O roscón ou pan de ovo é un bolo de pan doce en forma de rosca (aínda que tamén pode ser en forma de barra ou trenza) feito con ovos, leite, fariña, manteiga e azucre[1], típico dos xantares de domingo e das festas de Galicia, especialmente por Pascua e Reis (tradicionalmente tamén pola matanza e as vodas[2]). Tamén é típico nalgunhas zonas de España (e por influencia Hispanoamérica), Portugal, Francia e Bélxica, especialmente o día de Reis.

Roscón de Reis

O roscón orixinal tería sido un simple biscoito (tipo bica) en forma de rosca. O roscón típico actual adoita ser un doce mesto e pesado, vernizado con ovo, que se adorna con froita confeitada ou cristalizada de varias cores (cereixas, laranxas, ameixas, peras etc.), e montes de azucre.

Nalgúns casos (raramente en Galicia) pode encherse de nata, crema, chocolate, cabelo de anxo etc. No do día de Reis métenselle "sorpresas" no interior (figuriñas e un feixón)[3].

Ingredientes

editar
 
Roscón de Reis.
  • Fariña de forza
  • Azucre
  • Leite
  • Ovos
  • Manteiga de vaca
  • Lévedo ou requento de panadeiro (fermento)
  • Sal

Opcional:

  • Reladura de limón e/ou laranxa
  • Zume de laranxa
  • Anís (bebida)
  • Coñac

Adorno:

  • Froita confeitada[4].

A rosca de Pascua

editar

En Galiza o tradicional era que os padriños regalasen ovos aos nenos, ou, nalgunhas zonas facíanse biscoitos ou pan doce con manteiga no que se lle puñan por riba ovos coa casca e se cocían no forno. O que está claro é que o roscón é xa unha tradición da Pascua galega. Adóitase tomar na merenda do Domingo de Resurrección ou coma almorzo o Luns de Pascua. Faise cos mesmos ingredientes que o roscón convencional, ás veces máis enfeitado con ovos de chocolate, cabelo de anxo, xema torrada etc.

En Cataluña, Aragón e outras zonas do levante español faise para comer o Luns de Pascua, a mona, un pastel que tradicionalmente consistía nun tortell (roscón ou pan de ovo).

A rosca de Reis

editar
 
Roscón de Reis.

É unha tradición moi común en toda Europa Occidental, especialmente nos países tradicionalmente católicos, e por extensión, en Hispanoamérica. Cómese no día de Reis e consiste na mesma receita que o roscón tradicional ou de Pascua, no que se lle engaden no interior da masa figuriñas (as máis das veces da Virxe e San Xosé, e unha faba, sinal de má sorte, ou da obriga de pagar a rosca).[3]

A súa orixe semella estar ligada coas saturnais romanas, festas dedicadas ao deus Saturno co obxecto de que o pobo romano en xeral puidese celebrar os días máis longos que empezaban a vir tras o solsticio de invierno. Para estes festexos, elaborábanse unhas tortas redondas con figos, dátiles e mel, que se partillaban por igual entre os plebeos e escravos. Xa no século III, no interior da rosca metíase a faba seca, e o afortunado ao que lle tocaba era nomeado rei de reis durante un curto período de tempo establecido de antemán. Dende os romanos existen xogos da faba na Península Ibérica.

Julio Caro Baroja recolle na súa obra "El Carnaval" dúas testemuñas do século XII sobre a Rosca de Reis; o primeiro corresponde ao Reino de Navarra, a segunda corresponde a Ben Quzman, poeta andalusí, que nas súas Cantigas describe unha tradición semellante cunha torta (hallón, vocábulo que permanece en Granada) no ano novo que contiña unha moeda.

En Francia toman o Gâteau des Rois, tamén chamado Couronne des Rois, que é idéntico ao roscón galego, e a Galette des Rois propia do norte do país, que se fai con masa follada e se pode reencher cunha crema a base de améndoas moídas, azucre, unha pouca manteiga e xema de ovo.

En Cataluña fan o Tortell de Reis, tamén igual ao pan de ovo galego. En calquera caso, a popularidade do roscón de Reis no conxunto de España semella relativamente recente.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar