Moreira (árbore)

xénero de plantas

As moreiras (Morus) é un xénero de entre 10 e 16 especies de árbores caducifolios nativos de rexións cálidas e temperadas de Asia, África e Norteamérica, sendo a maioría das especies as nativas de Asia. Común na xardinaría mediterránea pola resistencia á seca, en Galicia non son especies abundantes, aparecendo nalgúns xardíns urbanos. Polo que parece, introduciuse serodiamente, procedente de Al-Andalus, conforme os cristiáns avanzaban na reconquista.[1]

Hai un xénero estreitamente vencellado: Broussonetia (en especial Broussonetia papyrifera).

De novas son de rápido crecemento, indo despois amodo, raramente excedendo os 15 m de altura. As follas arréglanse alternativamente, son simples, ás veces lobuladas (máis frecuentemente lobuladas en gomos novos que en árbores maduras), e serradas na marxe. O froito é múltiple, de 2–3 cm de longo. As amoras brancas comezan cunha cor verde abrancazada e pasan a brancas con bordos rosados cando estean maduras. As amoras negras comezan cunha cor encarnada e ben maduras son púrpuras escuras a negras, comestíbeis e doces, con bo sabor en varias especies.

A taxonomía de Morus é complexa e disputada. Dunhas 150 especies publicadas, só 10 a 16 se citan como aceptadas, xa que diferentes fontes citan diferentes seleccións de nomes aceptados. A clasificación é tamén complicada por ampla hibridación , sendo os híbridos fértiles.

Especies xeralmente aceptadas

editar

As especies a seguir, todas do leste e sur de Asia, son adicionalmente aceptadas por un ou máis taxónomos; sinonimia noutras listaxes ou estudos indícase entre parénteses:

 
Amoras inmaturas de moreira branca (Morus alba).
  • Morus atropurpurea
  • Morus bombycis (M. australis)
  • Morus cathayana
  • Morus indica (M. alba)
  • Morus japonica (M. alba)
  • Morus kagayamae (M. australis)
  • Morus laevigata (M. alba var. laevigata, M. macroura)
  • Morus latifolia (M. alba)
  • Morus liboensis
  • Morus macroura (M. alba var. laevigata)
  • Morus mongolica (M. alba var. mongolica)
  • Morus multicaulis (M. alba)
  • Morus notabilis
  • Morus rotundiloba
  • Morus serrata (M. alba var. serrata)
  • Morus tillaefolia
  • Morus trilobata (M. australis var. trilobata)
  • Morus wittiorum

Usos e cultivo

editar
 
Amoras negras

O froito chegado é comestíbel e moi usado en tortas e viños. As amoras da moreira negra, nativa do suroeste de Asia, e as da moreira vermella, do leste de América do Norte, teñen os sabores máis fortes. As amoras da moreira branca, do leste de Asia, moi naturalizadas en todas as rexións urbanas de América, teñen un sabor diferente, ás veces até eslamiado. A froita chegada ten cantidades significativas de resveratrol. Sábese que a amora inmatura e as partes verdes da planta teñen unha saponina tóxica e un chisco alucinóxena.[2]

As amoras negras, vermellas e brancas son cosmopolitas e moi comúns na India, o Paquistán, Irán, ou Afganistán. A árbore e maila froita coñécense en idioma persa coma toot (amora) ou shahtoot (amora rei ou superior). Marmeladas e sorbetes de amora son comúns nestas rexións. A amora negra levouse á Gran Bretaña no século XVII coa esperanza de a usar no cultivo do verme da seda (Bombyx mori). Foi moi usada en medicina folclórica, especialmente para tratar a tiña.

As follas da moreira, particularmente as da branca, son ecoloxicamente importantes pois son a única fonte de alimentación do verme da seda, cuxo casulo úsase para tirar a seda. Outras larvas de Lepidoptera tamén a usan como alimento: Hemithea aestivaria, Mimas tiliae ou Acronicta aceris.

As moreiras pódense reproducir de semente, e frecuentemente a descendencia de semente é de mellor forma e sanidade. Porén a plantación por chantado é moi frecuente, botando raíces moi axiña.

Antocianinas das amoras

editar

As antocianinas son pigmentos comestíbeis, usados coma colorantes de alimentos naturais. Como a seguranza dos pigmentos sintéticos está en dúbida e coa demanda insatisfeita de colorantes naturais, o seu significado na industria alimentaria aumenta. Ditas antocianinas renden atractivas cores coma rubias e azuis. Ademais son hidrosolúbeis, polo que a súa incorporación en sistemas acuosos alimentarios é doada. Alén das propiedades colorantes, tamén posúen as pripiedades antioxidantes; antineoplásticas, protectoras de radiación, vasotónicas, vasoprotectoras, antiinflamatorias, protectoras do fígado.

Xueming Liu e coautores do Instituto de Investigación Sericultural, da Academia de Ciencias Agrícolas de Guangdong, na China, desenvolveron en 2004 un método barato e industrialmente posíbel de purificación de antocianinas das amoras, dando colorantes vermellos de alto valor colórico (por riba de 100). Atoparon que 31 cultivares chineses de amora testados renderon un total de antocianinas de 147,68 mg a 2725,46 mg/L de zume de froita. A extracción e purificación foi feita usando etanol acidificado coma solvente efluente e unha resina macroporosa copolímera poliestirénica cruzada, como adsorbante. Os resultados indicaron que os azucres totais, ácidos totais, vitaminas permanecieron intactos no zume residual despois de remexer as antocianinas, e que o zume residual fora fermentado para producir zume, viño e xarope. O contido de antocianinas depende do clima e é meirande en zonas asolladas.

O xénero Morus foi domesticado hai milleiros de anos, e a miúdo se realiza unha mellora xenética por heterose, principalmente para aumentar o rendemento das follas para alimento do verme da seda. Non se desbota unha mellora para producir máis e mellores bagas.

Véxase tamén

editar

Amoras

Referencia

editar

Referencias e ligazóns externas

editar