Talhaern tad Awen
Biografía | |
---|---|
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Talhaern Tad Awen ou Talhaearn Tad Awen (traballou a mediados do século VI), foi, segundo as fontes medievais galesas, un famoso poeta britano da Britania posromana. Sitúase como un dos máis antigos poetas que compuxo e recitou en galés. Os poetas máis coñecidos, Aneirin e Taliesin, que poderían ser contemporáneos seus algo máis novos, tamén pertencen a esta xeración, a primeira das que os estudosos modernos coñecen como Cynfeirdd ("primeiros poetas").[1] Mentres os manuscritos galeses medievais conservan versos compostos ou atribuídos a estes, non pasa o mesmo con Talhaearn e de feito a súa fama inicial parece terse esvaecido na Idade Media posterior.[1]
Historia Brittonum
[editar | editar a fonte]Unha pasaxe interpolada na Historia Brittonum (século IX) descríbeo como un poeta famoso, xunto con Aneirin, Taliesin e dúas figuras menos coñecida,s Blwchfardd e Cian:
- Tunc Talhaern Tat Aguen in poemate claruit, et Neirin, et Taliessin, et Bluchbard, et Cian qui vocatur Gue[ni]th Guaut, simul uno tempore in poemate Brittanico claruerunt.[2]
- Daquela Talhaearn Tad Awen (no manuscrito Talhaern Tataguen) tivo fama en poesía, e Neirin e Taliessin e Bluchbard e Cian, que se chama Gueinth Guaut, nun mesmo momento tiveron fama na poesía británica.[1]
O epíteto Tataguen ou, na súa forma posterior, Tad Awen, significa "pai da Musa" ou "pai da inspiración poética",[1] e o seu nome, que ten en común con Taliesin o primeiro elemento tal ("cella, fronte"), tradúcese como "Fronte de ferro".[2] O contexto da pasaxe parece ligar estes cinco poetas con mediados do século VI, cando un xefe que doutro xeito descoñeceríamos chamado Eudeyrn (MS. [O]utigirn) loitou contra os anglosaxóns, especialmente Ida, rei de Bernicia, e cando Maelgwn rexía o reino de Gwynedd.[2] O alcuño honorífico Talhaearn e o lugar que se lle outorga na enumeración dos poetas britanos pode indicar que era visto como o "pai" da antiga poesía galesa,[1] posibelmente precedendo aos outros por pouco tempo.[2]
Alusións na poesía medieval galesa
[editar | editar a fonte]A figura de Talhaearn aparece de maneira marxinal en varios textos posteriores en galés medio. Nas Tríades galesas, nnºº. 33 e 34, o seu patrón parece ser o mesmo capitán que matou a Aneirin. A primeira destas, tríade 33, contén un Heidyn fillo de Enygan ou Heiden fillo de Efengad, posibelmente un líder do "Vello Norte",[3] responsábel dun golpe fatal de machado na cabeza de Aneirin.[4][5] Na versión desta tríade atopada no Llyfr Gwyn Rhydderch, identifican a Heiden como "o home que adoitaba dar cen bois cada sábado a Talhaearn".[6] A natureza precisa destas entregas fica pouco clara; can muv pode, por exemplo, ser un erro de escriba por can mu, unha unidade de valor descrita noutros sitios[7] En calquera caso, a probabilidade é que Heiden fose o patrón de Talhaearn[8] e é por iso posíbel que a pasaxe aluda a unha historia perdida sobre a rivalidade entre os dous grandes poetas.[9] Ao listar os "Tres desgraciados golpes de machada" de Britania, a tríade 34 tamén alude á anécdota (malia empregar a variante do nome Eidyn), pero só unha versión dun manuscrito tardío menciona a Talhaearn.[10]
Unha mención posterior de Talhaearn aparece nun difícil poema galés medio chamado Angar Kyfyndawt, que só se conserva no Libro de Taliesin. Taliesin aparece aquí como a voz en primeira e terceira persoa do poema, que se presenta a si mesmo como un poeta experto e inspirado. De paso, tivo que se fererir unha vez a Cian e dúas a Talhaearn.[11] Talhaearn é louvado como o "meirande dos sabios" (mwyhaf y sywedyd),[9] unha reputación á que se alude algunhas liñas antes. A edición e tradución que intentou Sarah Lynn Higley é a seguinte:
kerdwn duw yssyd É un xograr de Deus [kerdwn emendado en kerdwr "cantante, músico"], trwy ieith talhayarn. a través da lingua de Talhaearn, [cf. trwy ieith taliessin "a través da lingua de Taliesin", liña 7] bedyd budyd varn. o bautismo do adiviño do xuízo, Avarnwys teithi que xulgaba as cualidades angerd vardoni. do don da poesía.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Lewis, "The historical Background of Early Welsh Verse", p. 31.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Koch, "Five Poets, Memorandum of the"
- ↑ Bromwich, Trioedd Ynys Prydein, p. 74.
- ↑ Trioedd Ynys Prydein, ed. and tr. Bromwich, tríade 33 e 33W.
- ↑ Na tríade 33W, Aneirin é denominado filla de Teyrnbeirdd (merch teyrnbeirdd), pero a xulgar pola versión máis corta da tríade no manuscrito Peniarth 51, isto non é mías que unha evidente corrupción de mechdeyrn beirdd "xefe supremo dos bardos". Bromwich, Trioedd Ynys Prydein, p. 72; Ford, "Death of Aneirin", p. 45.
- ↑ 'y gvr a rodei gan muv pob Sadarn yg kervyn eneint yn Talhaearn'. Trioedd Ynys Prydein, ed. and tr. Bromwich, Tríade 33W.
- ↑ Bromwich, Trioedd Ynys Prydein, p. 73
- ↑ Ford, "Death of Aneirin", p. 45.
- ↑ 9,0 9,1 Bromwich, Trioedd Ynys Prydein, p. 509.
- ↑ Trioedd Ynys Prydein, ed. Bromwich, Tríade 34 (C 18).
- ↑ Angar Kyfyndawt, ed. J. Gwenogvryn Evans, 19.4 (Cian), 20.4 (ieith Talhayarn), 21.16-7 (Talhayarn yssyd mwyhaf ysywedyd).
- ↑ Angar Kyfyndawt, ed. and tr. Higley, lines 68-72.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bromwich, Rachel (1978). Trioedd Ynys Prydein: The Welsh Triads. Cardiff: University of Wales Press.
- Angar Kyfyndawt, ed. Evans, John Gwenogvryn (1910). The Book of Taliesin. Llanbedrog. 2 vols. Series of Old Welsh texts 9. 19.1—23.8; ed. e tr. *Highly, Sarah Lynn (1993). Between Languages: The Uncooperative Text in Early Welsh and Old English Nature Poetry. Univ. Park, Pennsylvania: Pennsylvania State UP.
- Ford, P.K. (1987). "The Death of Aneirin". BBCS 34: 41–50.
- Koch, John T. (2006). "Five Poets, Memorandum of the". En John T. Koch. Celtic Culture. A Historical Encyclopedia. 5 volumes. Santa Barbara, Denver and Oxford: ABC Clio. pp. 750–752.
- Lewis, Ceri W. (1992). A.O.H. Jarman e Gwilym Rees Hughes, ed. "The Historical Background of Early Welsh Verse". A Guide to Welsh Literature (Cardiff: University of Wales Press) 1.
- Jarman, A.O.H. (1981). The Cynfeirdd: Early Welsh Poets and Poetry. Cardiff: University of Wales Press.
- Williams, Ifor (1980). Rachel Bromwich, ed. The Beginnings of Welsh Poetry: Studies. Cardiff: University of Wales Press (2nd ed.).
- Williams, Ifor (1944). Lectures on Early Welsh Poetry. Dublín.