Saltar ao contido

Corvo grande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Corvo carnazal
Corvus corax

Corvo grande no Parque Nacional Yosemite, USA


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Corvidae
Xénero: Corvus
Especie: C. corax
Nome binomial
Corvus corax
Linnaeus, 1758
Área de distribución do corvo grande
Área de distribución do corvo grande

Área de distribución do corvo grande
Subespecies
De 8 a 11, segundo os autores

O corvo carnazal[2] ou corvo grande[3],(Corvus corax) é, con máis de 60 cm, a especie máis grande do xénero Corvus e da familia dos córvidos. É semellante ao corvo viaraz (Corvus corone) pero significativamente maior, cun peso de 1 250 g e unha envergadura de ás de 120 cm. A plumaxe é dun negro acibeche con irisacións azuis. Ten o pico negro moi robusto. Non existe un marcado dimorfismo sexual.

En voo chama a atención polo seu longo pescozo e pola súa cauda cuneiforme. O seu canto é característico e coñecido como corveo ou corvear. Non obstante é capaz de imitar sons doutros paxaros e mesmo doutros animais, chegando ata pronunciar palabras soltas.

Hábitat e cría

O corvo atópase nunha extensa zona de distribución no hemisferio norte terrestre, dende o norte de África, a través de toda Europa, Asia e América do Norte e Central. Prefiren os montes abertos de fronda e coníferas, montañas, estepas, cantís e mesmo a tundra ártica. É unha especie bastante adaptable e tamén pode atoparse en pobos rurais e mesmo nos suburbios das cidades.

Choca os seus ovos (3-6) durante unhas tres semanas entre febreiro e maio. Os seus niños atópanse entre as cornixas de rochas ou penedos ou en árbores, e acostuman estar feitos de poliñas e lama.

O corvo grande é omnívoro. Aliméntase de vermes, pequenos vertebrados, sementes, millo, froitos, carniza e lixo orgánico.

Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa é agoiro de morte próxima, por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que dicirlle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta". Segundo Xosé Ramón Mariño Ferro, esta crenza xa fora recollida por Plinio.

Corvo agoreiro,
vaite lixeiro,
que nesta porta
non hai carne morta.

—Popular.[4]

Refraneiro

  • Corvo que estás no bico da pena, o que ouves por outro por tí o espera.
  • Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
  • Corvos veñen, preada hai.
  • Cría corvos e sacaranche os ollos.
  • De mal corvo, mal ovo.
  • Díxolle o corvo á pega: bótate alá, que eres negra.
  • Nace o corvo na peneda e tíra sempre a ela.
  • Non pode se-lo corvo máis negro que as aas.
  • Sempre o corvo vai a onde preada hai.
  • Tal o corvo, tal o ovo.
  • Un corvo a outro non lle tira os ollos.

Cantigueiro

  • Din que a raíña está preñada,/ que ten a barriga dura,/ ¡vai traer para Maio/ un corvo e mais unha rula!

Galería

Notas

  1. BirdLife International (2012). "Corvus corax". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 23 November 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do corvo carnazal. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 113. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén

Outros artigos