O Pino
O Pino é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Arzúa. Limita ao norte con Frades e Oroso, ao sur con Touro e Boqueixón, ao leste con Arzúa e ao oeste con Santiago de Compostela. Segundo o IGE en 2019 tiña 4.641 habitantes.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | O Pedrouzo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.553 (2023) (34,23 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 133 km² | ||||
Altitude | 287 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Manuel Taboada Vigo | ||||
Eleccións municipais no Pino | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15821 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15066 | ||||
Páxina web | concellodeopino.com |
Xeografía
editarSituación
editarTen unha extensión de 132,3 km², e abrangue 13 parroquias. O Pedrouzo é a capital, situada a 18 km de Compostela.
Orografía
editarO concello ten un relevo suave e pouco accidentado. O cumio máis alto é o monte das Minas (452 m), seguido do castro de San Lourenzo de Pastor (412 m). A capital está a 287 m de altitude.[1]
Hidrografía
editarO termo municipal divídese entre a bacía do río Tambre, que marca a súa fronteira norte, e a do río Ulla, que domina o sur do concello. Afluentes do Tambre que pasan polo concello son o río Mera e mailo Noa, que nace na parroquia de Pastor. En canto aos afluentes do Ulla, cabe mencionar aos ríos Brandelos e das Lañas.
Clima
editarHai clima oceánico, con abundantes choivas.
Demografía
editarCenso total 2015 | 4706 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 514 (10,92 %) |
Entre 15 e 64 anos | 2995 (63,64 %) |
Maiores de 65 anos | 1197 (25,43 %) |
Evolución da poboación do Pino Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
6232 | 6832 | 7768 | 6027 | 4940 | 4710 | 4743 | 4732 | 4708 | 4680 | 4706 | 4653 | 4644 | 4656 | 4641 | 4652 | 4639 | 4576 | 4553 |
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Etimoloxía
editarOs rexistros escritos coñecidos do topónimo remontan ao século IX, cando o rei Ordoño II amplía en 12 millas o circuíto das posesións da igrexa de Compostela, desde San Vicenzo do Pino ata Iria Flavia: de Sancto Vicencio de Pino usque in Iriam, ano 915.O nome contén un adxectivo, 'pino' (‘empinado, elevado’), que fai referencia á localización da igrexa de San Vicenzo, na parroquia do Pino. O antigo nome de Monforte de Lemos, antes de que llo cambiase o rei Afonso VIII, era tamén O Pino e respondía á mesma motivación orográfica.[2]
Historia
editarDurante o antigo réxime as terras do Pino pertenceron á provincia de Santiago. En 1820 o territorio foi adxudicado ao partido xudicial de Sar, co nome de San Vicenzo do Pino. Trala división territorial de España en 1833 constituíuse o concello. En 1834 pasou ao partido xudicial de Arzúa, e entre 1965 e 1988 pertenceu ao de Santiago, regresando ao de Arzúa conforme á lei 38/1988 do 28 de decembro.
Desde o 27 de agosto de 2007 a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) anda á procura dos restos de seis represaliados dos fascistas no lugar do Amenal. Entre o primeiro e o segundo día de traballo atoparon os restos de tres deles: Ramón Sánchez, Ramón Vázquez e Caitán García.
Seguiron a buscar a Isidro Filloi e o seu sobriño de 17 anos Andresito. Os investigadores, para localizar os restos seguen os consellos dos veciños do lugar. Para maior dificultade aqueles que mellor recordaban a situación dos lugares de enterramento xa morreron.
Tratábase de O Meimixe, O Listo e O Ghabrielo, coñecidos como os tres díscolos do Pino e que foron escollidos especialmente para darlles un aviso e obrigados a cavar as dúas fosas, a primeira onde enterraron os tres xa aparecidos e outra onde enterraron aos outros dous. Un sexto, o veciño de Boimorto José Cabanas, nun descoido dos falanxistas logrou escapar deste violento final.[3].
Símbolos
editarO escudo heráldico municipal foi aprobado mediante o Real Decreto 2527/1982 de 30 de xullo e publicado no BOE (Boletín Oficial do Estado) o 8 de outubro de 1982[4]. O escudo, seguindo aos criterios da Real Academia da Historia, quedou descrito neste RD como «de ouro, o piñeiro ebrancado de sinople, terrazado do mesmo, e, ao timbre, coroa real pechada».
Trátase dun aparente caso de armas falantes, coa escolla da figura dun piñeiro motivada pola relación sinecdóquica entre o nome da árbore en castelán (pino) e o nome do concello que representa. Esta analoxía, que non se dá na lingua galega, non require un vencello etimolóxico real para se materializar na heráldica (por exemplo, a escolla dun león como símbolo do reino homónimo no século XII non se debeu á ignoracia naquela altura de que o nome da cidade de León procede do latín legio, "lexión").
