Embraer
Embraer S.A. | |
---|---|
Embraer 170 da aeroliña Hop! | |
Tipo | sociedade anónima |
Fundación | 1969 |
Localización | São José dos Campos, Brasil |
Industria | aeroespacial, defensa |
Número de empregados | 18.223[1] |
Na rede | |
http://www.embraer.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Embraer, a Empresa Brasileira de Aeronaútica, é unha compañía brasileira fabricante de avións. Fundouse en 1969 e é a terceira produtora de avións do mundo, comerciais e militares, tras Boeing e Airbus.[2] A empresa ten a súa sede no municipio de São José dos Campos, no interior do estado de São Paulo, e ten diversas unidades no Brasil e no exterior, incluídas joint ventures na China e Portugal.
Fabricou o seu primeiro avión en 1968 (o Embraer EMB 110 Bandeirante), foi privatizada en 1994 e en 2010 empregaba 18 223 persoas.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación
[editar | editar a fonte]A creación dunha construtora aeronáutica brasileira foi estudada polo goberno do Brasil durante os anos 40 como parte do plan para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico do país, que se asentaría sobre tres entidades: o Mando Xeral para a Tecnoloxía Aeroespacial (CTA), o Instituto de Tecnoloxía Aeronáutica e Embraer.
O primeiro paso para o desenvolvemento da industria aeronáutica brasileira estaba na creación do IPD (Instituto de Pesquisas e Desenvolvimento), actual IAE (Instituto Aeronáutico e Espacial) e fundado dentro do CTA o 1 de xaneiro de 1954. Nos anos seguintes, o IPD desenvolveu varios proxectos, tales como o helicóptero Beija-Flor. Aínda que estes non tiveron repercusión comercial, foron vitais para o avance da industria aeronáutica do país.
O cambio máis importante tivo lugar o 29 de marzo de 1965, cando o IPD recibiu unha proposta para deseñar un biplano turbohélice. O proxecto adquiriu unha escala maior e acabou converténdose no IPD-6504, ou Embraer EMB 110 Bandeirante, que voou por primeira vez o 26 de outubro de 1968. O IPD quería que o 6504 fose producido en serie, pero a falta de interese por parte das construtoras privadas impediuno, facendo evidente a necesidade de fundar unha construtora de propiedade estatal.
Finalmente, o 29 de xullo de 1969, o Ministerio de Aeronáutica creou Embraer. Naquel momento a compañía contaba cuns 500 empregados, incluíndo aos enxeñeiros procedentes do CTA e do ITA, e planeábase construír dous Bandeirante ao mes. O enxeñeiro Ozires Silva, membro do equipo que creou o Bandeirante, converteuse no presidente da nova compañía.
Crecemento e expansión
[editar | editar a fonte]As tres primeiras series do Bandeirante foron entregadas en febreiro de 1973 á Forza Aérea Brasileira. No mesmo mes, Transbrasil mercou o primeiro Bandeirante para uso comercial, que voou por primeira vez o 16 de abril dese ano. As exportacións comezaron en 1975, e o proxecto Bandeirante resultou ser un grande éxito no mercado internacional da aviación, eclipsando a outros avións de prestacións semellantes. En total vendéronse unhas 500 unidades, exportándose a 36 países diferentes.
O Ministerio de Aeronáutica do Brasil fixo grandes esforzos para contribuír ao crecemento de Embraer. Dous proxectos existentes, o planeador Urupema e o fumigador EMB-202 Ipanema, foron transferidos á nova empresa. Ademais aceptaron un encargo para montar 122 avións de adestramento Aermacchi MB-326 (posteriormente chamados Xavante). O Ipanema segue producíndose con máis de 1.000 unidades vendidas, mentres que o Xavante foi fabricado durante 11 anos, con 186 unidades vendidas.
En agosto de 1974 Embraer estableceu un consorcio con Piper Aircraft para fabricar algúns tipos de aeronaves baixo licenza, incluíndo os modelos PA-28 Cherokee, PA-34 Seneca e PA-31 Navajo. Estes avións recibiron respectivamente os nomes de EMB-712 Tupi, EMB-810D Seneca e EMB-820C Navajo. Todos estes produtos, xunto ao Ipanema, foron transferidos á subsidiaria Industria Aeronáutica Neiva en marzo de 1980.
O 22 de outubro de 1975 realizou o seu voo inaugural o primeiro avión de cabina presurizada da empresa, o EMB-121 Xingu. Este avión era máis pequeno ca o Bandeirante, de xeito que non se converteu no seu sucesor; construíronse unhas poucas ducias de Xingus, das cales a meirande parte foron entregadas á Forza Aérea Francesa en 1981. Por orde do Ministerio de Aeronáutica, Embraer desenvolveu o seu primeiro avión de combate, o Tucano, que realizou o seu voo de estrea o 16 de decembro de 1980. Este avión converteríase no turbohélice de adestramento militar máis construído, vendendo máis de 650 unidades vendidas en todo o mundo.
O desenvolvemento dun avión rexional capaz de substituír o Bandeirante comezou a finais dos 70. Este proxecto consistía nun turbohélice con capacidade para 30-40 pasaxeiros, o EMB-120 Brasilia, certificado para voar en maio de 1985. A diferenza do Bandeirante, o Brasilia comezou como produto para a exportación, entrando en servizo coa aeroliña estadounidense Atlantic Southeast Airlines. Isto foi resultado da confianza gañado por Embraer no mercado internacional co seu primeiro avión.Oficialmente a produción do Brasilia rematou en 2002 con 350 unidades vendidas; porén, o avión continua fabricándose baixo demanda.
En xullo de 1981 Embraer uniuse ao Programa Internacional AMX , co obxectivo de fabricar un avión subsónico de combate. Xunto con Aeritalia (actualmente dividida en Alenia Aeronautica e Aermacchi), Embraer traballou no desenvolvemento do caza AMX, que serviría para substituír as vellas frotas militares de Italia e o Brasil. O primeiro AMX brasileiro realizou o seu voo inaugural o 16 de outubro de 1985. Este proxecto permitíulle a Embraer acceder a novas tecnoloxías que serían cruciais nos proxectos seguintes.
A crise dos 90
[editar | editar a fonte]O seguinte proxecto comercial consistía nun avión turbohélice con capacidade para 19 pasaxeiros desenvolvido en asociación con FMA (actual Fábrica Argentina de Aviones - Fadea), o CBA 123 Vector, que voou por vez primeira o 30 de xullo de 1990. Aínda que incluíu algunhas das tecnoloxías máis avanzadas do momento, o Vector non foi aceptado polo mercado a causa do seu alto prezo, e o proxecto foi cancelado sen que se vendese ningunha unidade.
A finais dos 80, os investimentos gobernamentais na industria aerospacial reducíronse, debido á aprobación da Constitución de 1988 que anulaba calquera tipo de axuda oficial á industria e á crecente falta de interese na área de defensa tras o fin da guerra fría. Estes feitos unidos ao fracaso do proxecto Vector e á crise na aviación provocada pola escalada do prezo do petróleo en 1990, fixo caer a Embraer nunha profunda crise financeira. Realizáronse importantes recortes de gastos ata 1994, e dos 12.600 empregados que había en 1990, só permaneceron 3.200. Pese a todos estes sucesos, os enxeñeiros de Embraer centráronse nun novo proxecto, un avión rexional de motores turboventilador para 45 pasaxeiros, o ERJ 145.
Privatización e recuperación
[editar | editar a fonte]O 7 de decembro de 1994 Embraer foi privatizada[3] e Maurício Botelho, antigo director xeral de Bozano Group, foi nomeado presidente. As habilidades de Botelho como home de negocios contribuíron positivamente á recuperación da compañía, evitando unha quebra inminente. Os consorcios con outras compañías aseguraron investimentos suficientes para o desenvolvemento do ERJ 145. As excepcionais vendas do novo avión rexional permitiu a Embraer recuperarse e volver á súa posición como unha das maiores construtoras aeronáuticas do mundo. Máis de 900 ERJ 145 e os seus derivados comerciais, executivos e militares foron entregados ata principios de 2006.
O seguinte modelo en ser desenvolvido foi un moderno avi��n militar de adestramento e ataque lixeiro, o Embraer 314 Super Tucano ou ALX, que voou por vez primeira o 2 de xuño de 1999. Este avión foi orixinalmente vendido á Forza Aérea Brasileira e á Forza Aérea Colombiana, e principalmente utilízase na rexión amazónica.
Ampliación da liña de produtos
[editar | editar a fonte]A mediados dos 90 a compañía comezou a centrarse un pequenos avións comerciais por riba dos modelos militares que anteriormente eran os seus principais produtos. Ao pouco tempo ampliou o seu negocio á produción de avións rexionais máis grandes, no grupo dos 70-110 asentos, e de avións executivos máis pequenos.[4]
Avións de pasaxeiros
[editar | editar a fonte]En xullo de 1999 Embraer anunciou o desenvolvemento dunha nova familia de avións: os Embraer E-Jets, que comprenderían os Embraer 170, 175, 190 e 195. Con esta decisión, Embraer avanzou cara ao mercado dos aparatos de entre 70 e 110 prazas. O voo inaugural do primeiro modelo, o Embraer 170, tivo lugar o 19 de febreiro de 2002.
En novembro de 2011, Embraer anunciou no Dubai Air Show que se comprometera a producir novas variantes da súa familia E-Jet.[5] Esta nova familia, coñecida como E-Jet E2, lanzouse no Paris Air Show de 2013, e trátase basicamente dunha remotorización da familia E-Jet con algunhas melloras adicionais. A primeira variante, o E190-E2, entrou en servizo en abril de 2018 coa aeroliña norueguesa Widerøe.[6] O máis grande E195-E2 entrou en servizo con Azul Brazilian Airlines en 2019.[7] O desenvolvemento da variante máis pequena, o E170-E2, atrasouse varias veces e agárdase que as entregas comecen en 2027.[8]
En maio de 2019, Embraer estaba considerando desenvolver unha nova familia de turborreactores rexionais do rango de 50-70 asentos, complementando así a familia E-Jet E2, para liberar recursos de enxeñería.[9][10] Estes competirán contra os deseños máis antigos ATR e Dash 8 en voos de entre 1,5 e 2 horas a unha distancia de 900-1 300 km.[11]
Reactores executivos
[editar | editar a fonte]Embraer tamén buscou aumentar a súa presenza no mercado dos avións executivos con distintos modelos de varios tamaños. O primeiro foi o Legacy 600, presentado no Farnborough Airshow de 2000, un reactor executivo desenvolvido a partir do ERJ145. En 2002 creouse a filial Embraer Executive Jets e o Legacy entrou en servizo. En 2008 comezou a operar o Phenom 100,[12] creado como un taxi aéreo e que sería a base do máis grande Phenom 300.
Os Legacy 450 e Legacy 500 de tamaño medio desenvolvéronse conxuntamente como deseños completamente novos, mentres que o Lineage 1000 é unha versión VIP do E190. En 2016 Embraer entregou o seu reactor executivo número 1 0000 e tiña unha cota de mercado do 17% en volume, aínda que carecía dun reactor grande de grande alcance.[13] En outubro de 2018 Embraer anunciou dous novos reactores de negocios, o Praetor 500 de tamaño medio, e o Praetor 600 de tamaño supermedio.[14]
Transportes militares
[editar | editar a fonte]Na parte de defensa, Embraer desenvolveu sistemas para misións terrestres e aéreas, tendo por clientes principais ás Forzas Armadas do Brasil, México, Grecia e a India.
O 19 de abril de 2007, Embraer anunciou que estaba considerando fabricar un transporte militar birreactor. Os traballos comezaron en maio de 2009 con financiamento da Forza Aérea Brasileira.[15] Correios, o servizo postal do Brasil, tamén amosou interese neste aparello.[16][17] Usando moita da tecnoloxía desenvolvida para o Embraer 190, o C-390 pode levar ata 26 toneladas de carga[18] e ten como obxectivo substituír cargueiros da época da guerra fría.[19]
Avións
[editar | editar a fonte]Comerciais
[editar | editar a fonte]Actuais
[editar | editar a fonte]- Embraer E-Jet
- Embraer 170 (66-78 pasaxeiros)
- Embraer 175 (76-88 pasaxeiros)
- Embraer 190 (96-114 pasaxeiros)
- Embraer 195 (100-124 pasaxeiros)
- Embraer E-Jet E2[20]
- Embraer 175-E2 (80-90 pasaxeiros)
- Embraer 190-E2 (97-114 pasaxeiros)
- Embraer 195-E2 (120-146 pasaxeiros)
Previos
[editar | editar a fonte]- Embraer EMB 110 Bandeirante (18 pasaxeiros)
- Embraer EMB 120 Brasilia (30 pasaxeiros)
- Embraer ERJ
- Embraer ERJ 135 (37 pasaxeiros)
- Embraer ERJ 140 (44 pasaxeiros)
- Embraer ERJ 145 (50 pasaxeiros)
- Embraer/FMA CBA 123 Vector (prototipo)
Militares
[editar | editar a fonte]Actuais
[editar | editar a fonte]- Embraer EMB 314 Super Tucano (ataque lixeiro)
- Embraer C-390 Millennium (transporte medio)
- Embraer R-99 (AEW&C)
- Saab JAS 39 Gripen (caza multirol)
Previos
[editar | editar a fonte]- Embraer EMB 111 Bandeirante (transporte lixeiro)
- Embraer EMB 312 Tucano (adestrador)
- AMX International AMX (ataque)
- Embraer MFT-LF (prototipo de adestrador/ataque lixeiro)
- Embraer Xavante (variante do Aermacchi MB-326)
Executivos
[editar | editar a fonte]Actuais
[editar | editar a fonte]- Embraer Phenom 100 (reactor moi lixeiro)
- Embraer Phenom 300 (reactor lixeiro)
- Embraer Praetor 500 (reactor medio)
- Embraer Praetor 600 (reactor medio)
Previos
[editar | editar a fonte]- Embraer Legacy 450 (reactor medio)
- Embraer Legacy 500 (reactor medio)
- Embraer Legacy 600/650 (reactor grande, desenvolvido a partir da familia ERJ)
- Embraer Lineage 1000 (reactor moi grande, desenvolvido a partir da familia E-Jet)
Utilitarios
[editar | editar a fonte]Actuais
[editar | editar a fonte]- Embraer EMB 202 Ipanema (fumigador de cultivos)
Previos
[editar | editar a fonte]- Embraer EMB 121 Xingu (proposito xeral)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ embraer.com - Conheça a Embraer (en portugués)
- ↑ "Embraer vê clientes mais dispostos à compra de aviões". Exame (en portugués). 2010-10-10. Consultado o 2023-06-19.
- ↑ Anuatti-Neto, Francisco; Barossi-Filho, Milton; Carvalho, Antonio Gledson de; Macedo, Roberto (2005-06). "Os efeitos da privatização sobre o desempenho econômico e financeiro das empresas privatizadas". Revista Brasileira de Economia (en portugués) 59: 151–175. ISSN 0034-7140. doi:10.1590/S0034-71402005000200001.
- ↑ Monks, Robert AG; Minow, Nell (2008), Corporate Governance, John Wiley & Sons, pp. 356-59
- ↑ Trimble, Stephen. "Embraer commits to re-engined E-Jets". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Norway’s Widerøe completes first revenue flight of an Embraer E190-E2". embraer.com (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Embraer E195-E2 to enter service in 2019 with Azul". Aviation Week Network. Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Schuurman, Richard (2022-02-19). "Embraer E175-E2 further delayed until 2027". AirInsight (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Hemmerdinger, Jon. "Embraer still eyeing development of turboprop family". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Hamilton, Scott (2019-05-27). "No new turboprop from Embraer for now". Leeham News and Analysis (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Hemmerdinger, Jon. "Embraer tweets picture of conceptual turboprop, hints at potential design". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Portal Embraer". historicalcenter.embraer.com (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Trimble, Stephen. "EBACE: Embraer caps 16-year run with 1,000th delivery". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ III, Woodrow Bellamy (2018-10-17). "Embraer Praetor 500/600 Make Public Debut at NBAA 2018". Avionics International (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Portugal interested in Brazilian military cargo plane", Monitoring European, BBC, 1 de febreiro de 2010
- ↑ "Costa confirma projeto dos Correios com cargueiro C-390". Monitor Mercantil. 2007-12-14. Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2007. Consultado o 2023-07-06.
- ↑ Jr, Jackson Flores. "Brazilian postal service may order Embraer C-390 freighters". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "C-390 Millennium". defense.embraer.com (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Embraer has military transport aircraft under study" (PDF). Embraer. Archived from the original on 20 de marzo de 2009. Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "E-JETS E2. The Profit Hunter Family Archives". Embraer (en inglés). Consultado o 2023-06-19.