Rei de romanos
Rei de romanos[1][2] (en latín: Rex Romanorum) foi o título utilizado por Siagrio, e máis adiante polo rei alemán seguindo a súa elección polos príncipes-electores desde a época do Emperador Henrique II (1014-1024) en adiante. Este título supoñía unha reclamación para ser elixido Sacro Emperador Romano, e dependía da coroación polo papa.
Orixe
editarA unción e coroación imperial de Lois II en abril de 850, asentou unha constante ao longo do medievo, de que tales ritos só podería facelos o papa, e en Roma, incluso se o rei xa fora unxido previamente. En 855, coa abdicación e morte do emperador Lotario I, Lois II, que por entón xa era rei de Italia, non obtivo territorios ao norte dos Alpes na repartición efectuada por Lotario I. Ao quedar como soberano italiano, o título imperial quedou confinado en Italia[3][4] e o rei encargado da defensa do papado, do que resultou, tras a morte de Lois II, que o propio papado se arrogou a iniciativa de designar ao emperador.[5]
Este principio, de que só o papa podía coroar o emperador, e que o emperador era o protector da Igrexa romana, que se estableceu no período carolinxio, continuou a partir do século X cando Otón I reclamou ao papa o recoñecemento do seu status político.[6] Otón I empregou o título de Imperator Augustus, e foron o seu fillo Otón II e o seu neto Otón III os que decantaron a afirmación do Imperio centrada en Roma, e manifestada definitivamente a través da súa intitulación como Romanorum Imperator Augustus en 982.[7]
Porén, o papa era o que en último lugar podía coroar o soberano alemán como emperador; o soberano alemán era potencialmente un emperador e podían pasar anos antes de levarse a cabo a coroación imperial, co que os soberanos alemáns debían conformarse co título de rex.[8] O vínculo entre os reis alemáns coa coroa imperial foi reforzado con Conrado II ao intitularse como designado para a coroa imperial dos romanos, Imperium designatus Romanorum, sendo xa rei de Alemaña e de Italia. Finalmente, foi Henrique III cando se estableu a conexión entre o seu título real e a coroa imperial cando emitiu un diploma o 14 de xaneiro de 1040 onde, por primeira vez, apareceu a expresión Romanorum Rex (Rei de romanos). O uso deste termo foi estendéndose máis frecuentemente e estableceuse de forma máis permanente con Henrique V,[9] coa intención de contrarrestar a designación pexorativa e limitada de Rex Teutonicorum coa que o papa se refería a el durante a Querela das Investiduras.[10][11]
Significado
editarO Rei de romanos pode ser considerado como un emperador electo en espera de ser coroado como tal en Roma, ou como o herdeiro do emperador designado en vida do propio emperador.[12] Isto é, o Rei de romanos podería ser o herdeiro dun emperador ou un soberano do Sacro Imperio en exercicio en «espera de coroación» e que se intitularía emperador cando fose coroado polo papa en Roma.[13] O rei de Romanos intitulábase como Romanorum Rex semper Augustus antes de ser coroado Romanorum Imperator semper Augustus polo papa —até o ano 1508—.
Un emperador xa coroado desexoso de transmitir o seu trono á súa descendencia nunha monarquía electiva, facía elixir o seu sucesor durante o seu reinado pola súa propia iniciativa, co consentimento dos Príncipes Electores e de acordo coas provisións da Bula de Ouro de 1356. Deste modo, á morte do emperador, había xa un rei que o sucedía inmediatamente, sen requirir outra coroación ou Wahlkapitulation, posto que xa fora xurada unha capitulación; así evitábase un trono vacante e conflitos de intereses nunha nova elección.[14] Este sucesor tomaba o título de Rei de romanos e coroábase en Aquisgrán ou en Frankfurt, e non interviña no goberno salvo incapacidade do emperador ou que este renunciase ás súas responsabilidades (como fixeron Maximiliano I durante o reinado do emperador Frederico III ou Fernando I durante o reinado do emperador Carlos V), a súa única función era ser o vigairo xeral do Imperio.[15]
Se á morte do emperador non había ningún Rei de romanos electo, entón facíase necesaria unha elección por electores, acorde coas provisións da Bula de Ouro de 1356. Durante a vacancia no trono, a autoridade era exercida por dous vigairos imperiais: o conde palatino do Rin (Pfalzgraf bei Rhein) e o duque de Saxonia (Herzog von Sachsen).[16]
Desde o ano 1508, o Rei de romanos Maximiliano I intitulose, co consentimento do papa Xulio II, como emperador electo (Erwählter Römischer Kaiser), co que xa non necesitaba ser coroado polo papa, senón que bastaba coa coroación nos seus territorios. Así, a posición do Rei de romanos quedou limitada a ser o herdeiro electo en vida do emperador, que automaticamente pasaba a ser emperador electo á morte do seu predecesor sen necesidade doutra cerimonia.
Lista dos reis dos Romanos
editarNota: con fondo amarelo, os reis de Romanos que foron coroados emperadores do Sacro Imperio.
Outras mencións
editarRex Romanorum foi tamén o título co que os bárbaros xermanos invasores do Imperio romano denominaron o territorio da Galia, aínda non xermanizado, sobre o que gobernaba Siagrio (464-486).
Durante o Imperio de Oriente (Imperio romano de Oriente), cuxa capital era Constantinopla, usábase a lingua grega, e para utilizar o termo latino imperator (emperador) facían referencia á palabra basileus (rei), aínda que o monarca levaba o título de Βασιλεύς των Ρωμαίων (Basileús tōn Rōmaniōn), é dicir: "Rei de romanos".
A Napoleón II outorgóuselle por nacemento o título de Rei de Roma, a instancias do seu pai o emperador de Francia Napoleón I o 17 de febreiro de 1810.
Notas
editar- ↑ "rei". Enciclopedia Galega Universal 14. Ir Indo Edicións. 1999-2002. pp. 353–354. ISBN 84-7680-288-9.
12 rei de romanos HIST Título oficial do emperador de Alemaña adoptado regularmente a partir de Enrique IV...
- ↑ "rei". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1773. ISBN 978-84-8288-942-9.
Rei de romanos Título que posuían o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, non coroado aínda polo papa, e o seu sucesor.
- ↑ Barraclough, Geoffrey (1976). The crucible of Europe: the ninth and tenth centuries in European history (en inglés). University of California Press. p. 70. ISBN 9780520031180.
- ↑ Folz, Robert (1974). The Coronation Of Charlemagne (en inglés). Routledge & K.Paul. pp. 197–199. ISBN 0710078471.
- ↑ Canning, Joseph (1996). A history of medieval political thought, 300-1450 (en inglés). Routledge. p. 72. ISBN 9780415013499.
- ↑ Canning, Joseph (2014). A history of medieval political thought, 300-1450 (en inglés). Routledge. p. 95. ISBN 9781136623424.
- ↑ Canning, Joseph (2014). A history of medieval political thought, 300-1450 (en inglés). Routledge. pp. 96–97. ISBN 9781136623424.
- ↑ Reuter, Timothy (2014). Germany in the Early Middle Ages C. 800-1056 (en inglés). Routledge. p. 274. ISBN 9781317872399.
- ↑ Weinfurter, Stefan (1999). The Salian Century: Main Currents in an Age of Transition (en inglés). University of Pennsylvania Press. pp. 27–28. ISBN 9780812235081.
- ↑ Weinfurter, Stefan (1999). The Salian Century: Main Currents in an Age of Transition (en inglés). University of Pennsylvania Press. p. 155. ISBN 9780812235081.
- ↑ Reuter, Timothy (2014). Germany in the Early Middle Ages C. 800-1056 (en inglés). Routledge. p. 275. ISBN 9781317872399.
- ↑ "General Series". Historical Association (en inglés) (16): 16. 1950.
- ↑ Prothero, G. W.; Ward, A. W.; Leathes, Stanley (1902). Cambridge modern history (en inglés) 1. Cambridge University Press. p. 289.
- ↑ The Museum: or the literary and historical register (en inglés) 2. Robert Dodsley. 1746. p. 317.
- ↑ The modern part of an Universal history, from the earliest accounts to the present time (en inglés) 42. T. Osborne, C. Hitch, A.Mi llar, John Rivington, S. Crowder, B. Law, T. Longman, and C. Ware. 1764. p. 110.
- ↑ The Museum: or the literary and historical register (en inglés) 2. Robert Dodsley. 1746. pp. 317–318.
- ↑ Milman, Henry Hart (1880), History of Latin Christianity: including that of the popes to the pontificate of Nicolas V, Volume 5, Ed. Armstrong, páxs.203-204
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rei de romanos |
Bibliografía
editar- The London magazine, and monthly chronologer, ed. Edward Ekshaw, 1741
- George Sale, George Psalmanazar, Archibald Bower, John Campbell, George Shelvocke, John Swinton, An Universal history, from the earliest accounts to the present time, Volumen 50, Printed for C. Bathurst, 1783
- Helmut Beumann (1995): "Rex Romanorum", en: Lexikon des Mittelalters, tomo VII. Múnic: LexMA-Verlag. ISBN 3-7608-8907-7.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Royal Styles (en inglés). Consultada o 14 de outubro de 2016.