Santa Constanza
O mausoleo de Santa Constanza, despois coñecida como Igrexa de Santa Costanza, foi construída en Roma no segundo cuarto do século IV por iniciativa do emperador Constantino I o Grande. É un dos mellores exemplos de edificio de planta circular da arquitectura paleocristiá e un dos edificios funerarios mellor conservados da época. O mausoleo foi construído polo Emperador como lugar do enterramento da súa filla Constantina, despois Santa Constanza, morta no 330 d.C.
Limiar
[editar | editar a fonte]O mausoleo formou parte antigamente dun conxunto basilical que o emperador mandara levantar anos antes a causa do enterramento alí existente de Santa Agnes (Santa Agnese fuori le Mura), de quen Constantina era devota. Compre salientar que a basílica funcionaba tamén como cemiterio cuberto, polo que se situou extramuros, como era obriga na época. Actualmente do antigo templo non se poden apreciar máis que os restos da ábsida e dos muros laterais. Malia isto, estas ruínas son boa testemuña da grande dimensión que ostentou o templo: 40,30 x 98,30 metros.
O mausoleo atopábase anexo á basílica, tendo o seu acceso na nave lateral suroeste, transversalmente ao eixo principal do templo. Debido á súa planta circular a construción vai ser empregada como baptisterio a partir do século VII. De tódolos xeitos, a conversión do antigo mausoleo na actual igrexa non terá lugar até o ano 1254.
As derradeiras investigacións (escavacións levadas a cabo por Stanley, 1992)[1], permitiron obter alternativas ás tradicionais interpretacións. Estas novas observacións supoñen a existencia dun baptisterio construído con anterioridade no mesmo lugar que vai ser substituído polo novo mausoleo. Esta nova suposición faría que a data de construción do mausoleo de Santa Constanza fose algo máis tardía (terceiro cuarto do século IV), polo que estaría adicado ó enterramento de Helena, a filla máis pequena do emperador Constantino, morta no 360-361.
Orixe da planta circular
[editar | editar a fonte]A partir do Edicto de Milán (313 d. C.) faise evidente no territorio do Imperio a extensión das comunidades cristiás, facéndose tamén evidente a necesidade de dotar á nova relixión dunha estrutura que acolla aos fieis na liturxia. Esta nova estrutura non pode estar vinculada aos tipos tradicionais pagáns, senón que require un novo enfoque. É neste contexto cando xorden tres modelos novos de arquitectura baixo o goberno de Constantino, aínda que non hai que esquecer que son interpretacións de modelos anteriores: as igrexas-basílicas, os baptisterios e os mausoleos. Os dous últimos van adoptar maioritariamente a planta centralizada, circular ou poligonal, que mellor se adaptaba á complexa función á que estaban destinados.
Os mausoleos non eran unicamente tumbas monumentais, senón que tamén obedecen a funcións de culto e oración. A rotonda tiña un carácter conmemorativo á memoria dun heroe ou mártir (de aí que os edificios levantados sobre planta centralizada tamén se coñezan como martyria), converténdose en lugares receptores de peregrinación.
Descrición arquitectónica
[editar | editar a fonte]O edificio está constituído por un núcleo central de planta centralizada cuberto por unha cúpula hemisférica sobre un tambor que se ergue sobre unha arcada continua, tamén circular, formada por 12 parellas de columnas dispostas segundo un esquema radial.
Este núcleo central atópase rodeado por outro espazo circular a xeito de deambulatorio, máis baixo que o central, cuberto na súa totalidade por unha bóveda anular de canón. O acceso prodúcese a través dun nártice ou vestíbulo, actualmente desaparecido, configurado como un espazo de transición entre a basílica e o mausoleo. Este nártex, cos seus dos lados coroados por ábsidas, podería corresponder ao lugar do antigo baptisterio, de dimensións máis reducidas.
Interior
[editar | editar a fonte]O espazo central está fortemente iluminado por 12 fiestras pechadas por celosías, unha enriba de cada oco deixado polos intercolumnios. Esta explosión de luz contrasta coa penumbra do deambulatorio, iluminado soamente por pequenas aberturas situadas xusto no arranque da bóveda, de dimensións moito máis reducidas que as fiestras do tambor. Segundo Zevi, este contraste é intencionado:
[...] a obra está concibida para xirar incesantemente no escuro camiño perimétrico, para despois ser atraídos ao interior[2].
- A cúpula hemisférica ten un diámetro de 22, 50 metros, situándose sobre un elevado tambor perforado. O enorme peso desta cuberta provoca forzas horizontais contrarrestadas polos grosos muros perimétricos mediante a bóveda anular do deambulatorio. O seu interior estaba decorado por mosaicos, hoxe desaparecidos.
- As columnas están feitas de granito liso segundo a orde composta con cadanseu cimacio disposto radialmente. Estes cimacios teñen unha dimensión considerable, necesaria para cubrir os dous capiteis, un por cada columna.
- Os arcos que sustentados polas columnas teñen un groso intradós, dimensión necesaria para soportar a compresión da cúpula. A agora perdida decoración déixanos apreciar a riqueza do aparello de fábrica, constituído por dobre fila de ladrillo.
- O muro perimetral é tamén circular e esta articulado por 12 nichos de diferentes dimensións, un para cada intercolumnio, exceptuando o espazo correspondente ao acceso. O nicho situado ao final do eixo lonxitudinal xoga o papel dunha ábsida. O xogo de luces e sombras provocado polos nichos contribúe a centrifugar o espazo e a dotar ao edificio de dinamismo.
A concepción do espazo
[editar | editar a fonte]Santa Constanza é un exemplo paradigmático da nova concepción do espazo da arte paleocristiá, baseada na directriz humana: o espazo perde a centralidade romana e se dilata, faise dinámico, xerarquízase a partir dos eixos polos que se desenvolve a visión do conxunto. En verbas de Zevi:
Este mausoleo nega o sentido romano da gravidade estática, substituíndo os muros por unha teoría de marabillosas columnas aparelladas que, pola súa orientación radial e o suxerimento lineal dos arquitrabes que descansan sobre cada parella, indican ao espectador o centro do edificio desde calquera punto do anel circundante[3].
Unha análise detallada da disposición das arcadas e dos nichos permite apreciar que a disposición dos arcos non é regular: sobre os dous eixos principais os arcos son máis altos e amplos, o que condiciona a situación dos nichos escavados no muro de peche, que dilatan o espazo entre as súas sombras. Sorprende esta concepción espacial onde a lóxica construtiva supedita á visual, que enfatiza a visión do sarcófago baixo a cúpula en manifesta ruptura da tradición clásica de perfección simétrica. Esta estrutura comporta un curioso esquema xeométrico correspondente a unha cruz grega inscrita nunha circunferencia.
Exterior
[editar | editar a fonte]A visión do conxunto dende o exterior permite adiviñar a relación dos espazos internos: orixinariamente se apreciaban tres cubertas concéntricas correspondentes á cúpula central, á aboveda de canón anular do deambulatorio e a correspondente a un pórtico ou perístilo exterior, hoxe desaparecido. Este segundo deambulatorio exterior rodeaba todo o edificio e desembocaba no nártex do mausoleo, a xeito de tholos grego. Aínda hoxe en día se poden apreciar as súas pegadas. O edificio reflicte as características principais da arquitectura constantiniana: grandiosidade e simplicidade da planta e do exterior contraposta á suntuosidade do interior[4].
Método construtivo
[editar | editar a fonte]A cúpula de Santa Constanza é un moi bo exemplo dos métodos construtivos da antigüidade romana, que empregaba un sistema mixto de fábrica de ladrillo e formigón: unha estrutura formada por anchas nervaduras de ladrillos disposta na dirección dos meridianos viña trabada por fiadas de ladrillos colocados planos, segundo a dirección dos paralelos. Os casetóns que resultan foron cubertos empregando formigón. A estabilidade estrutural conseguiuse mediante a redución do peso da cúpula empregando formigón a base de pedra volcánica esnaquizada.
Decoración
[editar | editar a fonte]Da decoración orixinal soamente se conservaron os extraordinarios mosaicos da bóveda anular do deambulatorio. Representan diversos motivos: xeométricos, follas de videira, vasos de libacións, putti, motivos vexetais e animais. Os motivos mesturan simboloxías pagáns e cristiás. Segundo G. Mackie Santa Constanza reflicte “a nova iconografía da fe cristiá nos seus primeiros anos de lexitimidade no seo do Imperio Romano[5]”. A disposición dos mosaicos do deambulatorio segue unha curiosa secuencia xerárquica: as imaxes gañan complexidade a medida que se achegan á ábsida, ao final do eixo lonxitudinal. Os mosaicos que se sitúan no acceso forman motivos xeométricos simples, mentres que os situados xunto á ábsida mostran unha maior densidade de imaxes. Nos nichos do deambulatorio atopamos mosaicos de temas figurativos, claramente cristiáns: a entrega das chaves a San Pedro e a Traditio Legis, Cristo entregando a “Nova Lei” a San Pedro e San Paulo. Estes mosaicos corresponden á época na que o mausoleo vai ser adaptado para ser empregado como baptisterio (século VII). A cúpula tamén estaba recuberta de mosaicos, despois desaparecidos, que foron substituídos por frescos con temas do Novo Testamento no ano 1620. Os muros nús que hoxe mostran o aparello construtivo de fábrica de ladrillo, estiveron ricamente recubertos de mármores, presumiblemente de varias cores, en opus sectile, é dicir, a aplicación dunha serie de pezas de mármores de diversas cores e formas creando figuras (probablemente xeométricas).
Notas e citas
[editar | editar a fonte]- ↑ STANLEY, David. New Discoveries al Santa Costanza. Dumbarton Oaks Papers 48, 1994 i An Excavation at santa Costanza. Arte Medievale 7, 1993.
- ↑ ZEVI, Bruno. Controstoria dell’archittetura. Roma: Tascatili Newton, 1996.
- ↑ ZEVI, Bruno. Saber ver la arquitectura. Barcelona: Ed. Poseidón, 1981.
- ↑ KRAUTHEIMER, Richard. Early Christian and Byzantine Architecture. Penguin Books ltd, 1965.
- ↑ MACKIE, Gillian. A new look at the patronage of Santa Costanza. Rome: Byzantion 67, 1997.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sacred Destinations (en inglés)
- Páxina oficial do Mausoleo de Santa Constanza (en italiano)
- 28 photos de Stevan Kordic (en inglés)
Información de interese
[editar | editar a fonte]- Nome oficial: Mausoleo di Santa Costanza; Chiesa di Santa Costanza.
- Enderezo: Vía Nomentana, 239. Roma
- Como chegar: Bus 36, 90 (desde Termini) ou 60 (desde Piazza Venecia).