Chámase rebento[1] ou gromo[2] aos novos crecementos das plantas, que poden incluír talos, xemas e follas. O gromo de xerminación da semente que medra cara a arriba é un rebento que ha desenvolver follas. Na primavera, os rebentos de plantas perennes son o novo crecemento, dende o chan nas plantas herbáceas, ou o novo crecemento de flores ou talos / caules nas plantas lígneas. O galego permite tamén os termos gomo, gromo, xermolo, xoromelo, abrocho e brote[3].

Rebento dun cogombro.

Cómpre non confundir os gromos cos talos, xa que estes fornecen o eixo para o crecemento das xemas, froitos e follas.

Logo dunha árbore se tallar ou queimar, o coto ou o toro dalgunhas especies coma os carballos (carballo común, sobreira etc) ou os eucaliptos botan novos fillos tamén chamados rebentos.

Moitos animais aliméntanse dos abrochos por mor a que as fibras do novo crecemento aínda non completaron o desenvolvemento total da parede celular secundaria, e polo tanto, son máis tenros e doados de mastigar e dixeriren. Cando os gromos medran e envellecen, as células completan o desenvolvemento das paredes celulares que teñen unha estrutura dura e resistente. Algunhas plantas (por exemplo, os fentos) producen toxinas que fan que os seus rebentos sexan menos apetecíbeis aos herbívoros.

Os rebentos de moitas plantas (soia, alfalfa etc) son un alimento habitual en moitas culturas. En Galiza o consumo está a medrar, especialmente en ensaladas e pratos orientais.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rebento.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gromo.
  3. Termos preferidos en galego en Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004, VV. AA. e Vocabulario forestal. Santiago de Compostela, Universidade, 2012, Deputación de Lugo

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar