Estado
Un Estado[1] é unha organización política constituída por un conxunto de institucións burocráticas estables, a través das cales exerce o monopolio do uso da forza (soberanía) aplicada a unha poboación dentro duns límites territoriais establecidos.[2][3][4][5][6][7][8]
Moitas sociedades humanas foron gobernadas por estados durante milenios; con todo, a maioría das persoas na prehistoria vivían en sociedades sen estado. Os primeiros estados xurdiron hai uns 5500 anos xunto co rápido crecemento das cidades, a invención da escritura, e a codificación de novas clases de relixión. Co tempo, desenvolveuse unha variedade de formas diferentes de estados, empregando unha variedade de xustificacións para a súa existencia (como o dereito divino, a teoría do contrato social etc.). Hoxeen día, con todo, o estado-nación moderno é a forma predominante de estado a que están sometidas as persoas.
O concepto de estado
editarA definición non é fácil pois depende da orientación ideolóxica ou científica de cada autor. Porén, a maior parte coinciden nos trazos esenciais. Hai tres grandes orientacións de fondo das que depende en cada caso a definición de estado.
Deontolóxicas
editarO Estado caracterízase pola finalidade que cumpre e polos valores que realiza. Non importa tanto o que é como o que deber ser ou facer o Estado. Na tradición clásica o Estado está orientado e xustificado pola idea do Ben Común.
- Maurice Hauriou: O estado é Réxime que adopta unha nación mediante unha centralización xurídica e política que realizase pola acción dun poder político e a idea de res pública como conxunto de medions que se poñen en común para realizar o Ben Común.
- Lucas Verdú: Sociedade territorial xuridicamente organizada, con poder soberano, que persegue o benestar xeral..
Sociolóxicas
editarA referencia fundamental non é a finalidade senón o mesmo fenómeno do poder. O substancial é que o estado é unha estrutura de dominación e que consegue, polas razóns que sexan, a obediencia dos cidadáns. Constatase e descríbese o ser, non o deber ser.
- Hermann Heller: Unha estrutura de dominio duraderamente renovada a través dun obrar común actualizado representativamente que ordena en última instancia os actos sociais sobre un determinado territorio.
- Max Weber: O estado moderno é unha asociación de dominio de tipo institucional que, no interior dun territorio, tratou de monopolizar a coacción física lexítima como instrumento de dominación e que, con esta finalidade, conseguíu reunir nas mans dos seus dirixentes os medios materiais de xestión, pero habendo expropiado dos mesmos aos (poderes estamentais) que dispoñían daqueles, e situaronse, en lugar deses poderes, na cima suprema.
Xurídicas
editarEnmarcanse dentro do tipo das construcións xurídico-formais que fan unha análise da realidade política en termos estritamente xurídicos ou normativos. A figura máis destacada desta corrente formalista é Hans Kelsen. Para este autor, o estado non é senón a totalidade do ordeamento xurídico, que constitúe un sistema e que se basea nunha norma hipotética fundamental. Os cidadáns son suxeitos xurídicos sobre os que recae a norma e o territorio o ámbito espacial de vixencia da orde xurídica.[9]
Elementos esenciais
editarA doutrina tradicional sostén que para que exista estado teñen que coincidir ao mesmo tempo e interrelacionados tres elementos básicos: territorio, poboación e poder.
Territorio
editarO territorio é o elemento físico do estado, o seu soporte material. En canto tal é unha porción de superficie de terra ( o "chan") e a zona do espazo aéreo que a esta correspóndelle segundo as leis de Dereito Internacional. Inclúe tamén o subsó, as augas interiores, ríos e mares, ademais dos buques de guerra, avións e sedes diplomáticas no estranxeiro. O territorio defínese por tres notas:
- Unidade: o territorio é un desde o punto de vista político, aínda que non necesariamente ten que existir a continuidade material ou física.
- Indivisibilidade (inalienabilidade): o territorio non é susceptible de partición nin cabe a cesión do mesmo, nin de ningunha das partes que o integran.
- Impenetrabilidade (exclusividade): ten que ver coa soberanía. Só o estado ten potestade ou xurisdición sobre o seu territorio, excluíndose calquera inxerencia sobre o mesmo,
Poboación
editarÉ a base humana do estado. Un primeiro concepto pode ser o seguinte: conxunto de individuos que se encontran sometidos á xurisdición do estado. Compre distinguir tres conceptos: poboación, pobo e nación.
- Poboación: Cando se utiliza este termo adóitase facer cun sentido máis ben matemático ou estatístico. Poboación neste contexto significaría a suma de todos os individuos que compoñen a nación. É un dato numérico, útil para cuantificar, medir e clasificar o compoñente humano do estado.
- Pobo: Pretende ir máis aló do simple dato estatístico. Suxire a existencia doutros compoñentes, moito máis difíciles de precisar, como: unha certa unidade cultural e unhas raíces históricas comúns, a identificación co territorio, conxunto de costumes, tradicións, crenzas relixiosas máis ou menos homoxéneas e o sentimento de pertencer a unha comunidade e ao seu correspondente modo de vida.
- Nación: Ademais do anterior, o termo nación implica a existencia dunha conciencia de destino común e unha certa vocación política. O normal é que a nación presupoña a existencia dun "pobo" ou comunidade natural de xentes unidas por ligazóns culturais, históricos, relixiosos... O seguinte paso, unha vez suposto este primeiro elemento, é o sentimento, xeralmente compartido, de querer vivir xuntos cun mínimo de organización xurídica e institucional. A nación é o fundamento natural sobre o que constitúese un estado, aínda que certo é que este pode agrupar baixo a súa soberanía non unha senón a dúas ou máis nacións distintas, sendo o resultado de tal agrupación unha modalidade de estado: o estado plurinacional.
Poder
editarPara que ese pobo constitúase como estado fai falta que exista un poder independente, unha instancia de autoriade última e suprema que conte coa lexitimidade suficiente e polo tanto coa capacidade exixida para suscitar e atopar obediencia entre os cidadáns.
O poder do estado é:
- Imperativo: as súas ordes non son cuestionadas nin o estado as negocia con quen ten que cumprilas.
- Público: exercido en nome da comunidade á que o goberno representa.
- Determinado territorialmente: o territorio serve como elemento de xurisdición.
- Xurídico: exercese a través do Dereito.
Diferenzas con nación
editarA distinción entre nación e estado ten que ver coa distinción entre gobernantes e gobernados. Os gobernantes ocupan os postos de mando das institucións. Os gobernados son o conxunto de cidadáns ou nación a quen van dirixidos os mandatos, normalmente por medio de normas, pero que ao mesmo tempo poden contribuír participando de xeito directo ou indirecto na creación mesma das normas.
Recoñecemento dos estados
editarO recoñecemento é un acto discrecional da predisposición dos suxeitos preexistentes. Este acto ten efectos xurídicos, sendo considerados ambos suxeitos internacionais, o que recoñece e o que é recoñecido, de igual a igual posto que se crea un vínculo entre os dous.
Hoxe en día a doutrina aceptada para o recoñecemento dos estados é a doutrina Estrada, pragmática en tanto en canto un suxeito non sexa molesto para a sociedade internacional non vai ter dificultade para ser recoñecido. Enténdese que se un suxeito recoñece a outro vanse producir contactos entre ambos, polo que no momento no que se inician os trámites para o establecemento de relacións diplomáticas suponse que existe un recoñecemento internacional mutuo. Porén, a ruptura destas relacións diplomáticas non supón a perda do recoñecemento. Igualmente, unha simple declaración formal tamén é válida para recoñecer a outro estado sen iniciar relacións diplomáticas.
