En pragmática, un acto de fala é unha locución como unidade funcional da comunicación, isto é, a maneira en que o falante intervén sobre o seu contorno mediante o uso das palabras: para informar, incitar, preguntar, convencer etc.

As locucións teñen dous tipos de significado:

significado locutivo ou significado proposicional
Significado literal básico transmitido polas palabras e estruturas concretas contidas na locución.
significado ilocutivo ou forza ilocutiva
Efecto que o dito ou lido ten sobre o ouvinte ou lector.

Por exemplo, se alguén di Vai frío, o significado locutivo é que a persoa que fala ten sensación de frío. A forza ilocutiva é o efecto que o falante quer teña que o que dixo sobre quen o escoitou. Pode ser fechar unha xanela ou botar unha manta. Un acto de fala é unha locución que ten tanto significado proposicional como forza ilocutiva.

Clasificación dos actos de fala

editar

O fil��sofo norteamericano John Searle estableceu a seguinte clasificación dos actos de fala:

comisivo
Compromete ao falante a cumprir algo no futuro, como unha promesa ou unha ameaza:
Come e cala ou non ves a televisión
Devólvocho para a semana que ven
declarativo ou perlocutivo
Muda o estado das cousas:
(nunha voda:) Eu vos declaro marido e muller
directivo
Ten a función de facer que o ouvinte faga algo, como unha suxestión, unha petición ou unha orde:
Senta
Quéresme dicir o que che pasa?
expresivo
O falante expresa sentimentos e actitudes cara algo, como desculpas, queixas, grazas, felicitacións:
A comida estaba deliciosa
representativo
Describe estados ou acontecementos, como afirmacións ou informes:
A Lúa dá voltas arredor da Terra

Durante a maior parte da historia da lingüística e a filosofía da linguaxe, víase a linguaxe fundamentalmente como un medio de realizar afirmacións e ignorábanse os demais usos. O fenomenoloxista Adolf Reinach a comezos do século XX e o lingüista Roman Jakobson nos anos 60 do mesmo introduciron o concepto de funcións da linguaxe. O traballo máis influente foi o dos filósofos J. L. Austin e o seu alumno John Searle.

Austin distinguiu entre tres tipos de acto relacionados con ou causados pola realización dunha oración:

Un acto locutivo consiste en dicir algo que ten un significado e é comprensíbel. Por exemplo, Vai frío consta de dúas palabras, comprensíbeis as dúas e que expresan que a temperatura onde está quen fala é incomodamente baixa.

Un acto ilocutivo consiste en utilizar unha oración para levar a cabo unha función. Por exemplo, Vai frío pode ser unha petición, como se ilustrou antes.

Un acto perlocutivo é o resultado ou efecto producido por ter dito algo. Por exemplo, fechar unha xanela ou achegar unha manta.