Fanny & Alexander
Fanny & Alexander | |
---|---|
Orixe | Santiago de Compostela, Galicia |
Período | 2006- |
Xénero(s) | Pop |
Selo(s) discográfico(s) | A Regueifa Plataforma |
Na rede | |
https://www.fannyealexander.net/ | |
Fanny & Alexander é un dúo formado por Efi Arias -voz, guitarra acústica e frauta traveseira- e Noel Feáns -voz, guitarras, teclados, arranxos e programacións- de pop electrónico, persoal e intimista, que factura cancións pop clásicas en galego con certo verniz indietrónico e folkie pero sempre deixando a porta aberta á experimentación. O seu son rezuma romanticismo posmoderno e nudez, asimilando a influencia de bandas tan diversas como Belle & Sebastian, Beach House ou The XX . Fieis ao espírito do Do It Yourself autoproducen os seus discos, realizan os videoclips, encárganse dos deseños e distribúen o seu traballo de xeito gratuíto baixo licenza Copyleft. O seu obxectivo non ten mudado dende os seus inicios, modernizar a música galega utilizando todos os medios ao seu alcance.
Lusco e fusco
[editar | editar a fonte]O seu primeiro traballo discográfico é Lusco e Fusco (A Regueifa, 2006), un traballo experimental dirixido a acadar a sinxeleza. Nela aproveitan as posibilidades de sampleo e novas tecnoloxías, enriquecendo o seu son con vocoders, acordeóns, pandeiros e multitude doutros instrumentos. Ademais de composicións propias, experimentan con introducir textos de poetas galegos -como Manuel Antonio en "Sós / S.O.S"- en varios dos cortes.
Finais dos 70s, comezos dos 80s
[editar | editar a fonte]No seu seguinte traballo, Finais dos 70s, comezos dos 80s (A Regueifa, 2007), incidindo na vertente musical para deixar os textosen mans de poetas galegos contemporáneos, dende Lois Pereiro ata Elvira Riveiro. Eles mesmos o explican nunha entrevista a Xavier Valiño na web Ultrasonica: "Influíu o feito de que acabamos de poñer á música do poemario Berlín de María Lado -incluído no disco-, recitado pola propia autora como unha palabra falada, na liña de certos experimentos de Patti Smith ou a colaboración de William Burroughs e Sonic Youth. En xeral, interésanos moito a música e a poesía, dúas disciplinas que, por estraño que pareza, non adoitan coincidir tanto como deberían”.
Participan no disco homenaxe que a escena independente galega lle dedica ao gran Andrés do Barro con “Meu amor”, “Manifesto Dobarrista: Un Disco Tributo a Andrés do Barro” (Falcatruada, 2007), e inclúen “Ameite tanto” no CD promocional “GZ POP! A Nova Fornada de Pop en Galego” (2008) que acompañou a revista catalá Enderrock. Tamén colaboran coas bandas sonoras das curtas “Sanatorio” (Jacobo Paz, 2006), “Nemo” (Miguel Mariño, 2008) e "Illa pedra" (Adriana Páramo, 2010).
Alfaias
[editar | editar a fonte]No 2009 presentaron o seu terceiro longo, Alfaias (A Regueifa, 2009), mantendo esquemas previos e o seu gusto pola inclusión de poemas nos textos das súas cancións. Nesta ocasión as colaboracións dispáranse, encontrándose con Banin de Los Planetas, Carlos Valcárcel de Projecto Mourente, Martin Wu de The Homens e Alex Charlón de Ataque Escampe. Nesta altura encarnan o pop galego máis moderno e experimental, combinando preciosidade e sofisticada sinxeleza, gozando o seu traballo de gran respecto entre a prensa e o público.
Edicións do Cumio lanza o libro-disco “Once Máis 15” (Edicións do Cumio, 2009) que inclúe un CD no que quince bandas galegas interpretan a poetas galegos; Fanny e Alexander repiten “Autopoética in progress” de Daniel Salgado.
A túa ausencia neste ar
[editar | editar a fonte]A finais de 2022 editan A túa ausencia neste ar, un disco de querenza conceptual no que todas as cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, un fillo, o namorado, a consciencia dun mesmo, a individualidade... Un fío argumental que tece saudoso nove novas cancións que aloumiñan sen reparos esa nostalxia que abrolla da perda, tornando as músicas en ferramentas reparadoras.
Neste disco o dúo compostelán continúa coa tradición dos seus anteriores traballos adubando versos de poetas galegas co seu pop saudoso carregado de experimentacións bastardas co folk, o shoegaze, a electrónica e outras músicas contemporáneas. Desta volta a lista de autoras que emprestan as súas verbas é, felizmente, 100% feminina e máis longa ca nunca, tanto nas letras das cancións (Lorena Souto, Antía Otero, Arancha Nogueira, Marga Tojo, Ledicia Costas, Xess Mondelo e Charo Lopes) coma nos miúdos spoken words que arrolan por todo o disco (Lara Dopazo, Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño, Theresa P. Lousame, Xela Arias e Nuria Vil).
Discografía
[editar | editar a fonte]- Discos longos
- Lusco e Fusco (2006)
- Finais dos 70s, comezos dos 80s (2007)
- Alfaias (2009)
- A túa ausencia neste ar (2022)
- Dopazo EP (2023)
- Compilatorios
- A Per Loca (Komunikando, 2006)
- Manifesto Dobarrista (Falcatruada e A Regueifa Plataforma, 2007)
- Esccolma. Escoita e apoia (Caramuxo, 2007)
- GZ POP! (Xunta de Galicia, 2008)
- Galician Music at Midem (Galician Tunes, 2008)
- Voces Novas (Novas da Galiza, 2009)
- Once + 15 (Ediciós do Cumio, 2009).[1]
- Lois Pereiro, fotobiografía sonora (Ouvirmos, 2012)
- República Billarda (LNB, 2012)
- Versións
- Merda de DJ (The Smiths, 2010)
- Panxoliña de amor R5 (Familia Caamagno, 2022)
- Bandas sonoras
- Sanatorio (Jacobo Paz, 2006)
- Nemo (Miguel Mariño, 2008)
- Xogo de Nenos (Pachi Baranda, 2010)
- Illa pedra (Adriana Páramo, 2010)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O indie pasa a reválida" (19/6/2009). El País.