Populus
Chopos (xénero Populus) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Chopo negro | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
|
Os chopos[1][2] ou álamos[2][3] son especies arbóreas pertencentes ao xénero Populus. O xénero comporta unhas 40 especies de árbores e arboriñas das zonas temperadas e frías setentrionais. Aparecen no Cretáceo Inferior, mais é no Terciario cando acadan unha ampla representación. Pertencen á familia das salicáceas. En Galicia non son moi comúns as especies bravas, atopando, porén, moitos exemplares de chopos negros ou lamigueiros e chopos brancos en parques e xardíns urbanos e reforestacións á beira dos regos para produción de madeira. Nalgúns lugares téñense mesmo naturalizado.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Nome científico
[editar | editar a fonte]O nome do xénero: Populus, do que derivan a forma galega chopo, vén do latín: pōpŭlus, termo de orixe descoñecida, aínda que seguramente se refira ao pobo, evocando ás prazas públicas en tempos romanos, normalmente sombreadas con estas árbores[4].
Localización
[editar | editar a fonte]Atópanse en todas as rexións temperadas do hemisferio norte de onde son oriúndas e nas do hemisferio sur como plantas introducidas. Actualmente a súa área de dispersión inclúe América do Norte e Asia central.
Os híbridos desta especie están moi estendidos, sobre todo orientada ao seu potencial produtor de madeira.
Descrición
[editar | editar a fonte]Árbores ou arboriñas, de follas simples, alternas e caedizas, habitualmente anchas e de bordos enteiros, aserrados, dentados, lobulados ou festoneados. As xemas áchanse cubertas por escamas. O pecíolo é longo e glanduloso, con frecuencia aparece comprimido lateralmente, o que confire gran mobilidade á folla.
O froito ten forma de cápsula, lampiño, dehiscente , de cor verdosa que se torna parda ao madurar. Ceiba numerosas sementes miúdas arrodeadas dunha especie de flocos de cotón.
Son especies de luz e de temperamento robusto. Adoitan amosar grande avidez pola auga, polo que é frecuente encontralos á beira de regueiros superficiais ou delatando cursos subterráneos. De crecemento rápido, poden acadar grandes talles. As necesidades en canto a nutrientes son elevadas.
Especies
[editar | editar a fonte]* Populus sección Aegiros[5] – Chopos negros ou álamos negros América do Norte, Europa, Asia occidental; clima temperado
- Populus deltoides – Chopo de Carolina[2]
- Populus fremontii (Oeste de Norteamérica)
- Populus nigra – Chopo negro, lamigueiro ou álamo negro (Europa). Situado aquí polo ADN nuclear; o ADNcp colócao na sección Populus. Especie abundante na Península Ibérica. Plantado como ornamental e para uso forestal (non moi abondoso) en Galicia.
- Populus x canadensis – Chopo canadense[6]. Híbrido entre Populus nigra × Populus deltoides)
- Populus nigra 'Italica' – Chopo lombardo[2], cultivar do chopo negro seleccionado en Lombardía no século XVII e que se usa con motivos ornamentais.
- Populus sección Populus – Álamos tremedores e brancos. Clima subártico circumpolar e temperado frío, e montañas máis ao sur.
- Populus tremula – Álamo tremo ou álamo tremedor (Europa, Asia setentrional). Especie abundante na Península Ibérica.
- Populus adenopoda (Asia oriental)
- Populus alba – Chopo branco ou álamo branco (Dende a Europa meridional a Asia central). Especie abundante na Península Ibérica. De uso en xardinería en Galicia.
- Populus alba 'Bolleana' ou Populus alba var. pyramidalis Bunge– Chopo boleana, Chopo branco columnar ou piramidal. Oriúndo do Turkestán, moi utilizado como árbore ornamental na Europa temperada e mediterránea.
- Populus × canescens – Álamo cano[7] (segundo algúns autores híbrido entre o Populus alba e o Populus tremula).
- Populus davidiana (Asia oriental)
- Populus grandidentata (Norteamérica oriental)
- Populus sieboldii (Asia oriental)
- Populus tremuloides (Norteamérica)
- Populus sección Tacamahaca Norteamérica, Asia; clima temperado fresco.
- Populus angustifolia (Centro de Norteamérica)
- Populus balsamifera (= P. candicans, P. tacamahaca)
- Populus cathayana (Nordeste de Asia)
- Populus koreana J.Rehnder (Nordeste de Asia)
- Populus laurifolia (Asia central)
- Populus maximowiczii A.Henry (Nordeste de Asia)
- Populus simonii (Nordeste de Asia)
- Populus szechuanica (Nordeste de Asia). Situado aquí polo ADN nuclear; o ADNcp colócao na sección Aegiros.
- Populus trichocarpa (Oeste de Norteamérica)
- Populus tristis (Nordeste de Asia). Situado aquí polo ADN nuclear; o ADNcp colócao na sección Aegiros.
- Populus ussuriensis (Nordeste de Asia)
- Populus yunnanensis (Leste de Asia)
- Populus sección Leucoides Norteamérica oriental, Asia oriental; clima temperado
- Populus heterophylla (Sueste de Norteamérica)
- Populus lasiocarpa (Asia oriental)
- Populus wilsonii (Asia oriental)
- Populus sección Turanga – Chopos subtropicais. Suroeste de Asia, leste de África; clima subtropical a tropical
- Populus euphratica – Chopo do Éufrates (suroeste de Asia)
- Populus ilicifolia (Leste de África)
- Populus sección Abaso – Chopos mexicanos. México; clima subtropical a tropical
- Populus guzmanantlensis (México)
- Populus mexicana (México)
Usos - populicultura
[editar | editar a fonte]Cultivado en lameiros e estacións húmidas de auga movida e rica en nutrientes, é aproveitado especialmente en España polo seu rápido crecemento (baixo liñas de mellora xenética); presenta fustes longos e rectos, e adoita plantarse en formacións regulares chamadas en castelán: choperas (formación de chopos).
A madeira é de boa calidade malia ser unha especie de crecemento rápido: en bos solos chega a medrar máis de 20 m3/ha/ano. Se se seguiu un bo itinerario silvícola a madeira destínase a mobles de baixa densidade, costeiros e chapa; mais o seu uso máis salientábel é o da industria do taboleiro contrachapado. Se presenta unha diminución de calidade notábel e non satisfai a demanda do contrachapado, destínase á industria de trituración depreciándose así o prezo por metro cúbico.
Tamén pode mencionarse o uso para caixas de madeira típicas da froita e como soporte de lenzos na pintura, como por exemplo na Mona Lisa.
Son tamén apreciados coma árbores de sombra en parques e paseos.
Son utilizados no sur da Arxentina como cortinas forestais cortaventos.[8]
Un dos usos máis interesantes das árbores pertencentes a este xénero é o seu uso en fitorremediación, tanto usando directamente a planta como a partir dela, conseguindo, mediante biotecnoloxía, replicar a súa capacidade para acumular xenobióticos noutras especies.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chopo.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Nome común do xénero en Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 908. ISBN 84-95335-46-8
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para álamo.
- ↑ http://lema.rae.es/drae/?val=chopo
- ↑ Nota: a forma de escribirse é controvertida; algunhas fontes usan Aegiros, outras usan Aigeiros
- ↑ Nome vulgar galego en Vocabulario forestal, Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo, 2012
- ↑ Nome vulgar galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
- ↑ Dr. Pablo Peri. Universidad Nacional Patagonia Austral. http://www.inta.gov.ar/santacruz Arquivado 28 de novembro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Víctor Campos: Fitorremediación de contaminantes persistentes: una aproximación biotecnológica utilizando chopo (Populus Spp.)como sistema modelo. Artigo de Pablo Lobato Villagrá en Ciencinante http://ciencinante.wordpress.com/2011/11/07/fitorremediacion
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Populus |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Santacruz Arquivado 28 de novembro de 2011 en Wayback Machine. en inta.gov.ar
- Populicultura