Prociónidos

(Redirección desde «Procyonidae»)
Prociónidos
Procyonidae

Procyon lotor
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Procyonidae
Gray, 1825 [1]
Xéneros
Véxase o texto
Sinonimia
Referencia:[2]
  • Bassaricyonidae Coues, 1887
  • Bassaridae Gray, 1869
  • Bassariscidae Gray, 1869
  • Cercoleptidae Bonaparte, 1838
  • Nasuidae Gray, 1869
  • Potidae Degland, 1854
  • Potosinae Trouessart, 1904

A dos prociónidos (Procyonidae) é unha familia de mamíferos da orde dos carnívoros que inclúe os mapaches e os coatís, entre outros. No presente distribúense polo continente americano, desde o sur do Canadá até o norte da Arxentina, sendo por tanto a familia un representante exclusivo do Novo Mundo. Son os parentes máis achegados aos mustélidos.

Bassaricyon gabbii.
Bassariscus astutus.
Nasua nasua.
Potos flavus.

O grupo está constituído por aproximadamente 19 xéneros, dos que só 6 teñen representantes vivos na actualidade.

Características

editar

Son animais de tamaño mediano ou pequeno que están ben adaptados para agatuñar, polo que presentan un estilo de vida arbóreo.

Os seus membros son pentadáctilos. Son plantígrados ou semiplantígrados, e os seus dedos están separados en diferentes graos, sendo o terceiro máis longo que os outros.

As gadoupas usualmente non son retráctiles, e son curtas e curvadas. Porén, as de Bassariscus astutus son semiretráctiles nas patas dianteiras.

A forma xeral do cranio é variábel (nalgunhas especies a rexión facial é alongada, noutras o cranio é curto e arredondado). Porén, a maioría dos neurocranios son relativamente voluminosos.

Na maioría das especies o canal aliesfenoide (canal a través do óso aliesfenoide que dá paso ao quinto nervio cranial) non está desenvolvido, e o canal da arteria carótide está localizado no lado interior da bulla auditiva e separada do forame rasgado medio.

Os molares destes animais adoitan seren anchos, e non presentan os bordos agudos de corte característicos dos cánidos e félidos.

Historia evolutiva

editar

Os prociónidos apareceron por primeira vez no oligoceno tardío de Europa (aínda que hoxe están extinguidos neste continente).

O seu primeiro rexistro en Norteamérica data do mioceno temperán, e pronto se converteron nun grupo predominante, alcanzando rapidamente unha ampla distribución.

En Suramérica a aparición do grupo tivo lugar entre o mioceno tardío e o plioceno, en dúas épocas distintas.

Clasificación

editar

Na actualidade a familia dos procióndios comprende os seguintes xéneros:[1]

Familia Procyonidae

  • Xénero Bassaricyon J. A. Allen, 1876 - olingos
  • Xénero Bassariscus Coues, 1887
  • Xénero Nasua Storr, 1780 - coatís
  • Xénero Nasuella Hollister, 1915
  • Xénero Potos É. Geoffroy Saint-Hilaire & F. G. Cuvier, 1795 - poto
  • Xénero Procyon Storr, 1780 - mapaches

Ademais, coñécense os seguintes xéneros fósiles:[3]

Unha clasificación controvertida

editar

Houbo numerosos debates sobre a posición filoxenética dos pandas (o maior e o menor) e os mapaches, desde situalos a todos na familia dos prociónidos, até situar o xénero Ailuropoda nunha familia propia, a dos ailuropódidos.[4]

Porén, recentes análises xenéticas mostran que o panda xigante é un parente moi próximo dos osos, polo que a maioría dos autores o sitúan dentro da familia dos úrsidos como único representante actual da subfamilia dos ailuropodinos,[5] mentres que a clasificación do panda menor (Ailurus fulgens) aínda se discute, e moitos autores, como Hollister (1915), Gregory (1936) e Thenius (1979) inclúena, como subfamilia Aiulurinae dentro da familia dos prociónidos.[2]

  1. 1,0 1,1 Procyonidae Gray, 1825 no SIIT.
  2. 2,0 2,1 Procyonidade en Wilson & Reeder (eds.) (2005)
  3. McKenna, M. C. & Bell, S. K., (eds.) (1997): Classification of mammals above the species level. New York: Columbia University Press.
  4. Ailuropodoidae en The Free Dictyonary.
  5. Ailuropodinae Arquivado 10 de novembro de 2013 en Wayback Machine. en Paleobiology Database.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar