George MacDonald (escritor)
- Para o numismático escocés chamado igual, véxase a páxina de homónimos George MacDonald (numismático)
Nome orixinal | (en) Seòras Dòmhnallach |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 10 de decembro de 1824 Huntly, Reino Unido (pt) |
Morte | 18 de setembro de 1905 (80 anos) Ashtead, Reino Unido (en) |
Relixión | Presbiterianismo |
Educación | Universidade de Aberdeen |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, teólogo, novelista, pastor, poeta, filósofo |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Greville MacDonald |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Макдональд Джордж) Dictionary of National Biography, second supplement (en) Cartoon portraits and biographical sketches of men of the day (en) |
George MacDonald, nado o 10 de decembro de 1824 en Huntly e finado o 18 de setembro de 1905 en Ashtead, Surrey, foi un escritor e reverendo escocés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e familia
[editar | editar a fonte]A historia familiar de George MacDonald hai que remontala á do clan MacDonald, unha das tribos escocesas máis importantes da Idade Media e Moderna. O clan MacDonald foi aniquilado polo clan Campbell en Glencoe en febreiro de 1692, pero algúns integrantes puideron escapar con vida. Entre eles estaba un chamado Ronald, que tivo un neto que participou como gaiteiro na batalla de Culloden, onde foron derrotados os rebeldes xacobitas polas tropas do rei de Inglaterra. Na altura da batalla de Culloden o gaiteiro tivo un fillo e con el marchou vivir, en situación de miseria, á vila de Huntly, no oeste de Escocia. O gaiteiro foi o bisavó de George MacDonald[1].
O seu avó, Charles Edward MacDonald, foi un emprendedor: montou unha branqueadora de fío e logo se dedicou aos servizos bancarios. Tivo dez fillos, dos que o segundo, George, e pai do escritor, se fixo cargo dunha pequena explotación agraria. Era unha familia de grandes conviccións relixiosas e de crenza calvinista. George MacDonald pai casou dúas veces, e nos dous casos con fillas de reverendos da Igrexa Libre de Escocia: da primeira, Helen MacKay, que falecería de tuberculose, nacerían seis fillos (entre eles George); da segunda, tres fillas.
George MacDonald naceu nunha casa da rúa Bogie —na actualidade rúa Duke—, no centro de Huntly, pero aos dous anos trasladouse coa familia a unha casa algo apartada, na ribeira do río, chamada The Farm, e onde botaría a infancia. Estudou na escola parroquial de Huntly durante longo tempo, iniciándose na doutrina tanto como na literatura, e en 1840 marcharía estudar a Aberdeen, a cidade máis próxima a Huntly. As dificultades económicas da familia eran importantes, e no verán de 1841 foi traballar para un castelo, probablemente o de Thurso[2], onde aproveitou unha gran biblioteca. Rematou en 1845 na escola, onde destacou sobre todo en química e en literatura. Como non tiña recursos para proseguir estudos universitarios, moveuse a Londres ese mesmo ano á procura dalgún traballo.
No púlpito
[editar | editar a fonte]Ao chegar á capital inglesa MacDonald comeza a dar clases particulares aos nenos dunha familia, coa que ademais vive. Tamén toma contacto co congregacionalismo, un credo común en Inglaterra e que, a diferenza do anglicanismo e de xeito semellante ao calvinismo da Igrexa de Escocia, non tiña xerarquía, senón que as comunidades se organizaban autonomamente. En 1846 regresa a estudar, neste caso co obxectivo de converterse en reverendo no Colexio teolóxico Highbury. En 1847 comprométese con Louise Powell, a que habería de ser a súa muller. Dous anos máis tarde comeza a facer prácticas de reverendo, primeiro de forma ocasional e logo, no verán de 1849, na cidade irlandesa de Cork. Á súa volta a Inglaterra recibe a oferta da pequena parroquia de Arundel, a uns oitenta quilómetros ao suroeste de Londres.
Antes de ordenarse como reverendo sofre o primeiro dos seus ataques de tuberculose, que adía a súa incorporación como reverendo ata 1850. Nese mesmo ano casará tamén con Louise, e vivirá con ela nesa viliña ata 1853. Durante este período terá ademais a súa primeira filla, Lilia. No verán de 1852 sufrirá un gran revés profesional: os fregueses de Arundel, descontentos coa súa prédica heterodoxa, recortáronlle o salario e, uns meses despois, destituírono. Ao tempo que marchaba a Manchester á procura de traballo nacíalle a segunda cativa, Mary Josephine. Durante un tempo viviron da xenerosidade dos seus amigos nesa cidade, e en 1854 creou a súa propia parroquia, financiada sobre todo coa axuda de amigos e coñecidos. Esa foi a súa fonte principal de financiamento, xunto con clases en colexios de nenas, e nese mesmo ano naceu a terceira filla, Grace. Pero en 1855 publícalle unha editorial de Londres o seu primeiro libro, un longo poema titulado Within and Without. Tamén o punto de inicio dun costume que o caracterizará xa para sempre: deixara unha longa barba, o que lle causará problemas familiares, persoais e relixiosos.
Ese mesmo outono, e logo dunha visita á súa familia en Huntly, sufrirá un novo ataque de tuberculose que o deixará apartado das clases e do púlpito, e polo tanto sen recursos, durante moitos meses. Nese temo nacerá o seu cuarto fillo, Greville. Grazas ao diñeiro de lady Byron, mecenas, viúva de lord Byron e nai de Ada Lovelace, viaxan a descansar a Alxer, onde permanecerán ata abril de 1857, un pouco antes do nacemento de Irene. Á volta a Inglaterra instalaranse en Hastings, outra viliña do sur, dando por pechada a posibilidade de regreso a Manchester e con ela a carreira teolóxica. Nos primeiros días de 1858 publícanlle a primeira novela, Phantastes, coa que dá un xiro á súa carreira profesional e persoal: a literatura sería a partir dese momento o seu obxectivo principal.
Comezos literarios
[editar | editar a fonte]En 1858 mórrelle outro irmán, tamén de tuberculose (xa lle morrera un irmán e unha medio irmá), e mais seu pai. Tamén lle nace a quinta filla, Winifred Louisa. Ao pouco Lady Byron convénceos de mudarse a Londres, onde finalmente se asentan no barrio de Camden. Alí George MacDonald comezará a moverse por algúns importantes círculos literarios e a dar conferencias, ao tempo que volta á docencia para nenas. En 1860 nácelles Ronald. Desas primeiras relacións en Londres destacan os escritores Matthew Arnold, Charles Kingsley, e o artista Arthur Hughes, quen será quen anos despois ilustre algunhas das súas obras máis famosas. Neste tempo comezará a súa amizade co poeta prerrafaelita John Ruskin.
Outra amizade fundamental, pero que non chegou a MacDonald a través de lady Byron, senón da consulta dun médico, foi Lewis Carroll. O matemático, que fixo rapidamente amizade cos fillos de MacDonald, converteuse nunha frecuente visita da súa casa. Os fillos de MacDonald foron os primeiros lectores de Alicia no país das marabillas, e os que meteron presión a Carroll para que publicase a obra[3]. En 1862 nácelles o oitavo fillo, Robert Falconer, e múdanse ao barrio de Kensington á procura dunha vivenda maior, que coincide coa entrada de MacDonald nunha comunidade anglicana. Uns meses despois MacDonald publica a novela David Elginbrod.
En 1864 nace o noveno fillo, Maurice, e ao ano seguinte, en 1865, e despois dunhas vacacións en que MacDonald viaxou en tren por Alemaña e Suíza, o décimo, Bernard Powell. En 1867 nacerá o undécimo e último fillo, George McKay e múdanse ao barrio de Hammersmith. O final da década dos sesenta resulta moi atarefada para MacDonald, que dá múltiples conferencias e sermóns por Inglaterra e Escocia, e que ao mesmo tempo mantén o ensino de clases particulares. Como consecuencia diso a súa saúde deteriórase, e sofre un problema de xeonllo que lle impide conferenciar en Noruega a pesar de viaxar a ese país. En outubro de 1869 ofrécenlle a dirección da revista infantil Good Words for the Young, de carácter mensual e onde xa colaboraba Arthur Hughes como ilustrador. Nela publica de forma seriada ás súas novelas fantásticas, un xénero ao que non volvera dende o fracaso editorial de Phantastes: At the Back of the North, Ranald Bannerman's Boyhood e finalmente The Princess and the Goblin. Porén, en 1872, a caída das vendas leva á destitución de MacDonald, que regresa á escritura e ás conferencias. A partir de 1871 volven a Hastings, á costa, durante o inverno, ata o punto de que a casa de Londres queda só para o verán.
Apoxeo da carreira
[editar | editar a fonte]En 1872 ofrécenlle unha xira de conferencias polos Estados Unidos, seguindo o ronsel de Charles Dickens e Thackeray. A xira esténdese dende setembro dese ano ata abril de 1873, e visitan numerosas cidades, entre as que se poden destacar Boston, Nova York, Filadelfia, Washington, Providence, Pittsburgh, Columbus, Cincinnati ou Chicago, ademais das canadenses Hamilton, Toronto e Montreal. A xira foi un éxito económico e de público (con conferencias de ata 3.000 espectadores[4]), pero tivo graves efectos na saúde de MacDonald. O inverno da costa leste americana fíxolle abrochar a tuberculose de novo, e tivo que cancelar numerosas intervencións e coller longos períodos de repouso. A xira, durante a que se centrou sobre todo en Robert Burns e mais en Shakespeare, tamén lle valeu para tomar contacto co ambiente literario estadounidense e para facer amizade con Mark Twain.
Á volta a Inglaterra continuou levando material aos xornais: neles foron aparecendo, de maneira seriada, as novelas Malcolm, St. George and St. Michael ou The Wise Woman, con grande éxito. MacDonald vive da literatura, e ademais en 1877 recibirá unha pensión de 100 libras anuais do estado só por escritor (aínda que a decisión é do goberno, ao parecer a raíña Vitoria era grande afeccionada ás súas obras[5]. Pero a súa filla Mary enferma en 1875 e despois de mudárense a distintas localizacións da costa sur inglesa, deciden marchar en 1877 á costa mediterránea, onde moitos británicos repousaban a súa tuberculose: primeiro a Menton (Francia) e máis a tarde a Xénova. En 1878 falece Mary, e uns meses máis tarde un dos seus fillos máis novos, Maurice, neste caso de pneumonía.
Nos últimos anos unha nova vía de financiamento para a familia naceu ao transformaren a familia enteira nunha compañía teatral. Con ela dan representacións, ao principio de carácter local, pero logo en xiras de verán por toda Inglaterra, con varias obras en cartel. Con todo, aínda que algúns anos representaron Shakespeare, a súa obra estrela era Pligrim's Progress, unha peza alegórica de carácter relixioso escrita por John Bunyan en 1678. Así, mentres os veráns actuaban en Inglaterra os outonos e os invernos descansaban na costa mediterránea, primeiro en Xénova e a partir de 1879 en Bordighera, non moi lonxe de alí, onde inician a construción da súa propia casa.
En Bordighera, ademais, MacDonald volve ao púlpito, desta volta para a comunidade británica, mentres segue escribindo e mentres a familia continúa a representar diversas obras, ás veces en longas xiras por Inglaterra e Escocia, e outras veces mesmo en Italia. As obras de teatro duran ata 1889 cando xa se demostrou imposible contar cos pequenos actores, agora xa adultos: Ronald estaba en Carolina do Norte como mestre, Greville nun hospital en Londres traballando como médico e Grace falecera, tamén de tuberculose, en 1884.
Afastado dos círculos literarios de Londres, segue dando conferencias, e en 1891 dá a súa última gran xira por Escocia e por Inglaterra. Pero en novembro dese ano, xa de volta a Bordighera, mórrelle de tuberculose outra filla, Lilia, a maior e quen sempre termara da familia na súa ausencia. A morte de Lilia aféctalle máis ca ningunha outra[6], e a partir dese momento MacDonald, que seguirá publicando, só dará ao prelo outra obra maior: a novela Lilith (1895), precisamente co nome da súa filla falecida.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Co teatro reducido a funcións caseñas sen a actriz principal, e sen vontade de dar conferencias nin prédicas, MacDonald dedicouse a escribir, ao tempo que a súa saúde enfraquecía. Deu aínda ao prelo varias novelas e libros de teoloxía, ata que en 1901 faleceu a súa muller Louisa. O seu fillo Robert, arquitecto, construíralle unha casa no sur de Inglaterra, e mudouse para aló. Máis tarde mudouse para a casa da súa filla Winifred, en Surrey, onde falecería dunha pneumonía en 1905. En decembro dese ano dúas das súas fillas levaron as súas cinzas a Bordighera e soterráronas coas da súa muller Louisa.
Obra
[editar | editar a fonte]
|
|
Traducións
[editar | editar a fonte]Dúas das obras de George MacDonald foron verquidas ao galego:
- A chave de ouro (The Golden Key), 1994. Tradución de María Fe Quesada,
- A princesa e o trasno (The Princess and the Goblin), 2009. Tradución de Xabier Cid.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 15-17
- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 48
- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 173
- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 292
- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 340
- ↑ William Raeper, "George MacDonald", Tring:Lion Publishing, 1987, páx. 363