Giardia intestinalis
- Para a enfermidade producida por este protozoo vexa xiardíase.
Giardia intestinalis | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Giardia | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
'Giardia intestinalis' (Lambl, 1859) Kofoid & Christiansen, 1915 | |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
Giardia lamblia, Lamblia intestinalis |
O protozoo Giardia intestinalis, tamén chamado Giardia lamblia (outros sinónimos utilizados son Giardia duodenalis e Lamblia intestinalis), é un flaxelado parasito que coloniza e se reproduce no intestino delgado, causando unha enfermidade de tipo diarreico chamada xiardíase. O parasito únese ao epitelio intestinal por un disco ventral adhesivo, e reprodúcese por fisión binaria.[1] O protozoo non se estende por vía sanguínea, polo que non pasa a outras partes do corpo, xa que permanece confinado no lume do intestino delgado.[2] O trofozoíto de Giardia absorbe os seus nutrientes do lume do intestino delgado, e é anaerobio. O organismo tinguido nas preparacións ten un aspecto que lembra a unha cara sorrindo. As principais vías para a infección en humanos son a inxestión de auga non debidamente tratada, o que é especialmente común en países subdesenvolvidos economicamente;[3] pero tamén pode haber augas naturais contaminadas en zonas gandeiras.
Microscopía e metabolismo
editarÉ un microorganismo de 15-20 μm de lonxitude, que se pode presentar en forma de trofozoíto ou de quiste. O trofozoíto é a forma vexetativa que se alimenta e reproduce e provoca os síntomas da xiardíase. O quiste é a forma de resistencia e transmisión. Con microscopio óptico, o trofozoíto de Giardia semella unha "cara de pallaso", con dous núcleos perfilados por discos adhesivos que teñen o aspecto de "ollos", situados sobre corpos mediais escuros que parecen unha "boca". Os quistes que forma Giardia son ovais, teñen catro núcleos.
O trofozoíto é piriforme e con simetría bilateral. Posúe oito flaxelos, 2 anteriores, 2 posteriores, 2 ventrais e 2 caudais, que lle dan mobilidade. Na cara ventral presenta unha estrutura con forma de disco bilobulado, que lle serve para fixarse á superficie do epitelio intestinal. Na cara dorsal encima do disco bilobulado hai dous núcleos ovalados con grandes cariosomas (agrupacións de cromatina no núcleo) e falta de cromatina periférica, dándolle aos seus dous núcleos unha aparencia de halo. Ao longo da superficie ventral existen uns elementos chamados corpos mediais. Reprodución por división binaria lonxitudinal moi rápida. Alimentación por fagocitose e pinocitose do contido intestinal a través da superficie dorsal.
O quiste ten unha lonxitude de 15 μm con forma ovalada. Posúe 4 núcleos que sempre aparecen nun polo da célula. Non ten flaxelos pero si restos dos axonemas flaxelares, e os corpos mediais duplicados. A parede é transparente e moi resistente tanto a factores físicos coma químicos.
Giardia é un parasito que carece de mitocondrias, de aí que teña un metabolismo fermentativo, polo que é un dos poucos eucariotas que carecen dese orgánulo. Pero, aínda que carecen de mitocondrias, teñen uns orgánulos especiais que son vestixios das mitocondrias, polo que se considera que "Giardia non era primitivamente amitocondrial e que retivo un orgánulo funcional derivado do endosimbionte mitocondrial orixinal" [4] Este orgánulo denomínase mitosoma. Tampouco teñen aparato de Golgi.
Giardia depende da glicosa como a súa maior fonte de enerxía e degrada fermentativamente a glicosa a etanol, acetato e dióxido de carbono. Como carece de mitocondrias non ten ciclo do ácido cítrico, fosforilación oxidativa e ciclo do glutatión.[5] Pode utilizar tamén arxinina como fonte de enerxía.[6] Posúe rutas bioquímicas peculiares que suxiren que diverxiu doutros eucariotas nun estadio temperán da evolución.[6]
As vitaminas do grupo B e os sales biliares, xunto coa glicosa, son necesarios para a supervivencia de Giardia, e viuse nos ratos que unha dieta baixa en carbohidratos reduce o número de células de Giardia.[7]
Hóspedes
editarGiardia infecta a humanos, pero tamén a moitos animais, e é un dos parasitos máis comúns en gatos, cans e aves. Os hóspedes mamíferos tamén inclúen a vacas, castores, cervos, e ovellas.
Transmisión
editarA infección por Giardia pode occorer pola inxestión de quistes dormentes que se atopan en augas contaminadas, comida ou pola ruta fecal-oral (en prácticas hixiénicas deficientes). O quiste pode sobrevivir durante semanas ou meses en auga fría,[8] polo que pode estar presente en augas de pozo contaminadas e outros sistemas acuáticos, como augas encoradas e estanques, sistemas de almacenamento de auga pluvial, e ás veces mesmo en regatos de montaña aparentemente limpos. Mesmo pode haber quistes nos depósitos de tratamento de auga, xa que os quistes resisten os tratamentos de auga convencionais, como a cloración e a ozonólise.[8] A transmisión zoonótica é tamén posible, e pode producirse en acampadas en lugares naturais ou por nadar en lagos onde hai animais salvaxes.
A transmisión fecal-oral pode ocorrer, por exemplo en garderías, onde os rapaces teñen ás veces deficientes prácticas hixiénicas. Os que traballan con nenos tamén teñen risco de infección, e os seus familiares se os nenos están infectados. Como non todas as infeccións por Giardia son sintomáticas, hai moitos portadores do parasito que non saben que o teñen.
Ciclo de vida
editarO seu ciclo de vida empeza cando un quiste non infectivo se excreta coas feces dun individuo infectado. O quiste é resistente e proporciona protección á calor e ao frío, desecamento, e infección por parte doutros organismos. Unha característica distintiva do quiste é que ten catro núcleos e un citoplasma retraído. Unha vez que un hóspede o inxeriu, emerxe con forma de trofozoíto pasando a un estado activo móbil, que se alimenta. Despois deste período de alimentación, o trofozoíto realiza unha replicación sexual por fisión lonxitudinal. Os trofozoítos e quistes que se orixinan despois pasan polo aparato dixestivo e son expulsados coas feces. Aínda que se poden atopar trofozoítos nas feces, só os quistes poden sobrevivir fóra do hóspede.
Xiardíase
editar- Artigo principal: Xiardíase.
A enfermidade causada polo parasito denomínase xiardíase. A colonización do intestino por este parasito causa unha inflamación dos villi intestinais e a atrofia da capacidade de absorción intestinal. Ás veces a infección é asimtomática,[8] pero outras veces produce principalmente diarrea, malestar, flatulencias moi cheirentas, esteatorrea (graxa nas feces), dor epigástrica e outros síntomas.[8] Pode causar deficiencia de vitamina B12, debido á diminución da absorción intestinal.[9]
Investigación
editarGiardia alterna entre dúas formas: unha forma de resistencia, dormente, que é un quiste que contamina as augas e a comida, e unha forma activa, que causa a enfermidade e que emerxe cando se inxire o parasito. Frances Gillin da Universidade de California, San Diego e o seu equipo identificaron os sinais bioquímicos do aparato deixestivo do hóspede que desencadean as transformacións que sofre Giardia no seu ciclo vital.[10][11] Tamén descubriron varios modos en que o parasito evade as defensas do hóspede. Unha delas é alterar as proteínas da súa superficie, o cal confunde o sistema inmunitario do hóspede (isto chámase variación antixénica). Os traballos de Gillin revelan por que as infeccións por Giardia son persistentes e recorrentes, o que podería servir para idear novas estratexias de loita contra o parasito.
En 2008, Nature publicouse o descubrimento dun mecanismo de interferencia de ARN que permite a Giardia cambiar as súas proteínas de superficie VSPs (Variant-Specific Surface Proteins) para evitar a resposta inmune do hóspede.[12]
Xenómica
editarGiardia e as outras diplomónadas caracterízanse pola posesión de dous núcleos celulares similares en aparencia, en contido de ADN, na súa transcrición e no seu tempo de replicación. Teñen tres cromosomas por xenoma haploide. O xenoma foi secuenciado e publicado en 2007, aínda que quedaron varias zonas sen secuenciar. A secuencia é de aproximadamente 12 millóns de pares de bases e contén uns 5.000 xenes codificadores de proteínas.[13] O contido GC (de guanina-citosina) é do 46%. Os trofozoítos teñen unha ploidía de catro e a ploidía do quiste é de oito, o que formula a incógnita de como mantén Giardia a homoxeneidade entre os cromosomas dos seus núcleos. Utilizáronse modernas tecnoloxías de secuenciación para resecuenciar diferentes estirpes ou cepas.[14]
Giardia suponse que era primitivamente asexual e non tiña maneira de transferir ADN entre os núcleos. Esta asunción fai moi difícil explicar o notablemente baixo nivel de heterocigosidade alélica (< 0,01%) achado nalgúns xenomas do organismo. Porén, todas estas asuncións están hoxe postas en dúbida ao identificárense xenes meióticos, que son evidencia da recombinación entre estirpes e do intercambio de material xenético entre os núcleos durante o proceso de enquistación.[15]
Ata hoxe descubríronse sete xenotipos (nomeados do A ao G). Deles, o xenotipo B é o máis común. Só os tipos A e B son infecciosos para os humanos.
Historia e nome da especie
editarActualmente utilízanse para esta especie tres nomes: Giardia intestinalis, Giardia lamblia e Giardia duodenalis, o que pode levar a confusión, e é resultado da complexa historia da asignacion de nome deste parasito, que fai complicada a aplicación das regras de prioridade na denominación. O nome Giardia vén do científico Alfred Mathieu Giard, e lamblia vén do científico Vilem Dušan Lambl. Esta historia pode resumirse así:
- O trofozoíto de Giardia observouno por primeira vez en 1681 Antoni van Leeuwenhoek nas súas propias deposicións diarreicas. En observacións modernas comprobouse que cos microscopios de Leeuwenhoek é posible ver este parasito.[16]
- O organismo foi despois descrito con detalle por Vilém Dušan Lambl en 1859. No seu honor déuselle máis tarde a denominación lamblia (como xénero ou como epíteto de especie), pero el non o chamou así, senón Cercomonas intestinalis (de aí procede o termo intestinalis).
- En 1882 e 1883, Johann Künstler describiu un organismo atopado nas larvas de anfibios (posiblemente o que hoxe se chama Giardia agilis) que el denominou Giardia en honor do profesor francés Alfred Mathieu Giard, e foi a primeira vez que se utilizou Giardia como nome de xénero.
- En 1888 Raphaël Blanchard propuxo o nome Lamblia intestinalis,[17] en honor de Lambl.
- Despois Stiles cambioulle o nome a Giardia duodenalis en 1902 e despois a Giardia lamblia en 1915.[18]
- O mesmo ano (1915), Kofoid e Christiansen escribiron que o nome do xénero Lamblia (Blanchard 1888) debería cambiarse a Giardia (Kunstler 1882) pola regra de prioridade [19]
- En 1922 Simon, utilizando criterios morfolóxicos distinguiu entre as especies Giardia lamblia e Giardia muris, aceptando Giardia lamblia como nome para a especie que infectaba a humanos.
- Filice en 1922 revisou de novo o xénero Giardia e publicou unha detallada descrición morfolóxica e propuxo o nome de tres especies baseándose na morfoloxía do corpo medio: Giardia agilis, Giardia duodenalis e Giardia muris.
Coñécense casos antigos de epidemias de disentería posiblemente causados por Giardia, como a que afectou aos cruzados en Palestina nos séculos XII e XIII.[20] Hai casos modernos, como os depósitos de auga contaminados por Giardia en Noruega (Bergen, 2004, e Oslo, 2007) ou en Sidney, Australia en 1998.[21][22]
Notas
editar- ↑ Oxford textbook of Medicine, Fourth Edition, Volume 1 (2003) Oxford University Press pp.759-760 ISBN 0-19-262922-0
- ↑ Harrison's Internal Medicine, Harrison's Online Chapter 199 Protozoal intestinal infections and trochomoniasis
- ↑ C.Michael Hogan. 2010. Water pollution. Encyclopedia of Earth. eds. Mark McGinley and C. Cleveland. National Council for Science and the Environment. Washington DC.
- ↑ Tovar J; León-Avila G; Sánchez LB; et al. (2003). "Mitochondrial remnant organelles of Giardia function in iron-sulphur protein maturation". Nature 426 (6963): 172–6. PMID 14614504. doi:10.1038/nature01945.
- ↑ "Giardia - MicrobeWiki". Microbewiki.kenyon.edu. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2020. Consultado o 2010-07-29.
- ↑ 6,0 6,1 Brown DM, Upcroft JA, Edwards MR, Upcroft P (1998). "Anaerobic bacterial metabolism in the ancient eukaryote Giardia duodenalis". International Journal for Parasitology 28 (1): 149–64. PMID 9504342. doi:10.1016/S0020-7519(97)00172-0.
