Saltar ao contido

Fauna profunda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 15 de xullo de 2022 ás 07:57 por Breobot (conversa | contribucións) (Reemplazos con Replacer: «de algúns»)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

De todos os ecosistemas da Terra, un dos máis descoñecidos é o dos fondos profundos dos océanos, non en van se di que está mellor coñecida a Lúa. A importancia destes ecosistemas reside na súa grande extensión. Así, o océano ocupa o 71% da superficie da Terra, a súa profundidade media é de 4.000 m, e máis da metade está por debaixo dos 3.000 m.

Considérase fauna profunda todos os animais que viven na capa de auga de mar á que non chega a luz solar. Asúmese que esta capa de auga vai desde os 100 metros ata o fondo, aínda que esta profundidade pode variar segundo a latitude, época do ano e zona xeográfica. Trátase dun mundo escuro no que a única luz existente é a dalgúns organismos bioluminiscentes e no que, polo tanto, non existen vexetais, debido a que non se pode realizar a fotosíntese sen luz. Outras características destes fondos son a elevada presión á que están sometidos (entre 10 e 110 atmosferas) e as baixas temperaturas ás que se atopan (2-3 °C). Ningún destes factores varía moito ao longo do ano e probabelmente sexan moi semellantes tanto nos polos como no trópico, o que lle dá unha estabilidade moi grande.

Este é un ecosistema moi diferente ao da superficie. Mentres que nas zonas con luz a base da pirámide alimenticia son os vexetais, nestes hábitats non hai ningún vexetal. Trátase dun ecosistema con pouca materia orgánica, no que os organismos dominantes son os suspensívoros e sedimentívoros que se alimentan dos poucos restos que caen dende a superficie, formando así a base da pirámide trófica. As fontes hidrotermais son unha excepción; son comunidades con gran cantidade de materia orgánica asociadas á enerxía xeotérmica, nas que a base da cadea alimentaicia son as bacterias oxidadoras de xofre.