José Casares Gil
José Casares Gil, nado en Santiago de Compostela o 10 de marzo de 1866 e finado o 21 de marzo de 1961, foi un farmacéutico galego. Foi o precursor do desenvolvemento actual da Química en España.
Traxectoria
editarPertencente a unha familia de profesores universitarios, licenciouse en farmacia en 1884 pola USC. En 1888 logrou a primeira cátedra de Análise Química e Técnica Física da Facultade de Farmacia de Barcelona, da que pasou á de Madrid en 1905. Estudou tamén ciencias, e organizou as ensinanzas básicas da carreira.
En 1896 foi a Múnic en viaxe de estudos, traballando baixo a dirección do profesor Adolph Baeyer. Alí puido coñecer as técnicas da investigación química, que tanto esplendor tiñan naquel entón en Alemaña. Foi condiscípulo entre outros de Richard Martin Willstätter, Heinrich Otto Wieland, cos que mantivo amizade e vencello toda a súa vida.
Estivo en París completando a súa formación con Henri Moissan, o descubridor do flúor e autor de técnicas de investigación en baixas e altas temperaturas. En 1899 viaxou a Nova York, onde traballou con Alexander Smidt na separación de metais nobres e terras raras.
De regreso á Universidade de Barcelona, pronunciou un célebre discurso de apertura do curso 1900-01, expoñendo o atraso das universidades do estado español, nas que, malia haber excelentes conferenciantes, non se producían achegas orixinais a unha ciencia que camiñaba a pasos axigantados.
Foi elixido académico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais o 6 de decembro de 1911, ingresando o 15 de xuño de 1913 cun discurso sobre a valencia química. Foi designado presidente o 24 de xaneiro de 1940, renunciando o 11 de xuño de 1958. En función deste posto, foi procurador en Cortes.
Na actualidade existe a Fundación José Casares Gil[1] de amigos de la Real Academia Nacional de Farmacia.
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Casares Gil |
Bibliografía
editar- Casares López, Román (1987). Recuerdos de una vida: José Casares Gil, Madrid (Monografías Beecham n.° 34).
- Díaz-Fierros, F.; Fraga, X. A.; Mato, A., eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: CCG. ISBN 978-84-92923-94-6.
- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
Ligazóns externas
editar- Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España (en castelán).
- Traxectoria na páxina de Biografias y Vida (en castelán).
- Bermejo Patiño, Manuel; Fandiño Veiga, Xosé Ramón (7/3/2013). "José Casares Gil". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
- Gurriarán, Ricardo. "José Casares Gil". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Gurriarán, Ricardo. "José Casares Gil". Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.