Célula de Langerhans
As células de Langerhans son células dendríticas, que funcionan como células presentadoras do antíxeno inmunitarias, presentes na pel e mucosas, que conteñen grandes gránulos característicos chamados gránulos de Birbeck. Están presentes en todas as capas da epiderme, pero son máis abundantes no estrato espiñoso.[1] Aparecen tamén na derme papilar, especiamente arredor dos vasos sanguíneos [1], e tamén na mucosa da boca, prepucio e vaxina.[2] Poden atoparse noutros tecidos, como os nódulos linfáticos, especialmente cando están asociados a histiocitose de células de Langerhans.
Historia
editarO nome desta célula procede de Paul Langerhans, un médico e anatomista alemán, que as descubriu en 1868 cando era estudante de medicina.[3] Debido á súa natureza dendrítica, identificounas incorrectamente como parte do sistema nervioso.[4]
Paul Langerhans descubriu tamén os illotes de Langerhans produtores de hormonas do páncreas, que non teñen nada que ver coas células de Langerhans e nos cales estas células non están presentes.
Características
editarTeñen forma estrelada ou dendrítica con moitas prolongacións finas, que se estenden entre as células veciñas do estrato espiñoso da pel. Núcleo irregular, ausencia de desmosomas, melanosomas e tonofilamentos (presentes noutras células da pel). Presentan moitas vesículas e uns gránulos característicos, chamados gránulos de Birbeck ou gránulos vermiformes, de forma oblonga cunha liña densa central e con estriacións [5].
Funcións
editarNas infeccións da pel, as células de Langerhans locais captan e procesan os antíxenos microbianos, converténdose en células presentadoras do antíxeno plenamente funcionais.
Xeralmente as células dendríticas dos tecidos son activas na captura, fagocitose e procesamento dos antíxenos. Porén, unha vez que as células dendríticas chegan a un tecido linfoide secundario, perden estas propiedades de captación de antíxenos e adquiren a capacidade de interaccionar con células T inactivas, o que causará a súa activación.
As células de Langerhans derivan da diferenciación de monocitos que levan o marcador "Gr-1" (tamén coñecido como "Ly-6G/Ly-6C"). Esta diferenciación require a estimulación polo factor estimulante das colonias CSF1.[6] Son similares en morfoloxía e función aos macrófagos.
A proteína langerina encóntrase nas células de Langerhans,[7] e outros tipos de células dendríticas.[8] É un receptor da superficie celular transmembrana de tipo II codificado polo xene CD207. Suponse que cando a manosa se une á langerina os antíxenos son internalizados nos gránulos de Birbeck.
Importancia clínica
editarHistiocitose das células de Langerhans
editarNa rara enfermidade histiocitose das células de Langerhans (LCH), prodúcese un exceso destas células. Isto causa danos na pel, óso e outros órganos.
VIH
editarAs células de Langerhans poden ser unha diana celular inicial na transmisión do VIH causante da SIDA,[9] e poden ser dianas, reservorios e vectores de diseminación do virus.[10]
As células de Langerhans observáronse no prepucio, e mucosas vaxinal, e oral humanas; as menores concentracións presentes na mucosa oral suxiren que probablemente non é unha fonte de infección por VIH en comparación co prepucio ou a mucosa vaxinal.[2]
En 2007 publicouse un estudo [11] que consideraba que a proteína langerina podía servir impedir a infección polo virus. Un dos autores, T. Geijtenbeek, afirmou que a "langerina pode recoller os virus dos seus arredores, servindo de prevención da infección" e "dado que todos os tecidos do exterior dos nosos corpos teñen células de Langerhans, pensamos que o corpo humano está equipado cun mecanismo de defensa antiviral, que destrúe os virus que entran."[12]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Young B, Heath, J. W. (2000). Churchill Livingstone, ed. Wheater's Functional Histology, 4th Ed. p. 162. ISBN 0443056129.
- ↑ 2,0 2,1 Hussain, LA, Lehner T (1995). "Comparative investigation of Langerhans' cells and potential receptors for HIV in oral, genitourinary and rectal epithelia". Immunology 85 (3): 475–484. PMC 1383923. PMID 7558138.
- ↑ Langerhans, P (1868). "Ueber die Nervender menschlicher". Haut. Virchows Arch. (Pathol. Anat.) (en German) 44 (2–3): 325. doi:10.1007/BF01959006.
- ↑ Langerhans, P (1868). "Ueber die Nervender menschlicher" (in German). Haut. Virchows Arch. (Pathol. Anat.) 44 (2–3): 325. doi:10.1007/BF01959006
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 558-561. ISBN 84-7605-361-4
- ↑ Ginhoux F, Tacke F, Angeli V, Bogunovic M, Loubeau M, Dai X, Stanley E, Randolph G, Merad M (2006). "Langerhans cells arise from monocytes in vivo". Nat Immunol 7 (3): 265–73. PMID 16444257. doi:10.1038/ni1307.
- ↑ Valladeau J, Dezutter-Dambuyant C, Saeland S (2003). "Langerin/CD207 sheds light on formation of birbeck granules and their possible function in Langerhans cells". Immunol. Res. 28 (2): 93–107. PMID 14610287. doi:10.1385/IR:28:2:93.
- ↑ Poulin LF, Henri S, de Bovis B, Devilard E, Kissenpfennig A, Malissen B (2007). "The dermis contains langerin+ dendritic cells that develop and function independently of epidermal Langerhans cells". J. Exp. Med. 204 (13): 3119–31. PMC 2150992. PMID 18086861. doi:10.1084/jem.20071724.
- ↑ Kawamura T, Kurtz SE, Blauvelt A, Shimada S (2005). "The role of Langerhans cells in the sexual transmission of HIV". J. Dermatol. Sci. 40 (3): 147–55. PMID 16226431. doi:10.1016/j.jdermsci.2005.08.009.
- ↑ Dezutter-Dambuyant C, Charbonnier AS, Schmitt D (1995). "[Epithelial dendritic cells and HIV-1 infection in vivo and in vitro]". Pathol. Biol. (en French) 43 (10): 882–8. PMID 8786894.
- ↑ de Witte L, Nabatov A, Pion M, Fluitsma D, de Jong M, de Gruijl T, Piguet V, van Kooyk Y, Geijtenbeek T (2007). "Langerin is a natural barrier to HIV-1 transmission by Langerhans cells". Nat Med 13 (3): 367–71. PMID 17334373. doi:10.1038/nm1541.
- ↑ Mundell, E.J. (March 5, 2007). "Scientists Discover 'Natural Barrier' to HIV". HealthDay News via sexualhealth.e-healthsource.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2008. Consultado o 2008-07-13.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Langerhans cell histiocytosis
- Illustration at trinity.eduArquivado 27 de xaneiro de 2004 en Wayback Machine.
- Birbeck granules at djo.harvard.edu Arquivado 17 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.