Etimoloxía
editarA palabra estado e os seus cognados (equivalentes lingüísticos)noutras linguas europeas (stato en italiano, estado en castelán, état en francés, staat en alemán) derivan en última instancia da palabra latina status, que significa "status" ou "condición".[10]
Co renacemento do dereito romano en Europa no século XIV, utilizouse este termo latino para referirse ao status social das persoas (como os distintos "estamentos" - nobreza, clero e terceiro estado), e, en particular, ao papel do rei. A palabra tamén estivo asociada ás ideas romanas (que datan dende Cicero) sobre o "status rei publicae", o "estado dos asuntos públicos". Co tempo, a palabra perdeu o significado de pertenza a determinados grupos sociais e pasou a asociarse co ordenamento xurídico da sociedade no seu conxunto e co sistema para o seu cumprimento.[11]
As obras escritas a comezos do século XVI polo italiano Machiavelli (especialmente O príncipe) tiveron un importante papel á hora de popularizar a utilización da palabra "estado", nun significado similar ao actual.[12]
Evolución histórica
editarAs primeiras formas de estado xurdiron cando se fixo posíbel centralizar o poder de forma duradeira. A agricultura e a escritura xogaron un importante papel neste proceso: a agricultura permitiu que parte da xente non tivera que dedicar a maior parte do seu tempo a garantir a súa subsistencia, e a escritura (ou o seu equivalente, como por exemplo os quipus incas) fixo posíbel a centralización de información vital.[13]
Os primeiros estados coñecidos creáronse, entre outros lugares, no Antigo Exipto, Mesopotamia, India, China, e a civilización inca), porén, non foi ata fai relativamente pouco cando os estados desprazaron, case por completo e a nivel global, ás formas alternativas alternativas de organización de sociedades sen estado.[14] Os grupos nómades de cazadores-recolectores e incluso grupos tribais de considerable tamaño e complexos baseados na agricultura existiron sen unha organización estatal permanente, estas formas de organización política sen estado prevaleceron durante toda a prehistoria e gran parte da historia da especie humana.[14]
Ao principio os estados apareceron en lugares nos que unha cultura e un conxunto de leis se impuxeran pola forza ou mediante unha burocracia civil ou militar.[14] Porén, na actualidade, isto non sucede na maioría dos casos, xa que hai estados multinacionais, estados federados e rexións autónomas.
Dende finais do século XIX, practicamente a totalidade do mundo atópase dividida en zonas con fronteiras máis ou menos definidas reclamadas por varios estados. Anteriormente, moitas grandes areas de terra non foran reclamadas ou estiveran inhabitadas, ou habitadas por pobos nómades que non estaban organizados en estados. No obstante, incluso nos estados actuais hai grandes zonas virxes, como a selva amazónica, que está habitada na súa maioría por pobos indíxenas, algúns dos cales aínda non contactaron con representantes gobernamentais. Ademais, hai estados que non teñen un control real sobre toda a súa extensión reclamada. Hoxe en día, existen na comunidade internacional uns 200 estados soberanos, que están representados na súa maioría nas Nacións Unidas.[15]
Sociedades sen estado prehistóricas
editar- Artigo principal: Sociedade sen estado.
Durante a maior parte da historia da humanidade, a xente viviu en sociedades sen estado, caracterizadas pola falta dunha autoridade centralizada, e a ausencia de grandes desigualdades, tanto na parte económica coma no poder.
O antropólogo estadounidense Robert L. Carneiro comentou:
“ | Durante o 99,8% da historia humana a poboación viviu exclusivamente en grupos e vilas autónomas. Ao comezo do Paleolítico (é dicir, durante a Idade de Pedra), había poucas entidades políticas autónomas, pero cara o ano 1000 a.C aumentara a 600.000. Posteriormente, estas fóronse agrupando, e actualmente o número destas entidades diminuíu de 600.000 a 157. Vendo esta tendencia, pasar de 157 a 1 parece non só ser inevitábel, senón tamén estar a un paso. | ” |
— Robert L. Carneiro, [16] |
Período Neolítico
editar- Artigo principal: Neolítico.
Durante o período Neolítico, as sociedades humanas viviron grandes cambios, tanto culturais como económicos, entre os que destacaron o desenvolvemento da agricultura, a formación de sociedades sedentarias e asentamentos permanentes, o incremento da densidade de poboación e a utilización da cerámica e ferramentas máis complexas.[17][18]
Que a agricultura pasara a ser sedentaria levou a que se desenvolvera o concepto de propiedade, a sociedade patriarcal e a domesticación de animais e plantas. Tamén sentou as bases para forma centralizada de estado,[19] pola produción de grandes cantidades de excedentes de alimentos, que crearon unha división do traballo máis complexa, que permitiu que a poboación se especializara en tarefas distintas da produción de alimentos.[20] Os primeiros estados estiveron caracterizados por unha alta estratificación da sociedade, cunha clase dominante, privilexiada e rica, que estaba subordinada en última estancia a un monarca. Estas clases diferenciáronse coa práctica de formas culturais distintas ás das clases traballadoras.[21]
No pasado, suxeriuse que os estados centralizados apareceron pola necesidade de administrar as grandes obras públicas (como os sistemas de rego) e regular as economías complexas. Porén, as evidencias arqueolóxicas e antropolóxicas modernas non apoian estas teses, apuntando a existencia de sociedades complexas sen estratificar e politicamente descentralizadas.[22]
Estado na antiga Eurasia
editar- Véxase tamén: Mesopotamia e Antigo Exipto.
Mesopotamia é considerada, polo xeral, como o primeiro lugar no que apareceu unha civilización ou sociedade complexa, xa que contaba con cidades, división permanente do traballo, concentración social da riqueza en social en capital, distribución desigual desta, clases dominantes, comercio a longa distancia, arquitectura monumental, formas estandarizadas de arte e cultura, escritura, matemáticas e ciencia.[23] Foi a primeira civilización cunha literatura na historia, e a primeira cun conxunto de leis escritas.[24][25] A mediados do 4000 a.C, a maioría dos asentamentos mesopotámicos estaban fortificados, o que significa o tratamento da guerra como un asunto público.[26]
Estado na Antigüidade clásica
editar- Véxase tamén: Grecia Antiga e República Romana.
Aínda que as formas de estado primitivas xa existían antes de que aparecerado imperio da Grecia Antiga, os gregos foron os primeiros en formular explicitamente unha filosofía política sobre o estado, ademais, analizaron de forma racional as institucións políticas. Anteriormente, os estados describíanse e xustificábanse polos mitos relixiosos.[27]
Varias das innovacións políticas máis importantes que se produciron na Antigüidade clásica orixináronse nas cidades-estado gregas e na República Romana. Estas cidades-estado xa garantiron, antes do século IV os dereitos de liberdade dos cidadáns, e en Atenas a estes dereitos sumóuselle unha forma de goberno de democracia directa.
Estado feudal
editar- Véxase tamén: Feudalismo e Idade Media.
Durante a Idade Media, en Europa o estado estaba organizado segundo os principios feudalismo, polo a relación entre vasalos e señores se converteron na principal forma de organización social. Este feudalismo provocou o aumento das xerarquías sociais.[28]
A formalización das disputas sobre o sistema tributario entre o monarca e o resto da poboación (especialmente a clase nobiliaria e as cidades) deu lugar ao coñecido como Standestaat, ou estado de estados, caracterizado polos parlamentos nos que os grupos sociais máis importantes negocian co monarca os asuntos económicos e xurídicos. Estes estamentos ás veces convertéronse en parlamentos, pero outras perderon o seu poder en favor do monarca, o que aumentou a concentración do poder na súa persoa. A comezos do século XV, este proceso centralizador deu lugar ao estado absolutista.[29]
Estado moderno
editar- Véxase tamén: Burocracia, Constitución, Corporación, Globalización e Neoliberalismo.
A homoxeneización cultural e nacional tivo un importante papel na aparición do sistema estatal moderno. Dende o período absolutista, os estados organizáranse só nun ámbito nacional. Porén, o concepto de estado nacional non é o mesmo que o de estado nación. Incluso nas sociedades máis homoxéneas culturalmente, non se dá sempre unha correspondencia entre estado e nación, polo tanto, o estado adopta a miúdo un papel activo na promoción do nacionalismo, a través da exaltación dos símbolos e a identidade nacional.[30]
Crítica ao estado
editar- Artigo principal: Antiestatismo.
O estado é un dos poucos seres institucionais que sobrevive sen unha evolución importante na súa estrutura e funcionamento, con excepción do seu crecemento. O estado moderno apareceu coa revolución industrial, pero o mundo e a dinámica da sociedade cambio moito dende o século XIX. Por exemplo, mentres a industria moderna, que foi creada durante a revolución industrial, cambiou segundo a demanda do mercado, pero os estados non cambiaron as súas leis da mesma forma.
Ademais, o enfoque crítico difire entre o institucionalismo e o clasismo como factor determinante da natureza do estado. Algunhas concepcións como o anarquismo consideran necesario a total desaparición dos estados, en favor do exercicio soberano da liberdade individual a través de asociacións e organizacións libres. Outras concepcións aceptan a existencia do estado, con maior ou menor autoridade ou potestade, pero difiren en canto cal debera ser a súa forma de organización e o alcance das súas facultades:
Anarquismo
editarO anarquismo sostén que o estado é unha estrutura de poder que pretende ter o monopolio da utilización da forza sobre un territorio e a súa poboación, e que é recoñecido como tal polos estados veciños. Os elementos máis aparentes que sinalan o poder do estado son:
- o control de fronteiras.
- a recadación de impostos.
- a emisión de moeda.
- Un corpo de policía e un exército de bandeira común.
- Un sistema burocrático administrado por traballadores funcionarios.
Critícaselle a falsa ostentación da seguridade, defensa, protección social e xustiza da poboación; exercendo en realidade un goberno obrigatorio e violentando a soberanía individual e a non coacción. Os anarquistas sinalan que o estado é unha institución represora que mantén unha orde económica e de poder vinculado ao poder público. Atribúenlle ao estado boa parte dos males que afectan á sociedade, como a pobreza, as crises económicas, as guerras, a inxustiza social etc.[31][32]
Marxismo
editar- Artigo principal: Concepción marxista do estado.
O marxismo afirma que calquera estado ten un carácter de clase, e que só é o executor no plano armado e administrativo dos intereses da clase social dominante.[33] Polo tanto, aspiran á conquista do poder político por parte da clase traballadora, a destrución do estado burgués e a construción dunha necesaria Ditadura do proletariado como paso de transición cara ao socialismo e o comunismo, unha sociedade onde a longo prazo non debería haber estado, por terse superado as contradicións e a loita entre as clases sociais.[34] Discútese a viabilidade da eliminación das condicións da existencia burguesa, como suposto para o paso á sociedade comunista.[35]
Liberalismo
editarDesde o liberalismo deféndese a redución ao mínimos necesario (estado mínimo), dende un sentido civil para o respecto das liberdades básicas, é dicir o estado debería encargarse da seguridade (exército e policía para garantir as liberdades cidadás) e da xustiza (poder xudicial independente do poder político). Segundo esta ideoloxía, en ningún caso o estado debe intervir para distribuír a renda, e deben ser os axentes económicos os que regulen o mercado a través do sistema de prezos, asignando a cada cousa o seu valor.[36]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Estado.
- ↑ Dubreuil, Benoít (2010). Human Evolution and the Origins of Hierarchies: The State of Nature. Cambridge University Press. p. 189. ISBN 978-0-521-76948-8. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2020. Consultado o 23 de xuño de 2020.
- ↑ Gordon, Scott (2002). Controlling the State: Constitutionalism from Ancient Athens to Today. Harvard University Press. p. 4. ISBN 978-0-674-00977-6. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2020. Consultado o 23 de xuño de 2020.
- ↑ Hay, Colin (2001). Routledge Encyclopedia of International Political Economy. New York, NY: Routledge. pp. 1469–1474. ISBN 0-415-14532-5. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 23 de xuño de 2020.
- ↑ Donovan, John C. (1993). People, power, and politics: an introduction to political science. Rowman & Littlefield. p. 20. ISBN 978-0-8226-3025-8. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2020. Consultado o 23 de xuño de 2020.
- ↑ Shaw, Martin (2003). War and genocide: organized killing in modern society. Wiley-Blackwell. p. 59. ISBN 978-0-7456-1907-1. Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2019. Consultado o 23 de xuño de 2020.
- ↑ Cudworth et al., 2007: p. 95
- ↑ Salmon, Trevor C.; Imber, Mark F. (6 de xuño de 2008). Issues In International Relations p. 54 (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 9780203926598. Consultado o 12 de maio de 2018.
- ↑ KELSEN, Hans, Compendio de teoría general del estado, editora Nacional, México, 1980, pp. 129-130
- ↑ Hay, 2001: p. 1469
- ↑ Skinner
- ↑ Bobbio, 1989: pp.57-58
- ↑ Giddens 1887
- ↑ 14,0 14,1 14,2 klaus kästle. "Countries of the World". Nationsonline.org. Consultado o 20 de febreiro de 2013.
- ↑ Press Release ORG/1469 (3 de xullo de 2006). "United Nations Member States". United Nations. Consultado o 28 de febreiro de 2011.
- ↑ Robert L. Carneiro, "Political expansion as an expression of the principle of competitive exclusion", p. 219 in: Ronald Cohen and Elman R. Service (eds.), Origins of the State: The Anthropology of Political Evolution. Philadelphia: Institute for the Study of Human Issues, 1978.
- ↑ Shaw, Ian & Jameson, Robert (2002). "Neolithic". A dictionary of archaeology (6th ed.). Wiley-Blackwell. p. 423. ISBN 978-0-631-23583-5.
- ↑ Hassan, F.A. (2007). "The Lie of History: Nation-States and the Contradictions of Complex Societies". En Costanza, Robert; et al. Sustainability or collapse?: an integrated history and future of people on earth. MIT Press. p. 186. ISBN 978-0-262-03366-4.
- ↑ Scott, 2009: p. 29
- ↑ Langer, Erick D. & Stearns, Peter N. (1994). "Agricultural systems". En Stearns, Peter N. Encyclopedia of social history. Taylor & Francis. p. 28. ISBN 978-0-8153-0342-8.
- ↑ Cohen, Ronald (1978). "State Origins: A Reappraisal". The Early State. Walter de Gruyter. p. 36. ISBN 978-90-279-7904-9.
- ↑ Roosevelt, Anna C. (1999). "The Maritime, Highland, Forest Dynamic and the Origins of Complex Culture". En Salomon, Frank & Schwartz, Stuart B. Cambridge history of the Native peoples of the Americas: South America, Volume 3. Cambridge University Press. pp. 266–267. ISBN 978-0-521-63075-7.
- ↑ Mann, Michael (1986). "The emergence of stratification, states, and multi-power-actor civilization in Mesopotamia". The sources of social power: A history of power from the beginning to A. D. 1760, Volume 1. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-31349-0.
- ↑ Yoffee, Norman (1988). "Context and Authority in Early Mesopotamian Law". En Cohen, Ronald & Toland, Judith D. State formation and political legitimacy. Transaction Publishers. p. 95. ISBN 978-0-88738-161-4.
- ↑ Yoffee, Norman (2005). Myths of the archaic state: evolution of the earliest cities, states and civilizations. Cambridge University Press. p. 102. ISBN 978-0-521-81837-7. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2011. Consultado o 16 de xuño de 2013.
- ↑ Christian, David (2005). Maps of time: an introduction to big history. University of California Press. p. 278. ISBN 978-0-520-24476-4.
- ↑ Nelson, 2006: p. 17
- ↑ Jones, Rhys (2007). People/states/territories: the political geographies of British state transformation. Wiley-Blackwell. pp. 52–53. ISBN 978-1-4051-4033-1. ... véxase tamén pp. 54-....
- ↑ Poggi, G. (1978). The Development of the Modern State: A Sociological Introduction. Stanford University Press.
- ↑ Breuilly, John. Nationalism and the State. Nova York: St. Martin's Press. ISBN 0719038006.
- ↑ El Estado, por Piotr Kropotkin
- ↑ Anatomía del Estado Arquivado 31 de maio de 2008 en Wayback Machine., por Murray Rothbard
- ↑ El Estado democrático - Crítica de la soberanía burguesa Arquivado 15 de xuño de 2006 en Wayback Machine., de Karl Held y Emilio Muñoz
- ↑ O Estado e a Revolución de Lenin
- ↑ Herrera, Hugo Eduardo, ¿De qué hablamos cuando hablamos de Estado? Ensaio filosófico de xustificación da praxis política Op. cit., pp. 27 ss.
- ↑ El Estado de Frédéric Bastiat.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Barrow, Clyde W. (1993). Critical Theories of State: Marxist, Neo-Marxist, Post-Marxist. University of Wisconsin Press. ISBN 0-299-13714-7.
- Bobbio, Norberto (1989). Democracy and Dictatorship: The Nature and Limits of State Power. University of Minnesota Press. ISBN 0-8166-1813-5.
- Cudworth, Erika (2007). The Modern State: Theories and Ideologies. Edinburgh University Press. ISBN 978-0-7486-2176-7.
- Dogan, Mattei (1992). "Conceptions of Legitimacy". En Paynter, John; et al. Encyclopedia of government and politics. Psychology Press. ISBN 978-0-415-07224-3.
- Flint, Colin & Taylor, Peter (2007). Political Geography: World Economy, Nation-State, and Locality (5th ed.). Pearson/Prentice Hall. ISBN 978-0-13-196012-1.
- Hay, Colin (2001). "State theory". En Jones, R.J. Barry. Routledge Encyclopedia of International Political Economy: Entries P-Z. Taylor & Francis. pp. 1469–1475. ISBN 978-0-415-24352-0.
- Joseph, Jonathan (2004). Social theory: an introduction. NYU Press. ISBN 978-0-8147-4277-8.
- Malešević, Siniša (2002). Ideology, legitimacy and the new state: Yugoslavia, Serbia and Croatia. Routledge. ISBN 978-0-7146-5215-3.
- Nelson, Brian T. (2006). The making of the modern state: a theoretical evolution. Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-4039-7189-0.
- Rueschemeyer, Dietrich; Skocpol, Theda; Evans, Peter B. (1985). Bringing the State Back In. Cambridge University Press. ISBN 0-521-31313-9.
- Salmon, Trevor C. (2008). Issues in international relations. Taylor & Francis US. ISBN 978-0-415-43126-2.
- Sartwell, Crispin (2008). Against the state: an introduction to anarchist political theory. SUNY Press. ISBN 978-0-7914-7447-1.
- Scott, James C. (2009). The art of not being governed: an anarchist history of upland Southeast Asia. Yale University Press. ISBN 978-0-300-15228-9.
- Skinner, Quentin (1989). "The state". En Ball, T; Farr, J.; and Hanson, R.L. Political Innovation and Conceptual Change. Cambridge University Press. pp. 90–131. ISBN 0-521-35978-3.
- Vincent, Andrew (1992). "Conceptions of the State". En Paynter, John; et al. Encyclopedia of government and politics. Psychology Press. ISBN 978-0-415-07224-3.
- Barrow, Clyde W. (2002). "The Miliband-Poulantzas Debate: An Intellectual History". En Aronowitz, Stanley & Bratsis, Peter. Paradigm lost: state theory reconsidered. University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-3293-0.
- Bottomore, T. B., ed. (1991). "The State". A Dictionary of Marxist thought (2nd ed.). Wiley-Blackwell. ISBN 978-0-631-18082-1.
- Bratsis, Peter (2006). Everyday Life and the State. Paradigm. ISBN 978-1-59451-219-3.
- Faulks, Keith (2000). "Classical Theories of the State and Civil Society". Political sociology: a critical introduction. NYU Press. ISBN 978-0-8147-2709-6.
- Feldbrugge, Ferdinand J. M., ed. (2003). The law's beginning. Martinus Nijhoff Publishers. ISBN 978-90-04-13705-9.
- Fisk, Milton (1989). The state and justice: an essay in political theory. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-38966-2.
- Friedeburg, Robert von (2011). State Forms and State Systems in Modern Europe. Institute of European History,.
- Green, Penny & Ward, Tony (2009). "Violence and the State". En Coleman, Roy; et al. State, Power, Crime. SAGE. ISBN 978-1-4129-4805-0.
- Hall, John A., ed. (1994). The state: critical concepts (Vol. 1 & 2). Taylor & Francis. ISBN 978-0-415-08683-7.
- Hansen, Thomas Blom & Stepputat, Finn, ed. (2001). States of imagination: ethnographic explorations of the postcolonial state. Duke University Press. ISBN 978-0-8223-2798-1.
- Hoffman, John (1995). Beyond the state: an introductory critique. Polity Press. ISBN 978-0-7456-1181-5.
- Hoffman, John (2004). Citizenship beyond the state. SAGE. ISBN 978-0-7619-4942-8.
- Jessop, Bob (1990). State theory: putting the Capitalist state in its place. Penn State Press. ISBN 978-0-271-00735-9.
- Jessop, Bob (2009). "Redesigning the State, Reorienting State Power, and Rethinking the State". En Leicht, Kevin T. & Jenkins, J. Craig. Handbook of Politics: State and Society in Global Perspective. Springer. ISBN 978-0-387-68929-6.
- Lefebvre, Henri (2009). Brenner, Neil & Elden, Stuart, ed. State, space, world: selected essays. University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-5317-1.
- Long, Roderick T. & Machan, Tibor R. (2008). Anarchism/minarchism: is a government part of a free country?. Ashgate Publishing. ISBN 978-0-7546-6066-8.
- Mann, Michael (1994). "The Autonomous Power of the State: It's Origins, Mechanisms, and Results". En Hall, John A. The State: critical concepts, Volume 1. Taylor & Francis. ISBN 978-0-415-08680-6.
- Oppenheimer, Franz (1975). The state. Black Rose Books. ISBN 978-0-919618-59-6.
- Poulantzas, Nicos & Camiller, Patrick (2000). State, power, socialism. Verso. ISBN 978-1-85984-274-4.
- Sanders, John T. & Narveson, Jan (1996). For and against the state: new philosophical readings. Rowman & Littlefield. ISBN 978-0-8476-8165-5.
- Scott, James C. (1998). Seeing like a state: how certain schemes to improve the human condition have failed. Yale University Press. ISBN 978-0-300-07815-2.
- Taylor, Michael (1982). Community, anarchy, and liberty. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-27014-4.
- Zippelius, Reinhold (2010). Allgemeine Staatslehre, Politikwissenschaft (16th ed.). C.H. Beck, Munich. ISBN 978-3-406-60342-6.
- Uzgalis, William (5 de maio de 2007). "John Locke". Stanford Encyclopedia of Philosophy.