Literatura exipcia
A literatura exipcia considérase xa consolidada no Imperio Antigo, a comezos do III Milenio. Os primeiros textos son os das pirámides e as mastabas e consisten en fórmulas funerarias (himnos, rituais, frases máxicas) referidas ás imaxes que decoran as paredes. Hai textos médicos (diagnósticos coas súas curas) e biográficos, como a biografía de Uni. Os textos literarios exipcios son en xeral moi breves en extensión.
Imperio Antigo (2778-2250)
[editar | editar a fonte]O primeiro documento literario propiamente dito pertence á literatura sapiencial (xénero moi grato aos exipcios). É a Sabedoría de Ptahotep, unha defensa da modestia e a xustiza, o gosto pola vida sinxela e tranquila inzada de máximas e dirixida á alta sociedade, consellos didácticos e reflexións morais con mesmo alusións polémicas ao poder político e ao que denomina a súa "xerarquía paternalista". Data da VI dinastía (arredor do ano 2300 a.C.). Outros destes textos son os de Imhotep e Hardedef, mesmo un atribuído ao fillo do faraón Kheops.
Un subxénero de tipo político que aparece máis tarde é o dos consellos para o bo goberno. Destacan o Ensinamento par Merikare, da X dinastía, que é lúcido e escéptico, e o Ensinanzas para Amenemhat I, texto apócrifo escrito após a morte deste faraón (asasinado no 1972 a.C.), máis íntimo e submiso.
Imperio Medio (2160-1580)
[editar | editar a fonte]Atópanse sobre todo dous tipos de textos: os políticos e os narrativos. Entre os primeiros, un texto "profético" de Neferty con ocasión da ascensión ao trono de Amenemhet I, fundador da XII dinastía, e Instrución de Amenemhet I ao fillo Sesostris I, obra de Khety que sintetiza a amarga experiencia dun mundo no que quen fai o ben non recolle o ben. Khety tamén escribiu unha Sátira dos oficios, eloxio dos escribas e sátira das demais profesións.
Na narrativa, a brillante Historia de Sinuhé, todo un clásico. Nela, o protagonista foxe a Siria á morte de Amenemhet I. O Relato dun náufrago está cheo de elementos fantásticos. No Diálogo do suicida coa súa alma prodúcese un debate filosófico de ton melancólico. No Conto do campesiño litigante pídenlle xustiza ao visir nove veces consecutivas, utilizando cada vez fórmulas e argumentos diferentes que divirten extraordinariamente ao señor. As Narracións do papiro Westcar son unha colección de historias marabillosas do pasado, contadas por quenda polos príncipes en presenza de Kheops. A narrativa deste período usa unha linguaxe florida e exquisita e ten certa debilidade polas expresións raras e os desenlaces sorprendentes.
Imperio Novo (1580-950)
[editar | editar a fonte]Durante o reinado da XVIII dinastía a literatura decaeu e centrouse en textos cortesáns e de tipo sapiencial e relixioso. Destacan, no primeiro grupo, os Praceres da caza, o Faraón deportista e os contos de Kheops e os magos, e no segundo, a instrución do Sacerdote de Ptahotep, os himnos a Amón e a Atón. O ensino de Any ten carácter moral.
O período correspondente ás dinastías XIX e XX (que comeza con Horemheb e está marcado polos ramésidas) viu certa apertura nas relacións sociais, unha maior difusión da escrita e maiores contactos coas culturas asiáticas. Este é o segundo gran período da literatura exipcia. Apareceron novos xéneros literarios e novas formas expresivas. Comeza a se manifestar un espírito enciclopédico, que promove a recollida e catalogación de misceláneas literarias nas que se inclúen cartas, cantos e breves exhortacións. No Panfleto de Hori un escriba búrlase doutro facéndolle preguntas capciosas que poñen en evidencia a ignorancia deste. As narracións máis destacadas son a Disputa entre Horus e Seth, na que os dous irmás aspiran a gobernar Exipto e o segundo representa os derrotados hicsos, As dúas irmás, sobre as desventuras dunha muller que recorda a Xosé e a muller de Putifar, Verdade e mentira, que prefigura algúns elementos das Mil e unha noites e O príncipe predestinado, de carácter erótico. con efecto, áchanse moitos textos de carácter amoroso, algúns ternos e delicados, idílicos, e sempre sensuais.
Época tardía (950-332)
[editar | editar a fonte]Un dos textos máis célebres é a Viaxe de Unamon, sobre un funcionario tebano enviado ao Líbano. Rexorden as "sabedorías" (agora escritas en demótico), como O ensino de Amenemopes, que conta con 30 capítulos. Un xénero novo son os recitados agrupados en ciclos inspirados na nostalxia polo glorioso pasado. Estes recitados xiran arredor de dous heroes arquetípicos: Khamuas, fillo de Ramsés II e o faraón Pedubast; o primeiro é un excelente escritor e o segundo o valente defensor de Exipto. Prodúcense igualmente textos relixiosos, rituais e funerarios, así como representacións teatrais sagradas e biografías e autobiografías laudatorias.
O declive da literatura exipcia prodúcese coincidindo coa escisión entre demótico e hierático. O primeiro pretende usar a lingua popular e ten como referencia os feitos da actualidade; o segundo recorre a formas arcaizantes e pretende facer revivir o pasado.