Paco Liaño
Francisco Liaño Fernández, coñecido como Paco Liaño, nado en Muriedas (Camargo) o 16 de novembro de 1964, é un exfutbolista español que xogaba de porteiro. Formado na canteira do Racing de Santander, militou sete campañas no primeiro equipo, sen conseguir establecerse na titularidade. Na tempada 1990/91 xogou no Sestao, co que gañou o Trofeo Zamora como o gardameta menos goleado da Segunda División. A continuación fichou polo Deportivo da Coruña, onde se consagrou como un dos alicerces do club no inicio da mellor época da súa historia. Conquistou dous Trofeos Zamora de Primeira, unha Copa do Rei, unha Supercopa de España e foi dúas veces subcampión de liga, ademais de defender a portería do equipo nas súas primeiras participacións en competicións europeas. Os 18 goles que encaixou en 38 partidos de liga na tempada 1993/94 continúan sendo a marca máis baixa conseguida por un porteiro na historia da competición.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (es) Francisco Liaño Fernández 16 de novembro de 1964 (59 anos) Santander, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 186 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1984 - 1998 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta e Porteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Traxectoria
editarComezos
editarNaceu o 16 de novembro de 1964 en Muriedas, no concello cántabro Camargo, no seo dunha familia traballadora. Seu pai traballaba nun taller mecánico de pezas e súa nai era ama de casa.[1] Asistiu ao colexio Pedro Velarde e comezou a xogar ao fútbol no equipo do seu pobo, o Velarde CF, ata que foi fichado polo Racing de Santander con 16 anos.[1]
Racing de Santander
editarNa súa segunda tempada no Racing pasou ao equipo xuvenil da Liga Nacional, por aquel entón máxima categoría xuvenil de España, onde xogou dous anos ás ordes de Santi Gutiérrez Calle.[1] Tralo Mundial de España comezou a adestrar co primeiro equipo, cuxa portería defendía o histórico Pedro Alba e para a que o club acababa de fichar tamén a Julio César Arzú, o gardameta de Honduras no Mundial.[1]
Así, compaxinou o Rayo Cantabria de Terceira cos adestramentos do primeiro equipo, co que puido debutar trala marcha de Arzú. Foi o 12 de outubro de 1983, nun partido da Copa do Rei ante o Eibar nos antigos Campos de Sport de El Sardinero. O adestrador José María Maguregui aliñouno tamén nos dous últimos partidos da liga de Segunda División, co equipo xa ascendido a Primeira. O seu debut na máxima categoría produciuse o 9 de setembro de 1984 contra o Real Valladolid na segunda xornada do campionato, que foi disputada só por futbolistas en idade xuvenil por mor da folga de futbolistas.[2]
Sempre á sombra de Alba, apenas dispuxo de oportunidades nos seguintes anos, nos que o equipo sufriu un descenso a Segunda. A súa sorte parecía cambiar en 1989, coa retirada de Alba e a chegada dun novo adestrador, o galego Ufarte. Foi o gardameta titular durante a pretempada e tamén nos dous primeiros partidos oficiais, pero finalmente Ufarte decantouse por José María Ceballos, un xogador catro anos máis novo que Liaño e que acababa de subir do Rayo Cantabria en principio como segundo porteiro. Deixou o Racing ao final desa tempada, que culminou co descenso á Segunda B, sendo unha das súas maiores frustracións o non conseguir ter triunfado co equipo da súa terra.[1] Ao longo das súas sete campañas no primeiro equipo cántabro disputou só 42 partidos entre liga, Copa do Rei e Copa da Liga.
Sestao
editarNa tempada 1990/91 púxose en contacto con el o biscaíño Blas Ziarreta, adestrador do Sestao Sport, da Segunda División, polo que acabou fichando.[1] Continuou vivindo en Muriendas, desprazándose a Sestao só para adestrar e xogar, e na marxe esquerda da ría de Bilbao recuperou a felicidade, facéndose coa titularidade indiscutible e disputando todos os partidos de liga.[1] O equipo verde e negro, no que destacaban xogadores como Karmona ou Mendilibar,[1] rematou a liga na oitava posición, e Liaño gañou o Trofeo Zamora ao gardameta menos goleado da categoría, despois de encaixar só 27 goles nos 38 partidos.[3]
Ao remate da campaña e a pesar de que lle quedaban dous anos de contrato, comunicoulle ao presidente do club que non podería continuar no equipo, debido ao seu baixo salario.[1] Decidiu entón deixar o fútbol de elite para regresar ás categorías non profesionais e buscar un traballo, cando recibiu unha oferta do Deportivo da Coruña, que viña de ascender á Primeira División.[1]
Deportivo da Coruña
editarChegou ao Deportivo para suplir a baixa de Canales, gardameta que o equipo acababa de fichar pero que tivo que ser operado dunha lesión de xeonllo antes do inicio datempada 1991/92.[4] Debutou co conxunto galego nunha vitoria sobre o Ajax no Trofeo Teresa Herrera e foi o elixido polo adestrador Marco Antonio Boronat para os primeiros partidos de liga. Perdeu a titularidade trala recuperación de Canales, pasando este a ocupar a portería ata que volveu caer lesionado. Liaño regresou así á portería do equipo ata que en febreiro de 1992 tamén el se lesionou nun abdutor.[1] Non volveu xogar no que restaba de tempada, sendo Yosu e Canales os que se alternaron na portería, mentres o club evitaba o descenso na promoción.[1]
