Necto
En ecoloxía dáselle o nome colectivo necto[1] ou necton[2] ao conxunto dos organismos que nadan activamente nas augas, tanto nas mariñas como nas doces.
O termo necto foi cuñado en 1890 por Ernst Haeckel, e deriva do grego νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar".
O estudo dos organismos nadadores (biofluidodinámica, biomecánica, bioloxía funcional da locomoción en fluídos, e fisioloxía do aparello locomotor na de natación) denomínase nectoloxía, e o científicos que estuda a natación en todas as súas formas chámase nectólogo. O adxectivo derivado de necto é nectónico.
O concepto contrasta con outros empregados na ecoloxía dos sistemas acuáticos, como plancto (conxunto dos organismos que viven en suspensión e que se trasladan pasivamente), bentos (conxunto dos organismos que viven no fondo, xa sexan móbiles ou inmóbiles), ou neusto (conxunto dos organismos que viven na interface auga/aire).
A maioría dos organismos do necto son peixes, pero tamén forman parte del algúns réptiles (tartarugas, crocodilos e outros), cnidarios (medusas), cefalópodos (luras) e tamén mamíferos como os golfiños e as baleas e cachalotes.
Unha gran parte das especies do necto son neríticas (viven nas augas que cobren a plataforma continental), pero tamén os hai oceánicos (que habitan sobre o noiro continental).
Tipos de organismos nectónicos
editarOs organismos nectónicos poden ser:
- peláxicos, cando pasan a maior parte do tempo, polo menos durante unha fase do seu ciclo vital, na columna de auga, sen teren un contacto permanente co substrato; ou
- demersais, cando pasan a maior parte do tempo, polo menos durante unha fase do seu ciclo vital, en contacto permanente co substrato.
Os organismos peláxicos poden vivir a profundidades moi diversas, distinguíndose entre as súas especies as que viven en tres medios diferentes:
- Epipeláxico (0 – 200 m)
- Mesopeláxico (200 - 1.000 m)
- Batipeláxico (máis de 1.000 m)
Entre os peixes epipeláxicos hai unha serie de especies de pequeno tamaño e vida curta, cunha gran capacidade de reprodución, e que se alimentan de plancto. A sardiña e o bocareo, que se agrupan formando grandes bancos, son exemplos deste tipo de peixes. O xurelo e a xarda tamén pertencen a este grupo. O peixe máis grande que se alimenta de plancto é o tiburón peregrino, que pode alcanzar máis de 10 m de lonxitude.
Desde o punto de vista da alimentación, os organismos nectónicos poden ser herbívoros, carnívoros (normalmente depredadores), comensais doutros organismos ou detritívoros.
Non se consideran parte do necton, senón do plancto, os numerosos organismos microscópicos ou case microscópicos que son capaces de movemento autónomo, pero cuxo desprazamento vén determinado máis polas correntes da auga que os envolve que pola súa propia actividade. Para subtraerse a esta dependencia, un organismo debe ser o suficientemente grande (da orde de 1 cm polo menos) e nadar activamente, o que só é certo entre os animais.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para necto.
- ↑ necton, nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, RAG/ILG, 18ª ed., 2003, páx. 67.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Estudo do necton[Ligazón morta] en Faculdade de Tecnologia e Ciências. Educação a Distância (2007): Biologia marinha, páxina 48.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Plancton y Necton (en castelán) Consultada o 18/01/2013.
- Bentos, necton y plancton en Sieduca. (en castelán) Consultada o 18/01/2013.
- Adaptaciones de los organismos del necton en Bibliotecadigital.ilce.edu.mx (en castelán) Consultada o 18/01/2013.
- Imaxes do necto Consultada o 18/01/2013.