Vicky, o viquingo
Vicky, o viquingo é unha serie animada alemá e xaponesa, realizada en 1974 pola empresa xaponesa Nippon Animation. Foi emitida en España por TVE en castelán nos anos 1975 e 1976, sendo un grande éxito. Seguiríana despois con grande éxito outras series como "Heidi" e "Marco", que tamén contan coa versión galega.
Vicky o viquingo dobrouse con posterioridade ao galego para se emitir no espazo infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
Historia
editarA historia baséase nas personaxes creadas polo escritor sueco Runer Johnson co mesmo nome.
Relata as aventuras de Vicky e dos habitantes da pequena aldea de Flake (situada entre Suecia e Noruega).
A serie componse de 78 capítulos de aproximadamente 23 minutos de duración.
Personaxes
editar- Halvar - Xefe da aldea viquinga de Flake e pai de Vicky, Halvar non gusta que lle desobedezan ou que pensen que teñen mellores ideas ca el. Defende que o seu fillo Vickie se porte como un verdadeiro viquingo, aínda que co tempo, acaba por se decatar do que o fillo lle di, que ás veces é mellor usar a cabeza en vez da forza bruta para resolver un problema.
- Ilda/Ylva - Esposa de Halvar e nai de Vicky, apoia o fillo sempre que este ten unha idea. Tal como todas as outras mulleres da aldea, mantén o home á raia, e non gusta cando este lle responde.
- Vickie - Fillo de Halvar e Ilda, é o heroe da historia. É máis esperto que os restantes viquingos, consegue arranxar o xeito de saír dos problemas e pasar obstáculos grazas ás súas ideas. Ao contrario do seu pai, defende que o uso da forza en certas situacións é dispensábel e que todo se pode conseguir se pensaren un pouco.
- Ylvy - Unha rapariga da mesma idade de Vicky, que é tamén a súa curmá. Xeralmente gusta de andar co Vicky cando este está en Flake e é grande adepta dos seus plans.
- Gilby - Un rapaz que é rival de Vickie. A pesar de non ser mais esperto que Vicky, Gilby é máis forte ca Vicky, conseguindo vencelo en varios desafíos nos cales a forza física é necesaria.
- Tjure - De temperamento sempre quente, Tjure é o carpinteiro da aldea de Flake. Como se irrita facilmente, pasa a vida a discutir con Snorre, que o aborrece constantemente.
- Snorre - De todos os viquingos de Flake, Snorre é o máis pequeno, e como tal, é o espía perfecto. É coñecido por pasar a vida a discutir con Tjure e por conseguir imitar tanto persoas como animais. Xeralmente é quen axuda a Vicky cando este precisa dun voluntario para os seus plans.
- Urobe - O home máis vello da aldea, Urobe é un gran coñecedor da cultura e lendas viquingas así como das herbas medicinais.
- Gorm - Gorm pasa a vida sempre entusiasmado con calquera cousa que lle aconteza, dando pulos de alegría. Xeralmente cando se ve nunha mala situación, fica completamente apático.
- Ulme - O poeta viquingo de Flake, anda sempre coa súa lira e pasa o tempo a compor as máis diversas cantigas e versos sobre as aventuras de Vicky e dos seus compañeiros.
- Fax - Fax é o maior, máis forte e máis larpeiro de todos os viquingos de Flake. Aínda así, o seu tamaño só se compara ao tamaño da bondade do seu corazón. É tímido e reservado.
- Sven - Máis coñecido como "Sven, o Terríbel", é o feroz inimigo dos viquingos de Flake. É coñecido por non ter nin dó nin piedade cando ataca un navío ou unha aldea.
- Baltac - É o xefe da aldea veciña de Schlack e é visto coma un rival de Halvar, pensando sempre que consegue ser mellor que el en todo.
Adaptación de cinema e televisión
editarO actor, director e produtor Michael Herbig fixo, en 2008, unha versión cinematográfica de Vicky con personaxes reais.