Tordo charlo

(Redirección desde «Turdus viscivorus»)

O tordo charlo[2][3] (Turdus viscivorus) é unha ave común na maior parte de Europa, Asia e norte de África. En Galicia é unha ave sedentaria case común.[3] É unha ave residente todo o ano en gran parte da súa área de distribución, pero as poboacións do norte e leste migran ao sur para invernar, a miúdo en pequenas bandadas. É un tordo grande con partes superiores grises claras, un queixo e gorxa brancos cincentos e puntos negros nas súas partes inferiores amarelas claras ou brancas crúas. Os sexos teñen plumaxe similar e as súas tres subespecies mostran só mínimas diferenzas.

Tordo charlo

En Baikonur, Casaquistán
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Turdidae
Xénero: Turdus
Especie: Turdus viscivorus
Distribución de T. viscivorus      Reprodución      Residente      Non reprodutor
Distribución de T. viscivorus      Reprodución      Residente      Non reprodutor

Distribución de T. viscivorus

     Reprodución      Residente

     Non reprodutor
Canción gravada en West Sussex, Inglaterra

Atópase en bosques abertos, parques, setos e terras cultivadas. Aliméntase dunha ampla variedade de invertebrados, sementes e bagas. Os seus froitos preferidos inclúen os de visgo, acivro e teixo. O visgo (Viscum album) é o preferido se está dispoñible onde vive, e isto reflíctese no seu nome científico (viscivorus deriva de Viscum). Esta planta é parasita para outras plantas, e benefíciase de que o tordo charlo, despois de comer as súas sementes, excrétaas nas pólas onde estas poden xerminar. En inverno, os tordos charlos poden defender vigorosamente matas de visgo ou un teixo como reserva de comida para cando veñan tempos de escaseza.

O seu niño con forma de copa aberta constrúese apoiado nun tronco ou na ramificación dunha póla, e deféndeo destemidamente contra os predadores potenciais, incluído ás veces seres humanos ou gatos. A posta, xeralmente de tres a cinco ovos, é incubada durante 12 a 15 días, principalmente pola femia. Os polos empluman de 14 a 16 días despois da eclosión. Normalmente crían dúas roladas de polos. A especie experimentou unha grande expansión da súa área de distribución nos séculos XVIII e XIX, e un pequeno declive en décadas recentes, quizais debido aos cambios nas prácticas agrícolas. Dada a enorme cantidade de exemplares e ampla área de distribución, este tordo é clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza cun status de conservación de "especie pouco preocupante".

Taxonomía

editar

O tordo charlo foi inicialmente descrito por Linnaeus na 10ª edición da súa obra Systema naturae en 1758 co mesmo nome científico que ten actualmente.[4][5] Turdus en latín significa 'tordo' e viscivorus, 'comedor de visgo', que vén de viscum, 'visgo' e vorare, 'devorar'.[6][7][8]

Existen máis de 60 especies de tordos de tamaño medio ou grande no xénero Turdus, caracterizadas por teren cabezas arredondadas, ás bicudas alongadas e xeralmente cancións melodiosas.[9] Un estudo do seu ADN mitocondrial identificou os parentes máis próximos do tordo charlo, que eran os tordos de similar plumaxe das especies tordo común e Turdus mupinensis; as tres especies son derivacións temperás da liñaxe dos Turdus de Eurasia despois de que se tivesen espallado ao norte desde África. Está menos emparentado con outras especies de túrdidos europeos, como o merlo (T. merula), que descenden de antepasados que colonizaran as illas do mar Caribe desde África e seguidamente chegaron a Europa desde ditas illas.[10][11]

Polo menos existen oito subespecies, pero as diferenzas son principalmente clinais, e os exemplares da subespecie nominal son máis claros e con menos manchas na parte leste da súa área de distribución. As subespecies aceptadas actualmente son:[12]

  • Turdus viscivorus viscivorus, Linnaeus, 1758. A subespecie nominal.
  • T. v. bonapartei, Cabanis, 1860.
  • T. v. deichleri, Erlanger, 1897.

Unha poboación illada en Crimea foi ás veces separada como T. v. tauricus, pero esta non se considera unha forma válida.[12]

Atopáronse fósiles de tordo charlo en depósitos do Plistoceno desde Polonia a Sicilia.[13][14]

Descrición

editar
 
En Casaquistán

O tordo charlo é o tordo máis grande nativo de Europa. A subespecie nominal mide 27–28 cm de lonxitude,[12] cunha envergadura alar de 45 cm.[15] Pesa de 93 a 167 g,[5] cunha media duns 130 g.[15] Adopta unha postura ergueita e robusta cando está no chan. As súas partes superiores son marróns cincentas, o queixo e gorxa son brancos cincentos e o peito é beixe amarelado e o ventre abrancazado están marcados con puntos negros. Estes puntos son máis densos na parte inferior do peito, dándolle a aparencia de ter unha banda pectoral. A longa cola ten puntas brancas nas plumas exteriores e as cobertoiras da parte inferior da á son brancas. Os ollos son marróns escuros e o peteiro é anegrado cunha base amarelada na mandíbula inferior. As patas e pés son marrróns amarelados. Non hai diferenzas de plumaxe entre os sexos. Os xoves son similares aos adultos, pero teñen partes inferiores máis claras con centros cor crema en moitas das plumas e puntos máis pequenos nas partes inferiores amareladas. No seu primeiro inverno son moi similares aos adultos, pero as partes inferiores son xeralmente de tons máis beixes.[12]

As subespecie oriental T. v. bonapartei é de 30 cm de longo e, por tanto, lixeiramente maior que a forma nominal. É gris clara na parte superior e máis branca na inferior, con menos puntos negros. Poden verse exemplares de aparencia intermedia ao oeste do río Obi, onde a súa área de distribución solápase coa de viscivorus. A raza do sur T. v. deichleri lembra o aspecto de bonapartei, pero ten un tamaño máis parecido a viscivorus, aínda que ten un peteiro máis delgado.[12]

Os adultos experimentan unha muda completa despois da época reprodutora, que empeza entre finais de maio e finais de xuño e complétase a inicios de outubro. Os xoves teñen unha muda parcial, na que substitúen as súas plumas da cabeza, corpo e plumas cobertoiras; isto complétase en outubro, aínda que o comezo da muda depende de cando fan eclosión os polos.[12]

O tordo charlo é moito máis grande, máis claro e de cola máis longa que a especie simpátrica tordo común. No oeste dos Himalaias podería confundirse cos Zoothera mollissima e Zoothera dixoni. Estes son similares ao tordo charlo, pero o Z. mollissima carece de barras alares obvias, é máis avermellado por arriba que o seu parente e é máis ben barrado en vez de con pintas por debaixo. O Z. dixoni ten partes superiores de tons oliváceos, barras no seu peito e dúas barras alares. Os tordos charlos xoves son superficialmente similares ao Zoothera aurea, pero esa especie ten plumaxe amarela dourada, partes inferiores festoneadas e un distintivo debuxo na parte inferior das ás.[12]

O macho ten unha canción alta e melodiosa con asubíos afrautados, que soa como cheuii-trewuu ... truritruuruu ou similar, repetida de tres a seis veces,[12] e utilizada para anunciar o seu territorio, atraer unha parella e manter a ligazón de parella.[16] O ton lembra o do tordo común, pero comparado co do seus parentes o repertorio do tordo charlo é menos variado e a canción é máis lenta. Porén, a canción, ao ser moito máis alta, ás veces pode oírse ata a 2 km de distancia. Canta desde o alto dunha árbore ou outra posición elevada, principalmente desde novembro a inicios de xuño. O macho é máis vocal de mañanciña e ten tendencia a cantar despois ou durante o tempo húmido e ventoso.[12][17] A súa canción pode oírse todos os meses do ano, aínda que é pouco común de xullo a agosto mentres está facendo a muda.[18] A chamada principal, que fan os dous sexos, é un seco krrrr, máis alto cando está alarmado ou excitado.[12][17] A miúdo é similar ao son dunha carraca.[19] Emiten tamén unha chamada de contacto, que é un renxente tuc.[5]

Distribución e hábitat

editar
 
Un adulto (dereita) con dous xoves alimentándose no céspede.

O tordo charlo reprodúcese na maior parte de Europa e na Asia temperada, aínda que está ausente das terras de moi ao norte sen árbores e a súa área de distribución faise descontinua no sueste de Europa, Turquía e o Oriente Próximo. Nesas áreas máis cálidas, tende a encontrarse nas terras altas de clima máis suave e nas rexións costeiras. A subespecie nominal T. v. viscivorus reprodúcese en Europa e no leste de Asia ata o río Obi, e alén dese río é substituída por T. v. bonapartei. A forma do sur de T. v. deichleri reside no norte de África, Córsega e Sardeña.[12]

O tordo charlo é un migrante parcial: as aves do norte e o leste da súa área invernan nas áreas de clima suave de Europa e norte de África. As aves de Escandinavia e Rusia empezan a moverse cara ao sur desde metade de setembro en adiante, e a maioría delas invernan en partes de Europa, oeste de Turquía e o Oriente Próximo. Entre a metade de outubro e novembro, cruzan en grandes cantidades o estreito de Xibraltar e outros pasan a través de Chipre, pero case no hai migración a través do mar do Norte. As aves reprodutoras das illas británicas e do noroeste de Europa son sedentarias ou só se moven a curtas distancias. Nos Himalaias, a poboación reprodutora móvese a sítios próximos de pouca altitude en inverno. A migración de retorno empeza principalmente desde finais de marzo, aínda que pode empezar antes no Oriente Próximo, e os reprodutores do norte poden non chegar de volta aos seus territorios ata finais de abril ou principios de maio. A migración poden facela de día ou de noite e normalmente é individual ou en pequenos grupos.[12] Teñen aparecido aves errantes nos Azores, China, Creta, illas Feroe, Islandia, Xapón, Omán, Arabia Saudita, Sikkim e os Emiratos Árabes Unidos.[1][12] No inverno de 2017/2018 o primeiro rexistro dun tordo charlo en América do Norte fíxose en Miramichi, Nova Brunswick.[20][21][22]

A especie pode atoparse nunha ampla variedade de hábitats que conteñen árbores, como bosques, plantacións, setos e parques urbanos. No sur e leste da súa área vive en bosques de coníferas de terras altas e esténdese por riba da liña de árbores principal, onde aínda están presentes os xenebreiros. A reprodución ten lugar ata os 600 m nas montañas do norte de África, e ocasionalmente moito máis alto, ata os 1700 m de altura.[12] Nas terras altas de Europa, a súa altitude preferida é dos 800 aos 1800 m.[17] Hábitats máis abertos, como as terras agrícolas, páramos e montes con herba son tamén moi utilizados por este animal en inverno ou durante a migración.[12]

Hai probas de que esta especie cambiou o seu hábitat natural en polo menos algunhas partes da súa área. En Alemaña e resto do centro de Europa atopábase só en bosques de coníferas ata a metade da década de 1920, cando empezou a espallarse rapidamente, primeiro a granxas e despois aos parques e periferias urbanas. As razóns desta expansión non están claras.[23] En áreas de agricultura intensiva, como o leste de Inglaterra, a terra de labradío en gran parte foi abandonada e transformouse en áreas urbanizadas cunha maior variedade de hábitats verdes.[24]

Comportamento

editar

Os tordos charlos encóntranse sós ou en parellas durante a maior parte do ano, pero as familias buscan alimento xuntas a finais do verán,[12] e os grupos poden xuntarse e formar grandes bandadas cando hai abundancia de alimento.[25] Non é raro que grupos de 50 tordos se alimentan xuntos nesa época do ano. Póusanse polas noites en árbores e arbustos, normalmente de forma individual ou en parellas, excepto a finais do verán ou outono cando as familias poden pousarse xuntas.[12]

O tordo charlo é bastante territorial, choutando coa cabeza en alto e o corpo ergueito; cando se excita move as súas ás e cola. O seu voo consiste en impulsos ondulantes intercalados con planeos.[12]

Reprodución

editar
 
Macho (esquerda) dándolle miñocas á femia no niño

O tordo charlo xa se reproduce ao ano seguinte da eclosión;[15] son monógamos e permanecen como parellas durante todo o ano en áreas, onde non son migratorios.[26] Os seus territorios son moito máis grandes que os tordos comúns;[12] aínda que o territorio de nidificación é só dunhas 0,6 ha, utilizan unhas 15 a 17 ha para alimentarse. Os territorios son normalmente reocupados nos anos seguintes.[5] Os territorios son máis grandes en bosques que en zonas agrícolas.[25] O macho ataca os intrusos na súa área de reprodución, incluíndo aves de presa e córvidos,[12] e ás veces gatos ou humanos.[18] Tense observado ás veces que durante o cortexo o macho alimenta a femia.[27] A reprodución comeza normalmente na metade de marzo no sur e oeste de Europa (finais de febreiro en Gran Bretaña), pero non ata inicios de maio en Finlandia.[17] Constrúen o niño xeralmente nunha árbore na esgalladura dunha póla ou contra un tronco, aínda que tamén poden usar sebes, cornixas de edificios e paredes de cantís. Os sitios dos niños poden estar situados ata os 20 m por riba do chan, aínda que o máis normal é de 2 a 9 m. O pimpín común a miúdo aniña preto dos tordos charlos, a vixilancia que fan os pimpíns comúns e o comportamento agresivo dos tordos beneficia a ambas as especies. Os niños dos tordos teñen forma de copa grande feita de paus, herba seca, raíces e musgos, cuberta no seu interior cunha camada de lama e forrada de herbas finas e follas. O niño constrúeo a femia, aínda que o macho poida axudarlle.[5][12][17] Os niños que se constrúen ao inicio da estación reprodutora poden ser destruídos polo mal tempo.[18]

A posta é habitualmente de tres a cinco ovos (pode ser de dous a seis), que son xeralmente beixes abrancazados ou azul verdosos e teñen pintas vermellas, púrpuras ou marróns.[17] O tamaño medio do ovo é de 30x22 mm, e pesa 7,8 g, dos cales o 6% corresponde á cuncha.[15] Os ovos son incubados durante o 12 a 15 días, principalmente pola femia.[12] Os polos son altriciais e con penuxe,[15] e son alimentados polos dous proxenitores. Empluman uns 14 a 16 días despois da eclosión. Crían normalmente dúas roladas, excepto en Siberia, onde crían só unha, o macho alimenta ás crías emplumadas da primeira rolada mentres que a femia se senta sobre a segunda posta.[12] Ás veces o mesmo niño é reutilizado por ambas as roladas.[28] Os xoves son dependentes dos seus pais durante 15 a 20 días despois de emplumar.[5]

Nun estudo realizado en Gran Bretaña, a taxa de supervivencia dos xoves no seu primeiro ano é do 57 por cento, e taxa de supervivencia anual dos adultos é do 62 por cento. A expectativa de vida é tipicamente de tres anos,[15] pero a idade máxima rexistrada en aves aneladas recuperadas é de 21 anos e 3 meses nunha ave morta a tiros en Suíza.[29]

Alimentación

editar
 
O nome científico do tordo charlo deriva do nome da planta da que obtén o seu alimento favorito, o visgo (Viscus album).

Os tordos charlos aliméntanse principalmente de invertebrados, froitas e bagas. Entre as presas animais están as miñocas, insectos e outros artrópodos, lesmas e caracois.[12] Os caracois son ás veces esmagados nunha pedra usada como "engra", unha técnica tamén utilizada polo tordo común.[18] O tordo común sábese que mata escánceres e crías de tordos comúns, e outros túrdidos e azulentas comúns.[12]

O alimento vexetal consiste en froitas e sementes de arbustos e árbores, principalmente acivro, teixo, hedra e visgo, pero tamén, por exemplo, amoras, cereixas, froitos do sabugueiro, estripeiro, olivas e rosas. Pode comer flores e brotes doutras plantas e mazás e ameixas caídas. Aliméntase dentro do seu hábitat reprodutor e en campo aberto, ás veces compartindo estas áreas de alimentación con tordos rubios ou tordos reais.[12]

As aves xoves inicialmente son alimentadas principalmente con invertebrados, a miúdo collidos entre a follaxe baixa ou baixo arbustos en vez de nos campos, preferidos polos adultos. Os adultos roldan por extensións de 1 km de raio desde o niño nun pasteiro ou terra arada. Despois de emplumaren, os xoves poden acompañar os seus pais ata o comezo do inverno.[25] Os individuos ou parellas defenden un ou máis árbores con froitos durante o inverno, e mostran preferencia por árbores que son hóspedes de visgo, a planta parasita da cal deriva o nome científico do paxaro. Onde non hai visgo, o acivro é a súa elección máis común.[30] Aínda que o tordo normalmente aliméntase no chan e desde arbustos baixos, a defensa que fai deste recurso conserva a froita para períodos máis avanzados da estación cando outros alimentos escasean.[17] As árbores son defendidas contra outros tordos e de aves como o cardeal e o peto real. Non obstante, en invernos máis suaves cunha abundancia de froitas esta estratexia é menos utilizada e os tordos poden ser observados alimentándose en bandadas.[31] Inversamente, nos invernos duros, o defensor pode ser superado por grandes bandadas de tordos reais, tordos rubios ou picoteiros.[30]

Como o seu nome implica, o tordo charlo é importante na propagación do visgo, un parasito aéreo doutros vexetais, que necesita que as súas sementes sexan depositadas sobre ramas das especies de árbores axeitadas. O seu froito altamente nutritivo é o preferido dos tordos, os cales dixiren a carne do froito deixando as sementes pegañosas, que son excretadas, posiblemente nun lugar adecuado para a súa xerminación.[32]

Predadores e parasitos

editar
 
Unha carracha Ixodes ricinus inchada polo sangue que chuchou do seu hóspede.

O tordo charlo é predado por unha gran variedade de aves de presa, como o moucho de Tengmalm,[33] curuxa das xunqueiras,[34] avelaiona,[35] avelaiona dos urais,[36] bufo real,[37] aguia real,[38] lagarteiro,[18] miñato común,[39] miñato real,[40] azor,[41] falcón peregrino,[42] e gabián.[43] Os ovos e polos poden ser vítimas de gatos e córvidos. O pai e a nai de tordo charlo non teñen medo á hora de defender os seus niños e mesmo ás veces atacan os humanos.[18] O tordo charlo non é normalmente hóspede de ovos do cuco, un parasito de crianza.[44]

Entre os parasitos externos do tordo charlo están as pulgas Ceratophyllus gallinae e Dasypsyllus gallinulae, a carracha Ixodes ricinus e o ácaro de rechamantes cores Trombicula autumnalis.[45][46][47] Poden sufrir a infestación por parasitos internos como tenias[48][49] ou nematodos,[50][51] como o Syngamus merulae.[52] Entre os parasitos do sangue que os poden afectar están os dos xéneros Trypanosoma e Plasmodium.[53][54]

Status

editar

Ten unha ampla distribución en Europa e oeste de Asia, e a súa poboación reprodutora europea estimoue en de 9 a 22,2 millóns de aves. Cando se engaden a esta cifra os reprodutores asiáticos o total global ascende a de 12,2 a 44,4 millóns.[1] A especie tiña anteriormente unha área máis restrinxida e raramente se reproducía no norte de Inglaterra arredor do 1700.[25] Espallouse rapidamente ás terras baxas e áreas costeiras de Europa durante o século XVIII e primeira metade do século XIX, colonizando áreas onde anteriormente era rara ou estaba ausente, como Irlanda (onde se reproduciu por primeira vez en 1807), Escocia e os Países Baixos. A súa área ampliouse tamén a Dinamarca, Noruega, Hungría e Austria.[17]

Aínda que a poboación agora parece estar diminuíndo, o decrecemento non é rápido nin dabondo grande como para ser considerada especie ameazada, polo que a IUCN clasifícaa co status de "especie pouco preocupante".[1] O decive percibido pode deberse á perda de pasteiros ricos en invertebrados e granxas mixtas pola conversión en zonas arables ou en pasteiros de cultivo máis intensivo. A supervivencia dos adultos, o tamaño de posta e o éxito no emplumado son todos baixos nas paisaxes arables comparados con áreas con pasteiros extensivos.[25] En Finlandia, a perda de bosques antigos pénsase que levou a un declive local.[5]

Na cultura

editar
 
Debuxo titulado Tordo charlo e choia de bico amarelo de Giovanni da Udine

A recompilación de inicios do século XVII de Desiderius Erasmus de proverbios latinos incluía este que dicía Turdus malum sibi ipse cacat, (o tordo charlo excreta os seus propios problemas), que se refire ao uso das pegañentas bagas de visgo que tanto lle gustan a esta especie como ingrediente para as ligas usadas para capturar paxaros. Coidábase daquela que o tordo estaba espallando as sementes da súa propia destrución.[8][55]

Tordo charlo e choia de bico amarelo é un debuxo de Giovanni da Udine, un artista que traballou no estudo de Rafael no século XVI, que era un esbozo para a súa obra Ave con grilanda e froita, e isto á súa vez foi a base do fresco de Rafael pintado no palacio Apostólico.[56][57]

O poema de inicios do Renacemento "As aves da harmonía" presenta un tordo charlo cantando a frase "sanctus, sanctus", distinguindo esta especie do tordo común.[58][59] A canción do tordo charlo tamén se describe na obra de Thomas Hardy "Darkling Thrush" (O tordo do anoitecer) e na de Edward Thomas's "The Thrush" (O tordo).[60]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International. (2016). Turdus viscivorus. The IUCN Red List of Threatened Species. doi 10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22708829A87878799.en
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus (1758) p. 168.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A. (eds.). "Mistle Thrush". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 10 September 2013. 
  6. Brookes (2006) p. 952.
  7. Jobling (2010) p. 393.
  8. 8,0 8,1 Jobling (2010) p. 404.
  9. Clement et al. (2000) pp. 36–38.
  10. Reilly, John (2018). The Ascent of Birds. Pelagic Monographs. Exeter: Pelagic. pp. 221–225. ISBN 978-1-78427-169-5. 
  11. Voelker, Gary; Rohwer, Sievert; Bowie, Rauri C K; Outlaw, Diana C (2007). "Molecular systematics of a speciose, cosmopolitan songbird genus: Defining the limits of, and relationships among, the Turdus thrushes". Molecular Phylogenetics and Evolution 42 (2): 422–434. PMID 16971142. doi:10.1016/j.ympev.2006.07.016. 
  12. 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 12,10 12,11 12,12 12,13 12,14 12,15 12,16 12,17 12,18 12,19 12,20 12,21 12,22 12,23 12,24 12,25 Clement et al. (2000) pp. 397–491.
  13. Tomek, Teresa; Bocheński, Zbigniew M; Socha, Paweł; Stefaniak, Krzysztof (2012). "Continuous 300,000-year fossil record: changes in the ornithofauna of Biśnik Cave, Poland" (PDF). Palaeontologia Electronica 15 (1): 1–20. 
  14. Pavia, Marco; Bedetti, Claudia (2003). "The late Pleistocene fossil avian remains from Grotta dei Fiori, Carbonia (SW Sardinia, Italy)". Bollettino della Società Paleontologica Italiana 42 (1–2): 163–169. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 "Mistle Thrush Turdus viscivorus [Linnaeus, 1758]". Bird Facts. British Trust for Ornithology (BTO). Consultado o 20 August 2013. 
  16. Clement et al. (2000) p. 41.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 17,6 17,7 Snow & Perrins (1998) pp. 1230–1234.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 Coward (1928) pp. 193–196.
  19. "Song Thrush/Mistle Thrush" (PDF). A BTO Garden BirdWatch factsheet. British Trust for Ornithology (BTO). Consultado o 18 August 2013. 
  20. Sarah Trainor (January 9, 2018). "Surviving on berries, celebrity mistle thrush settles in for Miramichi winter". CBC News. Consultado o 8 August 2018. 
  21. Purves, Liz (November 29, 2018). "118th Christmas Bird Count: Canada Summary". Audubon. Consultado o December 13, 2018. 
  22. "Species Maps". Wisconsin eBird. 
  23. Fuller (2003) p. 28.
  24. Mason, Christopher F (2000). "Thrushes now largely restricted to the built environment in eastern England". Diversity and Distributions 6 (4): 189–194. JSTOR 2673424. doi:10.1046/j.1472-4642.2000.00084.x. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 Brown & Grice (2005) p. 499.
  26. "Turdidae Thrushes". Bird Facts. British Trust for Ornithology (BTO). Consultado o 15 September 2013. 
  27. Young, Howard (1955). "Breeding behavior and nesting of the Eastern Robin". American Midland Naturalist 53 (2): 329–352. JSTOR 2422072. doi:10.2307/2422072. 
  28. "Mistle Thrush". Garden birds. British Trust for Ornithology. Consultado o 16 September 2013. 
  29. "European Longevity Records". Euring. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2013. Consultado o 22 August 2013. 
  30. 30,0 30,1 Snow & Snow (2010) pp. 154–156.
  31. Skórka, Piotr; Wójcik, Joanna D (2005). "Population dynamics and social behavior of the Mistle Thrush Turdus viscivorus during winter". Acta Ornithologica 40 (1): 35–42. doi:10.3161/068.040.0109. 
  32. Rothschild & Clay (1953) p. 28.
  33. Korpimäki & Hakkarainen (2012) p. 97.
  34. Glue, David E (2009). "Feeding Ecology of the Short-eared Owl in Britain and Ireland". Bird Study 24 (2): 70–78. doi:10.1080/00063657709476536. 
  35. Balčiauskienė, L., Juškaitis, R. and Atkočaitis, O. (2005). "The Diet of the Tawny Owl (Strix aluco) in South-Western Lithuania during the Breeding Period". Acta Zoologica Lituanica 15 (1): 13–20. doi:10.1080/13921657.2005.10512604. 
  36. Mysterud, I.V. and Hagen, Y. (1969). "The food of the Ural owl (Strix uralensis Pall.) in Norway". Nytt. Mag. Zool 17: 165–167. 
  37. Sackl, P. and Döltlmayer, G. (1996). "Zur Siedlungsbiologie und Ökologie des Uhus (Bubo bubo) im oberen Murtal (Steiermark, Österreich)" (PDF). Abh. Zool.-Bot. Ges. Österreich (en German) 129: 33–45. 
  38. Watson (2010) p. 94.
  39. Swann, R. L; Etheridge, B (2009). "A comparison of breeding success and prey of the Common Buzzard Buteo buteo in two areas of northern Scotland". Bird Study 42: 37–43. doi:10.1080/00063659509477146. 
  40. Davis, P. E; Davis, J. E (2009). "The food of the Red Kite in Wales". Bird Study 28: 33–40. doi:10.1080/00063658109476696. 
  41. Kenward (2010) p. 204.
  42. Ratcliffe (2010) p. 415.
  43. Newton (2010) p. 108.
  44. Glue, David; Morgan, Robert (1972). "Cuckoo hosts in British habitats". Bird Study 19 (4): 187–192. doi:10.1080/00063657209476342. 
  45. Rothschild & Clay (1953) pp. 84–85.
  46. Rothschild & Clay (1953) p. 227.
  47. Falchi, Alessandro; Dantas-Torres, Filipe; Lorusso, Vincenzo; Malia, Egidio; Lia, Riccardo Paolo; Otranto, Domenico (2012). "Autochthonous and migratory birds as a dispersion source for Ixodes ricinus in southern Italy". Experimental & Applied Acarology 58 (2): 167–174. PMID 22610454. doi:10.1007/s10493-012-9571-8. 
  48. Rothschild & Clay (1953) p. 197.
  49. Mettrick, D F; Burton, M (1962). "A new cestode, Anomotaenia caenodex sp. nov. from a mistle thrush, Turdus viscivorus viscivorus (L.)". Journal of Helminthology 36 (1–2): 157–160. PMID 14473034. doi:10.1017/S0022149X00022446. 
  50. Rothschild & Clay (1953) p. 189.
  51. Supperer, Rudolf (1958). "Zwei neue Filarien (s. l.), Eufilaria delicata spec. nov. und Ornithofilaria böhmi spec. nov. aus der Misteldrossel, Turdus viscivorus L". Zeitschrift für Parasitenkunde (en German) 18 (4): 312–319. doi:10.1007/BF00259661. 
  52. Rothschild & Clay (1953) p. 181.
  53. Rothschild & Clay (1953) p. 171.
  54. Rothschild & Clay (1953) p. 165.
  55. Erasmus (1982) p. 25.
  56. Hersey (1993) p. 225.
  57. Alsteens (2009) pp. 22–23.
  58. Percy Society et al. (1842) p. 6.
  59. Andrew (1985) p. 77.
  60. Armitage & Dee (2011) pp. 202–203.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar