Quirogaleidos
Quirogaleidos Cheirogaleidae | |||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cheirogaleus major | |||||||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||||||||||||||||||||||
|
A dos quirogaleidos (Cheirogaleidae) é unha familia de mamíferos da orde dos primates, e suborde dos estrepsirrinos, a única da superfamilia dos quirogaleoideos.[1]
É unha das cinco familias actuais de primates lemuriformes. Comprende varias especies coñecidas na bibliografía internacional como "lémures ananos". Como todos os outros lémures, os quirogaleidos viven exclusivamente na illa de Madagascar.
Antigamente as especies desta esta familia estaban encadradas na familia dos lemúridos (como subfamilia Cheirogaleinae), a aínda hoxe algúns autores manteñen esta opinión.[2][3]
Características
[editar | editar a fonte]Os quirogaleidos son máis pequenos que os outros lémures e, de feito, son os primates máis pequenos (a isto deben os seus nomes vulgares). A lonxitude da cabeza (que é máis aplanada que a dos lemúridos), e o tronco oscila entre os 13 e os 28 cm; a súa cola é moi longa, ás veces dunha lonxitude de até unha vez e media maior que a do resto do corpo. O seu peso non pasa dos 500 g, e algunhas especies tan só pesan uns 60 g.[2][4]
Teñen unha pelaxe suave, longa, de cor que vai da parda agrisada á avermellada nas partes superiores, co ventre xeralmente máis claro e brillante. Polo xeral, as súas orellas son pequenas, os ollos grandes, moi xuntos, e as patas traseiras longas. Como todos os estrepsirrinos, teñen finas garras no segundo dedo das patas traseiras. As femias teñen tres pares de mamas.[2][4]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Os quirogaleidos son nocturnos, solitarios e arbóreos. Son omnívoros, alimentándose principalmente de froitos, follas e flores, así como de insectos, arañas e vertebrados pequenos. Son excelentes agatuñadores e poden saltar longas distancias entre as ramas das árbores usando a súa cola como balancín.[2][4]
Na estación seca caen nun profundo sono (dormencia) análogo á hibernación dos mamíferos das rexións temperadas. Durante este período subsisten a base da graxa almacenada principalmente na cola.[2]
Despois dunha xestación duns 60 días, as femias paren de dous a catro crías (xeralmente dúas ou tres). Ao cabo de cinco ou seis semanas, as crías son destetadas, alcanza a madurez sexual cerca do final do seu primeiro ano de vida ou nalgún momento do seu segundo ano, dependendo da especie.
En catividade poden vivir até 15 anos, aínda que a súa esperanza de vida na natureza é probabelmente menor.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Tanto a superfamilia como a familia foron descritas en 1873 polo zoólogo inglés John Edward Gray, en Proc. Zool. Soc. Lond., 1872: 849.[1][3]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Segundo MSW, a superfamilia (e a familia) comprende cinco xéneros con 26 especies actualmente viventes:[1][3]
- Superfamilia Cheirogaleoidea
- Familia Cheirogaleidae
- Xénero Allocebus
- Xénero Cheirogaleus
- Xénero Microcebus
- Xénero Mirza
- Xénero Phaner
- Familia Cheirogaleidae
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quirogaleidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Quirogaleidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals: Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
- Martin, Robert D. (1984) en: Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. Nova York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 126–127.
- Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cheirogaleidae na ADW. Con ampla información, imaxes e bibliografía (en inglés).
- Cheirogaleidae na EOL. Con información, numerosas imaxes e un mapa de distribución (en inglés).