José Luis Penado
José Luis Penado Gómez, nado en Pontevedra en 1928 e finado na mesma cidade o 13 de setembro de 2016, foi un escultor galego. Dotado dunha óptica moi persoal, deixou unha abundante obra, a maioría realizada en ferro, o seu material fetiche.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de agosto de 1928 Pontevedra, España |
Morte | 13 de setembro de 2016 (88 anos) Pontevedra, España |
Actividade | |
Ocupación | escultor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Galega Universal |
Traxectoria
editarDende a súa xuventude amosou interese pola arte, tanto plástica coma musical. Asistiu a clases de debuxo e pintura con Castelao e Laxeiro. A súa estancia en Madrid para facer o servizo militar permitiulle ampliar o seu horizonte artístico, descubrindo obras como as de Julio González. Os seus inicios na escultura foron traballando a madeira, pero na década de 1950 emigrou a Venezuela, vivindo en Caracas, onde traballou na metalurxia, como encargado nun taller de soldadura. Alí asimilou novas técnicas e a partir dese momento entregouse por completo ó ferro, material co que creou as súas obras máis notables.
Volveu a España en 1965 e instalouse na súa Pontevedra natal. Dous anos máis tarde realizou a súa primeira exposición na Sala de Información e Turismo, na que xa amosaba o seu interese polo oficio artesanal da forxa. Despois realizou mostras en Madrid, Vigo, Ourense, Salamanca, Valladolid, Sevilla, Barcelona e Pamplona.
En 1996 tivo lugar unha exposición de esculturas súas na Casa de Galicia de Madrid.[1]
Xa como artista consolidado incorporou novos materiais á súa obra, o aceiro e o bronce, e nos seus últimos anos incorporou o estaño e engadiu cor á súa mirada abstracta sobre a natureza.
No ano 2014 foi protagonista dunha exposición antolóxica que organizou o Museo de Pontevedra, no Edificio Sarmiento.[2]
Faleceu na súa cidade natal o 13 de setembro de 2016.
Obra
editarFoi un creador moi prolífico, realizando pezas para diferentes institucións públicas e privadas e tamén para diferentes templos de Galicia, destacando a impresionante cruz monumental situada na igrexa neogótica de Caritel.[3] Na Pousa, entre Caritel e Forzáns, estaba situada unha escultura en homenaxe o Can de palleiro, encargada por Manuel Cordo Boullosa en 1973 e desaparecida desde 2016.[4]
Foi autor da popular figura do papagaio Ravachol situada na praza da Peregrina, en Pontevedra.[5] Tamén destaca o monumento urbano Aí veñen os mariñeiros situado na praza Elíptica da Coruña[6] e o Monumento á árbore, situado na praza de Barcelos de Pontevedra.[7]
Tamén existen obras súas no Museo de Pontevedra e no Museo Taurino de Pamplona.
Premios e recoñecementos
editar- Premio Meigas e Trasnos de Sarria, en 1973
- Primeiro premio do Concello do Grove, en 1981.
- Título de “Amigo de Pontevedra”, en 1996
Notas
editar- ↑ Castro & Castro Couso 1996.
- ↑ Penado & de San Ildefonso Rodríguez 2014.
- ↑ Martínez Plasencia, Mercedes; Sánchez Cora, Teresa (2004). Memoria Escrita dun Pobo. 1500-1936 V. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-201-5.
- ↑ "Indignación en Caritel polo roubo do monumento ao can de palleiro". PontevedraViva. 20 de maio de 2016.
- ↑ "O ferro escultórico de José Luis Penado amósase no Edificio Sarmiento". Pontevedra Viva. 18-10-2014. Consultado o 09-11-2023.
- ↑ García de Burgos, Carmen (15-09-2016). "O escultor do baleiro que soldaba a antollo o ferro e a súa propia vida". La Voz de Galicia. Consultado o 09-11-2023.
- ↑ Barral, Serxio (21-10-2019). "A nova vida da praza de Barcelos". La Voz de Galicia.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Luis Penado |
Bibliografía
editar- Castro, X. Antón; Castro Couso, Alberto (1996). José Luis Penado del 4 al 30 de junio, Casa de Galicia, Madrid. Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Presidencia. ISBN 84-453-1702-4.
- Cendán Caaveiro, Susana (2002). "José Luis Penado Goméz". Autores galegos. Vol. 2: Figuracións-Abstraccións. Nova Galicia Edicións. ISBN 84-96070-05-0.
- Fernández Bañuelos, Paula (2009). Tan cerca, tan lejos. Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa: Arte Contemporáneo y Energía AIE. ISBN 978-84-613-5601-0. OCLC 733848272.
- Penado, José; San Ildefonso Rodríguez, Beatriz de (2014). Ideas soldadas: do 17 de outubro ó 16 de novembro de 2014, Museo de Pontevedra, Edificio Sarmiento. Museo de Pontevedra. ISBN 978-84-95632-66-1.
- "Penado Gómez, José Luis". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
editar- "José Luis Penado Gómez". Afundación.
- "Bibliografía de escultura gallega: José Luis Penado Gómez, Pontevedra, 1928". Pintores de Galicia.