Pobo masai
Os masais[3] son un pobo estimado nuns dous millóns de individuos, que viven en Kenya meridional e en Tanzania setentrional. Falan maa, que é unha lingua nilótica oriental, aínda que moitos deles son capaces de expresarse correctamente en suahili e inglés. A maioría dos masais manteñen a súa relixión tradicional, aínda que nos últimos anos algúns se converteron ao cristianismo.[4]
Pobo masai | |
---|---|
Un home masai. | |
Poboación | |
Poboación total: c 2 millóns | |
Rexións principais: | |
Kenya | 841 622 (2009)[1] |
Tanzania | 800 000 (aproximado) (2011)[2] |
Aspectos culturais | |
Lingua | Maa (ɔl Maa) |
Relixión | Mitoloxía masai, cristianismo |
Situación
editarOs masais viven en asentamentos chamados manyattas, que son círculos de chozas feitas de adobe e ramas para encerrar o gando. As chozas constrúense cuns ladrillos preparados a base de excrementos de animais, palla e barro a fin de impermeabilizalos e endurecelos. As paredes interiores son alisadas e posteriormente afumadas. Adoitan contar con diminutas bufardas, pero sen xanelas.
Cultura
editarA súa vida cultural está chea de celebracións. A versión masai dos grupos de idade consta de infancia, guerreiro menor (moran), guerreiro maior, adulto menor e adulto maior. Tras a circuncisión, os mozos convértense en guerreiros menores. Tamén está estendida a práctica da ablación ás nenas.[5]
Tanto os homes como as mulleres locen vistosas dilatacións nas orellas de até un palmo de lonxitude na parte inferior do pavillón auricular, e do diámetro dunha moeda pequena na parte superior, que adornan con madeiras e contas de cores. A artesanía masai é moi destacable, principalmente en téxtiles, tallas de madeira, abelorios e adornos de hematita. Adoitan vestir unha tea anudada sobre os ombreiros de vivas cores, xeralmente vermella e con deseños xeométricos, sobre outras pezas de roupa. Coleccionan un gran número de danzas, rituais e cánticos, que efectúan fronte aos turistas a cambio de diñeiro e outros beneficios económicos. Polo xeral, non se deixan fotografar salvo que se lles outorgue un pequeno pago como compensación.
Organización
editarO sistema político masai está descentralizado; realizan reunións de anciáns e discusións públicas para decidir sobre os asuntos máis xerais. O que impera é a importancia do gando. Algúns dos seus representantes foron vistos en reunións democráticas na capital, Nairobi, vestindo traxe, e algúns dos mozos adoitan xogar ao billar e ver a televisión en aldeas próximas onde non sempre son ben recibidos debido ás diferenzas culturais. A súa relixión céntrase ao redor de crenzas místicas que concirnen aos masais, ao seu gando e a Deus. As vacas son sacras e, por tanto, sono a súa terra e todos os outros elementos concernentes ao seu gando. O gando prové de todas as necesidades aos masais: leite, sangue e carne para a súa dieta (producen unha especie de iogur fermentando o leite con sangue de animal), coiro e peles para a súa roupa.
Posúen representación na UNPO.
Problemática actual
editarProblemas territoriais
editarPor mor dun primeiro contrato en 1904[6] e un segundo en 1911, as terras masai en Kenya reducíronse nun 60 %, cando os británicos expulsáronos para dar terra aos ranchos de colonos.[7] Posteriormente recluíronos nos distritos que hoxe son Kajiado e Narok. Nos anos 1940 os masai de Tanzania foron desprazados das terras fértiles entre o Monte Meru e o Monte Kilimanjaro e da maioría das terras altas fértiles de Ngorongoro.[8] Arrebatáronlles máis terra para crear reservas de caza e parques nacionais: Amboseli, Parque Nacional de Nairobi, Masai Mara, Samburu, Lago Nakuru e Tsavo en Kenya; Manyara, Ngorongoro, Tarangire e Serengeti en Tanzania.[9]
Debido ás influencias do mundo exterior é cada vez máis difícil para eles manter a forma de vida tradicional do pastoreo. Artigos de Garrett Hardin subliñando a “traxedia das comúns” e de Melville Herskovitz sobre “o complexo do gando” levaron a ecoloxistas e autoridades políticas a pensar que os pastores masai causan dano ás zonas de pastoreo da sabana. Máis tarde, algúns antropólogos demostraron que este concepto era falso, pero aínda está profundamente arraigado nas mentes de ecoloxistas e funcionarios de Tanzania.[10] Isto motivou aos gobernos a expulsar a todos os masai do Parque Nacional de Serengeti e a trasladalos a zonas dentro e ao redor da Zona de Conservación de Ngorongoro (NCA). O plan para a NCA foi pór os intereses dos masai por encima de todo, pero esta promesa nunca se cumpriu. Os masai víronse obrigados a adoptar novas formas de subsistencia debido ao aumento da poboación masai, a perda de parte do seu gando por mor de enfermidades e a falta de terras de pastoreo debido ás novas fronteiras do parque. Moitos masai empezaron a cultivar millo e outros produtos, unha práctica cunha connotación culturalmente negativa. A agricultura foi introducida por mulleres desprazadas dos wa arashu e wa meru que casaron con homes masai.
A súa situación complicouse cando en 1975 prohibiuse a agricultura na Zona de Conservación de Ngorongoro. Para sobrevivir víronse obrigados a participar na economía monetaria de Tanzania. Tiveron que vender os seus animais e o seu medicamento tradicional para obter comida. En 1992 levantouse a prohibición e de novo a agricultura converteuse nunha parte importante do sustento masai. As fronteiras dos parques e a privatización da terra continuaron limitando as zonas de pastoreo para os masai e obrigáronlles a cambiar considerablemente.[11]
Recentemente, os masai de Loliondo, ao norte de Tanzania, enfróntanse á ameaza do acoso ao que os someten as autoridades locais, responsables da queima de poboados para dar paso a unha empresa de caza, a Otterlo Business Corporation.[12]
Os masais están representados desde decembro de 2004 na Organización de Nacións e Pobos Non Representados por tres organizacións, a das Mulleres Masai para a Educación e o Desenvolvemento Económico, a Organización para o Desenvolvemento Integrado Pastoril Mainyoito e a Asociación de Propietarios de Terra Kitengela Ilparakuo.
Notas
editar- ↑ "2009 Population & Housing Census Results" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ Ethnologue report for language code:mas ethnologue.com, '453,000 in Kenya (1994 I. Larsen BTL) ... 430,000 in Tanzania (1993)', Gordon, Raymond G., Jr. (ed.), 2005. Ethnologue: Languages of the World, Fifteenth edition. Dallas, Tex.: SIL International
- ↑ "Consulta do termo [masai] -Dicionario de Galego - DIGALEGO". digalego.xunta.gal. Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2017. Consultado o 2017-03-19.
- ↑ "Converting the Masai".
- ↑ "Masais contra la ablación".
- ↑ ""The Land Is Ours"". ISSN 0040-781X. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013. Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ "History of the Maasai". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2017. Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ ^ The Myth of Wild Africa: Conservation Without Illusion.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2007. Consultado o 14 de agosto de 2007.
- ↑ McCabe, Terrence. (2003).
- ↑ Goodman, Ric. (2002).
- ↑ Los masái, Survival International, http://www.survival.es/indigenas/masai
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pobo masai |