Cultura
editarPatrimonio
editarNo concello atópase o castro de San Lourenzo de Pastor, un recinto ovalado de 110 metros de lonxitude onde se acharon restos de cerámica sen decoración e dous torques de ouro de 22 quilates e 350 gramos de peso, actualmente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón da Coruña. Hai outros dous castros en Oza (San Mamede de Ferreiros) e Tarroeira (O Pino).
Sobre o río Mera consérvase a Ponte Puñide, de orixe romana, onde foi atopado o Modio da Ponte Puñide, un Modium de bronce datado cara aos anos 360/370, actualmente exposto no Museo Arqueolóxico Nacional.
Son varios os pazos que salpicaron a xeografía municipal ao longo da historia, dos que algúns deles aínda se conservan. Así pódense citar os pazos de San Fernando do Picón, de Portouteiro ou Medín, de Piñeiro, de Medín, de Dúas Casas, de Ferreiros e de Bermás ou Marqués de Montesacro, a Casa Grande ou Torre de Ferreiros e a Casa de Castrofeito.
Luís Seoane
editar- Artigo principal: Luís Seoane.
O escritor, xornalista e pintor galego Luís Seoane, nado en Bos Aires o 1 de xuño de 1910, era fillo de Luis Santiago Seoane Brocos, nado en Oíns, e María López Mosquera, que era de Arca[5].
Ao regresar o matrimonio da emigración desde Arxentina en 1916, a nai recibiu en herdanza unha leira en Arca na que decidiron construír unha casa que pasaría a ser a de residencia. Esta casa semella ser a mesma que décadas despois foi, brevemente, unha das casas consistoriais que ten existido no concello e que hoxe en día é a oficina de Correos. Luís, pola súa banda, comezou a ir ao Instituto de Santiago, polo que só vivía na casa de sábado a luns na mañá e nos meses de verán. Ademais, preto do cemiterio municipal, ao sur do lugar da Igrexa, estaba a chamada Casa de Brey, que era onde vivía a súa avoa e o resto da famila materna, que visitaba a miúdo.
Ao comezar os seus estudos universitarios, a familia mudouse a Santiago, deixando así a casa de Arca. Porén, Seoane mantivo sempre presente a terra piñeira nos seus escritos, como cando di:
Pecho os ollos e vexo Arca. Ao ver Arca cos ollos pechados condúceme a nostalxia. Como podo ver Irlanda se pecho os ollos, para iso bástanme a historia e o son do mar. Podo evocar todo aquilo que vivín ou ouvín e o que coñezo a través doutros. É curioso o que ven por non querer ver algunhas persoas. Eu pecho os ollos e vexo o que quero. Algunha vez crin percibir incluso o cheiro daquel mar ou o daquela aldea.Luís Seoane, "Pecho os ollos e vexo" (10/08/1978)
Tamén O Pino foi descrito na súa obra gráfica. En merecemento deste compromiso coa súa terra familiar, o Concello do Pino aprobou por unanimidade o 27 de marzo de 2008 nomear a Luís Seoane fillo predilecto[6], procedendo ademais a rebautizar a nova Casa de Cultura como Centro Sociocultural Luís Seoane.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do Pino.
-
Antiga casa familiar de Luís Seoane, no Pedrouzo.
-
Placa altimétrica na casa do concello
-
CSC Luís Seoane, no Pedrouzo.
-
Gradamil.
Parroquias
editarLugares do Pino
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello vexa Lugares do Pino.
Notas
editar- ↑ Ficheiro:Arca, O Pedrouzo placa altimétrica do Concello.jpg
- ↑ Navaza Blanco, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Seminario de Onomástica. Real Academia Galega. p. 78. ISBN 978-84-17807-09-2.
- ↑ "El radar hará memoria", artigo en El País, 17 de novembro de 2007 (en castelán).
- ↑ "Real Decreto 2527/1982, de 30 de julio, por el que se autoriza al Ayuntamiento de El Pin, de la Provincia de La Coruña, para rehabilitar su escudo heráldico municipal" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán) (Madrid): 27873. 8-10-1982. Consultado o 21-8-2020.
- ↑ "Persoeiros históricos. Luís Seoane". Web oficial do Concello do Pino. Consultado o 18-8-2020.
- ↑ "El Concello de O Pino nombra hijo predilecto del municipio al intelectual Luís Seoane". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago). 28-3-2008. Consultado o 18-8-2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O Pino |
Outros artigos
editar Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |