Saltar ao contido

Nacho Novo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNacho Novo

(2009) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento26 de marzo de 1979 Editar o valor en Wikidata (45 anos)
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Outros nomesNacho Novo Editar o valor en Wikidata
Altura175 cm Editar o valor en Wikidata
Peso69 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1997 Editar o valor en Wikidata - 2017 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro e centrocampista Editar o valor en Wikidata
Número deportivo9 Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1997–1998   Racing de Ferrol
1998–1999   UD Somozas 35(16)
1999–2001 Sociedad Deportiva Huesca 38(22)
2001–2002 Raith Rovers Football Club 33(18)
2002–2004 Dundee F.C. 71(26)
2004–2010 Rangers F.C. 179(47)
2010–2012   Sporting de Gijón 71(7)
2012–2012 Legia Warsaw 11(0)
2012–2012 Legia Warszawa 11(0)
2012–2013 Sociedad Deportiva Huesca 34(6)
2013–2013 Greenock Morton Football Club 8(1)
2014–2014 Carlisle United Football Club 6(0)
2014–2016 North Carolina FC 33(14)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2008–   Galicia 1(2)
Familia
PaiRicardo Gómez Varela Editar o valor en Wikidata

Twitter: nnovo1010 Editar o valor en Wikidata

Ignacio Javier Gómez Novo, máis coñecido por Nacho Novo, nado en Ferrol o 26 de marzo de 1979, é un exfutbolista galego, que xogaba de dianteiro.

Fillo do futbolista Richard Gómez, formouse na canteira do Racing de Ferrol, club no que tamén xogara seu pai, e tras pasar polo Somozas e o Huesca, emigrou para probar sorte no fútbol escocés, xogando primeiro no Raith Rovers e no Dundee FC, e finalmente nun dos dous equipos máis importantes da liga escocesa, o Rangers. Os seus 255 partidos e 73 goles co equipo de Glasgow convertérono nunha lenda do club, co que gañou 8 títulos, entre eles tres ligas, e co que tivo varias participacións na Liga de Campións e na Copa da UEFA. Despois de seis tempadas en Ibrox fichou polo Sporting de Gijón, co que debutou na Primeira división española. Nos seguintes anos xogou tamén en clubs de Polonia, Irlanda do Norte, Inglaterra e os Estados Unidos.

É irmán da ex xogadora de baloncesto Arantxa Novo, que militou entre outros no Ensino e no IDK Gipuzkoa.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en Ferrol o 26 de marzo de 1979, sendo fillo do futbolista Richard Gómez e da xogadora de balonmán Isabel Novo.[2] Ao pouco de nacer trasladouse coa súa familia a Sevilla, onde viviu un tempo, despois de que seu pai fose traspasado do Racing de Ferrol ao Betis.[3]

Racing de Ferrol e Somozas

[editar | editar a fonte]

De regreso en Ferrol, formouse nas categorías inferiores do Racing, e o 29 de marzo de 1998, sendo aínda xuvenil, debutou co primeiro equipo na Segunda División B, disputando os instantes finais dun partido contra o Fuenlabrada na Malata, onde substituíu a Javi Prendes.[4] Foi a súa única actuación co equipo verde, pasando a seguinte tempada no Somozas, que naquel entón era filial racinguista.

Huesca (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En 1999 fichou pola SD Huesca, da Terceira División, onde militou dúas tempadas, xogando dúas fases de ascenso a Segunda B e logrando o ascenso na 2000/01.

Raith Rovers

[editar | editar a fonte]

No ano 2001 emigrou a Escocia, onde fichou nun principio polo Raith Rovers de Kirkcaldy, en Fife, equipo da First Division, a segunda categoría do fútbol escocés.[5] Debutou nun partido ante o Airdrieonians o 4 de agosto e tres días despois marcou os seus primeiros dous goles, nun encontro fronte ao East Fife correspondente á Challenge Cup, no que marcou o primeiro e o terceiro gol do Raith, culminando a remontada do seu equipo despois de ir perdendo por 2-0.[6] A pesar do descenso do equipo, Novo foi un dos máximos goleadores da liga e rematou o seu primeiro ano no fútbol escocés cun total de 22 goles en 38 partidos.

As súas boas cifras goleadoras atraeron a atención do Dundee, da Scottish Premier League, que o fichou en xullo de 2002.[7] Disputou o seu primeiro partido na máxima categoría escocesa o 3 de agosto dese ano, nun empate a dous goles ante o Heart of Midlothian. Dúas semanas despois anotou dous goles contra o Dunfermline Athletic, antes de ser expulsado nos minutos finais.[8] Marcou sete tantos máis durante a tempada, rematando cun total de nove.

Na tempada 2003/04 incrementou a súa conta goleadora, convertendo un total de 25 goles, 19 deles na liga, competición da que foi o segundo máximo anotador só por detrás do sueco Henrik Larsson.[9] Ademais marcou os seus primeiros catro goles na Copa da UEFA, ante o Vllaznia kosovar e o Perugia italiano.[10]

Tempada 2004/05

[editar | editar a fonte]

O seu rendemento no Dundee fixo que se interesasen por el varios equipos, entre eles os dous principais clubs de Escocia, o Celtic e o Rangers,[11] sendo este último o que conseguiu finalmente a súa fichaxe.[12] Asinou contrato o 6 de xullo de 2004 e recibiu o dorsal número 10, que acababa de deixar libre Michael Mols. Debutou nun partido de liga ante o Aberdeen, o 7 de agosto, e marcou o seu primeiro tanto no seguinte encontro, no seu debut na Liga de Campións fronte ao CSKA de Moscova no estadio Lokomotiv.[13] Tras este gol inicial, non conseguiu ver porta nos seguintes oito partidos, e acabou por perder a titularidade. Con todo, regresou aos onces iniciais despois de marcar dous goles en dous minutos contra o seu exequipo, o Dundee, na xornada 11.[14]

A continuación, formou unha efectiva dupla goleadora con Dado Pršo, e completou a tempada como o terceiro máximo goleador da liga, con 19 tantos. Entre eles marcou o único gol na vitoria por 1-0 sobre o Hibernian de Edimburgo, co que o Rangers conseguiu o título de liga.[15] Gañou ademais a Copa da Liga, marcando dous tantos na goleada por 7-1 das semifinais contra o Dundee United e un máis na final ante o Motherwell (5-1). Completou a tempada cun total de 25 goles entre tódalas competicións.

Tempada 2005/06

[editar | editar a fonte]

Comezou como titular a tempada 2005/06 ata que rompeu o quinto metatarsiano do seu pé esquerdo, polo que permaneceu de baixa durante varios meses.[16] Ao seu regreso aos terreos de xogo, non foi quen de ver porta nos 20 partidos que disputou, sendo utilizado máis como extremo que como dianteiro, debido ao bo estado de forma de Kris Boyd.

Tempada 2006/07

[editar | editar a fonte]

Coa marcha do adestrador Alex McLeish e a chegada do francés Paul Le Guen, o futuro do futbolista parecía lonxe de Ibrox, pero permaneceu no equipo ao fracasar no último día de mercado as negociacións co Coventry City inglés.[17] Aínda que dispuxo de poucos minutos na parte inicial da tempada, acabou cun bo rendemento e con nove goles, catro deles na Copa da UEFA, competición na que o seu equipo chegou ata os oitavos de final, caendo ante Osasuna.[18]

Tempada 2007/08

[editar | editar a fonte]

A contratación de novos dianteiros na tempada 2007/08 aumentou a competencia no equipo por un posto no ataque, polo que Novo comezou a maioría de encontros dende o banco. O 20 de outubro de 2007, no primeiro derbi do Old Firm da tempada, marcou dous dos tres goles do seu equipo, que derrotou por 3-0 ao Celtic.[19] Nas semifinais da Copa de Escocia ante o St. Johnstone, marcou na prórroga o gol co que o Rangers forzou a quenda de penaltis. Ademais anotou o seu lanzamento dende os once metros, contribuíndo á clasificación para a final. Con todo, dúas expulsións en dous partidos de liga impedíronlle disputar tanto esa final como a da Copa da Liga,[20][21] das que o seu equipo se proclamou campión. Ademais, na Copa da UEFA marcou o gol que meteu o seu equipo nos oitavos de final, e tamén o lanzamento decisivo na quenda de penaltis das semifinais contra a Fiorentina, clasificando ao Rangers para a final por primeira vez na súa historia.[22][23] Disputou a final no City of Manchester Stadium contra o Zenit, entrando no minuto 77 por Saša Papac, pero non puido levantar o título, que foi para o equipo ruso por 2-0.[24]

Tempada 2008/09

[editar | editar a fonte]
Nacho Novo xogando co Rangers un partido da Copa Emirates contra o Paris Saint-Germain en 2009.

Na seguinte campaña disputou a final da Copa de Escocia contra o Falkirk, saltando á herba de Hampden Park na segunda parte como substituto de Kris Boyd e marcando o gol da vitoria só 28 segundos despois (1-0).[25] Con este gol, o Rangers culminou unha tempada con dous títulos, despois de gañar a liga por diante do Celtic, con 5 goles de Novo.[26]

Tempada 2009/10

[editar | editar a fonte]

A tempada 2009/10 foi a última do futbolista galego no Rangers. Despois de disputar como titular a final da Copa da Liga, gañando o título ante o St. Mirren,[27] xogou o seu último encontro co equipo o 9 de maio de 2010, un empate 3-3 contra o Motherwell no que levantou o seu terceiro título de liga.[28]

Sporting de Gijón

[editar | editar a fonte]

En maio de 2010 confirmouse a súa fichaxe polo Sporting de Gijón. Co equipo de Manuel Preciado debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 2010/11, entrando como substituto de Carmelo nunha derrota por 4-0 ante o Atlético de Madrid no Vicente Calderón.[29] Marcou o seu primeiro gol contra o Almería, e rematou a súa primeira tempada con 30 partidos (15 deles como titular) e 4 tantos. Disputou 11 partidos na seguinte campaña, nos que marcou 3 goles, e en febreiro deixou o equipo poñendo rumbo a Polonia, onde fichou polo Legia Warszawa. A súa marcha provocou un enfrontamento co adestrador Javier Clemente, e ámbolos dous realizaron acusacións cruzadas nos seguintes días.[30][31][32]

Legia Warszawa

[editar | editar a fonte]

Co equipo de Varsovia disputou 11 partidos da Ekstraklasa, rematando terceiro por detrás do Śląsk Wrocław e do Ruch Chorzów. Ademais xogou catro partidos máis na Copa de Polonia, e marcou un gol nas semifinais contra o Arka Gdynia, contribuíndo á clasificación do equipo para a final. Unha sanción deixouno outra vez sen poder disputar unha final na que o seu equipo se proclamou campión.[33]

Huesca (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Só militou no equipo polaco un ano, para volver á Liga española e fichar en xullo de 2012 de novo polo Huesca, 11 anos despois da súa marcha, e co equipo desta vez na Segunda División.[34][35] Disputou 34 partidos co club, 22 deles como titular, e marcou 6 goles. O conxunto aragonés acabou descendendo despois dunha mala campaña que iniciou o adestrador Antonio Calderón, ata que foi despedido e substituído por Jorge D'Alessandro, que tampouco conseguiu endereitar o rumbo do equipo.[36]

Greenock Morton

[editar | editar a fonte]

Tralo descenso do Huesca, regresou a Escocia, onde fichou en outubro de 2013 polo Greenock Morton, equipo do Campionato de Escocia, nova segunda categoría do fútbol do país.[37] Disputou un total de 10 partidos co club de Greenock e marcou un gol ante o Raith Rovers, o seu antigo equipo. Co equipo na última posición da táboa, o seu contrato foi rescindido en decembro, só dous meses e medio despois da súa chegada.[38]

Carlisle United

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2014 fichou polo Carlisle United de Cumbria ata final de tempada. Con este equipo debutou no fútbol inglés, concretamente no Football League Championship, terceira categoría, nunha derrota por 1-2 ante o Rotherham United.[39] Disputou un total de seis partidos co equipo, só un deles como titular, e acabou descendendo.

Carolina RailHawks

[editar | editar a fonte]

No verán de 2014 marchou aos Estados Unidos, onde fichou polos Carolina RailHawks, da segunda categoría do fútbol estadounidense, a North American Soccer League. Debutou nun partido do Campionato de Outono fronte ao New York Cosmos e rematou dito campionato con 3 goles en 6 partidos. Xa na tempada 2015, foi o máximo goleador do equipo tanto no Campionato de Primavera como no de Outono, e rematou a tempada como o terceiro máximo goleador da liga, só por detrás do brasileiro Stefano Pinho e do estadounidense Christian Ramirez.[40]

Glentoran

[editar | editar a fonte]

No verán de 2016 instalouse en Irlanda do Norte para xogar no Glentoran FC de Belfast, co que disputou a tempada 2016/17 da NIFL Premiership.[41] Debutou nun partido ante o Dungannon Swifts e marcou o seu primeiro gol contra o Cliftonville. Na parte final da competición recibiu unha sanción de seis partidos por lle dar unha cabezada a Declan Cadell, xogador do Crusaders.[42] Rematou a tempada con 4 goles en 28 partidos e a continuación colgou as botas.

Selección galega

[editar | editar a fonte]

En 2005, co regreso da selección galega despois de décadas de inactividade, foi convocado para a disputa do partido inaugural contra o Uruguai, pero non puido acudir por problemas de calendario coa competición escocesa. Esta circunstancia repetiuse nos dous anos seguintes, nos partidos que enfrontaron a Galicia contra Ecuador e o Camerún.[43] No ano 2008 debutou en Riazor coa camisola da selección nacional fronte a Irán, marcando dous dos tres goles galegos (3-2). Só unhas horas antes xogara co Rangers o derbi do Old Firm fronte ao Celtic, collendo a continuación un voo chárter para poder disputar o partido na Coruña.[44][45]

En outubro de 2008, a prensa británica comezou a falar da posibilidade de que o xogador puidese ser convocado pola selección escocesa se se nacionalizase escocés, dado que xa cumpría os requisitos.[46] Isto abriu un debate no fútbol escocés, respecto a se era ou non desexable que vestise a camiseta do país un futbolista sen ascendencia escocesa.[47] Con todo, a Asociación Escocesa de Fútbol puxo fin ao debate ao confirmar que os catro países do Reino Unido continuarían seleccionando só xogadores con ascendencia do propio país.[47]

Trala retirada

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada abriu un bar en Glasgow chamado NN10.[48] En xaneiro de 2018, tras xogar un partido co equipo de lendas do Rangers nun torneo amigable en Berlín, sufriu un infarto, sendo intervido nun hospital.[49][50] Dous anos e medio despois, anunciouse que regresaba aos terreos de xogo, fichando polo Biggleswade United, da Spartan South Midlands League, novena división do fútbol inglés.[51] Con todo, disputou só un partido co equipo de Biggleswade, nunha vitoria sobre o Woodbridge Town correspondente á FA Cup, que se decidiu na quenda de penaltis.[52]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

En 2014 foi incluído no Salón da Fama do Rangers.[53]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Nacido nunha familia de deportistas, seu pai é o exfutbolista Richard Gómez, que xogou entre outros no Racing de Ferrol e no Betis, e súa nai era a xogadora de balonmán Isabel Novo.[2] Tralo falecemento de súa nai, Nacho acostumaba a celebrar os goles cunha dedicatoria para ela sinalando unha tatuaxe no seu brazo, o que lle supuxo un cartón vermello nun partido co Huesca, ao entender o árbitro que estaba insultando á afección rival.[54] A irmá de Nacho, Arantxa, foi xogadora profesional de baloncesto e militou entre outros no Ensino e no IDK Gipuzkoa,[1] ademais de gañar unha medalla de bronce nos Xogos Europeos de 2015 en Bakú, na modalidade de 3x3.[55]

En 2004, mentres xogaba en Escocia, coñeceu á escocesa Donna Clark,[56] coa que tivo un fillo, Javier, e coa que casou en 2015, nunha voda na que actuou como pastor o seu excompañeiro no Rangers, Marvin Andrews.[57]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Rangers
Legia Warsaw
  1. 1,0 1,1 De Dios, Marta (2 de novembro de 2018). "Arantxa Novo: Opositora, madre y base en la élite del baloncesto". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  2. 2,0 2,1 Cima, J. E. (24 de novembro de 2010). "Encuentro a balón parado" (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  3. Rosety, M. (8 de xaneiro de 2012). "El precedente bético de Novo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de xaneiro de 2018. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  4. "Festival goleador del Racing". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 30 de marzo de 1998. p. 29. 
  5. "Raith's summer ins and outs". BBC (en inglés). 4 de agosto de 2001. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  6. "East Fife 2-3 Raith Rovers". BBC (en inglés). 7 de agosto de 2001. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  7. "Dundee sign Novo". BBC (en inglés). 4 de xullo de 2002. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  8. "Crawford dumps Dundee". BBC (en inglés). 17 de agosto de 2002. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  9. "Máximos goleadores da Scottish Premier League 2003/04". scotprem.premiumtv.co.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 5 de febreiro de 2008. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  10. "Heartache for Dundee". BBC (en inglés). 24 de setembro de 2003. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  11. "Celtic make Novo inquiry". BBC (en inglés). 15 de xuño de 2004. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  12. "Rangers sign Novo". BBC. 6 de xullo de 2004. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  13. "CSKA Moscow 2-1 Rangers". BBC (en inglés). 10 de agosto de 2004. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  14. "Dundee 0-2 Rangers". BBC (en inglés). 26 de setembro de 2004. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  15. "Hibernian 0-1 Rangers". BBC (en inglés). 22 de maio de 2005. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  16. "Novo could be out for two months". BBC (en inglés). 26 de setembro de 2005. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  17. "No go for Novo move to Coventry". BBC (en inglés). 31 de agosto de 2006. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  18. Soto, Víctor (15 de marzo de 2007). "Osasuna se pasea ante el Rangers". El País (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  19. McGuigan, Thomas (20 de outubro de 2007). "Rangers 3-0 Celtic". BBC (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  20. "Novo misses final after red card". BBC (en inglés). 10 de marzo de 2008. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  21. "Suspended Rangers striker Novo to miss Scottish Cup Final" (en inglés). 23 de maio de 2008. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  22. Lisa, Gray (2 de maio de 2008). "Fiorentina 0 Rangers 0 (aet; Rangers win 4–2 on pens): Novo holds nerve to shoot 10-man Rangers into final" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2022. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  23. "Fiorentina 0-0 Rangers". UEFA (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  24. "Zenit 2-0 Rangers". UEFA (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  25. Moffat, Colin (30 de maio de 2009). "Rangers 1-0 Falkirk". BBC (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  26. "Novo da el doblete al Rangers". Marca (en castelán). 30 de maio de 2009. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  27. Campbell, Andy (21 de marzo de 2010). "St Mirren 0 - 1 Rangers". BBC (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  28. Lindsay, Clive (9 de maio de 2010). "Rangers 3 - 3 Motherwell". BBC (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  29. "Atlético de Madrid 4-0 Sporting de Gijón". infoatleti.es (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  30. "Clemente: "Nacho Novo se ha ido porque estaba cagado de miedo"". RTVE (en castelán). 17 de febreiro de 2012. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  31. "Javier Clemente dice que Nacho Novo "miente"". As (en castelán). 22 de febreiro de 2012. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  32. Ruiz, David (22 de febreiro de 2012). "Novo: "Clemente no me dijo a la cara nada de ser un cagón"". Marca (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  33. "Nacho Novo gana la Copa". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  34. "Novo regresa al Huesca 13 años después". Marca (en castelán). 15 de xullo de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  35. "Nacho Novo ficha por el Huesca". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  36. "Jorge D'Alessandro es el nuevo entrenador del Huesca". As (en castelán). 26 de decembro de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  37. "Nacho Novo agrees deal with Morton until January". BBC (en castelán). 10 de outubro de 2013. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  38. "Nacho Novo and Mark McLaughlin are released by Morton". BBC (en inglés). 24 de decembro de 2013. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  39. "Carlisle United 1-2 Rotherham United". ESPN (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  40. "Individual Stats". nasl.com (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  41. "Former Rangers striker Nacho Novo joins Glentoran" (en inglés). 26 de xullo de 2016. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  42. "La surrealista historia de la última expulsión de Novo" (en castelán). 17 de xaneiro de 2017. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  43. "Galicia pretende celebrar su fiesta del fútbol con otro éxito deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de decembro de 2007. p. 31. 
  44. "Os Rangers poderían poñer a Nacho Novo no escaparate en xaneiro". Vieiros. 30 de decembro de 2008. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  45. Mallo, Xosé Manuel (28 de decembro de 2008). "Galiza acada a maioría de idade". Faro de Vigo. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  46. "Scots would welcome Novo switch". BBC (en inglés). 24 de outubro de 2008. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  47. 47,0 47,1 "Deal ends Novo's Scotland hopes". BBC (en inglés). 31 de outubro de 2008. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  48. Morrow, Daniel (21 de febreiro de 2020). "Rangers legend Nacho Novo quits Glasgow bar NN10 and plans return to football". Daily Record (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  49. "Nacho Novo sufre un ataque al corazón tras disputar un partido de veteranos". Marca (en castelán). 7 de xnaeiro de 2018. Consultado o 18 de outubro de 2021. 
  50. Alonso, Paulo (24 de xuño de 2019). "Nacho Novo: «Tras el infarto, yo pude volver a jugar al fútbol como aficionado»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2021. 
  51. "Nacho Novo relaunches career aged 41 as Rangers hero joins Guillem Balagué's Biggleswade United" (en inglés). 29 de agosto de 2020. Consultado o 18 de outubro de 2021. 
  52. "Woodbridge Town 2-2 Biggleswade United". fulltime.thefa.com (en inglés). 1 de setembro de 2020. Consultado o 5 de xullo de 2022. 
  53. "Chío do Rangers FC". Twitter (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  54. "Novo fue expulsado por dedicar el gol a su madre fallecida". Marca (en castelán). 20 de novembro de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  55. "Bronce para la ferrolana Arantxa Novo en el baloncesto 3x3 de los Juegos Europeos de Bakú". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xuño de 2015. Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  56. Smith, Thomas (16 de outubro de 2005). "YESO NOVO; Rangers Spanish star Nacho to wed Scots beauty Donna And yes, he will be wearing a kilt on the big wedding day.". Sunday Mirror (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2022. 
  57. Hind, Sally (6 de marzo de 2015). "Nacho Novo text fling: Wife of ex-Rangers star Nacho Novo reveals how footballer's guilt over flirty texts to Celtic fan sparked whirlwind wedding". Daily Record (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]