Saltar ao contido

Masacre de Sharpeville

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O masacre de Sharpeville tivo lugar o 21 de marzo de 1960, na localidade de Sharpeville, Transvaal, actual provincia de Gauteng, Suráfrica; a uns 8 km da cidade de Vereeniging, cando a policía abriu fogo contra unha manifestación pacífica que protestaba contra o apartheid.[1]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Tras ganar o Partido Nacionalista Unificado (de ideoloxía afrikáner ultraconservadora), liderado por Daniel François Malan, as eleccións celebradas en 1948 na Unión Surafricana (desde 1961, República de Suráfrica), adoptouse unha política de segregación racial, deseñada para regular a vida da maioritaria poboación negra e manter o dominio da minoría branca. A lexislación aprobada regulaba onde podían vivir e traballar os negros e impoñía numerosas restricións ao exercicio das liberdades civís.

Durante a década de 1950 arreciaron as protestas contra o réxime de apartheid. O Congreso Nacional Africano (ANC) e o Congreso Panafricano (PAC, creado en 1958) canalizaron o movemento de protesta. A comezos de 1960 o PAC fixo un chamamento nacional para protestar contra as Pass Laws (lei de pases), que controlaban os desprazamentos da poboación negra en zonas tanto urbanas como rurais de Suráfrica.

O 21 de marzo de 1960 a policía abriu fogo contra unha manifestación antigobernamental en Sharpeville, na Transvaal meridional, acto que tivo como consecuencia a morte de 69 persoas negras, entre elas mulleres e nenos, e outras 180 foron feridas. O 30 de marzo de 1960 o goberno declarou o estado de emerxencia e foron detidas 11.727 persoas. O ANC e o PAC foron prohibidos e os seus membros obrigados a pasar á clandestinidade ou a exiliarse.

Desde ese momento ambas formacións abandonaron a tradicional estratexia de protesta non violenta e iniciaron unha incesante loita armada. Á matanza de Sharpeville sucedeu unha vaga de protestas en todo o mundo, incluída a condena das Nacións Unidas (ONU).

Repercusións

[editar | editar a fonte]

Sharpeville supuxo un punto de inflexión na historia surafricana desde a posguerra, xa que durante os 30 anos seguintes o país encontraríase cada vez máis illado por parte da comunidade internacional.

En recordo do masacre, o 26 de outubro de 1966 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas na Resolución 2142 (XXI) proclamou o 21 de marzo Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]