Adiós, María
Adiós, María é a única novela de Xohana Torres, publicada por primeira vez en 1971 por Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires.
Adiós, María | |
---|---|
Edición na Biblioteca Galega 120 en 2001 | |
Título orixinal | Adiós, María |
Autor/a | Xohana Torres |
Lingua | galega |
Xénero(s) | narrativa |
Data de pub. | 1971 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama e estrutura
editarXohana Torres ofrece unha vista do mundo desde os ollos de María, unha rapaza de quince anos que actúa como protagonista-narradora. A novela presenta o mundo interior da rapaza e a súa interacción co mundo exterior. Ela é forzada a madurar prematuramente debido á perda de traballo do seu pai, debido á supresión dos tranvías na cidade de Vigo e mentres conta a súa historia en forma de monólogo cumpre quince anos. Durante a lectura aparecen un gran número de descricións que parecen intranscendentes pero reflicten o ámbito doméstico e da vila onde ocorre a narración reflectindo a clase social traballadora. O emprego do tempo está suxeito á percepción da protagonista polo que acaba con partes longas e con moito detalle e tamén con algunhas que se reducen a pequenas impresións. Os feitos seguen unha orde cronolóxica pois a novela comeza cos pais xa emigrados a Francia e é despois cando se volve atrás no tempo para compartir cos lectores acontecementos da memoria da narradora.
A estrutura externa está formada por capítulos pero tamén se pode falar doutras coma a de Manuel Forcadela, no seu libro sobre a Nova Narrativa Galega[1] distingue dúas partes: antes da marcha dos pais (p. 59) e despois da marcha dos pais. Dentro da segunda parte Maxa fai unha subdivisión (p. 131): antes do pote do Petrigrí e despois do pote do Petigrí.
Publicacións
editarA primeira edición foi feita por Ediciones Galicia en Buenos Aires en 1971. En 1976 foi reeditada por Edicións Castrelos. En 1989 foi editada por Galaxia, e un ano despois publicouse outra edición na mesma editorial. En 2001 La Voz de Galicia vendeu Adiós, María na Biblioteca Galega 120.
Personaxes
editar- Inés María “Maxa” Briz: unha nena de quince anos que soña con ser secretaria ata que é forzada a deixar os estudos e coidar da súa familia.
- Xermán Briz (irmán máis vello): un adolescente inmerso na vida urbana que non fai caso a súa familia.
- Bruno “Kaiser” Briz (avó): aparece como o patriarca que resolve problemas e sabe de todo.
- Inés Briz (avoa): unha muller con ideoloxía anticuada, simple, pouco xusta e difícil de soportar.
- Pai (Román) e nai (Inés) de Maxa: teñen un papel secundario debido a que emigran a Francia.
Título
editarO título describe o proceso polo cal pasa a protagonista ao longo do libro, en que perde o seu nome, “María”, para ser referida como “Maxa”, como explica Ana Garrido González[2] na súa interpretación da obra.[3]
Neste libro nada é arbitrario, e así se demostra na elección do nome “María”. Na tradición cristiá todas as mulleres son Marías e sobre todo na ditadura franquista eran comúns nomes como María Luísa ou María Dolores, que reafirmaban o poder da Igrexa, institución que prescribía pautas para o comportamento social das mulleres. Estes patróns de conduta estaban proporcionados por asociacións como a Sección Femenina e Acción Católica.
Maxa é a “María Dolorosa” que vive para os demais, deixa de lado o seu futuro, amizades e aspiracións para axudar a súa familia e nas cartas aos seus pais, que están en Francia, usa escusas para que non se preocupen. A vida dunha nena estase pouco a pouco a converter no modelo da viúva franquista que vive encerrada en catro paredes, vai comprar, vai a misa ou visita o cemiterio.
A protagonista cando fala de si mesma como virxe e muda utiliza o nome Maxa, non María. Esta duplicidade é interesante porque “María Briz” é limitado para o uso público e social mentres que “Maxa” é para o ámbito íntimo e privado; este último é o nome que se utiliza na maioría da novela. O uso do nome “María” é significado porque aparece en momentos relevantes como cando a súa profesora, Márgara, vai á casa dos Briz para dicirlles que é moi lista e debería continuar estudando abríndolle a porta ao ámbito social e laboral que non se lle permite debido á situación familiar. O título pódese referir á perda do ámbito social que converte a Maxa nunha viúva despois da emigración dos pais.
O bildungsroman feminino
editarA novela presenta un bildungsroman feminino. Bildungsroman feminino é definido como novela que conta a experiencia dunha protagonista na adolescencia (ou incluso antes) ata lograr a madurez. No caso de Adiós María a protagonista, Maxa, é forzada a madurar debido a súa situación.
O status social da protagonista é o que a leva a sufrir unha dobre emigración (a marcha dos pais de Galicia a Francia despois do paso da familia do rural á cidade). O resto da familia non axuda a Maxa, pois o avó ve a situación na que se encontra a súa neta, pero decide non intervir. O irmán máis vello, Román, é privilexiado por ser home e decide que non se vai facer cargo da familia e mentres tanto a avoa Inés dille a Maxa que debe quedar na casa, abandonar os seus soños, amigas, felicidade para limpar a casa, criar o seu irmán máis novo e tamén os seus avós. Maxa describe o mundo con moito realismo aínda que, coa marcha dos pais, deixa de asistir á escola e só sae da casa por obrigacións, polo que ese mundo descrito por ela, cada vez o coñece menos. Outro punto moi importante é a idade da protagonista. É unha adolescente, e o que a diferencia doutras adolescentes é que o seu conflito interno está na ausencia dos pais e, sobre todo, da nai.
Recepción
editarEn xeral, esta novela conta cunha boa recepción e crítica. Algúns autores destacan que a novela reflicte perfectamente a traxedia da emigración, que é o punto principal da novela[4]. Tamén, que a autora, Xohana Torres, se diferencia do estereotipo de escritora galega poeta, intimista e bilingüe, para ser considerada un modelo innovador coa súa novela Adiós María, que marca o nacemento da novela feminista monolingüe en lingua galega. Cabe destacar tamén que esta novela é unha crítica ao franquismo e trata temas como a relixión.[5]
Recoñecemento
editarEn 1970 recibiu o Premio Galicia de novela, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires.
Outras novelas que acudiron ao certame foron O silencio redimido (de Silvio Santiago), O mesón do birollo (de Fariña Jamardo) e Xente ao lonxe de Blanco Amor que non foi aceptada.
O tema da emigración, desde Rosalía de Castro ata Xohana Torres
editarO tema da emigración contado desde unha voz feminina xa sucedeu con Rosalía de Castro e agora sucede de novo con Adiós María. Cómpre facer unha lectura comparada destas dúas autoras como innovadoras e senlleiras do relato da emigración explicado desde unha voz e experiencias femininas e que constitúen o imaxinario de nación. Ambas as dúas tratan este tema como unha inxustiza, algo que tamén considerou o pensamento galeguista. Outro tema tratado é a vontade da muller de ser un suxeito, rompendo así co papel da muller doméstica e carente de desexos.
Notas
editar- ↑ Forcadela, Manuel (1993). Manual e escolma da nova narrativa galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. ISBN 8478241760.
- ↑ "dr Ana Garrido | Instituto de Estudios Ibéricos e Iberoamericanos". www.iberystyka.uw.edu.pl. Consultado o 2020-06-06.
- ↑ Garrido González, Ana (2015). "Las chicas raras no tienen voz: una interpretación de Adiós María de Xohana Torres" (PDF). Revista de estudios lingüísticos, literarios, históricos y antropológicos (21): 183–198.
- ↑ Francisco., Fernández del Riego, (D.L. 1975). Manual de historia da literatura galega (3a. ed ed.). Vigo: Galaxia. ISBN 8471542293.
- ↑ Marisol., Rodríguez Rodríguez, (2013). Feminismo e innovación en la narrativa gallega de autoría femenina : Xohana Torres, María Xosé Queizán, Carmen Blanco y Teresa Moure. Lewiston, N.Y.: Edwin Mellen Press. ISBN 0773430695.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Unha lectura comparada de Adiós, María - Helena González Fernández
- "Sobre a Estructura de Adiós, María" Noia, Camiño, Festa da Palabra Silenciada, 4, 1987, pp. 7–10.
- "No corenta aniversario de Xente ao lonxe" de Manuel Rodríguez Alonso
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Vigo: Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
- Vilavedra, Dolores (2010). A narrativa galega na fin de século. Vigo: Galaxia. ISBN 9788498653151.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Burgoa, Juan J. (3/12/2017). "Xohana Torres Fernández" Diario de Ferrol.
- López Foxo, Manuel (17/2/2017). "De Rosalía a Xohana Torres" Arquivado 23 de abril de 2018 en Wayback Machine. Sermos Galiza.