Provincia de Aragatsotn
A provincia de Aragatsotn (en armenio: Արագածոտնի մարզ) é unha provincia (marz) de Armenia. Está localizada na parte occidental do país. A cidade de Ashtarak é a súa capital e tamén a localidade meirande da provincia. Segundo o censo elaborado polo Servizo Estatístico Nacional da República de Armenia (ARMSTAT), a poboación en 2011 era de 132 925 habitantes.
Արագածոտնի մարզ (hy) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Armenia | ||||
Capital | Achtarak (pt) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 125.400 (2019) (45,5 hab./km²) | ||||
Lingua usada | lingua armenia Lingua kurmanji | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 2.756 km² | ||||
Creación | 7 de novembro de 1995 | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 0201–0514 | ||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | AM-AG | ||||
Páxina web | aragatsotn.mtad.am |
Etimoloxía
editarAragatsotn significa literalmente "ao pé do Aragats" (a maior montaña de Armenia), e herda o nome do antigo cantón Aragatsotn da provincia histórica de Ayrarat, do Reino de Armenia cando estaba gobernada pola familia nobre Amatuni baixo o reinado da dinastía arsácida.
Xeografía
editarA provincia de Aragatzotn ocupa a parte noroeste de Armenia e abrangue unha área de 2 756 km² (9,3% da área total de Armenia). Fai fronteira coa provincia de Shirak ao norte, coa provincia de Lori ao nordés, coa provincia de Kotayk ao leste, coa provincia de Armavir ao sur e coa cidade de Iereván ao suroeste. O río Akhurian no oeste separa Aragatzotn da provincia de Kars de Turquía.
Historicamente, o actual territorio da provincia ocupaba partes dos cantóns Aragatsotn, Nig e Shirak da antiga provincia de Ayrarat, do Reino de Armenia.
Trátase dunha zona moi montañosa. O norte da provincia está dominada polo monte Aragats, mentres que no nordés e o leste atópanse as montañas de Pambak e Tsaghkunyats respectivamente. As montañas de Arteni están no nordés e no centro da provincia. O pequeno val de Akhurian atópase extremo leste de Aragatsotn. Polo sur e o sueste atópase parte da chaira do Ararat.
A altitude da provincia vai dende 950 até 4 090 metros sobre o nivel do mar. O monte Aragats é o punto máis alto da provincia e de toda a República de Armenia.
Ademais do Akhurian, os ríos Kasagh, Gegharot e Amberd son os principais recursos hídricos da provincia. No monte Aragats atópanse varios lagos como o lago Kari, o Lessing, o Amberd, o Tagavor e o Kuraghbyur.
O clima de Aragatzotn é moi diverso por mor da gran diferenza de altitudes na rexión. As precipitacións medias anuais van dende 400 mm nas áreas baixas até os 1000 mm nas zonas montañosas.
Historia
editarDe acordo con Movses Khorenatsi, Aramaniak (fillo de Hayk, patriarca e fundador da nación armenia) xunto co seu clan, asentouse na área da moderna provincia de Aragatsotn. Os cemiterios arqueolóxicos de Verin Naver, que se atopan a 3 km ao oeste de Ashtarak, datan dun período entre o -2400 e o -1400.
Situado no corazón da antiga provincia de Ayrarat, no centro do altiplano de Armenia, Aragatsotn foi unha das rexións estratéxicas na historia de Armenia, especialmente dende o estabelecemento do Reino de Armenia no ano -331 pola dinastía oróntida. Posteriormente, no ano -190, a dinastía artáxida tomou o control do reinado. Ao longo do século -II, as cidades de Casala (versión helenizada de Kasagh, hoxe Aparan), e Talina (hoxe Talin) foron nomeadas por Tolomeo durante o reinado da dinastía arsácida de Armenia. O territorio do cantón de Nig, incluíndo a zona de Aparan estivo baixo administración da familia nobre Gntunyan, mentres que o cantón de Aragatsotn, incluíndo Ashtarak, quedou baixou o mando da familia Amatuni.
Trala partición de Armenia polo Imperio Bizantino e o Imperio Sasánida en 387 e en 428, a Armenia oriental (incluíndo Aragatsotn) pasou a estar baixo control do Imperio Sasánida. A basílica de Kasagh, datada no século IV, e situada ás aforas da moderna Aparan, é un dos poucos exemplos sobreviventes da arquitectura relixiosa temperá armenia.
En 658, Armenia foi conquistada polos invasores árabes omeias. Cara ao final do século IX, Aragatsotn pasou a formar parte do reino bagrátida de Armenia. As familias nobres Kamsarakan e Pahlavuni gobernaron Aragatsotn durante o reinado dos reis bagrátidas.
Porén, entre os séculos XI e XV, Aragatzotn xunto co resto dos territorios históricos de Armenia sufriron as invasións dos selxúcidas, dos mongois de Aq Qoyunlu e de Kara Koyunlu. Ao comezo do século XVI, Aragatsotn foi anexionado ao Erivan Beglarbegi do Imperio Safávida, e na primeira metade do século XVIII formou parte do Khanato de Iereván baixo o control da dinastía Afshárida e máis tarde pola dinastía Qajar de Persia. Permaneceu baixo o control persa até 1827-1828, cando a Armenia oriental foi cedida ao Imperio Ruso trala guerra ruso-persa de 1826–1828 e a sinatura do tratado de Turkmenchay.
Trala caída do Imperio Ruso en 197, os líderes armenios, xeorxianos e musulmáns de Transcaucasia uníronse para formar a República Democrática Federal de Transcaucasia e proclamaron a súa secesión. Porén, foi unha federación de duración efémera, xa que colapsou en maio de 1918 cando o exército turco avanzou cara ao leste de Armenia por Gyumri, Aragatsotn e Sardarapat. O 21 de maio de 1918, as forzas turcas atacaron a través de Aparan en Aragatsotn, tentando chegar a Iereván. Os turcos foron frenados polo exército armenio comandado por Dro ás aforas de Aparan. Despois de 3 días de feroz loita, os armenios levaron a cabo un contraataque o 25 de maio e os turcos tiveron que retirarse ao norte o 29 de maio. Como resultado das decisivas vitorias sobre os turcos nas batallas de Sardarabad, Abaran e Gharakilisa, os armenios declararon a independencia o 28 de maio de 1918.
Despois de dous anos de breve independencia, Armenia pasou a formar parte da Unión Soviética en decembro de 1920. Dende 1930 até 1995, a Aragatsotn moderna foi dividade en tres raions dentro da República Socialista Soviética de Armenia: o raion de Talin, o raion de Aparan e o de Ashtarak. Coa reforma administrativa de 1995, os 3 raions foron unificados na provincia actual de Aragatsotn.
Demografía
editarPoboación
editarSegundo o censo oficial de 2011, Aragatsotn tiña unha poboación de 132 925 habitantes (66 738 homes e 66 187 mulleres), o que supón un 4,4% da poboación total de Armenia. A poboación urbana é de 31 376 habitantes (23,6%) e a rural de 101 549 (76,4%). Aragatsotn ten a meirande porcentaxe de poboación rural de todo o país.
A provincia ten 3 municipalidades urbanas e 111 comunidades rurais. A principal vila urbana é Ashtarak, que tamén é a capital e ten unha poboación de 19 615 habitantes. Os outros centros urbanos de Aparan e Talin teñen poboacións de 6 451 e 5 310 respectivamente.
Con 4 780 habitantes, Oshakan é a meirande vila rural da provincia.
Grupos étnicos e relixión
editarA provincia está habitada principalmente por armenios tati que pertencen á Igrexa apostólica armenia. A diocese de Aragatzotn está liderada polo bispo Mkrtich Broshyan. A Catedral de San Mesrop Mashtots de Oshakan é a sé da diocese.
Porén, hai unha presenza significativa dunha minoría iézidi. As seguintes 20 vilas de Aragatsotn están case exclusivamente habitadas por iézidis: Alagyaz, Arevut, Avshen, Charchakis, Ddmasar, Hako, Jamshlu, Kanch, Kaniashir, Metsadzor, Mijnatun, Mirak, Otevan, Rya Taza, Sadunts, Shamiram, Shenkani, Sipan, Sorik e Tlik.[1][2] As vilas de Arteni, Oshakan, Vardenut e Voskevaz tamén teñen unha poboación iézidi significativa. Os iézidis tamén se poden atopar en Aparan e Talin.
A vila de Alagyaz tamén é o fogar dun pequeno número de kurdos.
Subdivisións administrativas
editarComo resultado das reformas administrativas que tiveron lugar o 9 de xuño de 2017, Aragatsotn está dividido en 72 comunidades municipais (hamaynkner), das que 3 son urbanas e 69 son rurais:[3][4][5]
Concello | Tipo | Área (km²) | Poboación (estimación de 2017) |
Capital do concello | Vilas incluídas |
---|---|---|---|---|---|
Municipalidade de Aparan[6] | Urbano | Aparan | Aragats, Arayi, Apnagyugh, Chknagh, Dzoraglukh, Hartavan, Jrambar, Kayk, Kuchak, Lusagyugh, Nigavan, Saralanj, Vardenis, Vardenut, Shenavan, Shoghakn, Tsaghkashen, Ttujur, Yernjatap, Yeghipatrush | ||
Municipalidade de Ashtarak[7] | Urbano | 42 km² | 20 636 hab. | Ashtarak | Mughni |
Municipalidade de Talin[8] | Urbano | 44 km² | 8 374 hab. | Talin |
As comunidades a asentamentos rurais son:
- Agarak
- Agarakavan
- Aghdzk
- Akunk
- Alagyaz
- Antarut
- Aragatsavan
- Aragatsotn
- Artashavan
- Aruch
- Ashnak
- Avan
- Arevut
- Bazmaghbyur
- Byurakan
- Dashtadem
- Davtashen
- Ddmasar
- Dian
- Dprevank
- Garnahovit
- Ghazaravan
- Hako
- Hatsashen
- Irind
- Kakavadzor
- Kanch
- Karbi
- Karmrashen
- Katnaghbyur
- Kosh
- Lernarot
- Mastara
- Melikgyugh
- Metsadzor
- Nerkin Bazmaberd
- Nerkin Sasnashen
- Nor Amanos
- Nor Artik
- Nor Yedesia
- Ohanavan
- Orgov
- Oshakan
- Otevan
- Parpi
- Partizak
- Saghmosavan
- Sasunik
- Shamiram
- Shgharshik
- Sorik
- Suser
- Tatul
- Tegher
- Tlik
- Tsaghkahovit
- Tsaghkasar
- Tsamakasar
- Ujan
- Ushi
- Verin Bazmaberd
- Verin Sasunik
- Verin Sasnashen
- Voskehat
- Vosketas
- Voskevaz
- Yeghnik
- Zarinja
- Zovasar
Nos últimos anos, moitos asentamentos rurais foron abandonados en Aragatsotn, incluíndo as vilas de Arum, Buravet, Karmrashen, Kasagh, Kyalashbek, Lusaghbyur, Nigatun, Shenik, Verkhniy Kalakut e Zovuni.
Galería
editar-
Fortaleza Amberd e igrexa Vahramashen.
-
Val do río Amberd.
Notas
editar- ↑ "Yazidi communities in Aragatsotn" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2018. Consultado o 12 de setembro de 2018.
- ↑ "Yazidis or Kurds" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2018. Consultado o 12 de setembro de 2018.
- ↑ National Statistical Service of the Republic of Armenia, ed. (2007). "RA Aragatsotn Marz" (PDF). Marzes of the Republic of Armenia in Figures, 2002–2006.
- ↑ "Հայաստանի 328 համայնքների միավորմամբ կձևավորվի 34 համայնք. ԱԺ-ն քննարկում է ծրագիրը". Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2017. Consultado o 11 de setembro de 2018.
- ↑ About the communities of Aragatsotn
- ↑ Aparan community
- ↑ Ashtarak community
- ↑ Talin community
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Provincia de Aragatsotn |