Squash
O squash é un deporte de raqueta que se practica en interiores con 2 ou 4 xogadores e unha pelota de goma que pode ter distintos graos de velocidade ou rebote.
Os xogadores golpean a pelota coas súas raquetas facendo que rebote na parede frontal da cancha. A pelota pode rebotar en todas as paredes cantas veces sexa necesario e en calquera orde, sempre que golpee na parede frontal ou frontis, pero só pode rebotar no chan unha vez antes de que se considere un punto para o contrincante.
Cada xogador ten unha oportunidade para servir antes de que se considere un mal saque. Debe facer o servizo do lado dereito se a súa puntuación é par, e para o do lado esquerdo se a súa puntuación é impar. Para facer un punto é necesario ter a vez ou servizo; en caso contrario, farase un cambio e o xogador contrincante obterá a oportunidade do saque. Xógase a 9 puntos e, de estar empatados a 8, alárgase ata os 10 puntos. Tamén se pode xogar a 15 puntos contando todos os puntos e os cambios, pero é pouco común.
O saque debe facerse por arriba da liña da metade e por debaixo da liña superior marcadas na parede frontal ou frontis e a pelota deberá cruzar o cadrado do lado no que se encontra o contrincante para ser válido.
Tratase dun dos deportes máis rápidos e extenuantes, polo que algunhas compañías aseguradoras o consideran "deporte de alto risco".
As raquetas de squash son un pouco máis pequenas que as de tenis, pero máis resistentes e con cordas máis tensas que as de bádminton.
Este deporte tivo as súas orixes en Inglaterra, segundo algúns comezou a se xogar nos cárceres con pelotas picadas ou desinfladas que tiñan pouco rebote. Actualmente está captando máis adeptos, xa que é un dos deportes que move máis músculos do corpo, xunto coa natación, e tamén é dos que queima, segundo algunhas investigacións, máis calorías.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Squash |