Viquingos en Galicia
A presenza de viquingos[1] en Galicia tivo lugar entre os séculos IX e XII, cando estes deviran unha potencia naval e militar, lanzando expedicións de saqueo e conquista polo océano Atlántico e subindo polo leito dos ríos até as cidades que pretendían saquear. Así chegaron até o mar Mediterráneo, e no camiño estaba Galicia.
As primeiras invasións
A primeira incursión dos viquingos en Galicia aparece reflectida nos Annales Bertiniani, e data de agosto de 844, cando un grupo procedente dunha expedición de saqueo se adentrou polo Garona, chegou ata Galicia empurrado por unha tempestade e foi ao cabo rexeitado nos arredores do Farum Brecantium, é dicir, da Torre de Hércules (chamada por eles Fár)[2], despois de saquear algunhas aldeas da costa. Reinaba daquela Ramiro I. Trala derrota os viquingos seguiron a súa singradura rumbo Lisboa.
A lenda do bispo Gonzalo da diocese de Bretoña dátase nesta época: ao chegaren á entrada do río Masma un grande número de embarcacións viquingas, a xente fuxiu onda o bispo, que consideraban santo. Gonzalo pregou ao ceo protección contra o ataque e daquela desatouse unha grande tempestade que afundiu a meirande parte da flota.
Ata o 858, reinando Ordoño I, non volveron os viquingos a Galicia. Tratábase dun continxente dunhas cen naves procedente de expedicións de saqueo polas costas francesas que se dirixiu cara á ría de Arousa. Tras saquear Iria Flavia chegaron ata Santiago de Compostela, ao que puxeron sitio. Por outra banda, os seus veciños pagaron un tributo para evitar o saqueo, malia o cal os viquingos tentaron entrar na cidade, e nese momento un exército dirixido polo conde Pedro enfrontouse a eles, derrotándoos e destruíndo trinta e oito barcos; os sobreviventes dirixíronse cara ao sur. Como consecuencia desta expedición cambiouse a sé episcopal de Iria a Santiago de Compostela[Cómpre referencia].
No ano 951 os viquingos reapareceron de novo atacando as costas galegas; as cidades galegas reforzaron nos anos seguintes as súas defensas en previsión dalgún ataque. De novo no 964 os viquingos fixéronse presentes en Galicia, pois o propio bispo de Mondoñedo, Rosendo de Celanova, tivo que lles facer fronte.
As segundas invasións
No ano 968 o segundo duque de Normandía, vendo o seu reino en perigo, pediu auxilio aos seus parentes daneses e noruegos e acodiron os viquingos. Unha vez derrotado o rei de Francia os viquingos decidiron ficar en Normandía, o que orixinou non poucos problemas de orde pública, polo que se lles suxeriu que partiran á conquista de Galicia, "esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos"[3].
Chegaron a Galicia arredor de duascentas naves baixo o mando de Gudrød (Guðrǫðr), irmán de Harald Gråfeldr[4], coñecido por Gunderedo nas fontes galegas, cen das cales se detiveron no Cantábrico para atacar a diocese de Bretoña mentres as outras cen se internaban pola ría de Arousa e desembarcaban no porto de Juncariae (Xunqueira)[5] para dirixirse a pé a Santiago. A súa chegada coincidiu co remate das disputas entre Rosendo e Sisnando polo control de Compostela. O bispo Sisnando, que acababa de expulsar a Rosendo da cidade, intentou detelos nas proximidades de Iria, a onde chegaran remontando o curso do río Ulla, mais non o conseguiu e morreu nunha sanguenta batalla o 29 de marzo, atravesado por unha frecha. Xa sen resistencia, os viquingos esparexéronse polo país chegando até o Courel. En Lugo o bispo Hermenexildo logrou defender a cidade, mais non puido facer nada para protexer as terras da Bretoña, cuxa antiga sé quedou totalmente destruída.
Os viquingos decidiron volver ás súas naves cargados co botín e os prisioneiros, e foi nese momento cando un exército ao mando do conde Gonzalo Sánchez conseguiu vencelos nos arredores da ría de Ferrol no ano 970, dando morte a Gunderedo, o seu sækonungr[6], e queimando a maioría das súas naves.
Ao deixaren Galicia, dirixíronse de novo cara ao sur e saquearon a costa entre o río Douro e Santarém.
As últimas invasións
Os viquingos apareceron en Galicia esporadicamente, en xeral, sen moitas consecuencias; non obstante, no ano 1015, dirixidos quizais polo rei Olaf, atacaron Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui. Nesta vila desembarcaron por sorpresa subindo polo río Miño, masacraron o exército do conde Menedus, esnaquizaron a cidade e tomaron como prisioneiro ao bispo, Afonso.
Do ano 1026 tense un documento que revela unha práctica común dos normandos como é o secuestro. Así aparece Octicio negociando a liberación de dúas mulleres, Meitilli e Gocina, nai e filla, polas que finalmente entregou unha capa, unha espada, unha camisa, tres lenzos, unha vaca e tres modios de sal[7].
No ano 1028, reinando Vermudo III, Ulf, alcumado o Galego, tamén dirixiu unha expedición contra as costas galegas, subindo pola ría de Arousa, mais foi rexeitado polas forzas do bispo Cresconio. No 1066 o bispo Cresconio, que fortalecera a ría de Arousa edificando os Castellum Honesti, houbo de combater de novo cos viquingos.
Co fin do período das invasións viquingas, comezou a chegada de peregrinos nórdicos a Santiago de Compostela seguindo o Camiño de Santiago. O primeiro famoso foi o rei Sigurd de Noruega, no outono de 1108. A ruta do vestvegr (Camiño do Oeste), que ía de Escandinavia ata Galicia, levaba 8 días de travesía.
Galería de imaxes
-
Recreación histórica moderna dun desembarco viquingo.
Notas
- ↑ Tamén denominados normandos ou lordimani, nos documentos galegos da época das vagas.
- ↑ Repúblicas de Homes Libres: na procura dos Lordomani (I), Capítulo 0.
- ↑ Armesto, Victoria (1971). Galicia Feudal. Editorial Galaxia. Ligazón externa en
|title=
(Axuda) - ↑ A. Fabricius, Forbindelserne mellem Norden og den Spanske Halvø i ældre Tider, Copenhagen, 1882.
- ↑ Izquierdo Díaz, Jorge Simón (2009). Os viquingos en Galicia. Lóstrego.
- ↑ Xefe viquingo. Literalmente "rei do mar".
- ↑ Almazán, Vicente, Gallaecia Scandinavica, Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-524-1.
Véxase tamén
Bibliografía
- Os vikingos en Galicia, Eduardo Morales Romero, A Coruña 1997, ISBN 9788481216615
- Gallaecia Scandinavica, Vicente Almazán, Editorial Galaxia, 1986, ISBN 9788471545244