Especie

categoría taxonómica básica de clasificación biolóxica
(Redirección desde «Especie (bioloxía)»)

En bioloxía denomínase especie[1] (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Retrato de Carl von Linné, quen estableceu os fundamentos da nomenclatura binomial para a clasificación das especies.

Características

editar

Componse de individuos que, ademais dos caracteres xenéricos, teñen en común outros caracteres polos cales se asemellan entre si e poden ser distinguidos de individuos pertencentes ás demais especies. De acordo con John Ray, que introduciu o concepto, sería o conxunto de individuos que se poden reproducir entre si, producindo descendencia fértil, o que daría un criterio claro e limitante do concepto. A pesar de que en moitos casos esta definición é adecuada, a miúdo é difícil demostrar se dúas poboacións poden cruzarse e dar descendentes fértiles (por exemplo, moitos organismos non poden manterse no laboratorio o suficiente tempo). Ademais, é imposible aplicala a organismos que non se reproducen sexualmente, como as Bacterias, ou aos organismos extintos, coñecidos só polos seus fósiles. Por iso, na actualidade adoitan aplicarse técnicas moleculares, como as baseadas na semellanza do ADN. Desde o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a xerarquía comprendida entre o xénero (ou o subxénero, se existise) e a variedade (ou, no seu caso, a subespecie).

Especie é a limitación do xenérico nun ámbito morfoloxicamente concreto.

Determinación dos límites

editar

A determinación dos límites dunha especie é puramente subxectiva e, polo tanto, exposta ás modalidades da interpretación persoal. Algúns conceptos usuais son moi antigos, moi anteriores ao establecemento científico desta categoría sistemática. Pola contra, existen outros de límites moi vagos, nos cales os sistemáticos están en completo desacordo. Se as especies fosen inmutables, poderíase definir facilmente cada unha delas dicindo que é o conxunto de individuos (que foron, que son e que, de non extinguírense, serán) de caracteres cualitativamente idénticos. Unha entidade así determinada non é realmente unha especie, senón o que usualmente se chama unha liña pura ou un clon.

A tradición aristotélica establecía que os xéneros se dividen en especies pero que a especie, á súa vez, pode converterse en xénero con respecto ás subdivisións secundarias.

Outras definicións de especie

editar

Existen multitude de definicións de especie:

Linneo: «Contamos tantas especies cantas formas distintas foron creadas no principio» (Linneo, Phylosophya botanica, traducida por Palau, páxina 83).
Cuvier: «Especie é o conxunto dos individuos descendentes un doutro ou de pais comúns e dos que se lles parecen tanto coma aqueles entre si»
de Candolle: «Especie é a colección de todos os individuos que se parecen máis entre si que a outros; que por fecundación recíproca poden dar individuos fértiles, e que se reproducen por xeración, de tal xeito que, por analoxía, se lles pode supoñer a todos procedentes orixinariamente dun só individuo».
Le Dantec: «Especie é o conxunto de todos os individuos cualitativamente idénticos que non presentan entre si, nos seus elementos vivos, máis que diferenzas cuantitativas».
Laumonier: «Todos os individuos fecundos entre si e que teñen descendentes tamén indefinidamente fecundos»

Historia

editar
 
John Ray

O vocábulo especie alude a tres conceptos distintos aínda que relacionados: o rango especie, que é o nivel máis básico da taxonomía de Linneo; os taxons especie, que son un grupo de organismos descritos e asignados á categoría especie, e as especies biolóxicas que son entes capaces de evolucionar. Respecto a isto, cómpre dicir que a idea de «evolución» xa se atopaba na antigüidade clásica. Así, Anaximandro afirma que as primeiras criaturas xurdirían da auga para pasar á terra, mentres que Empédocles asegura que eran partes separadas que, nun momento dado, chegaron a xuntarse, o que lembra a teoría da simbioxénese.[2][3] Cicero escolleu o vocábulo latino species ("aspecto característico, forma") para traducir a expresión grega ἰδέα, idéa, ("aspecto, aparencia, forma"), ​ relacionado con εῖδος, eîdos ("vista, visión, aspecto"), vocábulo platónico cargado de connotacións dialécticas e lóxicas.

Non obstante, para o biólogo Ernst Mayr, foi Platón "o grande antiheroe do evolucionismo" a causa da súa crenza no mundo das Ideas.[4] Aristóteles, en cambio, mantívose nunha posición ambigua: achegou o que el consideraba probas dunha xeración espontánea mais falou dunha "causa final" de toda especie,[5] a súa entelequia, e rexeitou explicitamente a idea de Empédocles que dicía que as criaturas viventes foran orixinadas por casualidade.[6] Zenón de Citio, segundo Cicero, seguiu nesta liña.

Dos datos que achega Lucrecio, extráese que Epicuro se anticiparía á lei da selección natural.[7] O degradacionista Agostiño de Hipona di en cambio que o libro da Xénese debe interpretarse e non se ten que supor que Deus crease as especies que se ven agora coas súas imperfeccións. Este feito e o proceso contra Galileo foi clave, séculos máis tarde, na rápida aceptación pola Igrexa católica da teoría da evolución. Durante a Idade Media, nunha época de indeterminación fomentada pola inestabilidade política, confundíronse frecuentemente os vocábulos "especie" e "xénero". Isto podería xustificarse en base ao texto da Vulgata:

Creavitque Deus cete grandia, et omnem animam viventem atque motabilem, quam produxerant aquae in species suas, et omne volatile secundum genus suum [...]. Producat terra animam viventem in genere suo, jumenta, et reptilia, et bestias terrae secundum species suas [...]. Et fecit Deus bestias terrae juxta species suas, et jumenta, et omne reptile terrae in genere suo.
Xénese 1:21, 24, 25

Deixouse aberta a posibilidade de que houbese especies e xéneros non creados por Deus ou non descubertos polos europeos. O nominalismo tivo os seus alicerces no século XIV con William de Ockham. Esta doutrina sinalaba que non existía ningunha entidade entre o vocábulo e os individuos aos que este se refería, é dicir, só existían os individuos. Segundo esta doutrina, as especies son froito da nosa razón e o concepto de especie emprégase só coa fin de agrupalos pola súa semellanza e darlles un nome. En poucas palabras, o nominalismo non recoñece as especies como entidades reales.

Linneo e John Ray, pola súa banda, afianzaron a idea do carácter discreto e da posesión de atributos obxectivos das especies que permitían a súa delimitación, é dicir, a realidade das especies. A partir da publicación da Orixe das especies por Charles Darwin en 1859, comezouse a considerar a especie como un agregado de poboacións morfoloxicamente variables e con capacidade de evolucionar. O concepto aristotélico-linneano foi gradualmente substituído por unha concepción evolutiva baseada na selección natural e no illamento reprodutivo.

John Ray definiu a especie como un grupo de individuos semellantes, con antepasados comúns. Igualmente, expresou que "unha especie nunca nace da semente doutra especie", é dicir, os coellas non nacen dos monos, nin as no nacen de monos, nin as ervellas dan rosas.

A mediados do século XX formuláronse dúas posturas respecto das especies: o realismo evolutivo e o nominalismo. Os últimos mantiveron que na natureza só existen os organismos individuais e segundo os taxónomos evolutivos as especies son entidades reais da natureza e constitúen unidades de evolución. A partir da década de 1980 afianzouse a postura realista con respecto ás especies biolóxicas, conxuntamente co enfoque filoxenético da clasificación.[8]

De acordo con Häuser (1987) os atributos xerais do concepto especie deben ser: universalidade, aplicabilidade práctica e criterio decisivo.[9] A maioría dos biólogos que se ocupan da sistemática de plantas e animais empregan o CBE xunto coa descrición da morfoespecie.[10]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para especie.
  2. Kirk, Geoffrey; Raven, John; Schofield, John (1984). The Presocratic Philosophers: A Critical History with a Selection of Texts (3.ª ed.). Chicago: The University of Chicago Press. pp. 100–142. ISBN 0-521-27455-9. 
  3. Kirk, Geoffrey; Raven, John; Schofield, John (1984). The Presocratic Philosophers: A Critical History with a Selection of Texts (3.ª ed.). Chicago: The University of Chicago Press. pp. 280–321. ISBN 0-521-27455-9. 
  4. Mayr 1982, p. 304
  5. Boylan, Michael. "Aristotle: Biology". Internet Encyclopedia of Philosophy. Consultado o 25 de setembro de 2011. 
  6. Hardie, R. P.; Gaye, R. K. "Physics by Aristotle". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2011. Consultado o 15 de xullo de 2008. 
  7. Cicero. De Natura Deorum, 2.22. Loeb Classical Library. Harvard University Press, 1956, p. 179.
  8. Crisci, J. V. 1981. «La especie: realidad y conceptos». SYMPOSIA, VI Jornadas Argentinas de Zoología, La Plata. Pp. 21-32. Reeditado en: Llorente Bousquets, J. e I. Luna Vega (eds.) Taxonomía biológica. Fondo de Cultura Económica, Universidad Nacional Autónoma de México. Pp. 207-225. 1994. (en castelán)
  9. Häuser, C. L. (1987). "The elebate about the biological species concept; A review" 25 (4): 241–257. Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2008. Consultado o 01 de xullo de 2018. 
  10. King 1993

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar