Auga fósil
A auga fósil ou paleoauga é auga subterránea que permaneceu selada nun acuífero, chamado acuífero fósil, durante miles ou mesmo millóns de anos, debido a cambios na xeoloxía do terreo. Entre os máis importantes acuíferos fósiles está o sistema de acuíferos do arenito nubio, que se encontra baixo o deserto do Sáhara. Outros acuíferos fósiles famosos son os do deserto do Kalahari no sur de África, e o acuífero Ogallala nas grandes planicies norteamericanas. Outras grandes reservas de auga antiga poden atoparse nalgúns lagos subglaciares como o lago Vostok da Antártida.
Unha análise isotópica desta auga pode servir para estimar a súa antigüidade.
Efectos da depleción dos acuíferos fósiles
[editar | editar a fonte]A auga fósil é, por definición, un recurso non renovable.[1] Mentres que a maioría dos acuíferos volven a encherse regularmente de auga debido á infiltración de auga de precipitación no subsolo, os acuíferos fósiles non se recargan ou recárganse minimamente.[2] A extracción de auga destas reservas que non se renovan fai que co tempo se esgoten.[3] A medida que se extrae auga, o nivel freático baixa progresivamente, ata que se esgota.[2] Non obstante, algúns destes acuíferos son enormes e durarían moito tempo se non se extraen cantidades excesivas. No caso dos acuíferos fósiles de desertos, como os do Sáhara, a súa auga procede fundamentalmente de auga que se infiltrou hai miles de anos cando o clima na zona era moito máis húmido.
Considérase que a extracción de auga fósil incrementa a cantidade total de auga circulante na hidrosfera, e pode ser responsable de ata un cuarto do aumento do nivel do mar producido dende inicios do século XX.[4]
Auga fósil moi antiga
[editar | editar a fonte]En 2013 descubriuse nas profundidades dunha mina canadense, próxima á localidade de Timmins, a unha profundidade de 2400 metros, unha bolsa de auga fósil de orixe precámbrica, é dicir, que ten entre 1500 e 2640 millóns de anos.[5] A idade da bolsa determinouse mediante a análise da composición isotópica do gas disolto que contén por un grupo de xeólogos das universidades de Manchester, Lancaster, Toronto e McMaster en Hamilton. A composición e as dimensións do acuífero fan pensar que podería conter formas de vida microbiana illadas durante ese período de tempo. A auga permaneceu atrapada en fracturas de rochas do período Precámbrico que forman parte do chamado Escudo canadense.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fossil Water in Libya". drinking-water.org. National Academy of Sciences. Consultado o 04-04-2015.
- ↑ 2,0 2,1 "Water Table Draw Down or Groundwater "Mining"". Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2013. Consultado o 04 de maio de 2015.
- ↑ NOAA glossary detailing 'Ground Water Mining'
- ↑ "Rising sea levels attributed to global groundwater extraction". University of Utrecht.
- ↑ Una fonte sotterranea vecchia miliardi di anni (en italiano). Consultado o 04/05/2015.
- ↑ Deep fracture fluids isolated in the crust since the Precambrian era (en inglés). Consultado o 04/05/2015—.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ""Fossil Water" in Libya". NASA Earth Observatory newsroom. Consultado o 2006-04-27.