O ano 1992 marcou un punto de inflexión na historia do Deportivo, que co regreso de Arsenio e as fichaxes de Mauro Silva e Bebeto, deu un salto de calidade e ocupou os primeiros postos da liga dende as primeiras xornadas. Liaño disputou todos os encontros de liga agás un e gañou ex aequo xunto a Santiago Cañizares o Trofeo Zamora como o gardameta menos goleado de Primeira.[5] Secundado por unha defensa que formaban habitualmente Albistegi, Đukić, Ribera e López Rekarte, o porteiro do Deportivo recibiu 31 goles en 37 partidos (0,83 goles por encontro), contribuíndo á terceira posición final na liga.[5]
Na histórica tempada 1993/94 monopolizou a portería do Deportivo en liga, disputando as 38 xornadas, e ergueu o seu segundo Trofeo Zamora consecutivo, despois de encaixar só 18 goles (cun coeficiente de 0,47 tantos por partido), un récord que aínda non foi mellorado.[3] Destacaron especialmente os seus números na primeira volta, na que recibiu só seis goles, pechando a tempada con 26 partidos mantendo a portería a cero, sendo ámbolos dous datos récords nunca superados por ningún outro porteiro.[3]
Con esta sólida defensa, o conxunto de Arsenio ocupou o liderado da liga durante a maior parte da competición, ata que o perdeu na derradeira xornada contra o Valencia, despois de que Đukić errase un célebre penalti nos últimos minutos que lle tería dado o título ao club galego.[1] Esa mesma tempada, Liaño foi o gardameta titular no primeiro partido da historia do Deportivo en competición europea, nun encontro da Copa da UEFA contra o Aalborg no Aalborg Stadion que rematou en derrota por 1-0 grazas a un solitario gol de Søren Thorst.[6]
Continuou como indiscutible durante os seguintes dous anos e o 24 de xuño de 1995 defendeu a portería do Deportivo na final da Copa do Rei contra o Valencia no Santiago Bernabéu, encontro que tivo que suspenderse pola intensa choiva e completarse tres días despois, e que culminou coa vitoria do club galego por 2-1.[1] Comezou a tempada 1995/96 gañando a Supercopa de España e foi titular en case todos os encontros do equipo, pero os métodos do novo adestrador, o galés John Benjamin Toshack, fixéronlle perder a ilusión polo fútbol.[1] Ao remate da campaña o Deportivo asinou dous novos metas, Jacques Songo'o e Petr Kouba, e Toshack pediu a venta de Liaño, que foi traspasado ao Sporting de Gijón por uns 70 millóns de pesetas.[1] Pechou o seu paso polo Deportivo cun total de 183 partidos oficiais en cinco campañas.
Sporting de Gijón
editarChegou ao Sporting de Gijón asinando un contrato cun salario moi superior aos que cobrara ata entón e estaba chamado a ser unha das pezas máis importantes do equipo de Benito Floro.[1] Con todo, os problemas físicos impedíronlle disputar máis de seis encontros na tempada 1996/97, mentres que na 1997/98 non chegou nin a xogar.[1] Retirouse do fútbol con 34 anos e despois de máis de 300 partidos na súa carreira, 165 deles na Primeira División, na que encaixou só 142 goles.
Trala retirada
editarTrala súa retirada colaborou asiduamente coa prensa deportiva, abriu durante uns anos unha escola de porteiros e formou parte en dúas ocasións da directiva do Racing de Santander.[1][7] No ano 2006 volveu vestir a camiseta do Deportivo da Coruña, nun partido con veteranos celebrado en Riazor no marco dos actos de conmemoración do centenario do club.[8]
Vida persoal
editarCasou en 2001 en Éntoma con Esperanza Arias, fisioterapeuta do Barco de Valdeorras á que coñecera mentres ela traballaba para o Deportivo da Coruña.[9] Tiveron dous fillos e un deles, Alfonso, seguiu os seus pasos como gardameta, militando en clubs da Terceira Federación.[10]
Palmarés
editar- Deportivo da Coruña
- Copa do Rei (1): 1994/95.
- Supercopa de España (1): 1995.
- Individual
- Trofeo Zamora de Primeira (2): 1992/93, 1993/94.
- Trofeo Zamora de Segunda (1): 1990/91.
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Pereda, Marcos (3 de xaneiro de 2024). "Paco Liaño: «En el fútbol me han insultado llamándome ‘etarra’ y llamándome ‘español’»". JotDown (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "La huelga de 1984, la jornada más insólita de la historia del fútbol español". La Vanguardia (en castelán). 21 de novembro de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Paco Liaño: el Zamora de los récords" (en castelán). 13 de xaneiro de 2016. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "El Deportivo ficha a Liaño, portero del Sestao y meta menos batido la pasada liga". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de agosto de 1991. p. 1.
- ↑ 5,0 5,1 "Liaño consiguió el «Zamora»". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 1993. p. 36.
- ↑ "El Aalborg quiere venganza ante el Depor". UEFA (en castelán). 7 de xaneiro de 2009. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "Sañudo, Alba y Liaño, al frente del Real Racing Club" (en castelán). 25 de febreiro de 2014. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "El Superdépor regresa a Riazor en el acto central del centenario". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2006. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "Liaño cayó en la red". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xaneiro de 2001. Consultado o 15 de novembro de 2024.
- ↑ "Abelardo y Liaño vieron los partidos de sus hijos". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 2014. Consultado o 15 de novembro de 2024.