Asasinato no Consello Nacional
Asasinato no Consello Nacional | |
---|---|
Autor/a | Diego Ameixeiras |
Cuberta | Miguel Vigo |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Colección | Narrativa |
Xénero(s) | Novela negra |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | 30 de setembro de 2010 |
Formato | 14,5 x 22,5 cm rústica con lapelas, cosido a fío |
Páxinas | 376 |
ISBN | 978-84-9914-171-8 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Asasinato no Consello Nacional é unha novela de Diego Ameixeiras, publicada por Edicións Xerais en setembro de 2010. Está protagonizada polo detective Alberte Cudeiro.
Trama
[editar | editar a fonte]A obra é unha homenaxe á novela Asesinato en el Comité Central de Manuel Vázquez Montalbán, pero trata sobre os conflitos internos do BNG no canto do PCE. Está ambientada na cidade de Santiago de Compostela, e baseada no acontecido nas filas do partido nacionalista entre as eleccións autonómicas do 2009 e a elección dun novo voceiro trala dimisión de Anxo Quintana. A partir destes feitos reais, e con personaxes identificables, o autor achégase á ficción.
O Garda Civil
[editar | editar a fonte]Sábado 14 de marzo de 2009. Logo do reunión do Consello Nacional do BNG, o parlamentario Mario Dacosta é asasinado no aparcadoiro dun hotel de tres disparos. Vítor Figueroa, secretario de organización da UPG, desprázase a Ourense para contratar o detective Alberte Cudeiro, do barrio do Couto. Malia que legalmente non pode investigar delitos de sangue, acepta o caso. Instálase en Compostela, nun piso da praza de Galiza. Alí recíbeo Alicia Souto, unha moza nova da executiva nacional do partido. Pouco despois contacta con Fernando Xelmírez, secretario xeral da UPG, e con Xosé Miguel Balseiro, que o poñen ao día sobre a situación interna no Bloque. Esa mesma noite vai tomar unhas copas con Sara, unha moza de Lugo que estuda Xornalismo na USC, á que coñecera pola tarde en Bonaval.
Ao día seguinte o detective vai á casa de Alicia Souto en Bertamiráns, e falan dunha antiga relación amorosa entre Alicia e Mario Dacosta, que no seu momento provocara a ruptura de Mario coa súa prometida, Natalia. En Compostela Alberte salva dun atropelo a Benigno, un ancián rosmón veciño de Alicia. Alicia e Alberte volven quedar para cear, e cítanse para comer no piso dela ao día seguinte. Entrementres, a policía descobre que a arma do crime é unha pistola soviética, utilizada anos antes nun atraco en Andalucía.
Ao día seguinte Xelmírez e Amoedo discuten sobre a pertinencia de ter un detective e sobre o futuro a organización. Alberte non aparece por casa de Alicia, pero quen si o fai é Benigno, para pedirlle perdón por ser tan rosmón e dcirlle que lamenta a morte de Mario Dacosta. Alberte vai falar con Seara ao local do BNG, e despois vai a casa de Alicia. Malia as reticencias iniciais dela, déitanse xuntos e queda a durmir no piso.
Ao día seguinte, Benigno cóntalle a Alberte que de novo participou na guerra civil española xunto co avó de Mario Dacosta, un falanxista finado en Villablino (provincia de León) loitando contra uns mineiros. Despois, fala con Xelmírez. Durante un paseo pola Alameda de Compostela, Quiroga intenta convencer a Amoedo de que asuma o liderado do BNG, e infórmao de que será o presidente de IGEA, desde onde se achegará ao sector privado galeguista.
O anarquista
[editar | editar a fonte]Nun libro do historiador Xerardo Basoi sobre o movemento libertario en Galiza, Alberte descobre que Benigno e o avó de Quiroga participaran na tortura e morte de Camilo Bonzo Seoane en Ventosela (Pereiro de Aguiar). Camilo era un zapateiro anarquista de Celanova, morto con 20 anos, coa súa muller preñada de dous meses.
Logo de discutir con Alicia, vai falar co autor do libro, e despois con Xelmírez. Despois retoma contacto con Miguel Rúa, un antigo coñecido, e falan dos seus pasados. Chámao Sara para ir a unha festa no seu piso, pero non vai. Atópase con Alicia, e despois marcha ao lugar de Ventosela para pescudar sobre os descendentes do zapateiro asasinado.
O domingo 18 de abril ten lugar a toma de posesión como presidente de Alberto Núñez Feijóo, con grande ambiente na praza do Obradoiro. Nas asembleas comarcais, o BNG apoia a Seara cun 46,9 % dos votos. Benigno morre no hospital, e chega a Compostela seu fillo Ricardo. Este dálle a Alberte un agasallo que lle deixou o pai: unha condecoración que lle dera Franco polos seus servizos na División Azul.
A policía descobre que o asasino se hospedara en Ferrol, onde leu Imperio, un libro de Toni Negri e Michael Hardt. Alberte vai a unha inmobiliaria propiedade de Ernesto Aguiar (neto do zapateiro), e uns matóns danlle unha tunda pensando que tentaba acosar a muller de Ernesto. Esa noite, a tumba de Benigno aparece profanada, desaparecendo a bandeira de España.
O home do tempo
[editar | editar a fonte]Ernesto Aguiar é detido xunto co seu avogado e o seu xestor por unha estafa inmobiliaria. Alicia e Alberte volven durmir xuntos. Ricardo, o fillo de Benigno, fala coa policía sobre a profanación da tumba do seu pai. El pensa que puido ser Resistencia Galega, por motivación política, pero a policía cre que foron ladróns comúns. O comisario Moure vai á habitación de Alberte, onde falan do seu pasado e do de Benigno.
A policía fala con Belén Seixas. Vive en Marrozos, e estivo relacionada con Daniel Aguiar, un home de 46 anos nado en Lausana, ex compañeiro da UPG e da Universidade, que actualmente vive en Barcelona, onde estivo preso por un atraco a man armada.
Alberte vai falar con Roberto Figueroa, que lle fala da actividade e os debates da UPG e do BNG na década de 1980, como a aceptación da constitución de 1978, o ingreso na OTAN ou o apoio a Herri Batasuna. Tamén se fala de reunións con dirixentes comunistas cubanos e norcoreanos.
A subinspectora Vila e o insector Lourido van ó cárcere a falar con Ernesto Aguiar. El fálalles da súa relación co seu irmán Daniel, co que xa non se leva desde hai moitos anos. Daniel militara na UPG, pero nos últimos tempos acercárase ás ideas de estrema dereita. De camiño ao aeroporto da Lavacolla, Negreira e Balseiro teñen unha conversa sobre o futuro da corrente Irmandiña dentro do BNG.
Alberte descobre que Mario militara durante un breve período de tempo no SEU (vencellado á Falange Española) durante a súa estancia como estudante en Madrid, pero ao chegar a Compostela axiña contactou co nacionalismo de esquerdas.
Daniel Aguiar entra no garaxe de Xelmírez para asasinalo. No último momento, cando lle dá a opción de despedirse cantando A Internacional ou Os Pinos (se ben posteriormente Xelmírez di que o obrigaran a cantar Cara al Sol), chega Cudeiro e sálvalle a vida, ao golpear a Aguiar. Trala súa detención, suicídase tirándose polo oco da escaleira da comisaría.
Finalmente lévase a cabo a Asemblea do BNG na que Seara sae elixido portavoz nacional. Cudeiro regresa a Ourense, e di onde está a foxa onde fora soterrado o zapateiro, logo de descubrir unha mensaxe que lle deixara Benigno.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Ficticios
[editar | editar a fonte]- Alberte Cudeiro. Detective, do barrio ourensán do Couto, de 37 anos. Budista, de novo tivo conviccións anarquistas. Viviu nunha casa okupa en Barcelona en 1997 e 1998. No ano 2000 estivo en Seattle nas protestas contra o FMI, participando co Black Bloc. No 2001 estivo nas protestas de Xénova. No ano 2001 regresou a Compostela para retomar a carreira de Filosofía, pero non a rematou.
- Ainara Otamendi. Detective compañeira de despacho de Alberte.
- Horacio Dopico. Detective protagonista doutras novelas do mesmo autor. Agora adícase a traballar para a SGAE.
- Comisario Rafael Moure
- Inspector Lourido
- Subinspectora Laura Vila
- Ramón Dacosta. Avó de Mario Dacosta; falanxista.
- Francisco Dacosta. Pai de Mario Dacosta; finado en accidente de tráfico.
- Benigno García Serantes. Capitán da Garda Civil retirado, exmembro da División Azul.
- Ricardo García
- Sara. Estudante de xornalismo.
- Camilo Bonzo Seoane. Zapateiro anarquista de Celanova, torturado en agosto de 1936.
- Servando Aguiar. Fillo de Camilo Bonzo.
- Ernesto Aguiar Martínez. Fillo de Servando Aguiar. Empresario inmobiliario, xulgado por estafa.
- Daniel Aguiar Martínez. Fillo de Servando Aguiar. Exmembro do PCLN, detido en 1997 por atraco a man armada. O asasino de Mario Dacosta.
- Roberto Figueroa. Membro da UPG até a III Asemblea do BNG de 1987. Pai de Vítor Figueroa.
Políticos
[editar | editar a fonte]- Óscar Quiroga (Anxo Quintana)
- Fernando Xelmírez (Paco Rodríguez)
- Xosé Miguel Balseiro (Xosé Manuel Beiras)
- Marcos Negreira (Martiño Noriega)
- Felipe Méndez Tarrio (Emilio Pérez Touriño)
- Xulio Amoedo (Carlos Aymerich)
- Agustín Seara (Guillerme Vázquez)
- Vítor Figueroa (Roberto Vilameá)
- Laura Rivas (Carme Adán)
- Ramón Casasnovas (Henrique Viéitez)
- Belén Seixas (Socorro García)
- Aurelio Vidal (Roberto Mera)
- Mario Dacosta (posíbel Bieito Lobeira)
- Alicia Souto (posíbel Ana Pontón)
Personaxes reais mencionados
[editar | editar a fonte]- Lois Ferreira (Jacinto Rey)
- Castellblanc (Carod-Rovira)
Narración
[editar | editar a fonte]O libro está narrado en terceira persoa, cun narrador omnisciente, coñecedor dos pensamentos e desexos dos personaxes. Hai frecuentes descricións de personaxes e paisaxes. Parte dos actos están baseados en feitos reais, pero moitas das conversas e diálogos entre personaxes adáptanse ás personalidades reais dos políticos nos que se basean.
Espazo
[editar | editar a fonte]A acción discorre principalmente en Santiago de Compostela. Amais de moitos espazos abertos (Alameda, Bonaval, zona vella...), aparecen espazos pechados como as sedes da UPG e o BNG, o Auditorio de Galicia, ou bares e discotecas de sona (Maycar, Ruta, O Dezaseis...). O piso de Alicia está en Bertamiráns (Ames). Amais da acción inicial e final en Ourense, hai desprazamentos a Ferrol e Pereiro de Aguiar.
Tempo
[editar | editar a fonte]A acción principal ten lugar en abril de 2009. Hai frecuentes analepses, desde 1936, até o momento do asasinado de Mario, pasando pola década de 1980 (con moitos desencontros políticos) e de 1990 e 2000 (mocidade de diversos personaxes). Pode considerarse que hai algunha prolepse, pois algún dos personaxes menciona proxectos futuros, que na vida real foron levados a cabo (como un congreso sobre a lingua organizado polo IGEA).
Referencias culturais
[editar | editar a fonte]A novela está chea de referencias culturais contemporáneas, desde musicais (Sonic Youth, The (International) Noise Conspiracy, Real Filharmonía de Galicia, The Melvins, Alice in Chains...), cinematográficas (Michelangelo Antonioni...), filosóficas (Michael Löwy, Jürgen Habermas, Gilles Deleuze, budismo...) ou literarias (Sam Spade...).
Hai unha forte presenza da política nacional, estatal e internacional contemporánea. Menciónanse tamén os clásicos do galeguismo (Castelao, Bóveda, Vilar Ponte, Risco ou Otero Pedrayo). Amais, fálase profundamente das diferentes correntes do BNG actuais (UPG, +BNG, Movemento pola Base, Encontro Irmandiño...) e pasadas, así como doutros movementos galegos e nacionalistas (UMG, ERGA, Comités, Galiza Nova, AMI...).
Tamén se fai referencia a outros elementos da cultura galega pasada (como a Emilia Docet, miss España 1933) e contemporáneos (Inditex).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Adianto da trama no blog de Edicións Xerais (2 de agosto de 2010).
- Ficha Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine. na web da editorial.