Paleontoloxía
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A paleontoloxía[1] (do grego παλαιός "antigo", ὅν, ὄντος "o ser" e λόγος "tratado", é dicir, "tratado dos seres antiquísimos") é a ciencia que trata do estudo dos organismos desaparecidos, a partir dos seus restos fósiles,[2] é dicir, dos restos mineralizados de seres vivos ou vestixios de vida de organismos que existiran durante a historia da vida na Terra. Os científicos que traballan nela denomínanse paleontólogos.
Encádrase dentro das Ciencias naturais, posúe un corpo de doutrina propio e comparte fundamentos e métodos coa Xeoloxía e a Bioloxía, coas que se integra estreitamente.
Entre os seus obxectivos están, ademais da reconstrución dos seres vivos pretéritos, o estudo do seu orixe, dos seus cambios no tempo (evolución e filoxenia), das relacións entre eles e coa súa contorna (paleoecoloxía, evolución da biosfera), da súa distribución espacial e migracións (paleobioxeografía ou fitoxeografía), das extincións, dos procesos de fosilización (tafonomia) ou da correlación e datación das rochas que os conteñen (bioestratigrafía).
A Paleontoloxía permite entender a actual composición (biodiversidade) e distribución dos seres vivos sobre a Terra (bioxeografía) -antes da intervención humana-, achegou probas indispensables para a solución de dúas das máis grandes controversias científicas do pasado século, a evolución dos seres vivos e a deriva dos continentes, e, de cara ao noso futuro, ofrece ferramentas para a análise de como os cambios climáticos poden afectar ao conxunto da biosfera.
Características
[editar | editar a fonte]A partir dos fósiles poden ser datadas as rochas sedimentarias, permitindo entender mellor a evolución ata os seres vivos actuais. Inversamente, a partir dos seres vivos actuais pódese descubrir algo sobre os fósiles ("o presente é a chave do pasado", Lyell).
Por veces, divídese a paleontoloxía en dúas ramas:
- a paleozooloxía, o estudo dos fósiles de animais, e
- a paleobotánica, o estudo dos fósiles de plantas.
Tamén se pode dividir a paleontoloxía en:
- Macropaleontoloxía - Restos ou vestixios macroscópicos de organismos animais ou vexetais.
- Micropaleontoloxía - Restos ou vestixios microscópicos (menores de 2 mm) de organismos.
Aínda hai unha subdivisión da paleobotánica e da micropaleontoloxía: a palinoloxía, o estudo dos restos de pole fosilizados.
Esta división provén do feito de durante moitos anos os seres vivos foron clasificados como plantas -e estudados polos botánicos- ou como animais -estudados polos zooloxistas.
Os arqueólogos diferéncianse dos paleontólogos porque, alén de estudaren tamén restos fosilizados de plantas e animais, procuran comprender as actividades humanas en determinado período da historia da Terra. A Paleontoloxía xeralmente non está preocupada con estas cuestións.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para paleontoloxía.
- ↑ López Martínez, N. e Truyols Santonja, J. (1994). Paleontología. Conceptos y métodos. Col. Ciencias de la vida 19. Síntesis. p. 334. ISBN 84-7738-249-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paleontoloxía |