Muralla de Lugo

Muralla romana

A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.[1]

Modelo:Xeografía físicaMuralla de Lugo
Imaxe
Tipomurallas da cidade
monumento Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaLugo, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónLucus Augusti Editar o valor en Wikidata
Mapa
 43°00′51″N 7°33′36″O / 43.01419, -7.55989
Características
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio cultural  → Europa-América do Norte
Data2000 (24ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) Editar o valor en Wikidata
Identificador987
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
TipoPatrimonio cultural
Data1993 (17ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) Editar o valor en Wikidata
Identificador987
Ben de interese cultural
Data16 de abril de 1921
IdentificadorRI-51-0000191

O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 m[2] e a súa altura varía entre os 8[1] e os 12[Cómpre referencia] ou 10 m[1][3] sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4, 5 e os 7 m de largo. Na parte exterior da muralla un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. O certo é que o paso do tempo fixo desaparecer a metade superior en case toda a súa extensión e, na parte que queda en pé, tamén houbo profundas transformacións.[4]

Inicialmente a muralla tiña cinco portas,[5] mais posteriormente abríronse outras cinco. Dende o século XVI xurdiron voces reclamando a reconstrución, e existen textos que falan de "torres con dous ou tres pisos, grosos vidros brancos nas fiestras das torres e mesmo vestixios de madeiros de cuberta e chemineas". Hoxe a torre da Mosqueira é a única mostra daquela descrición. O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e o embaixador chinés, Qui Xiaoqi.[6]

Historia

editar
Véxase tamén: Historia de Lugo.
 
Cidade Vella dende o alto da Muralla.

Aínda que os romanos fundaron un campamento ao redor do ano 25 a. C.,[4] a cidade de Lucus Augusti fundouse cara ao ano 15 ou 13 a.C., non foi ata os séculos III e IV, entre os anos 260 e 325, que construíron unha barreira defensiva que rodeaba todo o núcleo da cidade. A muralla finalmente acadou unha lonxitude total de 2.266 m, sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. Non se coñecen os motivos da construción da muralla que puideron ser múltiples: defensiva, cortaventos, elemento de prestixio, sen esquecer a vertente económica, facilitando salarios a moitos traballadores de distintos sectores ao longo dos anos.

Cómpre destacar que é a máis completa e mellor preservada mostra de arquitectura militar do Imperio Romano de Occidente.[1][7] Parece ser que nesta época a muralla non tiña a altura que se coñece hoxe en día, senón que estaba coroada por 85 grandes torres con grandes xanelas, desta coroación hoxe en día só se conserva unha destas torres parcialmente, a coñecida como A Mosqueira, que deixou o arquitecto Alejo Andrade Yáñez na reforma xeral feita cara a 1837.

Semella ademais que a muralla tiña ameas entre as torres e estaba rodeada por foxos duns 20 m de largo e 5 m de fondo, complicando aínda máis a tarefa nunha suposta invasión da cidade. Co paso dos séculos pouco a pouco as torres fóronse deteriorando, sendo eliminadas na reforma de Andrade.

Descrición

editar
 
Obra de Modesto Brocos, Defensa de Lugo, que ilustra a estratexia urdida polos habitantes de Lugo ante o asedio das tropas de Almanzor.

Dimensións

editar

A muralla rodea todo o recinto histórico da cidade, o que é coñecido como casco vello, ou centro, polos lucenses. Así pois ten un perímetro total de 2.266 m de circunferencias, abarcando un espazo interior de 0,34 km2 (o que supón por exemplo un pouco menos ca Cidade do Vaticano). A media de espesura dos seus muros é 4,20 m, mais podendo chegar ata os 7 m nalgúns sitios. A súa altura oscila entre os 8 m e os 12 m, conservándose os restos dunha das antigas 85 torres, da que quedan dúas fiestras de medio punto de 1,15 m de largo e 1,43 m de alto unha e 1,53 m a outra. A lonxitude dos muros entre as antigas torres varía entre os 8,80 m e os 16,40 m.[8]

Materiais

editar
 
A Mosqueira, cos restos das antigas xanelas.

