Saltar ao contido

Tri martolod

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.

Tri martolod como nome dun barco de madeira bretón.

«Tri martolod» (en galego: «Tres mariñeiros») é unha canción popular bretoa. De compositor descoñecido e titulada en ocasións «Tri martolod yaouank» («Tres mozos mariñeiros»), foi composta probablemente no século XVIII. A versión impresa máis antiga coñecida data de 1809. Na colección de cancións Sonioù Pobl (Sons do Pobo), publicada en 1968 por Polig Monjarret, pioneiro no retorno á identidade e á cultura bretoas, chamábase «An tri-ugent martolod» («Os sesenta mariñeiros»). Tamén se teñen publicado versións en francés co título «Les trois marins de Nantes» (aínda que non se sabe en cal dos dous idiomas era a versión orixinal).

Alan Stivell popularizou a canción en 1972, cando a publicou con novos arranxos como sinxelo, con The King of the Fairies como cara B. A canción tamén foi inclúida no seu exitoso LP en directo À l'Olympia, retransmitido en directo por Europe 1 fronte a uns sete millóns de oíntes, nunha versión que ten tamén uns tres minutos e medio de duración. O seguinte sinxelo de Stivell, Pop-Plinn, un dos primeiros temas de rock bretón (Brezhoneg Raok), vendeuse mellor nas tendas, pero nas décadas seguintes «Tri martolod» converteuse xunto co himno bretón «Bro gozh ma zadoù» nunha das cancións máis importantes da música bretoa.

Desde o comezo do "Renacemento bretón" a finais dos anos sesenta, a canción foi gravada e interpretada por numerosos artistas, como Tri Yann ou Nolwenn Leroy. Stivell tamén a interpretou regularmente ao longo da súa carreira, a miúdo con arranxos diferentes. Desde entón foi traducido a moitos outros idiomas e gravado en diferentes estilos. Santiano reinterpretouna cunha mestura de versos alemáns e bretóns, Manau incorporou a melodía ao seu éxito de hip hop La tribu de Dana e a banda suíza Eluveitie lanzou unha versión folk metal.

O texto

Estrutura e acción

A versión máis longa que se conserva da canción consta de 20 estrofas.[1] Consisten nunha copla de dúas liñas e un retrouso de dúas liñas, nas que a última parte da segunda liña se repite dúas veces. Ao final de cada primeira liña hai un canto sen significado léxico (tra la la...), e despois da primeira liña do coro unha breve exclamación (gê!). A este respecto, cada unha destas cuartetas só contén información breve, por exemplo "Tres mozos mariñeiros partiron na viaxe", que xa está formulada integramente na segunda liña. Esta forma de canción correspóndese co tradicional Kan ha diskan, que significa "canción e resposta", no que hai unha canción alternada entre dous, e algunhas veces tres cantantes. En contraste co principio de chamada e resposta, os falantes teñen a mesma importancia aquí, porque ambos dictan o paso e o ritmo dos bailaríns.[2] En case todas as variantes históricas da canción (véxase máis abaixo ) hai unha métrica idéntica, con estrofas de 13 pés, sete dos cales están no coro.[1]

O texto comeza cunha descrición dunha viaxe atlántica de tres mozos mariñeiros a Norteamérica e a partir da quinta estrofa convértese nun diálogo entre dúas persoas que viven na pobreza. Nesta transición, a perspectiva narrativa tamén cambia; o narrador non implicado substitúese por unha conversa directa entre un dos mariñeiros (os outros dous non aparecen na secuencia) e unha muller que coñece despois de atracar. Rapidamente resulta que os dous non só se coñecen de Francia, senón que tamén se prometeron matrimonio alí e incluso miraron xuntos os aneis de voda en Nantes.[3] Con todo, ningún dos dous ten diñeiro para cumprir a promesa. A canción non responde á pregunta de por que se separaron nese momento nin por que a muller acabou "ao outro lado do estanque".

Na oitava estrofa, o tempo cambia do pasado ao futuro simple, polo que a parella fala do que van facer a partir de agora. A muller describe a súa situación material de forma detallada e vívida: "Non temos casa nin palla [en referencia a terreos], nin cama para pasar a noite, […] nin sabas, mantas nin almofadas, […] nin cunca nin culler […] Nin con que cocer o pan” (Nous n'avons ni maison ni paille, ni lit pour dormir la nuit, […] ni drap ni couverture ni édredon sous la tête, […] ni écuelle ni cuiller. [...] Ni de quoi faire du pain) . O home contesta dicindo que simplemente deben tomar a natureza como modelo: “Facémolo coma a perdiz e durmimos no chan; e como a arcea erguémonos ao amencer ”(Nous ferons comme la perdrix: nous dormirons sur la terre. Nous ferons comme la bécasse: quand le soleil se lève elle va courir). Coa declaración posterior de que a súa canción xa rematou, pero "continúa se podes", deixa aberto se a razón escéptica ou o amor inxenuo prevalecerán e a relación da parella nesta ocasión continuará. Este final aberto tamén permitiu ampliar a duración do baile engadindo máis estrofas.[1]

Versión de Alan Stivell de 1972

O arpista Alan Stivell (esquerda) no Olympia de 2012 cun bagad bretón.

Alan Stivell só utilizou as seis primeiras estrofas nas súas primeiras gravacións,[4] mentres que outras versións, como a de Tri Yann, son máis longas. Que a parte principal da trama permanecese oculta a principios dos anos setenta podería explicarse polo feito de que o número de falantes do idioma bretón era moi pequeno nese momento. O seu uso foi "revivido" co regreso á cultura bretoa iniciada por Stivell entre outros. Logo diso, numerosas bandas e orquestras, incluso en lugares dos Pireneos como Tarbes ou Pau, engadiron pezas como «Tri martolod» ao seu repertorio.[5]

Dous aspectos temáticos desta canción non lle resultaban persoalmente descoñecidos ao cantante. En 1970 xa publicara no seu LP Reflets unha peza titulada «Je suis né au milieu de la mer», sobre a pobreza nas familias mariñeiras. E a emigración de bretóns tamén afectou á súa propia familia, pois tanto os seus avós paternos, labregos, como máis tarde seu pai, emigraron de Morbihan a París, buscando un futuro mellor.[6]

Durante o concerto de Stivell no Olympia, aconteceu algo infrecuente en dito teatro musical: parte do público levantouse e comezou a bailar entre as filas de cadeiras. Isto repetiuse un ano despois nunha actuación no Bobino.[7] O propio artista, que inicialmente seleccionara a canción simplemente como unha das varias cancións bretoas que tocou no Olympia, dixo retrospectivamente en 2012 que esta canción "non era unha canción de rock emblemática; se cadra iso é o que tanto lle gustou ao público".[8] O disco vendeu darredor de 150.000 copias no primeiro ano despois da súa publicación,[9] e outras 50.000 máis nos anos seguintes.[10]

Letra

Letra en bretón Letra traducida ao galego


Tri martolod yaouank tra la la la la la la la la la
Tri martolod yaouank o voned da veajiñ
O voned da veajiñ, gê!
O voned da veajiñ.

Gant ’n avel bet kaset tra la la …
Gant ’n avel bet kaset betek an Douar Nevez
Betek an Douar Nevez, gê!
Betek an Douar Nevez.

E-kichen mein ar veilh tra la la …
E-kichen mein ar veilh o deus mouilhet o eorioù
O deus mouilhet o eorioù, gê!
O deus mouilhet o eorioù.

Hag e-barzh ar veilh-se tra la la …
Hag e-barzh ar veilh-se e oa ur servijourez
E oa ur servijourez, gê!
E oa ur servijourez.

Hag e c’houlenn ganin tra la la …
Hag e c’houlenn ganin pelec'h 'n eus graet konesañs
Pelec’h ’n eus graet konesañs, gê!
Pelec’h ’n eus graet konesañs.

E Naoned er marc’had tra la la …
E Naoned er marc’had hor boa choazet ur walenn
Hor boa choazet ur walenn, gê!
Hor boa choazet ur walenn.

Tres mozos mariñeiros tra la la la la la la la la la
Tres mozos mariñeiros emprenden a viaxe
Emprenden a viaxe, ei!
Emprenden a viaxe.

Co impulso dos ventos, tra la la...
Co impulso dos ventos cara ao Novo Mundo
Cara ao Novo Mundo, ei!
Cara ao Novo Mundo.

Xunto á pedra dun muíño, tra la la...
Soltaron a áncora xunto a pedra dun muíño
Soltaron a áncora, ei!
Soltaron a áncora.

E no muíño, tra la la...
E no muíño había unha criada
Había unha criada, ei!
Había unha criada.

E ela pregúntame, tra la la...
E ela pregúntame onde nos coñecemos
Onde nos coñecemos, ei!
Onde nos coñecemos.

No mercado de Nantes, tra la la...
Escollemos un anel de voda no mercado de Nantes
Escollemos un anel de voda, ei!
Escollemos un anel de voda.

Antecedentes sociais

A trama ficticia da canción transcorre de xeito moi realista sobre o fondo socio-histórico dos seus protagonistas. A vida dos pescadores de alta mar bretóns, como podía ser o caso dos tres mariñeiros, aínda que as condicións de vida non eran moito mellores para os mariñeiros da mariña mercante, era de todo menos romántica. A Revolución Francesa de 1789 supuxo poucos cambios para os traballadores manuais do Terceiro Estado. As frotas pesqueiras traballaron grandes áreas do Atlántico Norte ata Terra Nova, nas costas canadenses. Dende o século XVII estas augas foron as principais zonas de traballo dos pescadores de bacallau bretóns,[11] ás que se engadiron as augas de Islandia no século XIX. Durante a tempada de pesca, os mariñeiros realizaron o seu traballo nunhas condicións moi difíciles e, moitas veces, mortais, como describe Pierre Loti na súa novela Pêcheur d'Islande de 1886.

Maqueta dunha goleta bretoa (século XIX).

Cando os homes regresaban ás súas terras natais despois duns meses en alta mar, ademais de reparacións ocasionais nas goletas e doutros traballos de mantemento, tiñan que vivir cos seus pequenos salarios ou a cota de capturas ata a próxima primavera. Debido á insuficiente subministración de alimentos, houbo reiteradas revoltas, por exemplo as que se sucederon en 1787 en Paimpol e outras vilas pesqueiras bretoas, onde estaban estacionadas as frotas pesqueiras.[12]

Estas circunstancias non cambiaron ata o século XIX, e só en partes da Bretaña. Por exemplo, familias da costa nordeste ao redor de Saint-Malo adquiriron pequenos terreos que traballaban as súas mulleres e fillos mentres os "terranova" (terre-neuvas) estaban en alta mar. Joël Cornette describe a estas familias como "mariñeiros-campesiños" (marins-paysans). O procesamento do peixe (conservación, envasado) desenvolveuse a partir de 1796, (principalmente na costa suroeste da Bretaña entre Douarnenez e Nantes) e creou novas oportunidades de traballo non só para homes, senón tamén para mulleres e nenas a partir dos doce anos.[13]

Segundo Monnier e Cassard, os traballos de serventes na agricultura e especialmente de criadas nos fogares da pequena nobreza e da burguesía urbana eran moi buscados polas mulleres, porque a pesar das horas de traballo ilimitadas e a practicamente inexistente liberdade persoal, dispoñían de pensión e aloxamento, así como certa protección dos seus amos. Non obstante, na Bretaña do século XVIII só había como máximo uns 8.000 empregos deste tipo, polo que algunhas mozas marcharon a outras partes de Francia ou ao estranxeiro coa esperanza de atopar un traballo como criadas e unha vida adecuada.[14]

A Bretaña, a diferenza doutras partes do reino, viuse afectada por unha crise económica permanente desde 1740 ata a década de 1780, causada por numerosos motivos, como os problemas nos cultivos por mor do clima, o éxodo rural, varias ondas epidémicas (varíola, febre tifoide, disentería),[15] unha taxa de mortalidade por riba da media, os aumentos dos prezos dos alimentos básicos, as consecuencias das guerras (Guerra dos Sete Anos e Guerra de Independencia dos Estados Unidos) ou os bloqueos costeiros británicos. Joël Cornette chama o século XVIII o "século escuro" da historia bretoa.[16] Ademais, na década de 1780 aumentou a concentración de frotas pesqueiras de bacallau e os seus desembarcos en Saint-Malo e a baía de Saint-Brieuc, o que empeorou a situación dos portos da zona de fala bretoa da Baixa Bretaña.[17] A este respecto, Tri martolod non esaxera a situación da parella, e as persoas que escoitaban a canción e a bailaron era conscientes diso, pois era a súa propia vida e a dos seus familiares e amigos.

Bailaríns de an-dro con traxe tradicional.
O baile redondo disolveuse nun baile de parella.

Segundo o galardoado músico e arranxador bretón Pascal Lamour, os musicólogos adoitan ter dificultades coa melodía nas cancións da rexión. Explícao co feito de que estas cancións "presentan repetidamente micro-variacións e en ocasións melodía e ritmo moi irregulares".[18] Segundo Tom Kannmacher, as cancións populares xeralmente "están suxeitas ás correntes da tradición, ás épocas culturais e ás relacións de regras e, polo tanto, nunca adoptan formas fixas que poderían documentarse ou captarse materialmente".[19] Como ocorre co texto da canción e as súas numerosas variacións, esta diversidade de interpretación musical tamén foi favorecida pola forma oral da tradición.[20]

Música, instrumentación e danza

A melodía de Tri Martolod está en modo dórico,[21] típico no folclore celta-anglosaxón. Dado que a escala dórica corresponde á escala menor ata o sexto nivel, a tríada menor úsase como clave básica para unha harmonización adecuada.[22]

Tocada en compás de catro cuartos, bailábase e adoita bailarse nos festivais populares bretóns, os festoù-noz,[23][24] normalmente cun grupo de persoas formando un círculo e cun baile de tres pasos, unha forma moi estendida en toda a Bretaña e que naceu na rexión costeira do sur de Bro Gernev.[25] «Tri martolod» encaixa moi ben ritmicamente con esta danza porque o ritmo do retrouso aumenta en comparación coas dúas liñas de verso anteriores.[1] Por exemplo, en Bro Leon tamén se bailaba ao xeito dun dañs tro, un baile típico bretón.[26][27] Segundo Bernard Lasbleiz, a danza redonda era popular entre pescadores e mariñeiros en toda a costa atlántica francesa entre Normandía e o País Vasco.[1]

Na súa versión de «Tri martolod» Alan Stivell relacionou os elementos tradicionais da música folk bretoa co rock, especialmente pola instrumentación que escolleu.[28] Ademais da arpa celta medieval con cordas de aceiro,[25] instrumento en cuxo renacemento tivo moito que ver o propio Stivell[20] e ao que dedicou o seu propio disco de longa duración (Renaissance de la Harpe celtique),[29] engadiu un violín tradicional e un banjo. A canción comeza cun solo de arpa e a arpa acompaña o canto ata o final. Prescindiu das bombardas e das gaitas típicas da Bretaña (Binioù kozh), empregando en lugar diso guitarra eléctrica, o baixo eléctrico, o órgano electrónico e a batería. Con todo, a canción crea unha impresión sonora que se achega á da época en que foi composta. Isto tamén se debe a que en 1972 Stivell reuniu ao seu arredor músicos de diferentes xéneros, como o guitarrista Dan Ar Braz, o batería Michel Santangeli, que formou parte das bandas de rock Les Chats Sauvages e Les Chaussettes Noires,[30] e o cantante Gabriel Yacoub, que fundou a banda de folk Malicorne o ano seguinte.[31]

Orixe e variantes da canción

Bernard Lasbleiz recompilou 32 versións históricas de «Tri martolod» dos séculos XIX e XX, incluída a primeira versión de Stivell, que atopou en cancioneiros, arquivos públicos, discos e en listas de cancións. A máis antiga destas versións provén do Cahier de chanson du Croisic de 1809; e non foi incluída no Barzaz Breiz de 1839.[1] Estas versións non estaban só en bretón, senón que tamén había varias con textos en francés, con títulos como «Les trois marins de Nantes» («Os tres mariñeiros de Nantes») e similares, pero ningunha en galó.[32] O que todas estas versións teñen en común é que tratan de eventos da Bretaña ou das rexións inmediatamente adxacentes.[1] En ningunha das versións se dan detalles máis precisos da función ou rama na que traballaban os mariñeiros da canción (como pesca ou mariña mercante) e nas versións en francés son chamados simplemente marins ou matelots (mariñeiros).

Áreas lingüísticas da Baixa e a Alta Bretaña segundo Francis Gourvil en Langue et litterature bretonnes, de 1952.
Distribución do idioma bretón en 2004.

Musicalmente hai diferenzas nas versións: as da Baixa Bretaña, como a que utilizou Alan Stivell, son máis uniformes que as da Alta Bretaña.[1] Outra diferenciación é a duración das cancións: algunhas versións conteñen de seis a dez estrofas, mentres que outras conteñen ata vinte. Estas últimos son máis adecuadas para unha danza máis extensa, e tamén lingüisticamente máis elaboradas, con máis rimas e ás veces cun epílogo musical.[1] Unha destas versións ten un título que fai fincapé no personaxe feminino principal, «La servante du meunier» («A criada do muiñeiro»). Existe ademais unha versión do interior rural na que en vez de mariñeiros os protagonistas son criados.[1]

As investigacións de Lasbleiz non conseguiron concluír se a canción foi creada orixinalmente en bretón (a zona ao oeste da liña entre Saint-Brieuc e Saint-Nazaire a través de Josselin era de fala maioritariamente bretoa no século XVIII)[33] ou se foi orixinada na zona de fala francesa. Baseándose nunha comparación de dous textos de mediados do século XIX Lasbleiz está relativamente seguro de que a versión bretoa do Pays de Léon é máis recente que a versión francesa de Châteaulin, pois usa palabras que non se atoparon en ningún dicionario bretón contemporáneo, como konesañs (do foneticamente idéntico connaissance foneticamente idéntico).[1] Pero estes son só anacos do mosaico e as cancións populares a miúdo teñen raíces diversas rexionalmente. Con todo, o que se pode dicir con certa seguridade é que as primeiras variantes da canción en lingua bretoa orixináronse no golfo de Morbihan e estendéronse cara ao norte ata Finistère.[1]

Lasbleiz conta "Aux marches du palais" e "La Flamande" entre as outras cancións populares que se poden atopar tematicamente en «Tri martolod». De feito, a muller que se reúne co mariñeiro no muíño é chamada nalgunhas versións da canción como Flamenga (en francés Flamande, en bretón Fumelen), palabra que en Francia úsase tanto para as mulleres de Flandres como para as da rexión do norte de Francia limítrofe con Bélxica.[1] O motivo polo que en «Tri martolod» aparecen tres mariñeiros, aínda que a partir da quinta estrofa só queda un, é explicado polo autor cun "vello tópico", segundo o cal nas cancións populares determinados grupos de persoas e profesións "veñen sempre de tres en tres".[1]

Sobre a cuestión da orixe rexional e lingüística da canción, Pascal Lamour sinala que na Baixa Bretaña as baladas chamadas gwerzioù tiñan a miúdo o carácter de lamentacións en canto a texto, mentres que na Alta Bretaña terían expresado a sabedoría do pobo.[34] «Tri martolod» nas versións longas contén elementos de ambos: queixas sobre a pobreza, pero tamén a visión optimista de superala tomando como exemplo a natureza.[20]

Outras versións desde 1972

«Tri martolod», que antes de 1972, só fora gravada nunha ocasión polo grupo folk An Namnediz nos anos 60,[20] converteuse a finais do século XX unha das cancións máis importantes na creación da identidade da música bretoa,[35] e, segundo Bernard Lasbleiz, desde principios dos anos 70 converteuse "sen dúbida na canción tradicional bretoa máis popular".[20] Isto viuse reflectido na gravación dun gran número de versións;[20] por exemplo, o sitio web musicme.com lista 96 versións de 35 artistas.[36]

