Esquilo
Nome orixinal | (grc) Αἰσχύλος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 525 a.C. Eleusis, Grecia |
Morte | 456 a.C. Gela, Italia |
Causa da morte | morte accidental |
Actividade | |
Ocupación | escritor de traxedia, guerreiro, dramaturgo |
Período de tempo | Antigüidade clásica |
Xénero artístico | Traxedia grega |
Carreira militar | |
Conflito | Batalla de Salamina Batalla de Maratón batalla de Plateas |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Eueon, Euforión |
Pai | Euforión de Eleusis |
Irmáns | irmá de Esquilo Cinéxiro Ameinias |
Descrito pola fonte | Concise Literary Encyclopedia (en) , (vol:8, sec:Эсхил) Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
|
Esquilo (en grego antigo: Αισχύλος, Aiskhúlos, Aiskhúlos) nado en Eleusis (Ática) no 525 a.C. e finado en Gela en 456 a.C., foi un dramaturgo da Antiga Grecia. Predecesor de Sófocles e Eurípides, é considerado como o creador da traxedia grega.
Vida
[editar | editar a fonte]Naceu en Eleusis, onde se celebraban os misterios de Eleusis. Pertencía a unha nobre e rica familia de terratenentes. Na súa mocidade foi testemuña do fin da tiranía dos Pisistrátidas en Atenas. Foi un dos «Maratonianos»; loitou nas guerras promovidas contra os Persas na batalla de Maratón (490 a.C.), nas de Salamina (480 a.C.) e, posiblemente, na de Platea.
Algunha das súas obras, como Os persas (472 a.C.), son o resultado das súas experiencias de guerra. Foi, tamén, testemuña do desenvolvemento da democracia ateniense. N´As suplicantes (490 a.C.), pode detectarse a primeira referencia que se fai do poder do pobo, e a representación da creación do Areópago, tribunal encargado de xulgar aos homicidas. N´As Euménides (478 a.C.), apóiase a reforma de Efialtes (462 a.C.), transferencia dos poderes políticos do Areópago ao Consello dos cincocentos.
Acusóuselle de revelar os misterios de Eleusis, polo que foi xulgado e posteriormente absolto.
Viaxou a Siracusa (Sicilia), invitado polo tirano Hiéron, para o que produciu As mulleres de Etna na honra da nova cidade de Etna que este fundara, e puxo, de novo, en escena, Os persas. Tras a representación da Orestíada (458 a.C.), volveu visitar Sicilia, onde morreu en Gela, entre o 456 a.C. e o 455 a.C..
Tivo un fillo, Euforión, que, coma el, foi un poeta tráxico.
Escribiu 82 pezas (algunhas fontes cífranas en 90), conseguiu a súa primeira vitoria en composición dramática no 484 a.C., sendo os seus rivais Pratinas, Frínico e Quérilo de Atenas. Só foi vencido por Sófocles no ano 468 a.C..
Da importancia da súa obra dá fe o feito de que se permitise que as súas obras fosen representadas e presentadas no agón (certame, competición) nos anos posteriores á súa morte, xunto ás dos dramaturgos vivos; unha honra excepcional xa que era costume que as obras dos autores falecidos non se puidesen presentar.
De toda a súa obra só se conservan sete pezas, seis delas premiadas, e substanciosos fragmentos doutras tantas. A pesar da importancia da súa obra, no seu epitafio Esquilo non quixo ser recordado como poeta ou dramaturgo, senón polo seu valor nas batallas de Maratón e de Salamina:
- Esta tumba esconde o po de Esquilo,
- fillo de Euforio e orgullo da fértil Gela
- Do seu valor Maratón foi testemuña,
- e os medos de longa cabeleira, que tiveron demasiado del.
Texto grego orixinal:
- Αἰσχύλον Εὐφορίωνος Ἀθηναῖον τόδε κεύθει
- μνῆμα καταφθίμενον πυροφόροιο Γέλας·
- ἀλκὴν δ’ εὐδόκιμον Μαραθώνιον ἄλσος ἂν εἴποι
- καὶ βαρυχαιτήεις Μῆδος ἐπιστάμενος.
(Anthologiae Graecae Appendix, vol. 3, Epigramma sepulcrale 17)
Morte e a súa predición
[editar | editar a fonte]A lenda conta que, pouco antes da súa morte, o oráculo vaticinoulle que morrería esmagado por unha casa, polo que decidiu residir fóra da cidade. Curiosa e traxicamente, faleceu ao ser golpeado pola casca dunha tartaruga que un crebaosos soltara desde o aire.
Características xerais
[editar | editar a fonte]Esquilo era moi dado a condensar as súas obras en triloxías ligadas, que trataban sobre algún tema en particular, aínda que cada parte conservaba o seu sentido completo e podían ser perfectamente representadas por separado. Os primeiros tres dramas dunha secuencia de catro dramatizaban episodios consecutivos do mesmo mito e o drama satírico que seguía contiña unha historia relacionada co mesmo. Nos concursos dramáticos representábanse tres traxedias ademais dun drama satírico, co que se relaxaba a tensión do público. Tras a súa época, a triloxía ligada quedou como unha opción ocasional, mentres que moitísimas postas en escena consistían en catro dramas independentes.
Os persas, Os sete contra Tebas e As suplicantes son dramas de dous actores xa que foi Esquilo o que introduciu o segundo actor en escena, diminuíndo a intervención dos coros, e facendo posible o diálogo e a acción dramática. Os diálogos principais son fundamentalmente entre personaxes e coro cunha gran variedade de esquemas estruturais e un ritmo de acción máis ben lento. Este é un dos trazos principais do arcaísmo do teatro de Esquilo.
Na Orestíada (triloxía formada por Agamenón, As coéforas e As euménides), Esquilo dispón de skene, de ekkylkema, de mechane e dun terceiro actor, como vemos na escena do Agamenón na que aparecen nun agón Agamenón e Clitemnestra, estando presente, pero en silencio, Casandra.
O interese central dos dramas de Esquilo áchase, principalmente, na situación e no seu desenvolvemento, máis que nos personaxes. O personaxe que foi máis traballado polo autor é Clitemnestra na Orestíada.
Os coros esquileos case sempre gozan dunha personalidade forte e peculiar, as súas palabras, xunto á música e a danza, contribúen a chamar a atención sobre os profundos temas do teatro de Esquilo, determinando o ton de todo o drama. Os coros esquileos teñen, frecuentemente, unha importancia substancial sobre a acción. As Danaides e as Erinias son, de feito, as principais protagonistas dos seus dramas.
O estilo lírico de Esquilo é claro pero cunha forte tendencia ao arcaico e con trazos hómericos. Sobresaen, ao presentar modelos de linguaxe e de imaxes, metáforas, símiles, campos semánticos determinados, elaborándoos ata os detalles máis mínimos e manténdoos ao longo de todo o drama ou da triloxía.
Outra característica peculiar, é o decoro tráxico: o protagonista ten que expresarse como o que é, por exemplo, no caso de Agamenón, este debe falar como o faría un heroe tráxico.
Tamén é audaz, e está dotado dunha grande imaxinación á hora de aproveitar os aspectos visuais dos seus dramas. O contraste entre o vestido da raíña persa ao entrar na súa carroza e a volta de Xerxes vestido só de farrapos; a caótica entrada do coro en Os sete contra Tebas; As Danaides de aspecto africano, vestidas exoticamente, o seu enfrontamento cos soldados exipcios, a alfombra púrpura que levará a Agamenón á morte, As Erinias en escena, a procesión que conclúe na Orestíada etcétera, demostran o seu dominio da técnica teatral e a escenografía.
Temas e elementos fundamentais
[editar | editar a fonte]O sufrimento humano é o tema principal no teatro grego (ó fin e ó cabo, tratábase de traxedias), un sufrimento que leva o personaxe ao coñecemento (recordar a máxima do pathei mathos, o coñecemento a través do sufrimento) e que non está rifado cunha forte crenza na xustiza final dos deuses. Na súa produción o sufrimento humano ten sempre unha orixe directa ou indirecta nunha acción malvada ou insensata que conduce á desgraza dos protagonistas pero que pode ser herdada polos mesmos, sen ser culpables de nada. É fundamental, a este respecto, a forza do genos, da herdanza da culpa e dos lazos de sangue, que provoca que as faltas dos antepasados sexan herdadas polos protagonistas míticos actuais como ocorre co enfrontamento entre Atreo e Tiestes que empaña as existencias de Agamenón, Existo e, posteriormente, de Orestes.[1] Polo tanto, nalgunhas ocasións, trátase de vítimas indirectas que, ás veces, incorren elas mesmas nunha culpa maior ou menor, pero das que moitas son completamente inocentes.
Un elemento clave no teatro esquileo é a substitución, na escena final, da persuasión en lugar do emprego da violencia, como vemos na Orestíada. Case sempre, os deuses, son severos e implacables e os mortais atópanse prisioneiros, sen esperanza, a pesar de poderen elixir como afrontar o seu propio destino. Nas súas últimas producións, sobresae un concepto diferente da divindade, como ocorre na Orestíada onde os deuses do Agamenón e de Coéforos se converten en Euménides, en responsables e afectuosos protectores dos mortais que o merecen.
Esquilo está moi interesado na vida comunitaria da polis e todas as súas obras conservadas teñen aspectos visiblemente políticos. Parece ser un grande opositor da democracia (n'As Suplicantes a decisión do rei demórase por causa da consulta popular, o que supón un gran risco para a supervivencia do seu pobo), un mundo no que os seus elementos aparecen por primeira vez en As suplicantes. En todos os dramas de Esquilo aparece o contraste entre o individuo potente e dedicado aos seus intereses, así como ao control do estado, e os seus actos, frecuentemente irresponsables, ameazan con arruinalo, e a comunidade, que debería ter o control de si mesma e as accións colectivas destas aseguran a salvación xeral.
Obra
[editar | editar a fonte]- Os persas (472 a.C.)
- Os sete contra Tebas (467 a.C.)
- As suplicantes (463 a.C.)
- Orestíada (458 a.C.) que comprende:
- Prometeo encadeado (autoría en discusión)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Esquilo, Tragedias: Persas. Siete contra Tebas. Suplicantes. Agamenón. Coéforas. Euménides. Prometeo, Editorial Gredos: Madrid, 2002 [1ª edición, 3ª impresión]. ISBN 84-249-1046-X.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Os sete sobre Tebas (comparación entre a traxedia de Esquilo e o mito grego)
- ↑ Atreo e Tiestes eran irmáns, fillos de Pélope, e odiábanse visceralmente. Atreo foi elixido rei de Micenas, de forma tramposa, e desterrou a Tiestes, aínda que logo simulou perdonalo e chamouno á cidade, pero cando Tiestes chegou a Micenas, Atreo matou ó tres fillos de Tiestes, cociñounos e ofreceunos a comer ó irmán no banquete de reconciliación. Cando remataron de comer, Atreo mostroulle as cabezas dos meniños e volveu a expulsar a Tiestes. Este tiña unha filla, pero Tiestes, sen recoñecela, tivo un fillo dela, Existo, e ela, finalmante, casou con Atreo (o seu tío). Atreo mandou a Existo que matara a Tiestes pero cando soubo que Tiestes era realmente o seu pai, regresou a Micenas e matou a Atreo. Nese momento, Atreo tiña dous fillos: Agamenón e Menelao. Cando Agamenón partiu á Guerra de Troia, a súa muller, Clitemnestra, foi seducida por Existo e entre os dous matárono cando regresou da guerra. Clitemnestra e Agamenón tiñan dous fillos, Orestes e Electra, que vingaron a morte do pai e mataron a Existo e á nai, polo que Orestes foi condenado por parricida.