A muralla foi construída con laxas de lousa e bloques de granito. As lousas forman o armazón exterior da muralla e os bloques de granito foron empregados sobre todo para reforzar as torres que franqueaban as portas. O núcleo da estrutura é un morteiro fabricado con terra, pedra solta e cantos, e cementado con auga.

Tramos

editar

O trazado da construción defensiva é aínda hoxe un misterio. Ninguén acerta a entender por que deixaron fóra importantes núcleos residenciais da antiga cidade á vez que protexía zonas deshabitadas. En xeral a muralla esténdese por unha orografía irregular, máis alta ao noroeste e en descenso cara ao sueste. A forma é cuadrangular, con vértices suavizados. Do trazado podemos destacar ademais estes tramos:

Torre da Mosqueira

editar

Neste tramo atópanse os únicos restos que quedan das antigas 85 torres da muralla, a Mosqueira. Consiste en dous arcos de medio punto. Estas xanelas, que na antigüidade estaban en tódolos cubos, e ademais de varios pisos de altura, servían para favorecer un maior campo visual, o que permitía controlar os foxos e manter contacto visual coas torres adxacentes. As escaleiras máis próximas para acceder a este tramo son as do Campo Castelo.[9]

Paseo dos Cóengos

editar

Denomínase así ao tramo da muralla que vai dende a porta de Santiago ou Pexigo ata a porta Miñá. As tres torres deste tramo foron derrubadas en 1882 para facer un paseo máis amplo, de 7,70 m de largo e 150 m de longo. A denominación deste tramo vén a raíz dos paseos que frecuentaban os sacerdotes nesta zona antes de acudiren á catedral. Este tramo tamén é denominado coma o paseo de Inverno.[9]

Reduto de María Cristina

editar

En 1837, constrúese un baluarte defensivo de forma angular con troneiras para situar a artillaría, entre a porta do bispo Aguirre e a torre da Mosqueira, co gallo das guerras carlistas. Uniu dous tramos que estaban separados por terse construído o castelo medieval sobre a muralla, que foi derrubado en 1757 por orde do bispo frei Francisco Izquierdo, que mandou construír no lugar un cárcere eclesiástico e dúas casas, que se conservan, para alugar e destinar os fondos á reparación do acueduto e das dúas fontes públicas que acababa de facer.[9]

Bautizouse de tal xeito en homenaxe á raíña rexente, María Cristina de Borbón. En 1990 achouse un cubo orixinal que se cre formaba parte da porta alí existente, a principal, chamada porta Castelli.

As torres

editar
 
Vista das xanelas pola parte interior da muralla.

Das 85 torres orixinais, aínda que algunhas teorías sosteñen que poderían ser 86, consérvanse hoxe 71, sendo de planta semicircular agás as que seguen á porta Miñá que foron reconstruídas con planta rectangular. Deberon estar coroadas por torres de dous pisos con xanelas, quedando como testemuña a torre da Mosqueira na que aínda permanecen algúns restos. A disposición das torres evitaba a existencia de ángulos mortos.

Os restos da nomeada fan supor que cada unha das torres tiña en orixe unha estrutura superior que contaba, polo menos, con dous pisos. Estes pisos tiñan grandes fiestras onde se estima que se situarían armas defensivas como béstas, onagros ou escorpións.[10]

Accesos

editar

O paseo superior da muralla é totalmente recorrible, sendo moi frecuentado por tódolos lucenses, o que supón que a muralla sexa unha rúa máis da cidade. Este paseo peonil consta de diversos accesos, todos eles construídos a partir do século XVII, aínda que existen rastros de dezaseis antigos accesos, que parece ser que se utilizaban antes da construción dos actuais accesos. O primeiro deles foi achado en 1962, totalmente cegado por desperdicios e terra. Coa posta en marcha do Plan Integral da Muralla se rehabilitaron. Hoxe estímase que había unha escaleira por cada torre.

Sábese ademais que as escaleiras non chegaban á altura do chan. Para acceder ao primeiro chanzo había que utilizar escadas móbiles. Isto permitía, en caso de necesidade, illar a muralla retirándoas. Os accesos que podemos atopar hoxe en día son:[11]

  • Rampla da porta de Santiago (accesible por persoas con mobilidade reducida, á beira da porta de Santiago).
  • Escaleira de Campo Castelo.
  • Escaleira da praza do Cantiño (a carón da porta de San Pedro).
  • Escaleira da porta da Estación.
  • Escaleira da porta Falsa.
  • Escaleira da porta Nova.
  • Escaleira da porta Miñá (accesible para persoas con mobilidade reducida por rampla).

A estrutura defensiva que conformaba a muralla estaba formada polo foxo, a propia muralla e o intervallum. Con todo cómpre destacar que o primeiro elemento defensivo era a propia contorna e orografía que rodeaban a cidade.

  • O foxo.

Estaba sito a uns 5 m das torres e tiña unha anchura de 20 metros e unha profundidade de 4. Na actualidade só quedan vestixios do mesmo, sendo documentado en 1987 mediante diferentes estudos arqueolóxicos. Comprobouse que non era un foxo continuo, senón que estaba formado por diversos tramos independentes con encontros axustados. Tiñan no fondo unha serie de canles cuxa finalidade está sen definir.[12]

  • O intervallum.

Constituía o espazo entre o paramento da muralla e as edificacións urbanas, sendo a última defensa posible. Percorría toda a lonxitude da mesma, como un paseo de rolda inferior, e servía para a intendencia da defensa. Co paso do tempo este espazo foi sendo ocupado por edificacións. A mediados do século XX había máis de 30 edificios *encostados á muralla.[12]

Portas

editar
 
Portas da muralla de Lugo.
1. Porta de San Fernando
2. Porta Falsa
3. Porta da Estación
4. Porta de San Pedro
5. Porta do bispo Izquierdo
6. Porta do bispo Aguirre
7. Porta de Santiago
8. Porta Miñá
9. Porta do bispo Odoario
10. Porta Nova

A muralla dispuña de seis portas de acceso que correspondían ás vías principais do trazado urbano. Entre 1853 e 1921 abríronse outras cinco por necesidades da expansión da cidade. Das dez portas existentes, seis son peonís e catro permiten o tráfico rodado, aínda que a meirande parte do recinto amurallado é totalmente peonil.

As portas de madeira que permitían pechar o acceso permaneceron, en mellor ou peor estado, ata o século XIX. A partir de 1877 desapareceron definitivamente. O control do tránsito mantívose ata ben entrado o século XX permanecendo como testemuña do mesmo os fielatos en varias das portas. Nelas cobrábase o imposto e realizábase o control das persoas que entraban e saían do recinto.

Portas romanas

editar
 
Porta de Santiago coa catedral ao fondo.
 
Porta de San Pedro, de orixe romana na que se aprecia o escudo da cidade.
 
Porta Falsa, a utilizada pola gornición romana.

Porta Castelli

editar

Esta porta desapareceu ao derribarse o castelo. É posible que fose a porta de entrada ao Foro da cidade romana polo cardo máximo. Menciónase como Porta Castelli en 1120 e Porta do Castelo en 1202. En 1583 o bispo Fernando de Vellosillo contratou a reconstrución co mestre García Sánchez, seguindo os planos de Gaspar de Arce Solórzano. Tiña ponte levadiza para salvar o foxo. Foi cegada despois de 1662 ao se descubrir que os tratandes de viño o introducían por ela sen pagar impostos.[13]

Porta Miñá

editar

É a máis antiga, de orixe romana con toda certeza, sendo a que se conserva con menos modificacións. Era a porta que daba saída á estrada que ía ao Miño, cara a Iria Flavia (Padrón). Tamén é coñecida como porta do Carme (xa que se atopa en fronte da capela que dá nome a este céntrico barrio lucense). Tamén foi chamada Minei ou Mineana, por ser a saída habitual cara ao río Miño.

Seguindo os canons de Vitruvio, a obra está formada por unha bóveda de canón e un arco de medio punto, protexida exteriormente por dúas torres con perpiaños de granito e laxe, ademais ten un recinto destinado ao corpo de garda a nivel do adarve, que se comunicaba con outras dúas torres interiores de base rectangular que conformaban a contraporta. Ata o século XIX utilizouse o oco que correspondería á maquinaria da reixa de ferro que subía e baixaba, como capela dedicada a san Ramón, que desapareceu en 1873. A porta ía ser derrubada para construír unha nova porta no seu lugar en 1870, mais debido a dificultades económicas ao final librouse da demolición. A porta ten 3,65 m de largo.

Porta de Santiago

editar

Tamén coñecida como do Pexigo ou Pexigu (en latín: Posticu ou Porticu). As súas dimensións son 4,15 m de largo e 5,50 m de alto (6,90 m ata o adarve). Foi unha porta particular dos cóengos para acceder ás súas hortas ata 1589. En tempos de pestes era a porta que permanecía aberta [14] e tiña unha ponte levadiza.[Cómpre referencia]

Foi ensanchada en 1759 polo bispo Izquierdo y Tavira para que puidesen pasar carruaxes, sendo decorada na súa parte interior (xa que era considerada unha porta de saída) cunha imaxe do Apóstolo Santiago, patrón de Galicia e co escudo de armas do propio bispo.[14]

Entrando ao recinto por esta porta atópase de fronte a catedral de Santa María, podendo subir á muralla a través da rampla adxacente á mesma porta.[14] Neste lugar está o conxunto arqueolóxico da Domus do Mitreo,[15] podéndose ver os alicerces da muralla e o revoco do paramento con morteiro de cal.[16]

Porta de San Pedro

editar

Por esta porta entraban as calzadas XIX e XX procedentes de Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta, actual cidade de Braga. Sita no lugar dunha porta romana, era denominada na Idade Media como porta de Sancti Petri. É por onde entra o Camiño de Santiago na súa variante do Camiño Primitivo. Tamén foi coñecida como porta Toletana, non se sabe se recibe ese nome por ir á Tolda ou polos mercadores casteláns que chegaban á cidade.[14][17]

Está situada nunha vagada e mide 3,70 m de largo e 4,85 m de alto, sendo a altura ata o adarve nese punto de 10,80 m. Está constituída por unha bóveda de medio canón e un arco faxón. Foi modificada en 1781, pasando a posuír un corpo interior de garda semellante ao da porta Miñá,[14] utilizado coma capela das Ermidas ata 1860, cando foi derrubada.[17]

Está decorada na súa parte exterior co escudo da cidade, coa coroa e os dous leóns rampantes, onde ademais se indica nunha inscrición o comezo da reconstrución da porta en 1781. Sobre a coroa do escudo da cidade a xente adoita lanzar moedas que se caen enriba da mesma lles permitía cumprir un desexo. Atravesando á dereita éntrase na praza do Cantiño, onde se atopan unhas escaleiras de acceso ao recinto amurallado.

Porta Nova

editar

Esta porta de orixe romana era a saída cara a Brigantium, sendo a principal vía de comunicación cara ao norte da cidade ata a apertura da porta de San Fernando en 1854. Xa dende o século XII esta porta era coñecida como a Nova, sendo o seu corpo semellante ao da porta Miñá, no Carme. Tamén incluía un recinto para o corpo de garda utilizado logo como capela, adicada á Santa Mariña e á Virxe dos Remedios, até 1785, ano en que foi eliminada.[14]

A porta, tal como a coñecemos hoxe foi construída en 1900. Está situada nunha ladeira e ten 4,60 m de largo por 8 de alto, medindo 8,95 m ata o adarve. Entrando pola porta á dereita atopamos unhas escaleiras de acceso á muralla, dende onde se pode contemplar unha boa vista da catedral ao lonxe.[14]

Porta Falsa

editar

Esta porta era a utilizada pola gornición romana, sendo coñecida no século XIV como porta do Puxigio, debido ás súas reducidas dimensións, e na época Moderna e Contemporánea, das Torres do Conde e da Coruña, o que fai que sexa unha das orixinais romanas. Este tipo de portas para a gornición romana eran coñecidas coma posterulae, sendo ese o seu único uso, sendo a saída unha trincheira escavada no terreo.[Cómpre referencia]

Durante a Idade Media foi probablemente clausurada, volvendo reabrirse en 1602[Cómpre referencia], aínda que ata vinte anos despois non se estabilizaría esa apertura, debido á instalación nas súas inmediacións do Hospital de San Bertomeu, antes situado na praza maior. Por esta porta entraban e saían os correos (durante moitos anos foi a máis próxima ao camiño da Coruña, sede da Capitanía Xeneral e da Audiencia). No século XX foi aberta para uso exclusivo peonil construíndo no seu acceso unhas escaleiras.[14]

Está situada nunha ladeira e as súas dimensións son de 3,45 m de largo e 5,65 m, sendo a súa altura e ata o adarve, de 11,50 m. Entrando pola porta á esquerda hai situadas unhas escaleiras de acceso á muralla.[14]

Portas modernas

editar
 
Porta do Campo Castelo
 
Tramo da Muralla preto de bispo Aguirre.
 
Porta de San Fernando.

Porta do bispo Aguirre

editar

Esta porta, obra de Nemesio Cobreros[Cómpre referencia], foi a cuarta porta aberta no século XIX na muralla, concretamente no ano 1874. Foi feita para ter un acceso aos camposantos e ao novo Seminario de Lugo que o Concello dedicou ao bispo frei Gregorio María Aguirre. Para abrir esta nova porta houbo que derrubar dúas torres da muralla, aparecendo nela dúas lápidas romanas.[14]

Ao igual que outras portas da muralla está sita nunha ladeira e as súas dimensións son de 10 m de largo por 8,15 de alzada, sendo a altura do adarve neste caso de 9 m. Esta porta está dotada de dúas portas que daban acceso a dous cuartos utilizados coma fielatos e dunha placa conmemorativa adicada ao propio bispo.[14] A porta conecta hoxe a praza maior da cidade coa zona de Recatelo e o parque de Rosalía de Castro a través da rúa do bispo Aguirre, estando impedido hoxe atravesala con automóbiles agás certas excepcións.

Porta do Campo Castelo

editar

Tamén coñecida como a porta do Cárcere, foi aberta, como o seu propio nome indica, para dar acceso ao novo cárcere aberto nas inmediacións, facilitando ao acceso ao xulgado e ao cambio de garda. Ao igual que gran parte das novas portas foi obra de Nemesio Cobreros e data de 1888, o que fai que sexa a terceira porta aberta durante este século[14].

As súas dimensións son de 4,32 m de largo por 7,15 m de alzada, e 8,10 m ata o adarve. Onde se atopaba esta porta antes había unhas escaleiras de acceso, seguramente romanas, o que condicionou as súas dimensións, sendo a máis pequena das novas abertas. Hoxe é completamente peonil, conectando a Estación de Autobuses coa zona do Campo Castelo, onde se poden atopar unhas escaleiras de acceso á muralla.[14]

Porta da Estación

editar

Coa chegada do ferrocarril a Lugo, foi necesaria a apertura desta nova porta en 1875 para acceder á estación de ferrocarril, obra de Nemesio Cobreros, aínda que máis tarde foi derrubada e construída de novo, en 1921, por Luciano Travadelo. Hoxe carece de elementos ornamentais debido á crise económica que padecía a cidade no momento da súa apertura, poucos anos despois da Primeira guerra mundial.[14]

Ten 10 m de anchura e 8 de altura, sendo a súa alzada ata o adarve de 9 m.[14] Esta porta comunica hoxe a rúa Castelao e a praza de Santo Domingo, ao pé da Ronda da Muralla. É unha das portas que aínda pode ser atravesada polos vehículos. Ao cruzarmos a porta á dereita podemos atopar unhas escaleiras de acceso á muralla, á beira de onde antes se atopaba o Gran Teatro de Lugo.

Porta de San Fernando

editar

A súa forma actual data de 1962, o que a converte na última obra de importancia realizada na muralla, obra de Ruperto Sánchez Núñez, para ampliar unha antiga de 1853. A actual porta ten unha anchura de 12,50 m e unha altura de 7,50 m, gardando unha distancia ata o adarve de 9,65 m, o que a converten na porta máis ampla da muralla.

Esta porta foi construída para dotar dun novo acceso da parte norte da cidade ao centro, xa que antes había que utilizar ou a porta Falsa ou a Nova para entrar no recinto, polo que se tiña que tomar un desvío. Coa construción desta porta tamén se construíron as rúas de San Fernando, San Marcos e da Raíña, conectando as céntricas prazas de Ferrol, Santo Domingo e Maior. Por esta porta accédese dende a Avenida da Coruña á praza de Ferrol, onde se atopa a igrexa de San Froilán, patrón da cidade. Hoxe en día é totalmente transitable tanto por peóns coma por vehículos.

Porta do bispo Odoario

editar

Debido á construción desta porta a muralla foi declarada Monumento Nacional. O oco da porta foi aberto en 1921 como acceso ao Hospital de Santa María, cando o alcalde Ánxel López Pérez ordenou dinamitar a muralla sen permiso. Porén, foi denunciado por unhas veciños da cidade, suceso que ocasionou a declaración da muralla coma monumento protexido para que non se puidesen facer xa máis modificacións na estrutura.[14]

A construción desta última porta aberta na muralla rematou en 1928. O proxecto é de Ramiro Sainz, modificado por Ricardo García Puig. As súas dimensións son de 12 m de largo por 9,10 m de alto, o que fai que sexa a porta máis alta. A súa altura ata o adarve é de 10 m.[14]

Poternas

editar
 
Casco Vello da cidade dende o paseo dos Cóengos.
 
Porta do bispo Odoario ou do Hospital, unha das máis novas.
 
Escudo da cidade na porta de San Pedro.

Unha poterna é unha porta estreita de pequeno tamaño,[18] que adoita atoparse elevada e de difícil acceso, e en ocasións utilizábase como porta falsa para poder entrar ou saír en caso de asedio.[19] As sete poternas da Muralla de Lugo (que se atopan sempre colocadas preto dunha torre, para facilitaren a súa defensa) son:[20]

Porta falsa

editar

Para o urbanismo romano unha porta falsa era a que se emprazaba ao xeito dunha poterna. Esta porta pola súa situación, máis semellante ás das poternas da muralla cá das portas principais, recibiu este nome cando por necesidades de comunicación foi ampliada no século XVIII. O nome que recibe lembra aínda a súa forma orixinal. A súa localización preto da torre coincide co das outras seis poternas da muralla de Lugo. A ampliación consérvase en bo estado.

Poterna de Barras

editar

Sita en fronte da actual Delegación de Fomento, esta poterna comunicaba o que hoxe se coñece como Camiño das Estántigas cos camiños exteriores da cidade que accedían ao campo de Marte e o seu templo dende o oeste. Na actualidade está habilitada e reformada en lenzo exterior da muralla e dá entrada a un habitáculo abovedado que garda un transformador da compañía eléctrica. Seguramente esta habitación permitía a existencia dun corpo de garda para a protección da poterna. É a mellor conservada na actualidade.

Poterna do Hospital

editar

Sita en fronte do Hospital de Santa María, esta poterna comunicaba un decumano da zona norte da cidade cun dos camiños que accedían á ribeira do río Miño e a actual zona de San Lázaro. Na actualidade atópase tapiada no lenzo exterior da muralla pero aínda se observa o arco de medio punto que forma.

Poterna de Recatelo

editar

Situada preto da rúa Vilalba, en fronte ao barrio de Recatelo. Esta poterna comunicaba un cardo[21] da cidade e o barrio sur fóra das murallas que hoxe recibe o nome de barrio de Recatelo. Na actualidade atópase tapiada no lenzo exterior da muralla pero aínda se observa o arco de medio punto que formaba. No século XIX aínda debía de estar en uso xa que nos planos desta época se grafía a rúa interior que dende a actual rúa Cregos accedía á poterna.

Poterna da Chanca

editar

Situada en fronte do Convento de las Hermanitas, esta poterna comunicaba o camiño que procedía dende a ponte romana sobre o río Chanca co decumano máximo no interior da cidade. Na actualidade atópase tapiada no lenzo exterior da muralla pero aínda é observable o arco de medio punto que formaba. No século XIX debía de estar en uso xa que nos planos desta época se grafía a rúa interior que dende a actual rúa Progreso accedía á poterna e ao camiño cara ao río Chanca. Existe memoria histórica da súa utilización ata principios do século XX.

