Saltar ao contido

Criatura das antas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"Grettir feels Kárr's grip": o morto vivente Kárr, un morador das antas ou haugbúi, ataca un visitante no seu túmulo. Ilustración de Henry Justice Ford, 1902

As criaturas das antas son seres semellantes a espectros no mundo da Terra Media de J. R. R. Tolkien. N’O Señor dos Aneis, os catro hobbits son apreixados por unha criatura das antas, e conseguen escapar con vida de milagre; como contrapartida polo transo, fanse cunhas espadas moi antigas forxadas no Lado Oeste.

Tolkien tirou a idea das criaturas das antas da mitoloxía nórdica, na que heroes de varias sagas combaten mortos viventes denominados draugrs. Os académicos tamén poñen de relevo unha analoxía entre a disolución do meigalllo da criatura das antas e a derradeira batalla de Beowulf, onde se entra no túmulo do dragón e se desfai o feitizo que encantaba o tesouro. As criaturas das Antas non aparecen na triloxía cinematográfica de Peter Jackson, pero si en videoxogos ambientados na Terra Media de Tolkien.

Na Saga de Grettir, Grettir (na imaxe) loita con Kárr, un morto vivente que custodia o seu túmulo.[1] Manuscrito islandés do século XVII

Unha anta é un túmulo coma os que se empregaban no Neolítico.[2]

O substantivo orixinal en inglés para as criaturas, wight, do inglés antigo wiht, fai referencia a unha persoa ou outro ser sentinte.[3][4]

Na mitoloxía nórdica existen historias de vættir ou draugr, espíritos con corpo tanxíbel vencellados ás tumbas.[5][6][7][8] En Noruega, a poboación de zonas rurais como Eidanger cría que os mortos seguían a vivir nas súas tumbas en forma de vetter ou espíritos protectores, e a tradición de ofrecer sacrificios nos túmulos perdurou até a era moderna.[9]

Na súa obra "Nomenclature of The Lord of the Rings", Tolkien explica que "criatura das antas” ("barrow-wight" no orixinal inglés) era un "nome inventado", á diferenza doutros que existiran en inglés antigo, como "orco".[T 1][5] Nunha charla sobre Beowulf explicou así mesmo o significado dos orcneas ("cadáveres infernais"), os monstros malignos nacidos de Cain e que desembocaron no monstro Grendel:[T 2]

esa feroz imaxinación nórdica na que me mergullei para acuñar o nome de 'criaturas das antas. Os 'mortos viventes'. Esas arrepiantes criaturas que habitan tumbas e túmulos. Non están vivas: abandonaron a humanidade, pero son 'mortos viventes'. Coa súa forza sobrehumana e a súa malicia, son quen de esganar un home e esnaquizalo. Un célebre exemplo é Glámr na historia de Grettir o forte.[T 2]

Porén, Andrew Lang empregou o termo na súa obra de 1891 Essays in Little, onde escribe "Nas tumbas onde se amasaban tesouros moraban as criaturas das Antas, pantasmas que exercían de sentinelas do ouro."[5] Eiríkr Magnússon e William Morris tamén o utilizaron na súa tradución de 1869 da Saga de Grettir, que describe unha pelexa contra una "criatura das antas " ou "morador das antas", Kárr:[10][11]

No seu camiño estaba todo ciscado, e a criatura das antas atacaba cunha ansia espantosa; Grettir recuou ante ela durante un bo anaco, até que por fin se decatou de que de nada serviría seguir gardando forzas; agora ningún dos dous daba tregua, e chegaron onda os ósos de cabalo, e alí loitaron por moito tempo. Ora un, ora o outro fincaban o xeonllo, mais a pugna rematou co morador das antas caendo de costas cun grande estrépito.[11]

A Saga de Grettir liga ademais a derrota da criatura das antas coa recuperación dun antigo tesouro no que repara o herdeiro da liñaxe á que pertencera outrora:[11]

Grettir ... esparexeu sobre a mesa todos os tesouros que apañara na anta; mais había unha cousa á que non podía quitarlle o ollo; tratábase dunha espada curta, unha arma de tal calidade que nunca vira outra mellor— dixo; e foi esta a derradeira peza da que se desprendeu. A Thorfinn aquela espada aledoulle a vista, pois era unha reliquia da súa liñaxe, e sempre estivera na familia.

—Como chegaron ás vosas mans estes tesouros?— inquiriu Thorfinn.[11]

A Saga de Grettir chama os mortos viventes Glámr e Kárr haugbúar ("moradores das antas", singular haugbúi; un termo similar é draugr). Esta denominación serviu de influencia para as criaturas das antas de Tolkien, xa for directamente a partir da lingua nórdica antiga ou a través da tradución de Magnússon e Morris.[12]

As criaturas das antas figuran na literatura escandinava da era moderna, por exemplo nas canción n.º 32 de 1791 Träd fram du Nattens Gud ("Adiante, deus da noite") do poeta sueco Carl Michael Bellman, cuxa segunda estrofa di así (traducido):[13]

O teu manto cóbreo todo... Olla para os xardíns de Flora!
Acá foxen os máis fermosos altores, alá fuscas criaturas das antas (griftevårdar)
érguense sobre outeiros negros;
e baixo os ollos pencados do bufo, serpes e martas
deixan os seus apousentos.

Tanto a criatura das antas coma o personaxe de Tom Bombadil aparecen por primeira vez dentro da obra de Tolkien no seu poema The Adventures of Tom Bombadil, publicado no número de Oxford Magazine do 15 de febreiro de 1934.[T 3][14]

Narrativa n’O Señor dos Aneis

[editar | editar a fonte]

Modelo:Further

"Dúas enormes pedras fincadas" como unha porta:[T 4] Un túmulo alongado, o dolmen de Locmariaquer, na Bretaña. A cámara é unha pasaxe con espazos máis anchos para soterramentos e enxovais.
A Cultura de Hallstatt da Idade de Bronce Final en Europa empregaba enxovais funerarios, como espadas en forma de folla.

O Rei Bruxo de Angmar enviou espíritos malignos ás Lombas das Antas para impedir a restauración do destruído reino Dúnedain de Cardolan, un dos tres vestixios existentes do Reino Dúnedain de Arnor.[T 4][T 5] Eses espíritos reanimaron os esqueletos dos Dúnedain mortos, así coma outros máis antigos dos Edain da Primeira Idade que seguían soterrados alí.[T 5]

Tras despedírense os hobbits de Tom Bombadil, unha criatura das antas atrapa e case que mata a Frodo Bulseiro e compañía:[T 4]

e de súpeto viu dúas enormes pedras fincadas, que se erguían ominosas ante el e se inclinaban lixeiramente unha para outra como columnas dunha porta sen arquitrabe... Pasou entre elas case antes de decatarse e, en canto o fixo, pareceu rodealo a escuridade.[T 4]

Frodo consegue resistir o meigallo da criatura; ollando ao seu redor, ve os outros hobbits ataviados con enxovais funerarios, vestidos de branco con diademas e cadeas de ouro, contornados por espadas e escudos, e cunha espada apoiada por riba dos seus pescozos. Colle unha espada curta e rabénalle a man á criatura. Cando esta extingue a tenue luz da caverna, Frodo chama por Tom Bombadil, quen expulsa a criatura da anta, rescata os hobbits e apaña o tesouro desta, no cal había antigas espadas Númenorianas. Frodo ve que a man amputada segue a se remexer por si soa.[T 4][14]

O túmulo era o do derradeiro príncipe de Cardolan;[T 5] O berro de Merri ao espertar do seu transo así o confirma, pois nomea Carn Dûm, capital de Angmar, reino en constante guerra con Númenor (e como Bombadil explica máis tarde):[T 4]

Claro, xa me lembro! Os homes de Carn Dûm botáronsenos enriba de noite, e vencéronnos. Ai, esa lanza no corazón![T 4]

Bombadil equipa os hobbits coas armas do tesouro das antas, que se darían en chamar espadas das Antas:

Para cada un dos hobbits escolleu unha longa daga con forma de folla, afiada e de marabillosa feitura, labrada con figuras de serpe en vermello e ouro. Escintilaron cando as sacou das súas vaíñas negras, dalgún estraño metal lixeiro e forte, e adornadas con moitas pedras refulxentes. Fose por algunha virtude das vaíñas ou polo meigallo que pesaba no montículo, as follas parecía que non sufriran o paso do tempo, e brillaban ó sol afiadas e sen ferruxe.[T 4]

Moito despois, cando Pipin xura lealdade ao Mordomo de Gondor, Denethor, o ancián examina a súa espada e pregúntalle —en palabras que lembran á Saga de Grettis— "De onde procede? ... Ten moitos anos, e trátase sen dúbida dunha folla forxada pola nosa propia raza no norte, nun pasado remoto"[T 6]

Relevancia

[editar | editar a fonte]

O experto en Tolkien Tom Shippey comenta que se trata dun "momento destacado" cando Merri esperta do meigallo da criatura na anta e "lembra só unha morte allea". Sinala que Merri asume a personalidade do guerreiro, non á da criatura, xa que Tom recorda os mortos con afecto. Segundo Shippey, isto perpetúa a cuestión de quen ou que era a criatura. A roupaxe branca, a man a se remexer e os hobbits dispostos en pose funeraria imprimen a emoción propia da fantasía, pero co fundamento do seu vencello a unha historia máis ampla que, cando menos, se insinúa.[14]

O académico literario Patrick Callahan observa que todo o episodio de Bombadil semella desconexo do resto do relato, pero que a historia da criatura das antas garda parecido co derradeiro enfrontamento de Beowulf, onde o rei, xa vello, parte para combater o dragón do túmulo. Morre no lance, pero recupérase o tesouro do túmulo funerario e esconxúrase a maldición que pesaba sobre el, o mesmo cá da criatura. Callahan engade que a criatura das antas pertence á "clase das aparicións, ou 'mortos viventes'", coma na saga de Grettis, que Tolkien coñecía.[1]

Nos medios modernos

[editar | editar a fonte]

Peter Jackson omitiu as criaturas das antas da súa triloxía cinematográfica The Lord of the Rings. O experto en humanidades Brian Rosebury sostén que é unha escolla aceptábel para acurtar a metraxe, porque o episodio non afecta significativamente a historia.[15] Doutra banda, o experto en Tolkien John D. Rateliff sinala que, como os Hobbits non adquiren as súas espadas antigas do tesouro da criatura das antas, recíbenas dun xeito forzado do seu compañeiro de viaxe Aragorn no Cumio do Vento cando o grupo está a piques de ser atacado; dáse a casualidade de que leva consigo catro espadas de tamaño axeitado para Hobbits, malia que só agardaba ver a Frodo e a Sam.[16]

  1. 1,0 1,1 Callahan, Patrick J. (1972). "Tolkien, Beowulf, and the Barrow-Wights". Notre Dame English Journal 7 (2): 4–13. JSTOR 40066567. 
  2. "Barrow". Cambridge Dictionary. Consultado o 9 August 2020. 
  3. Modelo:Cite dictionary
  4. Modelo:Cite dictionary
  5. 5,0 5,1 5,2 Hammond, Wayne G.; Scull, Christina (2005). The Lord of the Rings: A Reader's Companion. HarperCollins. pp. 137, 142–146. ISBN 978-0-00-720907-1. 
  6. Palsson, Hermann (1989). Eyrbyggja saga. Penguin Books. p. 187. ISBN 978-0-14-044530-5. OCLC 26857553. 
  7. Byock, Jesse (2009). Grettir's saga. Oxford University Press. p. 115. ISBN 978-0-19-280152-4. OCLC 246897478. 
  8. Magnússon, Magnús; Palsson, Hermann (1969). Laxdaela Saga. Penguin Books. p. 103. ISBN 978-0-14-044218-2. OCLC 6969727. 
  9. Skjelsvik, Elizabeth (1968). "Eidangers eldste historie: Bronse-alder (1500-500 f.Kr.) [Eidanger's oldest history: Bronze age (1500-500 B.C.)]". En Hals, Harald. Eidanger bygdehistorie (en noruegués). Porsgrunn kommune. section B.1. OCLC 4006470. 
  10. "barrow". Online Etymology Dictionary. Consultado o 9 August 2020. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Magnússon, Eiríkr; Morris, William (1869). Grettis Saga. The Story of Grettir the Strong, translated from the Icelandic. F. S. Ellis. pp. 48–49. 
  12. Fahey, Richard (5 March 2018). "Zombies of the Frozen North: White Walkers and Old Norse Revenants". University of Notre Dame. Consultado o 30 November 2020. 
  13. Hassler, Göran; Dahl, Peter (illus.) (1989). Bellman – en antologi [Bellman – an anthology]. Modelo:Ill. pp. 213–217. ISBN 91-7448-742-6. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Shippey, Tom (2005). The Road to Middle-Earth (Third ed.). HarperCollins. pp. 119–120, 125. ISBN 978-0-26110-275-0.  Parámetro descoñecido |orig-date= ignorado (Axuda)
  15. Rosebury, Brian (2003). Tolkien: A Cultural Phenomenon. Palgrave. p. 215. ISBN 978-1403-91263-3.  Parámetro descoñecido |orig-date= ignorado (Axuda)
  16. Rateliff, John D. (2011). "Two Kinds of Absence: Elision & Exclusion in Peter Jackson's The Lord of the Rings". En Bogstad, Janice M.; Kaveny, Philip E. Picturing Tolkien: Essays on Peter Jackson's The Lord of the Rings Film Trilogy. McFarland. pp. 54–69. ISBN 978-0-7864-8473-7. 


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "T", pero non se atopou a etiqueta <references group="T"/> correspondente