Javier Alvajar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1920 A Coruña, España |
Morte | 12 de novembro de 1996 (75/76 anos) Tabeaio, España |
Alcalde de Carral | |
1983 – 1986 | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Familia | |
Pais | César Alvajar e Amparo López Jean |
Irmáns | Amparo Alvajar Ana María Alvajar L. Jean María Teresa Alvajar |
Francisco Javier Alvajar López, nado na Coruña en 1920 e finado en Tabeaio (Carral) o 12 de novembro de 1996,[1] foi un político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do xornalista e político republicano César Alvajar e de Amparo López Jeán e irmán de Amparo e Ana María Alvajar. Foi mobilizado en 1938 e pasouse ao Exército Republicano aos cinco días de chegar á fronte. Caeu prisioneiro dos italianos no porto de Alacant o último día da guerra (30 de marzo de 1939) e foi internado no campo de concentración de Albatera de Catral, de onde escapou aos 15 días cara á Coruña. Logrou eludir a orde de arresto contra el marchando á casa duns amigos en Mercuín, onde permaneceu tres anos, facendo vida relativamente normal con visitas ás amizades de Tabeaio (Carral).
Marchou a Barcelona onde contactou coa Asociación Galeuzca para intentar pasar a Francia, o que resultou imposible, pola ocupación alemá. Ao rematar a segunda guerra mundial volveu a Mercuín e presentouse ás autoridades cando se promulgou un indulto. Nese tempo casou con María Josefa Castelo Gómez en Tabeaio. As autoridades encargáronse de facerlles a vida imposible e tiveron que partir para Francia.
En Francia axudou ao seu pai, Delegado do Consello de Galiza en Europa desde finais de 1957 e, despois da súa morte en 1965, ocupou el mesmo o cargo. Os Alvajar, pai e fillo, conseguiron que o Consello de Galiza fose admitido no Consejo Federal Español del Movimiento Europeo, que presidía Salvador de Madariaga, a principios dos anos sesenta, asistindo desde aquela a todos os congresos e reunións importantes. Tamén lograron que o Consello de Galiza fose admitido en 1969 na Unión Federalista de las Comunidades Étnicas Europeas.
Tivo tamén un papel destacado dentro do Goberno Republicano Español no Exilio, do que foi Secretario do Ministerio de Información (1957-1965), Secretario da Presidencia (1967-1969) e Secretario Contable do Ministerio de Facenda (1957-1969). En 1957 foi nomeado Chanceler Honorario de Consulado, adscrito ao Consulado Xeral da República.
Fundou a Casa de Galicia en París, foi o primeiro presidente do «Fondo de Ayuda a los Republicanos Españoles» e presidiu a Agrupación Republicana Democrática Española de París (ARDE).
Nas eleccións municipais de 1983 encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Carral e foi elixido alcalde. Estivo tres anos no cargo, ata que a enfermidade o venceu e decidiu retirarse.
Predecesor: César Alvajar |
Delegado do Consello de Galiza en París 1965 - 1976 |
Sucesor: - |
Predecesor: José Boga Bermúdez |
Alcalde de Carral 1983 - 1986 |
Sucesor: José Boga Bermúdez |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 13-11-1996, p. 80.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Torres Regueiro, Xesús (12 de abril de 1995). "Crónica do Consello de Galiza en Europa. Xavier e César Alvajar sostiveron o organismo até 1976". A Nosa Terra (669).