Poterna da Estación

editar

Situada na actual porta da Estación, accedíase a ela por un decumano da cidade e permitía a saída á zona leste que non foi edificada. No século XIX aínda debía de estar en uso xa que nos planos desta época se grafía a rúa interior que dende a actual praza de San Domingos accedía á poterna e ao camiño cara ao río Chanca. Foi substituída pola porta da Estación no ano 1875.

Poterna da Xunta

editar

Situada en fronte da actual Delegación da Xunta de Galicia. No século XIX estaba aínda en uso, xa que nos planos desta época se grafía a poterna que dende o actual canellón do Pazo de San Marcos accedía ao camiño cara ao exterior da cidade. Das seis poternas orixinais da muralla é a única que aparece derrubada, xunto á actual porta Falsa, tamén en mal estado, no plano debuxado por Coello de Portugal en 1861.

Galería de imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Centre, UNESCO World Heritage. "Roman Walls of Lugo". whc.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-07-06. 
  2. A Galicia Romana, Tomo III, Volume 1: A Conquista Romana. Ocupación do territorio e cultura material. José Manuel Caamaño Gesto.
  3. "Muralla Romana de Lugo". Ministerio de Cultura y Deporte. Patrimonio Mundial (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2018. Consultado o 06 de xullo de 2018. 
  4. 4,0 4,1 Rodríguez Colmenero, Antonio. "Antigua. Historia y Arqueología de las civilizaciones - Conjuntos arqueológicos". www.cervantesvirtual.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2009. Consultado o 2018-07-06. 
  5. Algúns autores sosteñen que as portas romanas son catro, e non cinco.
  6. Rutasconhistoria.es
  7. Páxina da UNESCO, criterio para a designación da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade
  8. "Muralla Romana de Lugo". Lugo Turismo. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2013. Consultado o 13 de xullo de 2018. a muralla.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Muralla Romana de Lugo, tramos". Lugo Turismo. Arquivado dende o orixinal o 4 de outubro de 2013. Consultado o 13 de xullo de 2018. .
  10. Onagros e escorpións eran máquina de guerra semellantes ás béstas, utilizadas para lanzaren pedras sobre o inimigo. As primeiras deben o nome ao feito de que a peza na que se colocaba a pedra tiña a forma da orella dun asno.
  11. "Muralla Romana de Lugo, accesos". Lugo Turismo. Arquivado dende o orixinal o 4 de outubro de 2013. Consultado o 13 de xullo de 2018. .
  12. 12,0 12,1 "Foso". Lugo Turismo. Arquivado dende o orixinal o 4 de outubro de 2013. Consultado o 13 de xullo de 2018.  foso.
  13. Abel Vilela, Adolfo (2011). A muralla de Lugo na documentación dos séculos XVI ao XX. Deputación Provincial de Lugo. ISBN 978-84-8192-466-4. 
  14. 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 14,13 14,14 14,15 14,16 "As portas da Muralla - GALICIA". www.turismo.gal. Consultado o 2018-07-06. 
  15. "Domus do Mitreo". Concello de Lugo. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2020. Consultado o 2018-07-06. 
  16. "O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible a historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea". Sitio web do Campus Terra (USC). Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2018. Consultado o 2018-07-06. 
  17. 17,0 17,1 "A Porta Toledana foi a principal entrada desde a Idade Media". La Voz de Galicia (en castelán). 2010-04-04. Consultado o 2018-07-06. 
  18. Definición de poterna no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  19. "Poterna". glosarioarquitectonico.com. Consultado o 07-04-2019. 
  20. "Las poternas". Lucus Augusti (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 21 de xuño de 2010. 
  21. As cidades romanas ordenábanse seguindo unha retícula ortogonal paralela a dúas rúas principais, o cardus e o decumanus. Estas eran dúas rúas de trazado recto e ortogonais entre si, en cuxa intersección se situaba o foro e os edificios públicos. No seu encontro coa muralla perimétrica atopábanse as portas da cidade.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar