Percolozoos

(Redirección desde «Percolozoa»)
Percolozoos

Diferentes estadios de Naegleria
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Excavata
Filo: Percolozoa
Cavalier-Smith 1991
Clases, Ordes e Familias

Os percolozoos ou Percolozoa son un grupo de protozoos non pigmentados, que inclúen moitas especies que poden pasar sucesivamente por estadios ameboides, flaxelados, e enquistados.

Estadios no ciclo vital de Naegleria fowleri: quiste, flaxelado, trofozoíto (estadio ameboide reprodutivo).
O acrásido Acrasis rosea, amebas e esporas.
Percolomonas sp..

As distintas formas denomínanse esquizopirénidos, ameboflaxelados, ou vahlkámpfidos. O grupo tamén inclúe os acrásidos, un grupo de amebas sociais que se agregan e forman esporanxios. Todo o grupo denomínase en conxunto Heterolobosea, pero este termo pode ser restrinxido para referirse só aos membros con estadios ameboides.[1]

A especie Pleurostomum flabellatum foi engadida recentemente a Heterolobosea.[2]

Características

editar

A maioría dos Percolozoa viven no chan alimentándose de bacterias, ou tamén nas augas doces e feces. Hai unhas poucas formas mariñas e parasitas entre as que está Naegleria fowleri, que pode ser patóxena para os homes e con frecuencia letal. O grupo está moi emparentado cos Euglenozoa, e comparte con eles a característica pouco usual (pero non exclusiva) de ter mitocondrias con cristas discoidais. A presenza dunha fenda alimenticia ventral no estadio flaxelado, e outras características, suxiren que forman parte do grupo dos Excavata.

O estadio ameboide é de forma aproximadamente cilíndrica, e mide entre 20 e 40 μm de longo. Consideráronse tradicionalmente amebas lobosas (ver Amoebozoa), pero non están relacionadas con elas e non forman pseudópodos lobosos. En vez de por pseudópodos avanzan por ondas eruptivas: aparecen vultos hemisféricos na marxe frontal da célula, que é clara. O estadio flaxelado é lixeiramente máis pequeno, con dous ou catro flaxelos anteriores situados antes da fenda alimenticia.

Xeralmente adoptan a forma ameboide cando o alimento é abondoso, namentres que a forma flaxelada se usa para unha rápida locomoción. Porén, non todos os membros do grupo poden adoptar as dúas formas. Nos xéneros Percolomonas, Lyromonas, e Psalteriomonas só se coñecen formas flaxeladas, e en Vahlkampfia, Pseudovahlkampfia, e nos acrásidos non hai estadios flaxelados. Os acrásidos, en condicións desfavorables agréganse formando esporanxios. Estes son superficialmente similares aos esporanxios dos dictiostélidos, pero estas amebas só se agregan individualmente ou en pequenos grupos e non morren ao formaren o pedúnculo.

Historia

editar

Os Heterolobosea foron descritos en primeiro lugar por F. C. Page e R. L. Blanton en 1985[3] como unha clase de amebas, e só incluíron as formas con estadios ameboides. Cavalier-Smith creou o filo Percolozoa para o grupo ampliado coas outras formas, e co enigmático flaxelado Stephanopogon.[4]

Cavalier-Smith mantivo os Heterolobosea como unha clase para as formas ameboides. Este autor definiu o supergrupo Percolozoa como os "Heterolobosea máis a nova clase Percolatea".[5]

  1. "Heterolobosea". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2019. Consultado o 2009-03-25. 
  2. Park JS, Simpson AG, Lee WJ, Cho BC (2007). "Ultrastructure and phylogenetic placement within Heterolobosea of the previously unclassified, extremely halophilic heterotrophic flagellate Pleurostomum flabellatum (Ruinen 1938)". Protist 158 (3): 397–413. PMID 17576098. doi:10.1016/j.protis.2007.03.004. 
  3. Page, F.C.; R.L. Blanton (1985). "The Heterolobosea (Sarcodina: Rhizopoda), a new class uniting the Schizopyrenida and Acrasidae (Acrasida)". Protistologica 21: 121–132. 
  4. Cavalier-Smith, T. (1991). "Cell diversification in heterotrophic flagellates". En D.J. Patterson & J. Larsen. The Biology of Free-living Heterotrophic Flagellates. Oxford University Press. pp. 113–131. 
  5. Cavalier-Smith T (2003). "The excavate protozoan phyla Metamonada Grassé emend. (Anaeromonadea, Parabasalia, Carpediemonas, Eopharyngia) and Loukozoa emend. (Jakobea, Malawimonas): their evolutionary affinities and new higher taxa". Int. J. Syst. Evol. Microbiol. 53 (Pt 6): 1741–58. PMID 14657102. doi:10.1099/ijs.0.02548-0. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. Consultado o 20 de xuño de 2012. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar