2011. Consultado o 14 de outubro de 2017. 
  18. "Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia". biblioteca.galiciana.gal. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e. 6 de xuño de 2011. Consultado o 14 de outubro de 2017. 
  19. "Breviario humano". Biblioteca Digital Hispánica. Consultado o 14 de outubro de 2017. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar