Saltar ao contido

Independentismo galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelao foi un dos principais defensores do dereito de autodeterminación de Galiza no século XX.

O independentismo galego é un movemento político e social dentro do nacionalismo galego que avoga pola independencia política de Galiza respecto de España, e a súa conversión nun estado independente e soberano, así como a anexión daqueles territorios galegofalantes baixo a administración de Castela e León e Asturias,[1] a coñecida como Galiza estremeira (As Portelas, O Bierzo e Terra Eo-Navia).[2][3][4]

Os comezos do separatismo popular en Galiza poden remontarse aos anos 20 e 30 do século XX, case un século despois da disolución do Reino de Galiza no ano 1833, momento no que se produciu un forte proceso de centralismo español[5] no cal Galiza perdeu todas as atribucións políticas, económicas, militares e diplomáticas, e España iniciou unha burocracia centralizada e a procura da homoxeneización xurídica, lingüística e cultural. Unha das primeiras organizacións independentistas galegas foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego, fundado por Fuco Gómez en Cuba no ano 1921. No ano 1931, Antón Alonso Ríos proclamou a República Galega como unha reacción ao malestar xerado polo caciquismo e mais pola paralización das obras do ferrocarril. A proclama quedou sen efectos reais e só durou unhas horas xa que o goberno central da Segunda República Española retomou a obra do ferrocarril, evitando que a insurrección se expandise.[6] Logo da guerra civil española, a ditadura de Francisco Franco acabou cos movementos autonomistas, galeguistas e de esquerdas galegos. Trala morte de Franco en 1975, os partidos políticos galegos e o nacionalismo galego maioritario concentráronse en recuperar a autonomía máis que na independencia.

No Parlamento de Galiza non existen partidos que apoien explicitamente a independencia, aínda que dentro do Bloque Nacionalista Galego existen partidarios desta opción,[7] e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, é independentista.[8] Entre as organizacións independentistas máis destacadas están Causa Galiza[9] e a Frente Popular Galega,[10] logo da disolución de Nós-Unidade Popular.[11]

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]

A demanda de independencia galega baséase na idea de que Galiza, como unha nación cunha cultura, lingua e identidade diferentes ás de Castela e o resto do Estado español debe adquirir o status de estado que lle permita desenvolver unha política propia plena, co fin de salvagardar a súa identidade nacional, cultura, sociedade e intereses económicos propios.

O movemento pola independencia de Galiza é na actualidade moi diverso e abrangue amplos sectores, desde aqueles que formulan un avance gradual cara a independencia a través dunha progresiva recuperación do Goberno, ata os que consideran urxente a inmediata conversión de Galiza nun estado soberano e independente.[12] En 1981, coa instauración da Xunta de Galiza —órgano de goberno que toma o nome tradicional das xuntas formadas durante as invasións napoleónicas e alicerzando a súa lexitimidade no plebiscitado Estatuto de 1936 , o Estado español cedeu parte dos seus poderes lexislativos, respondendo así o gran pulo do autonomismo galego da transición española. Xunto coa creación dun parlamento democrático e o establecemento dun executivo galego con poderes administrativos, o goberno de Galiza logrou acadar amplas cotas de poder autónomo, pero limitado ao marco da Constitución española de 1978 que establece a indisoluble unidad de la nación española, imposibilitando por tanto a lexislación española, o dereito de autodeterminación de calquera dos territorios do Estado español. O independentismo galego, con todo, considera que a Xunta de Galiza e o executivo galego, deben ser tan só un estado intermedio na transición cara a un estado-nación galego plenamente libre e soberano.

Galiza é unha nación, e ningún antifeixista pode negarlle o direito de autodeterminación.

Comezos do independentismo

[editar | editar a fonte]
Insignia da Sociedade Nazonalista Pondal, 1929.

No ano 1843, dez anos despois da abolición do Reino de Galiza e dos demais antigos reinos da Monarquía Hispánica para crear un Estado centralizado, celebrouse en Lugo unha Asemblea para estudar a reorganización de Galiza con respecto á oposición existente contra da rexencia de Baldomero Espartero. Nela, Antolín Faraldo propuxo debater a independencia de Galiza. A súa proposta non chegou a ser considerada por un só voto.[13][14]

A primeira concreción política organizada foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego de Fuco Gómez fundado na Cuba dos anos 1920,[15] mais durante a II República Española non tivo apenas relevancia. Tamén na Arxentina houbo unha asociación independentista chamada Sociedade Nazonalista Pondal, activa sobre todo nos anos 30.[16]

Tamén na Galiza existiu algún movemento independentista nos anos 30, como foi o caso da Vangarda Nazonalista Galega.

Primeira República Galega

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Primeira República Galega.

O 27 de xuño de 1931, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da II República Española, Galiza declarou a súa independencia e foi proclamada a Primeira República Galega.[17][18][19][20] Así a todo, o gobernador civil da provincia de Ourense e o Ministro da Gobernación Miguel Maura negaron oficialmente ante a prensa que se producise a devandita proclamación.[21][22][23][24] Ese 27 de xuño de 1931, Alonso Ríos é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega[25] A república durou unhas horas e o contexto no que se enmarca esta declaración foi tenso, coa recente vitoria republicana e a fuxida do rei español Afonso XIII. Así, a declaración dun Estado Galego veu propiciada por un ambiente de malestar xerado polo caciquismo imperante e mais pola paralización das obras do ferrocarril,[14] deixando sen traballo a 12.000 obreiros. Con todo e iso, en verdade soamente se debe entender esta declaración de independencia como unha proclama sen efectos reais.

O franquismo e os anos 70

[editar | editar a fonte]
Estreleira, a bandeira empregada desde a década de 1970 polo independentismo e nacionalismo galego de esquerda.

A comezos da década de 1970, un sector da UPG próximo a Moncho Reboiras tentou organizar a loita armada contra o franquismo seguindo o modelo de ETA, mais rematou coa morte de Moncho Reboiras.[26] En 1978, un sector da UPG escindiuse, constituíndo primeiro a Unión do Povo Galego-liña proletaria e posteriormente o Partido Galego do Proletariado, de carácter independentista, que constituíu unha fronte asemblearia, Galicia Ceibe-OLN, na que se disolvería en 1981.[27] Propiciou a creación do LAR (Loita Armada Revolucionaria), que actuou principalmente contra a construción da autoestrada AP-9, o que provocou a detención de varios dirixentes, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín. Galicia Ceibe-OLN negouse a entrar no BNG durante a Asemblea de Riazor.[27]

O independentismo galego na actualidade

[editar | editar a fonte]
Manifestación da FPG no 25 de xullo, Día da Patria, de 1991.

En 1986 o Partido Comunista de Liberación Nacional, escisión independentista da UPG, foi expulsado do BNG por ter apoiado a candidatura de Herri Batasuna durante as Eleccións ao Parlamento Europeo. Xunto a Galiza Ceive-OLN (novo nome da organización) e varios colectivos independentistas, formaron a Frente Popular Galega ao ano seguinte, a principal organización independentista galega desde entón.[28]

Nese contexto apareceu o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), que realizou 90 accións terroristas en seis anos, a última o 13 de setembro de 1991. Como consecuencia das súas accións morreron 2 membros do EGPGC e unha rapaza no atentado da discoteca Clangor, en Santiago de Compostela,[29] e o grupo asasinou o garda civil Benedicto García Ruzo e feriu de gravidade a outro cando pretendían roubarlles armas, no concello de Irixoa.[30] Foron detidos varias ducias de supostos membros.[31].

Manifestación da APU no 25 de xullo de 1991.

En 1989, o sector próximo a Galiza Ceive-OLN marchou da Frente Popular Galega por diferenzas sobre estratexia e o tratamento dos presos do EGPGC, e creou a Assembleia do Povo Unido (APU). A Frente Popular Galega continúa existindo na actualidade, sendo o principal partido independentista en número de votos. Ten certo apoio social e electoral no Morrazo e conta cun sindicato afín, a Central Unitaria de Traballadores (CUT). A APU auto-disolveuse en 1995 e a súa herdanza foi a organización xuvenil Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), creada en 1993.

Outra organización de carácter independentista creada en 1996) no interior BNG é Primeira Linha. Abandonou esa organización en 1999 denunciando a deriva dereitista e autonomista do BNG e a hostilidade da UPG coa corrente independentista. A súa forza estivo centrada nos ambientes estudantís de Compostela e na comarca do Condado. Ao igual que Galiza Ceive-OLN e o resto das organizacións aparecidas a partir da década de 1990, asume os postulados do reintegracionismo lingüístico (a única excepción actual no independentismo é a FPG). Todas estas organizacións son comunistas, se ben o modelo organizativo varía do marxismo-leninismo clásico até o asemblearismo.

Nos últimos anos da década de 1990 formulouse unha proposta, coñecida como Proceso Espiral, que pretendía unificar os numerosos grupos independentistas existentes, todos eles de tamaño reducido e áreas de acción limitadas. En 2001, formouse Nós-UP, que contaba coa AMI como organización xuvenil. O seu traballo céntrase nos centros sociais, a loita da mocidade, o sindicalismo e as organizacións feministas. O afastamento entre Nós-UP e AMI motivou que xurdise outra organización xuvenil, Briga, e a estudantil AGIR, ámbalas dúas afíns a Nós-UP.

Dez membros de AMI e outros colectivos foron detidos en 2005 e dous deles acusados de colocaren unha bomba nun caixeiro automático en Compostela. Ese mesmo ano fíxose pública a existencia dun grupo denominado Resistencia Galega que se ten atribuído varios atentados con bombas de pequeno tamaño.

En 2005 comezaron a formarse outras organizacións dentro do BNG, novamente procedentes en boa parte da UPG, de carácter independentista: o Movemento pola Base e o grupo xuvenil Isca. Contan cunha importante presenza na organización sindical nacionalista CIG.

Na primavera de 2007 apareceu unha plataforma cívica para a reivindicación do dereito de autodeterminación, denominada Causa Galiza. Esta iniciativa foi impulsada principalmente desde as organizacións vinculadas ao independentismo galego máis a participación nela era de carácter individual. Desde algúns sectores do nacionalismo galego esta plataforma foi vista como un intento de reunificación do independentismo, porén, fracasou e anos despois Causa Galiza é o principal partido do independentismo alleo ao BNG, tras a disolución de Nós-UP, en xuño de 2015,[32] e AMI, en setembro de 2014.[33]

No ano 2014 a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova celebrou a súa XIII Asemblea Nacional, na cal por primeira vez na súa historia pasaron a defender a independencia nacional de Galiza e a constitución dunha República Galega independente como única vía para acadar a soberanía para o pobo galego.

No ano 2017 tivo lugar a XVI Asemblea Nacional do BNG na cal se recoñeceu abertamente a existencia dentro da fronte de dúas tendencias na concepción do exercicio de autodeterminación: unha delas sería a confederación en pé de igualdade con outros pobos do estado e a outra sería a da independencia. Do mesmo xeito, a Unión do Povo Galego, principal partido integrado dentro do BNG comezou a posicionarse a partir do 2017 a prol da independencia nacional como medio para acadar a soberanía de Galiza.[34]

O 26 de novembro de 2021 o PPdeG anunciou que presentaría unha iniciativa no Parlamento galego para preguntar aos partidos «se queren unha República Independente en Galicia».[35] Días antes, Néstor Rego, deputado do BNG nas Cortes Xerais, dixera no Congreso español que «Galiza será más pronto que tarde una república libre y soberana».[36] O PPdeG, no entanto, acabou finalmente reformulando a iniciativa como unha declaración na defensa da Constitución española.[37] Precisamente, a Xunta de Galiza, rexida polo PPdeG, iniciou en comezos de 2023 a tramitación da Lei do Litoral de Galiza á marxe da devandita Constitución, feito que foi cualificado pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente de España como «case unha declaración de independencia».[38]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Galicia Hoxe, ed. (20 de outubro de 2006). "A Galiza irredenta tambén existe!". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2007. Consultado o 22/06/2010. 
  2. "El movimiento ciudadano A Quinta presenta un manifiesto para convertir El Bierzo en provincia e integrarla en Galicia" (en Spanish). Consultado o 2020-10-15. 
  3. Diario, Nós. "Recollida de sinaturas no Bierzo por unha modificación do estatuto galego que permita a súa integración na Galiza". Nós Diario. Consultado o 2020-12-19. 
  4. Diario, Nós. "A reivindicación dun Bierzo integrado na Galiza chega ao Parlamento galego". Nós Diario. Consultado o 2021-01-30. 
  5. Moreno, Luis (1997). La federalización de España: poder político y territorio. Siglo XXI de España Editores (en castelán). p. 58. ISBN 978-84-323-0946-5. 
  6. Lo que no te contaron en clase: I República Galega (en castelán)
  7. elsaltodiario.com, ed. (22 de xullo de 2020). "“Galicia es una colonia, desde el punto de vista psicológico pero también económico”. Entrevista a Rubén Cela por Albert Botran". Consultado o 9 de xuño de 2021. 
  8. "A Historia do BNG". arquivo.bng-galiza.org. Arquivado dende o orixinal o 02-03-2014. Consultado o 08-03-2016. 
  9. País, El (2016-01-24). "Protesta apoyada por Anova y BNG contra la ilegalización de Causa Galiza". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-07-20. 
  10. "A Frente Popular Galega.". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 09 de outubro de 2008. 
  11. A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015. 
  12. Galiza combatente 2013,. "CRAG".  (galego reintegracionista).
  13. Ferreiro Delgado, Honorio (1977). "Contexto histórico-político de Galicia en la primera mitad del siglo XIX" (PDF). Revista de Estudios Políticos (en castelán) (Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales) (212): 327–348, en 330. ISSN 0048-7694. 
  14. 14,0 14,1 Pérez Leira, Lois (27 de xuño de 2016). "Cando Galicia foi unha república independente". Historia de Galicia. 
  15. D., S. (24 de decembro de 2020). "Fuco Gómez, o "escritor prolífico e político comprometido coa Galiza" que é case un descoñecido". nos diario.gal. Consultado o 26 de decembro de 2020. 
  16. Diéguez Cequiel (2015), pp. 151-158
  17. "Se organiza una manifestación. Se proclama la República Gallega". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 1. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  18. "En Orense se declara la República Gallega". El Regional nº 17.127 (en castelán). 25 de xuño de 1931. p. 3. 
  19. "Última Hora: A Madrid llega la noticia de haberse proclamado la República Gallega en Orense". La Zarpa nº 3.062 (en castelán). 25 de xuño de 1931. p. 12. 
  20. "El bello gesto de Galicia". El Emigrado nº 378 (en castelán). 7 de xullo de 1931. p. 1. 
  21. "No se proclamó la República Gallega en Orense". El Progreso nº 11.205 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  22. "Del Gobierno Civil. No se proclamó la República Gallega". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 10. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  23. "Habla el señor Maura del ferrocarril Zamora Orense". El Regional nº 17.128 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 3. 
  24. "El ferrocarril Zamora-Orense. Maura cree que el conflicto será resuelto pronto y favorablemente". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014. 
  25. Xornal Pueblo Gallego (28-06-1931), p. 4.
  26. "Homenaxe a Moncho Reboiras". UPG. Archived from the original on 07-03-2006. Consultado o 10-06-2021. 
  27. 27,0 27,1 "Da viabilidade económica das pequenas naçons". www.primeiralinha.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2020-06-14. 
  28. Actas do XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, Universidade de Santiago de Compostela, 1989 (en castelán). Fundación "Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa,". 1992. p. 72. 
  29. La ofensiva "guerrilleira" siembra el temor entre los narcotraficantes gallegos El País, 13-10-90
  30. El ex guerrilheiro juzgado por matar a un guardia civil dice que disparó «a ciegas» Arquivado 24/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/03
  31. Detenidos en Ferrol ocho presuntos miembros del Exército Guerrilleiro El País, 20-11-1991
  32. A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015. 
  33. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2014. Consultado o 01 de outubro de 2014. 
  34. Artigo 1 dos Estatutos da UPG
  35. Reinero, David (26 de novembro de 2021). "O PP di que preguntará no Parlamento aos grupos “se queren unha república independente en Galicia”, debate declarado ilegal en Catalunya". Praza.gal. 
  36. "Un diputado gallego defiende la independencia: "Galicia va a ser una república soberana"". COPE (en castelán). Santiago de Compostela. 25 de novembro de 2021. 
  37. Reinero, David (18 de decembro de 2021). "O PP reorienta a pregunta no Parlamento sobre a “república independente en Galicia” a unha declaración “urxente” de apoio á Constitución". Praza.gal. 
  38. "A Secretaría de Estado cualifica a Lei do Litoral da Galiza como "case unha declaración de independencia"". Nós Diario. 15 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]