Alan Stivell

Alan Stivell interpretou «Tri martolod» en directo en numerosas ocasións nas décadas seguintes e realizou novas gravacións noutros discos con diferentes versións, arranxos e duracións. Dado que o público sempre lle reclamou esta canción, quixo "contrarrestar a rutina da repetición permanente" coas súas variacións.[25] Entre elas destacan unha versión máis rockeira no álbum Again (1993), na que contou coa colaboración da cantante de The Pogues, Shane MacGowan, e de Laurent Voulzy;[37] unha versión de 1999 xunto con Tri Yann, Gilles Servat, Dan Ar Braz e L 'Héritage des Celtes co grupo Armens nun concerto no Palais Omnisports de Bercy;[38] unha actuación con motivo da gravación en DVD do seu concerto de aniversario (40th Anniversary Olympia 2012), no que «Tri martolod» conduce directamente ao himno nacional bretón, así como unha gravación en directo de 2016 a dúo con Joan Baez.[39] En 2010 sorprendeu ao público cunha versión rápida e jazzística nunha actuación durante o evento Paris-Plages.[40]

En Spotify, «Tri martolod» é o tema máis escoitado de Stivell, con máis dun millón de reproducións, superando a súa versión de «Bro gozh ma zadoù», o himno bretón.

En maio de 2009 a canción tivo certo protagonismo na cerimonia oficial previa á final da Copa de Francia, que foi disputada no Stade de France por dous equipos bretóns, o Stade Rennais e o En Avant de Guingamp. Os dous clubs pediran á Federación Francesa de Fútbol que interpretase o himno nacional bretón ademais do himno francés, pero a petición foi rexeitada.[41][42] No canto diso, Alan Stivell, acompañado por dous bagadoù de Guingamp e Rennes, interpretou «Tri martolod» no céspede do estadio, coreado por gran parte dos 80.000 espectadores.[43][44]

Manau (2010).

Outros artistas

Nolwenn Leroy e Alan Stivell (2012).
Les Marins d'Iroise (2012).

Tri Yann tamén gravara a canción xa en 1972 para o seu primeiro disco de longa duración, Tri Yann an Naoned. Nas décadas seguintes interpretárona con frecuencia e en diferentes versións, por exemplo no seu álbum Chansons de marins de 2012.[45] Despois do renacemento do bretón na década de 1980,[46] o círculo de intérpretes desta peza ampliouse considerablemente, especialmente trala publicación en 1994 dunha versión techno de Deep Forest e ano seguinte dunha versión vocal tradicional de Yann-Fañch Kemener, acompañado polo pianista Didier Squiban.[47]

En 1998 o trío de hip hop Manau utilizou parte da melodía, os arranxos e a instrumentación de Stivell no seu grande éxito La Tribu de Dana, que foi número 1 en Francia durante semanas.[48] Alan Stivell non quedou moi contento con este "flagrante plaxio",[49] que empregou anacos longos da súa versión sen o seu consentimento ou sen indicar polo menos a súa orixe.[50] O que o amolou especialmente foi o uso da súa introdución orixinal cun sampler, porque a tocara na súa primeira arpa celta, construída polo seu defunto pai, polo que tiña moita importancia persoal para el: "Foi como unha profanación".[51]

En 2003 a cantante francocanadense Claire Pelletier publicou a súa versión de «Tri martolod» no seu LP En concert au Saint-Denis,[52] o mesmo ano que Gérard Jaffrès fixo o propio no seu disco Viens dans ma maison. Bretonne, o álbum de Nolwenn Leroy publicado en 2010 e que foi número 1 en Francia e Bélxica, comeza con «Tri martolod». O seu lanzamento como sinxelo tamén chegou ás listas francesas e acumula en decembro de 2021 máis de catro millóns de reproducións en Spotify, mentres que o videoclip da canción en Youtube supera as 12 millóns de visualizacións.[53] A canción tamén foi nomeada aos NRJ Music Awards da TF1 na categoría "Canción francesa do ano".[20] Nunha xira de concertos en 2012 cantou a canción xunto con Alan Stivell,[54] e a banda irlandesa The Chieftains.[55] O coro bretón Les Marins d'Iroise publicou en 2011 unha versión do tema co título «Tri Martelod Yaouank».[56]

No 2008, a banda suíza de folk metal Eluveitie utilizou a melodía de «Tri martolod» para o tema «Inis Mona», incluído no seu LP Slania, e tamén en «Ogmios» de 2014, cantado en lingua gala.[57] A banda de música medieval Dunkelschön interpretou a canción en bretón e con instrumentos acústicos durante unha actuación en directo, e incluíuna no seu disco Zauberwort (2011) interpretada cunha guitarra eléctrica e un órgano.[58] Ao ano seguinte a banda Santiano publicou unha versión en alemán no seu disco Bis ans Ende der Welt, en colaboración coa coa cantante Synje Norland.[59] Varios grupos alemáns máis gravaron versións da canción en bretón; como por exemplo Tibetréa, no seu disco Peregrinabundi de 2014; Annwn, en Enaid, de 2016, ou Connemara Stone Company, en Toss the Feathers, de 2018. O neerlandés Dr. Peacock realizou unha versión frenchcore do tema tradicional bretón.

Na década de 2000 apareceron unha gran cantidade de versións noutros idiomas, como por exemplo unha versión en polaco de Ryczące Shannon, con gaita e guitarra eléctrica, unha en ruso de Nachalo Veka en 2008, titulada «Тебя Ждала»,[60] e outra en húngaro de Arany Zoltán. O Coro do Exército Vermello tamén cantou o tema nunha actuación en Francia en 2012 e publicouna nun CD de 2016.[61] En 2013 apareceron versións en tahitiano e hindi (Olli and the Bollywood Orchestra no álbum Olli Goes To Bollywood, titulada «Teen Aazaad Naavik»).[62][63] En 2015 Jean Marc Ceccaldi realizou unha versión en corso, titulada «Trè Marinari».[64]

En canto ás numerosas versións instrumentais de «Tri martolod», cómpre mencionar a de André Rieu coa súa Johann Strauss Orkest, no álbum Dansez maintenant!.[65] A canción forma parte do repertorio de moitos grupos instrumentais tradicionais, a maioría deles bretóns, os chamados bagadoù.[66]

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Lasbleiz, Bernard (Maio-xuño de 1999). "Tri martolod à travers les mailles du filet". Musique bretonne (155): 14–19. 
  2. Lamour 2018, p. 36.
  3. Nantes foi a capital histórica bretoa desde a Idade Media, antes de que a cidade e o departamento do Loira Atlántico (Liger-Atlantel en bretón) fosen separados da rexión administrativa moderna da Bretaña (Breizh) por orde do réxime de Vichy en 1941. Existen unha serie de asociacións e movementos no século XXI que buscan a reunificación dos cinco departamentos bretóns.
  4. Versión de Alan Stivell de 1972 (Youtube). 
  5. Monnier & Cassard 2014, p. 773.
  6. Bourdelas 2017, pp. 20,62.
  7. Bourdelas 2017, pp. 76,80.
  8. "L’hymne bis". Bretons (en francés) (80). Outubro-novembro de 2012. 
  9. Bourdelas 2017, p. 77.
  10. "Alan Stivell, bardé d'influences" (en francés). 29 de febreiro de 2008. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  11. Cornette 2005, p. 325.
  12. Cornette 2005, p. 111.
  13. Cornette 2005, pp. 325, 329.
  14. Monnier & Cassard 2014, p. 402.
  15. Monnier & Cassard 2014, p. 394.
  16. Cornette 2005, pp. 44, 47.
  17. Monnier & Cassard 2014, p. 384.
  18. Lamour 2018, p. 34.
  19. Kannmacher, Tom (1978). "Das deutsche Volkslied in der Folksong- und Liedermacherszene seit 1970". Jahrbuch für Volksliedforschung (en alemán) (23): 38. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 "Das bretonische Volkslied Tri Martolod" (en alemán). 16 de decembro de 2018. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  21. "Partitura e letra". Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  22. "Partituras bretoas". partitions.bzh (en bretón). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  23. En 1990 celebráronse uns 300 festivais deste tipo, mentres que este número subiu ata 1500 en 2012, celebrándose tamén fóra da Bretaña.
  24. Monnier & Cassard 2014, pp. 812, 822.
  25. 25,0 25,1 25,2 Bourdelas 2017, p. 74.
  26. Bourdelas 2017, p. 245.
  27. Gavotte de Lannilis, texto e vídeo (en francés). [Ligazón morta]
  28. Lamour 2018, p. 20.
  29. Cornette 2005, p. 588.
  30. Bourdelas 2017, p. 82.
  31. Verlant 1997, p. 134.
  32. O galó era a lingua máis estendida en gran parte da Alta Bretaña, pero desde comezos da era moderna foi sendo substituída gradualmente polo francés.
  33. Monnier & Cassard 2014, p. 419.
  34. Lamour 2018, pp. 33-35.
  35. Verlant 1997, p. 143.
  36. "Versións de Tri Martolod". musicme.com (en francés). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  37. Bourdelas 2017, p. 151.
  38. Alan Stivell, Tri Yann, Dan Ar Braz e Gilles Servat. Tri Martolod (Youtube). 
  39. Bourdelas 2017, p. 231.
  40. Bourdelas 2017, p. 170.
  41. Cinco anos despois, os dous clubs enfrontáronse de novo na final da Copa de Francia, e esta vez a FFF (presidida por un bretón, Noël Le Graët) permitiu que soase oficialmente o himno bretón despois do himno francés.
  42. "Précision au sujet de l'hymne breton" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 2 de maio de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  43. Bourdelas 2017, p. 198.
  44. Tri Martolod na final da Copa de Francia de 2009 (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  45. Chansons de marins mit Titelliste bei discogs.com; eine frühere Version von Tri Yann aus dem Jahr 1981 findet sich bei YouTube.
  46. Lamour 2018, p. 52.
  47. Versión de Yann-Fañch Kemener con Didier Squiban (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  48. Valo, Martine (20 de agosto de 2005). "La tribu de Dana". Le Monde (en francés). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  49. Hubert Thébault: La Tribu de Dana. in: Christian-Louis Eclimont (Hrsg.): 1000 Chansons françaises de 1920 à nos jours. Flammarion, Paris 2012, ISBN 978-2-0812-5078-9, S. 876.
  50. Verlant 1997, p. 312.
  51. "Polémique autour d'un "sample" de "Tri Martolod" de Stivell par Manau". L'Humanité (en francés). 15 de agosto de 1998. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  52. Claire Pelletier - Tri Martelod (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  53. Nolwenn Leroy (14 de febreiro de 2011). Tri Martolod (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  54. Nolwenn Leroy con Alan Stivell en Brest (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  55. Tri Martolod - Nolwenn Leroy con The Chieftains (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  56. Les Marins d'Iroise - Tri Martolod Yaouank (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  57. Eluveitie (4 de abril de 2019). Ogmios (Youtube). 
  58. Dunkelschön "Tri Martolod" (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  59. Santiano. Tri Martolod (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  60. Nachalo Veka. Тебя ждала (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  61. Coro do Exército Vermello. Tri martolod (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  62. "Tahiti. "Tri Martolod" version collier de fleurs, ça vous dit ?" (en francés). 10 de marzo de 2013. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  63. "Olli & The Bollywood Orchestra – Olli Goes To Bollywood". Discogs (en inglés). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  64. Jean-Marc Ceccaldi. Tre Marinari (Youtube). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  65. "André Rieu". universalmusic.fr (en francés). Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  66. Lamour 2018, pp. 147-153.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Divig Kervella: Geriadur bihan divyezhek Brezhoneg/Galleg ha Galleg/Brezhoneg. Mouladurioù Hor Yezh, Kemper (Quimper) 2014, 3. überarbeitete und erweiterte Auflage, ISBN 978-2-86863-081-0 (Grundwörterbuch Bretonisch ↔ Französisch).

Outros artigos

Ligazóns externas