- ↑ Erlandsen; Meyer (1984). Giardia and Giardiasis. New York: Plenum Press. ISBN 0-306-41539-9.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Huang DB, White AC (2006). "An updated review on Cryptosporidium and Giardia". Gastroenterol. Clin. North Am. 35 (2): 291–314, viii. PMID 16880067. doi:10.1016/j.gtc.2006.03.006.
- ↑ Cordingley FT, Crawford GP (1986). "Giardia infection causes vitamin B12 deficiency". Australian and New Zealand Journal of Medicine 16 (1): 78–9. PMID 3458451. doi:10.1111/j.1445-5994.1986.tb01127.x.
- ↑ Hetsko ML, McCaffery JM, Svärd SG, Meng TC, Que X, Gillin FD (1998). "Cellular and transcriptional changes during excystation of Giardia lamblia in vitro". Experimental Parasitology 88 (3): 172–83. PMID 9562420. doi:10.1006/expr.1998.4246.
- ↑ Svärd SG, Meng TC, Hetsko ML, McCaffery JM, Gillin FD (1998). "Differentiation-associated surface antigen variation in the ancient eukaryote Giardia lamblia". Molecular Microbiology 30 (5): 979–89. PMID 9988475. doi:10.1046/j.1365-2958.1998.01125.x.
- ↑ César G. Prucca, Ileana Slavin, Rodrigo Quiroga, Eliana V. Elías, Fernando D. Rivero, Alicia Saura, Pedro G. Carranza & Hugo D. Luján. Antigenic variation in Giardia lamblia is regulated by RNA interference. Nature 456, 750-754 (11 December 2008). doi:10.1038/nature07585; Received 20 August 2008; Accepted 6 October 2008. PMID 19079052. [1]
- ↑ Morrison HG; McArthur AG; Gillin FD; et al. (2007). "Genomic minimalism in the early diverging intestinal parasite Giardia lamblia". Science 317 (5846): 1921–6. PMID 17901334. doi:10.1126/science.1143837.
- ↑ Franzén O; Jerlström-Hultqvist J; Castro E; et al. (2009). Petri, William, ed. "Draft Genome Sequencing of Giardia intestinalis Assemblage B Isolate GS: Is Human Giardiasis Caused by Two Different Species?". PLoS Pathogens 5 (8): e1000560. PMC 2723961. PMID 19696920. doi:10.1371/journal.ppat.1000560.
- ↑ Adam, RD and Svard, SG (2010). "Giardia: Nuclear and Chromosomal Structure and Replication". Anaerobic Parasitic Protozoa: Genomics and Molecular Biology. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-61-5.
- ↑ Ford BJ (2005). "The discovery of Giardia" (PDF). The Microscope 53 (4): 148–153.
- ↑ Blanchard R (1888). "Remarques sur le mégastome intestinal". Bulletin de la Société Zoologique de France 13: 18.
- ↑ Hegner RW (1922). "The systematic relationship of Giardia lamblia Stiles, 1915, from man and Giardia agilis Künstler 1882 from the tadpole". American Journal of Epidemiology 2 (4): 435.
- ↑ Kofoid CA, Christiansen EB (1915). "On the Life-History of Giardia". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 1 (11): 547–52. PMC 1090891. PMID 16576068. doi:10.1073/pnas.1.11.547.
- ↑ Mitchell, Piers D.; Stern, Eliezer; Tepper, Yotam (2008). "Dysentery in the crusader kingdom of Jerusalem: an ELISA analysis of two medieval latrines in the City of Acre (Israel)". Journal of Archaeological Science 35 (7): 1849. doi:10.1016/j.jas.2007.11.017.
- ↑ AVJonathan Tisdall . "Oslo water unsafe - Aftenposten - News in English". Aftenposten.no. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2009. Consultado o 2010-07-29.
- ↑ "Hovedside - Vann- og avløpsetaten - Oslo kommune". Vann-og-avlopsetaten.oslo.kommune.no. Consultado o 2010-07-29.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giardia intestinalis |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- GiardiaDB: The Giardia lamblia genome sequencing project
- Centers for Disease Control and Prevention (CDC) Giardia Information
- United States Environmental Protection Agency fact sheet on Giardia in water
- Giardia article at MicrobeWiki Arquivado 07 de xuño de 2020 en Wayback Machine.
- http://diarrhea.emedtv.com/giardia-lamblia/giardia-lambia.html Arquivado 09 de novembro de 2012 en Wayback Machine.