Príncipe de Gales
O Príncipe de Gales é, dende 1301, o título do herdeiro dos monarcas británicos. A tradición iniciouna Eduardo I de Inglaterra en 1301 quen lle deu este título ó seu fillo, o príncipe Eduardo (posteriormente Eduardo II de Inglaterra) despois da anexión do País de Gales por Inglaterra, a través do Estatuto de Rhuddlan.
Segundo unha famosa lenda, o rei prometeulles aos galeses que conquistara que nomearía "un príncipe nado en Gales, que non falara unha palabra de inglés" e despois nomeou o seu fillo como príncipe para sorpresa dos galeses. Eduardo II realmente naceu en Caernarfon, Gales, mentres que o seu pai loitaba alí, e como moitos infantes é probable que naquel tempo non falara inglés (en realidade, ó crecer na corte é probable que o seu primeiro idioma fose o francés normando e non o inglés).
Ó contrario que os títulos de Duque de Cornualles e Duque de Rothesay que os adquire ó nacer o herdeiro da coroa ou pola ascensión do seu proxenitor á coroa, a creación dun título de Príncipe de Gales depende da vontade do soberano.
O lema do Príncipe de Gales é Ich dien (eu sirvo en alemán).
Listaxe dos príncipes de Gales
Nota: as datas fan referencia ó período en que a persoa en cuestión foi Príncipe de Gales.
- Llywelyn ab Iorwerth, fillo de Iorwerth ab Owain Gwynedd (1218 - 1240)
- Dafydd ap Llywelyn (1240 - 1246)
- Llywelyn ap Gruffydd (1246 - 1282): conquista por Eduardo I de Inglaterra
- Eduardo II de Inglaterra (1301-1307)
- Eduardo, o Príncipe Negro (1343-1376) (morreu antes de acceder ó trono)
- Ricardo II de Inglaterra (1376-1377)
- Henrique V de Inglaterra (1399-1413)
- Eduardo de Westminster (1453-1471) (morreu antes de acceder ó trono)
- Eduardo V de Inglaterra (1470-1483)
- Eduardo de Middleham (1483-1484) (morreu antes de acceder ó trono)
- Artur Tudor (1486-1502) (morreu antes de acceder ó trono)
- Henrique VIII de Inglaterra (1502-1509)
- Henrique Estuardo (1603-1612) (morreu antes de acceder ó trono)
- Carlos I de Inglaterra (1612-1625)
- Carlos II de Inglaterra (1630-1649)
- Xacobe Francisco Estuardo (coñecido como o Vello Pretendente) (1688-1689), cando o seu pai é deposto (nunca chega a acceder ó trono)
- Xurxo II de Gran Bretaña (1714-1727)
- Federico de Hannover (1727-1751) (morreu antes de acceder ó trono)
- Xurxo III do Reino Unido (1751-1760)
- Xurxo IV do Reino Unido (1762-1820)
- Eduardo VII do Reino Unido (1841-1901)
- Xurxo V do Reino Unido (1901-1910)
- Eduardo VIII do Reino Unido (1910-1936)
- Carlos, Príncipe de Gales (1958-presente)