Jack Clayton
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de marzo de 1921 Brighton, Reino Unido |
Morte | 26 de febreiro de 1995 (73 anos) Slough, Reino Unido |
Educación | Arnold House School |
Actividade | |
Lugar de traballo | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Ocupación | director de cinema, realizador, actor, produtor de cinema, produtor |
Período de actividade | 1936 - 1992 |
Familia | |
Cónxuxe | Haya Harareet (–1995) Christine Norden (1947–1953) |
Jack Clayton, nado en Brighton o 1 de marzo de 1921 e finado en Berkshire o 26 de febreiro de 1995, foi un director de cine británico.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Clayton naceu en Brighton,[1] e comezou a súa carreira cinematográfica coma actor infantil no filme Dark Red Roses (1929).[2] Renunciando á súa aspiración de converterse en patinador de velocidade[3] uniuse aos Denham Film Studios de Alexander Korda en 1935, aos catorce anos,[4] subindo desde mozo dos recados ata axudante do director e montador.
Durante a guerra, traballou en moitos filmes destacados como Wings of the Morning (1937), primeiro filme británico en cor, e con directores estadounidenses de visita no país, coma Thornton Freeland en Over the Moon (1939) e Tim Whelan en Q Planes (1939). Como segundo axudante de director coordinou as tres unidades da produción de Korda The Thief of Baghdad (1940). Tamén gañou experiencia na montaxe axudando a David Lean.
Clayton dirixiu o seu primeiro filme, o documental Naples is a Battlefield (1944), mentres servía na Royal Air Force durante a segunda guerra mundial. A principios da década de 1950 converteuse en produtor asociado para Romulus Films, traballando en filmes como Moulin Rouge (1952) e Beat the Devil (1953), de John Huston.
En 1956 gañou o Oscar á mellor curtametraxe con The Bespoke Overcoat, o seu segundo filme como director, baseado nun relato de Nikolai Gogol.
A súa primeira longametraxe foi Room at the Top (1959), proxecto que herdou do director Peter Glenville, e que foi un éxito comercial e de crítica. A súa distribución nos Estados Unidos converteu a Clayton dun dos directores do momento, fixo unha estrela do seu protagonista, Laurence Harvey e inaugurou unha serie de filmes realistas da New Wave británica.
Seguindo a pauta que dirixiu a súa carreira, cambiou totalmente de estilo de filme no seu seguinte proxecto, a historia de pantasmas Suspense (1961), adaptada por Truman Capote a partir do relato de Henry James Outra volta á torniqueta. Ao que seguiu The Pumpkin Eater (1964), adaptado por Harold Pinter, e que supuxo a primeira colaboración de Clayton co músico Georges Delerue, ademais da primeira aparición da actriz Maggie Smith.
Entre 1968 e 1982 só completou un filme, The Great Gatsby (1974), o filme máis caro da carreira de Clayton, que tamén foi o seu filme de máis éxito comercial.
Tras sufrir un infarto en 1977 volveu ao cinema en 1982. O seu último filme foi The Lonely Passion of Judith Hearne (1987), mais volveu reunirse con Maggie Smith e Georges Delerue en 1992 para o telefilme Memento Mori.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Director
[editar | editar a fonte]- Naples is a Battlefield (1944, documental)
- The Bespoke Overcoat (1956, curtametraxe)
- Room at the Top (1959)
- Suspense (1961)
- The Pumpkin Eater (1964)
- Our Mother's House (1967)
- O gran Gatsby (1974)
- Something Wicked This Way Comes (1983)
- The Lonely Passion of Judith Hearne (1987)
- Memento Mori (1992)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Clayton, Jack (1921–1995), BFI screenonline
- ↑ "Synopses: Dark Red Roses". British Film Institute. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2012. Consultado o 23 de maio de 2015.
- ↑ Tony Sloman, "Obituary: Jack Clayton", The Independent", 28 de febrero de 1995
- ↑ Brian McFarlane (ed.) The Encyclopedia of British Film, Londres: Methuen/BFI, 2003, p.125
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- World Film Directors, Volume Two, 1945–1985. ed. J. Wakeman. pp 224–227. Nova York: The H.W. Wilson Company, 1988.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Jack Clayton en Virtual-History
- Jack Clayton na IMDb (en inglés).